O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP de Roxos

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o investimento de 54.000 euros en obras e implantación de programas educativos neste centro

A Consellería mellorará este verán o acceso ao centro, abrindo unha porta de entrada peonil no seu lateral

Xov, 19/06/2014 - 14:13
 O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP de Roxos
O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP de Roxos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP de Roxos, onde salientou o investimento de 54.000 euros realizado nos últimos anos neste centro en obras e implantación de programas educativos, así como na mellora da biblioteca escolar que dá servizo aos 235 alumnas e alumnos do centro. Vázquez Abad anunciou ademais que a Consellería mellorará este verán o acceso ao centro, abrindo unha porta de entrada peonil no seu lateral.

Así, realizáronse melloras na instalación eléctrica, e construíuse un baño común para as aulas de infantil. Ademais, o centro participa no proxecto Abalar, ao abeiro do que conta con 50 ordenadores ultraportátiles para o seu uso na aula, a maiores da aula dixital coa que conta desde 2011.

Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana, Vázquez Abad tivo a oportunidade de coñecer os intereses e demandas do equipo directivo, persoal docente e, en xeral da comunidade educativa do CEIP de cara ao novo curso.