A Consellería de Cultura e Educación convida a cidadanía a participar na I Carreira Camiño das Letras

Cun percorrido pola ruta xacobea desde A Lavacolla ata o Monte do Gozo, esta proba nace co obxectivo de conmemorar as Letras Galegas e de poñer en valor o Camiño de Santiago a través do deporte

As secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura colaboran coa primeira edición da carreira, que se celebrará o domingo 18 de maio ás 10:30 horas

Mér, 07/05/2014 - 13:55
A Consellería de Cultura e Educación convida a cidadanía a participar na I Carre
A Consellería de Cultura e Educación convida a cidadanía a participar na I Carreira Camiño das Letras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, colabora coa primeira edición da Carreira Camiño das Letras, unha proba cultural e deportiva que se celebrará o domingo 18 de maio ás 10:30 horas na capital de Galicia.

Cun percorrido pola ruta xacobea desde A Lavacolla ata o Monte do Gozo, a carreira nace co obxectivo de poñer en diálogo o simbolismo do Camiño de Santiago e mais o seu atractivo cultural e turístico coa conmemoración do Día das Letras Galegas, que este ano a Real Academia Galega lle dedica ao escritor lucense Xosé María Díaz Castro.

A carreira foi presentada esta mañá na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou “a converxencia da vertente literaria, patrimonial e deportiva nesta iniciativa que celebra as Letras Galegas e que pon en valor o Camiño de Santiago”. Nese sentido, o responsable de Cultura afirmou que “a figura de Díaz Castro está presente na concepción da carreira, como tamén o está a ruta xacobea, arteria principal que nos uniu con Europa e pola que se aproximaron á nosa paisaxe os movementos artísticos dun longo milenio”.

Promoción da lingua galega no deporte

O secretario xeral de Política Lingüística valorou “a nova oportunidade que dá esta carreira para unir lingua galega e atletismo, pois o espazo do deporte, caracterizado simbolicamente polo seu dinamismo e pola emoción colectiva que suscita, moi especialmente entre a mocidade, é un lugar de promoción privilexiado para o idioma secular que celebramos cada 17 de maio”.

"O deporte adquiriu unha enorme relevancia na cultura actual e está asociado a valores coma o esforzo, o compañeirismo e mesmo o ocio. Este tipo de valores positivos queremos e debemos trasladalos ao campo da lingua, sabendo que o traballo a prol deste idioma que é o noso, o que nos distingue, é unha empresa colectiva que nos enche de satisfacción persoal", rematou García Gómez. 

Na presentación tamén participaron Miguel Seoane, organizador da proba; o presentador e humorista Roberto Vilar, padriño da carreira; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e o editor Olegario Sotelo.

Para amosar a relevancia das letras galegas e plasmar a importancia do Camiño de Santiago como unión entre os pobos e como mostra de sacrificio individual, faráselle entrega a cada participante dun libro da editorial Sotelo Blanco e do diploma Camiño das Letras. Ademais, os tres primeiros clasificados da proba absoluta e de cada unha das categorías recibirán un lote de libros. Os gañadores absolutos e os gañadores de cada unha das categorías recibirán un trofeo. Por último, o centro escolar que máis alumnos presente na proba recibirá un trofeo e un lote de libros para a biblioteca mentres que o club que máis atletas achegue á carreira recibirá un trofeo.

Roberto Vilar, padriño da carreira

A I Carreira Camiño das Letras, que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está apadriñada polo actor e presentador Roberto Vilar, que será o encargado de dar a saída na categoría absoluta, ademais de facer entrega dalgúns dos premios ao remataren as distintas probas.

A carreira constará dunha proba absoluta, de oito quilómetros, que sairá ás 10:30 horas desde a estrada nacional 634 sen tránsito pegada ao aeroporto da Lavacolla ata o Monte do Gozo. Doutra parte, as categorías de menores (alevín, infantil, cadete e xuvenil) realizarán as probas nun circuíto no Monte do Gozo a partir das 12:00 horas.

Inscrición

Todos os que desexen participar nesta festa cultural e deportiva poden inscribirse en www.carreirasgalegas.com ata o vindeiro 14 de maio ás 14 horas. A inscrición será gratuíta para as categorías de menores (alevín, infantil, cadete e xuvenil).

Actividades para conmemorar as Letras Galegas

Desde comezos de 2014, a celebración das Letras Galegas e as iniciativas de difusión da vida e da obra de Díaz Castro teñen un destacado protagonismo na axenda cultural de Galicia. Para apoiar o coñecemento e valoración social deste autor e da súa obra, a Consellería deseñou un amplo programa de actuacións, en colaboración con diferentes institucións, coa intención de lle outorgar á celebración un carácter transversal que implique o conxunto da sociedade.

Entre estas actividades destaca a exposición itinerante ‘Nimbos de luz’, un achegamento á vida e á obra do poeta a través de 14 paneis temáticos e do documental ‘O instante eterno’, que, logo do seu paso polos concellos de Guitiriz, Vigo e Pontevedra, se pode visitar no Centro Cívico de Cerceda ata o 8 de maio.

Menús News node R