A Consellería de Cultura e Educación forma a máis de 1.000 docentes no papel determinante para a escola das novas tecnoloxías na xornada ‘escola@TIC.2014’

O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, asistiu á xornada inaugural deste encontro, no que os docentes poderán intercambiar experiencias e boas prácticas, asistir a relatorios de destacados expertos e participar en obradoiros sobre o uso das TIC

Todo o evento poderá seguirse en rede grazas á retransmisión en streaming

Ven, 21/03/2014 - 17:05
 A Consellería de Cultura e Educación forma a máis de 1.000 docentes no papel de
A Consellería de Cultura e Educación forma a máis de 1.000 docentes no papel determinante para a escola das novas tecnoloxías na xornada ‘escola@TIC.2014’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria forma esta fin de semana a través da xornada ‘escol@TIC.2014’ a máis de 1.000 docentes no papel determinante que as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) teñen na escola, que debe adaptarse a unha sociedade en continua transformación e innovación tecnolóxica. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta tarde á xornada inaugural deste encontro, que se celebra hoxe e mañá no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela; e no que participaron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; o director da área de Solucións tecnolóxicas sectoriais da axencia para a Modernización Tecnolóxic de Galicia (Amtega), Carlos Vázquez Mariño; e mais o subdirector xeral de Ordenación e innovación educativa e formación do profesorado, Manuel Vila.

Os obxectivos desta xornada son os de apoiar o compromiso do profesorado coa modernización educativa a través da aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación aos procesos de ensino-aprendizaxe, impulsando a actualización das prácticas educativas a través do intercambio de experiencias e do debate e a reflexión sobre o cambio metodolóxico que precisa a inclusión das TIC na aula.

Con este fin, a xornada une teoría e práctica en prol dunha mellora da competencia dixital e do tratamento da información do profesorado da nosa comunidade. Así, presentaranse experiencias educativas e recursos que facilitan unha práctica educativa innovadora coa utilización das TIC, ou propostas metodolóxicas para a súa integración nos centros de ensino. Os asistentes poderán asistir a relatorios de destacados expertos na materia, así como a obradoiros para favorecer o uso e aproveitamento didáctico das TIC.

Ademais, facilitarase e promoverase, asemade, a participación activa de todos os asistentes a través de diferentes canles, como o Edu-Call, onde poderán rexistrar en vídeo a súa experiencia cotiá coas TIC; ou como Twitter, para valor e comentar a marcha da xornada coa etiqueta #escolatic. Todo o evento poderá seguirse tamén en rede grazas á retransmisión en ‘streaming’.

Esta actividade forma parte da oferta da Rede de Formación Permanente do Profesorado - que conta con certificación de calidade baseándose na Norma UNE-EN ISO 9001:2008- para potenciar o desenvolvemento profesional do profesorado galego, e ten recoñecidas 12 horas de formación.

Programa de actividades

O profesor da Universidade de La Laguna(Tenerife) Manuel Area abrirá a Xornada reflexionando sobre a necesidade de repensar a metodoloxía didáctica na sociedade actual, aproveitando o impacto transformador das TICs. David Álvarez abordará na súa conferencia algúns dos temas que centran o seu interese e nos que ten demostrado amplos coñecementos: os ambientes persoais de aprendizaxe e as comunidades de aprendizaxe. Antonio Omatos, profesor do IES Comercio de Logroño e cunha coñecida carreira como asesor TIC, falará sobre dous aspectos de moita actualidade: a identidade dixital e o emprego das redes sociais na educación, facendo fincapé no labor que os docentes teñen en aprenderlle ao alumnado un uso responsable destas novas realidades.

Durante estes dous días, os docentes galegos poderán coñecer tamén experiencias exitosas e boas prácticas que outros compañeiros docentes están a levar a cabo nos seus respectivos centros: o emprego do traballo na nube (cloud computing) nunha serie de centros rurais; a creación de apps educativas; o traballo colaborativo e compartido con licenzas Creative Commons; o estudo etnográfico dos petróglifos dunha contorna; a creación audiovisual; ou o emprego de tablets e de ferramentas web.

No que atinxe aos diferentes obradoiros os participantes porán en práctica ferramentas e metodoloxías novas a través da creación dunha emisora de radio, o traballo coa imaxe coas técnicas do ‘stopmotion’ e do ‘timelapse’, ou a experimentación coas aplicacións (‘apps’) en traballos colaborativos.

Por último, en paralelo a conferencias, experiencias e obradoiros, os participantes contarán coa Sala Aberta, un espazo de debate aberto onde compartir puntos de vista e opinións sobre os temas propostos: as posibilidades educativas das redes sociais, o uso de dispositivos móbiles na aula, a importancia do coordinador TIC nos centros de ensino ou a metodoloxía a empregar cando se traballa con TIC.