Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centradas na innovación e nos modelos de negocio das industrias culturais

As seccións FÓRUM e EXPO do Mercado das Industrias Culturais Atlánticas presentan 24 coloquios e mesas redondas, así como 14 presentacións de proxectos e outras 14 charlas e obradoiros para público xeral

Elévase a 350 a cifra de profesionais acreditados a este encontro internacional, que se celebrará en Santiago do 23 ao 26 de novembro combinando entrevistas bilaterais e reunións sectoriais coa exhibición artística e a exposición das producións culturais galegas e arxentinas

Entre os talleres previstos, destacan o titulado ‘Dramaturxia de Emerxencia’, do director arxentino Mauricio Kartún, e o dedicado a ritmo e percusión a cargo de Santiago Vázquez

Xov, 14/11/2013 - 10:51
 Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centra
Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centradas na innovación e nos modelos de negocio das industrias culturais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá durante a celebración de MICAtlántica —o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que terá lugar en Compostela do 23 ao 26 de novembro— un intenso programa divulgativo cun total de 53 actividades, presentacións, debates, coloquios e obradoiros centrados na innovación e nos modelos de negocio cultural.  

Rematado o prazo de inscrición para profesionais, este evento internacional que organizan a Xunta de Galicia e a Secretaría de Cultura de la Nación Argentina reunirá máis de 350 profesionais para as roldas de intercambio de MICAtlántica LAB entre as empresas arxentinas, portuguesas, galegas e do resto de España que acudirán ao encontro.

Tamén inclúe diferentes propostas dirixidas ao público xeral, que poderá visitar a sección MICAtlántica EXPO, na que se amosará a produción da industria cultural galega e se ofrecerán diversos obradoiros e charlas, así como acudir aos coloquios programados en MICAtlántica FÓRUM.

Oitenta relatores

O espazo MICAtlántica FÓRUM abranguerá 24 sesións nas que participarán uns oitenta relatores. Entre eles, atópanse algúns dos principais produtores e distribuidores de cinema, música e televisión tanto españois como portugueses e arxentinos, así como representantes da industria editorial, do deseño e dos videoxogos de ambas beiras do Atlántico. As institucións estarán presentes a través de órganos de xestión cultural pública e privada de diferentes comunidades españolas, xunto cos seus homólogos latinoamericanos.

MICAtlántica EXPO incluirá, ademais da mostra da produción cultural, un total de 11 obradoiros e charlas impartidos por representantes de todos os sectores que participan en MICAtlántica.

Entre eles, destaca o taller titulado ‘Dramaturxia de Emerxencia’, no que o director arxentino Mauricio Kartún, considerado un mestre do teatro a nivel mundial, achegará as ferramentas básicas para abordar a construción de personaxes, o deseño da estrutura escénica ou a condución da acción. Este obradoiro está dirixido fundamentalmente a actores e directores teatrais, aínda que na súa traxectoria Kartún ten acadado numerosos seguidores noutros eidos transversais como o cinema ou a literatura.

No tocante ao eido musical, destaca pola súa singularidade a proposta de Santiago Vázquez, denominada ‘Taller de ritmo e percusión con señas’. Este compositor, multi-instrumentista, produtor e educador arxentino presentará as liñas mestras do seu pioneiro e código de linguaxe de sinais, que xa están utilizando miles de músicos profesionais e amateurs en diversos países. Mediante esta linguaxe, a percusión convértese nun xogo de equipo integrador e nunha extraordinaria ferramenta non só nos escenarios senón tamén nas aulas, en terapias grupais ou en procesos de integración social.

Xa no apartado dedicado exclusivamente a profesionais acreditados están previstas tamén 14 presentacións de proxectos empresariais ou impulsados por asociacións e institucións galegas e arxentinas.

Toda esta actividade, que terá lugar no Museo Centro Gaiás e no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia, complétase co extenso programa de concertos, representacións teatrais e proxección cinematográficas  que se estenderá ata o 29 de novembro por outros escenarios do centro histórico de Santiago de Compostela. Así, MICAtlántica SHOW contará, entre outros artistas, coas actuacións de Xoel López, Luar na Lubre, Cristian Zárate, Barroso & Peixoto, Marcelo e Hugo Dellamea, Rosa Cedrón, Uxía, Chango Spasiuk, Roi Casal, Sèrgio Tannus ou a compañía do Teatro Nacional Cervantes de Bos Aires.