Máis de 42.000 familias de 100 centros educativos seguen a actividade escolar dos seus fillos a través da aplicación 'abalarMóbil'

Pais e nais poden consultar as cualificacións, as faltas de asistencia ou solicitar unha titoría desde os seus dispositivos móbiles

A aplicación traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar

Pode descargarse dende o espazo da Xunta de Galicia nos markets Apple Store ou Play Store

O obxectivo é que, a pleno rendemento, abalarMóbil beneficie a preto de 400.000 nais e pais

Ven, 31/10/2014 - 09:10
Máis de 42.000 familias de 100 centros educativos seguen a actividade escolar do
Máis de 42.000 familias de 100 centros educativos seguen a actividade escolar dos seus fillos a través da aplicación 'abalarMóbil'

Nos últimos catro meses a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, triplicou o número de centros que poden dispoñer da aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.

A día de hoxe abalarMóbil está dispoñible para máis das 42.000 familias do alumnado matriculado en 100 centros das 4 provincias galegas (43 da provincia da Coruña, 19 de Lugo, 9 de Ourense, 29 de Pontevedra).

Nos vindeiros meses ampliarase o alcance de abalarMóbil paulatinamente ao resto dos centros educativos. Cando estea plenamente funcionando en todos os centros educativos preto de 400.000 nais e pais se poderán beneficiar das vantaxes da aplicación.

Funcionalidades

As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, as incidencias creadas polo profesorado así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo e modificar o idioma da aplicación

abalarMóbil pode descargarse dende o espazo da Xunta de Galicia nos markets Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android

Acceso máis sinxelo

AbalarMóbil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A principal vantaxe desta ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. O acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Coa nova aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.

Proxecto Abalar

O Proxecto Abalar, que se iniciaba no curso 2010/2011 ten como obxectivo transformar as aulas tradicionais en dixitais e mellorar a calidade do sistema educativo galega grazas a integración das TIC e coa implicación de toda a comunidade educativa. Neste curso, o equipamento de Abalar beneficia a 50.000 alumnos de 531 centros educativos.

Outro dos eixos fundamentais do proxecto é o Repositorio de contidos dixitais do espazo Abalar, que se está a consolidar como o punto de encontro da comunidade educativa na rede, xa que desde que comezara a funcionar, en novembro de 2010, os usuarios do portal espazoAbalar teñen realizado máis 2,6 millóns de descargas.

EspazoAbalar conta con 2.200 recursos educativos dixitais complementarios, dispoñibles en sete idiomas, para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos..