O Estudo de inserción laboral da ACSUG confirma o diferencial positivo dos titulados universitarios galegos no mercado laboral, cun 58,3% de ocupación entre os egresados
A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentou hoxe o informe realizado no 2012 que analiza a situación laboral dos titulados no 09/10, a súa satisfacción cos estudos realizados e o tempo que tardaron en atopar emprego, entre outras variables
Este estudo é único e un referente no Estado, clara mostra da transparencia e do exercicio de avaliación que se fai do Sistema Universitario de Galicia desde unha entidade independente como é a ACSUG
Como novidade, desagregaranse os datos por titulacións, co fin de que se poidan incorporar melloras nos plans de estudos
A Axencia para a Calidade do Sistema Universitaria de Galicia (ACSUG) presentou hoxe o ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no SUG 2009-2010’, confirma o valor diferencial positivo dos titulados universitarios galegos no mercado laboral, cun 58,3% dos egresados do curso 09/10 que xa traballa. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, explicou que se trata dunha porcentaxe maior de ocupación que a dos mozos sen formación superior universitaria. Neste sentido, salientou ademais que un 95% dos egresados que traballan fano en postos directamente relacionados coa súa titulación. “É certo – dixo-, que existe unha diminución das taxas de ocupación dos titulados, no contexto da situación económica que estamos a vivir. Pero tamén é certo que a estatística demostra que a probabilidade de atopar un traballo é maior e máis rápida cando se posúe unha titulación superior”.
Neste sentido, os datos do estudo indican que o tempo medio ata conseguir o primeiro emprego é de 8,06 meses; e o 80,5% faino nun ano ou menos tempo. Por ramas de coñecemento, os titulados que máis rápido atopan traballos son os de Enxeñaría e Arquitectura (5,63 meses), seguidos dos titulados de Ciencias da Saúde (6,17 meses).
O representante da Consellería de Cultura e Educación salientou a importancia do estudo elaborado pola ACSUG, “que é hoxe unha referencia no Estado e contén a serie temporal máis longa existente no eido universitario español. Non existe nada parecido a nivel nacional nin autonómico”, explicou, deste xeito cualificou o informe como “un exercicio de transparecencia” que somete a coñecemento da sociedade galega os resultados de empregabilidade dos títulos de licenciatura, diplomatura e agora grao, “unha necesaria rendición de contas”.
Desagregación de datos
A amplitude e profundidade deste estudo permite a desagregación dos datos por centros e titulacións, de tal xeito forma que cada centro poderá incorporar as suxestións dos titulados para modificar e mellorar nos vindeiros anos os plans de estudos de grao que imparten. Os sistemas de garantía interna de calidade serán os encargados de desenvolver esta misión.
Todos estes resultados, desglosados por título, serán públicos e accesibles tanto na web de cada facultade como da Consellerúa de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Mostra e resultados
O ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no SUG 2009-2010’analiza a inserción laboral de 5.004 titulados do SUG o que representa un 56,08% da poboación obxecto total cun erro de mostraxe do 0,91%. poboación obxecto de estudo está constituída polos titulados e tituladas universitarios en diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías técnicas, enxeñarías, arquitectura e arquitectura técnica no curso 2009/2010, incrementándose o número de graduados neste último estudo como consecuencia do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). A metodoloxía foi a enquisa telefónica, realizada en decembro de 2012, dous anos despois de rematar os estudos.
Segundo os datos presentados, o 58,3% dos egresados no 09/10 traballa, mentres que o 22,11% estuda e o 13,36 oposita. A porcentaxe máis altas dos que traballan atópase nas ramas de Ciencias da Saúde e Enxeñaría e arquitectura; dos que estudan nas de Artes e Humanidades II e Ciencias; e dos que opositan, nas de Ciencias Sociais e Xurídicas III e Ciencias da Saúde.
As tres vías que concentran o 53,11% á hora de propiciar o primeiro emprego dos titulados no SUG os contactos persoais, familiares ou amizades, a candidatura espontánea (envío de CV sen existir oferta) e a internet. No caso dos factores relevantes para a obtención dun empregos os egresados salientaron a actitude na entrevista, a experiencia laboral relacionada, aproveitar as oportunidades e ter mobilidade xeográfica.
No que atinxe á satisfacción dos egresados co itinerario académico, o 87,76% manifestou que volvería a cursar estudos universitario, o 79,91% a mesma titulación e o 87,50% a mesma titulación na mesma universidade.