O programa europeo de axudas ao audiovisual centra a segunda sesión formativa de Galicia ProFilme que organiza a Consellería de Cultura e Educación

A Agadic e a Oficina Media Desk España colaboran na organización desta xornada, que se está a celebrar na Biblioteca da Cidade da Cultura e para a que se inscribiron medio cento de profesionais

O director da Oficina Media avanzou os detalles da incorporación desta liña de subvencións no programa Europa Creativa que se desenvolverá de 2014 a 2020

Os representantes das produtoras Tic Tac e Avalon compartiron cos participantes as súas experiencias á fronte de proxectos audiovisuais realizados con apoio europeo

Ven, 15/11/2013 - 11:05
 O programa europeo de axudas ao audiovisual centra a segunda sesión formativa d
O programa europeo de axudas ao audiovisual centra a segunda sesión formativa de Galicia ProFilme que organiza a Consellería de Cultura e Educación

Galicia ProFilme, nova plataforma de formación continua para profesionais do audiovisual que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), desenvolve hoxe unha sesión formativa arredor do programa europeo MEDIA de axudas a produtoras independentes.

Medio cento de profesionais do sector inscribíronse neste encontro que, baixo o título ‘Sesión informativa MEDIA’, deu comezo ás 10.00 horas na Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, coas intervencións dos directores da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, e da Oficina Media Desk España, Jesús Hernández. Ambas as dúas entidades colaboran no desenvolvemento desta acción formativa que, en liña co resto das sesións inseridas en Galicia ProFilme, ten cun carácter eminentemente práctico.

Casos prácticos

Neste sentido, cóntase coa participación dos representantes de dúas produtoras independentes con experiencia no desenvolvemento de proxectos seleccionados por MEDIA. Fernanda del Nido de Tic Tac Producciones explicou o proceso emprendido con ‘La luna de septiembre’, filme apoiado dentro da categoría de axudas ao desenvolvemento de proxectos individuais, modalidade na que tamén se insiren as fitas ‘Nora’, ‘313 invitados’ e ‘Califa’, das que falou a produtora executiva de Avalon, María Zamora.

Nesta exposición tamén interveu Mónica Carretero, coordinadora do Fondo de Garantía á Produción MEDIA da Sociedad de Garantía Recíproca Audiovisual SGR, operadora española que traballa coa Comisión Europea na xestión do fondo de garantía de empréstitos posto en marcha desde a Unión Europea co obxectivo de facilitar aos produtores de cine o acceso ao financiamento bancario.

A última intervención da xornada correspondeulle ao director da Oficina Media Desk España, fundación cultural dirixida á divulgación e asesoramento arredor deste programa de apoio ao audiovisual. Jesús Hernández avanzou as liñas mestras da integración de MEDIA no programa Europa Creativa da Comisión Europea no que, entre os anos 2014 e 2020, se inserirá tanto o MEDIA como o MEDIA Mundus e os programas Cultura.

Preprodución e mercado internacional

Galicia Profilme continuará en decembro cunha terceira convocatoria titulada ‘Preprodución e mercado internacional’, a través da que se ofrecerán diferentes estratexias para a promoción e distribución de produtos audiovisuais no exterior. Esta última sesión do ano celebrarase o xoves 12 coa participación de José María Riba, membro do comité de selección da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes; Manuel Monzón, da distribuidora Acontracorriente Films; e David Castellanos, da axencia de vendas internacional Cinema Republic.

A asistencia a estas xornadas é gratuíta –previa confirmación a través do correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.es– para todos os profesionais que desenvolven a súa actividade no ámbito do audiovisual galego.