Remata o programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’, no que participaron preto de 600 rapaces e rapazas de estadía nos campamentos de verán da quenda de agosto

A iniciativa de promoción do galego desenvolveuse nas catro provincias durante este mes e incluíu difusión de materiais para o monitorado e as xincanas lingüísticas Lingua Forza 3

Enmarcouse na ‘Campaña de Verán’ da Consellería de Traballo e Benestar, na que participaron 8.268 mozos e mozas, un 2,7% máis que no ano anterior

Mar, 12/08/2014 - 11:02
 Remata o programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’, no que partici
Remata o programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’, no que participaron preto de 600 rapaces e rapazas de estadía nos campamentos de verán da quenda de agosto

O campamento xuvenil Mariña Española de Sada (A Coruña), coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, acolle esta tarde as derradeiras sesións da xincana lingüística Lingua Forza 3 incluídas na cuarta edición do programa de dinamización lingüística O galego campa!, que impulsa a Xunta de Galicia por medio das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais de Traballo e Benestar no marco da Campaña de Verán e mais do Plan Estratéxico Xuventude 2013, dentro das iniciativas apoiadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para incidir na promoción do uso do galego na mocidade.

Lingua Forza 3

A actividade Lingua Forza 3 consistiu nunha divertida xincana lingüística integrada por xogos que combinaron habilidades físicas, lingüísticas e mentais arredor do léxico do deporte e do patrimonio inmaterial galego oral, da man de Xandobela Xestión e Dinamización Sociocultural.

Nela enfrontáronse, en dúas sesións centradas en diversas probas de maneira rotatoria e cooperativa, os preto de 600 rapaces e rapazas que estiveron de estadía este mes nos campamentos Benigno Quiroga de Portomarín (Lugo), Illa de Ons de Bueu (Pontevedra) e Manzaneda (Ourense). A actividade chega á súa fin esta tarde logo de percorreo as catro provincias galegas no campamento Mariña Española de Sada (A Coruña), con outras dúas sesións que se desenvolverán ás 16:00 e ás 18:00 horas.

Visibilizar o galego nos campamentos

O galego campa! é un programa de dinamización lingüística das consellerías de Cultura e Educación e mais de Traballo e Benestar que este ano chegou á súa cuarta edición. Trátase dunha iniciativa dirixida tanto ao monitorado como á rapazada de estadía nos campamentos de verán da Xunta de Galicia que inclúe recursos e actividades coas que se promove a visibilización e o uso da lingua galega neste contexto.

Con O galego campa!, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado poñen a disposición do monitorado que participa na Acción de Verán 2014 materiais con propostas de actividades de dinamización lingüística especificamente pensadas para os campamentos e mais o disco Desaparafusador de gominola. Todos eles poden descargarse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa).

Paralelamente, os rapaces e rapazas que asisten aos campamentos participan, como cada ano, nunha actividade de dinamización, desta volta, na xincana Lingua Forza 3.

Os campamentos enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2014 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar. En total, son 8.266 prazas, un 2,7% máis que as ofertadas o ano pasado. A campaña de verán, ademais dos campamentos, inclúe campos de traballo e actividades de ocio e tempo libre para mozos e mozas. O seu orzamento é de 2,3 millóns de euros. Un dos efectos positivos da Campaña de verán está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre da nosa Comunidade dan traballo nestes dou meses a máis de 900 monitores e directores de campamentos, na súa maioría, xente nova.

Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega

O galego campa! contribúe, no marco do Plan Estratéxico Xuventude 2013 deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ao fomento da lingua galega entre a mocidade. Coa aprobación da nova Lei de Xuventude de Galicia, ratificada polo Parlamento de Galicia en xuño de 2013, as políticas de promoción e dinamización do galego entre a xente nova están a formar parte dos plans estratéxicos de xuventude impulsados pola Administración autonómica.

Menús News node R

Colectivo