Cultura e Educación apoia a participación de tres grupos de música e seis salas galegas no circuíto ‘Artistas en ruta’ da AIE

Silvia Superstar & Los Fabulosos ofrecerán o vindeiro luns en Xixón o último dos sete concertos galegos desta carteleira cuadrimestral, dentro da que xa actuaron os grupos de folk Quempallou e Riobó

Auriense de Ourense, Karma de Pontevedra, Teatro Cine de Ribadeo, Moon de Santiago e Ensanche e La Fábrica de Chocolate de Vigo son os locais galegos desta programación, organizada a nivel estatal por Artistas, Intérpretes o Ejecutantes

Mér, 13/11/2013 - 10:40
Silvia Superstar & Los Fabulosos
Silvia Superstar & Los Fabulosos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a presenza galega no circuíto de música ‘Artistas en Ruta’ que, organizado a nivel estatal pola AIE (Artistas, Intérpretes o Ejecutantes Sociedad de Gestión), está a desenvolver o último cuadrimestre da súa programación anual coa participación de tres grupos e seis salas de Galicia.

Silvia Superstar & Los Fabulosos ofrecerán o vindeiro luns 18 en Xixón o último dos sete concertos de grupos galegos no marco desta carteleira, dentro da que Quempallou e Riobó compartiron escenario noutras tres actuacións. Así, o surf rock da cantante viguesa e da súa nova banda escoitouse tamén en León, Pontevedra e na feira Deezer Monkey Week celebrada en El Puerto de Santa María, mentres que o folk de Quempallou e Riobó viaxou ata Ponferrada, Cáceres e a localidade segoviana de Cabaña de Polendos.

Pola súa banda, as salas galegas Auriense de Ourense, Karma de Pontevedra, Teatro Cine de Ribadeo, Moon de Santiago de Compostela e Ensanche e La Fábrica de Chocolate de Vigo ofrecen os seus escenarios para acoller grupos e solistas procedentes doutras comunidades autónomas. Forman parte así deste programa de difusión e intercambio musical, que neste mesmo período do ano organiza en Galicia un total de oito concertos a cargo de Albert Freixas e Bongo Botrako (Cataluña), Freedonia (Madrid), Gose (País Vasco) e I Am Dive (Andalucía).

Próximas actuacións

Na recta final da programación, Gose tocará o vindeiro 14 de novembro na Moon de Santiago e o día 15 na Fábrica de Chocolate de Vigo, Freedonia o mesmo día 15 no Teatro Cine de Ribadeo e I Am Dive o día 16 na sala Karma de Pontevedra.

AIEnRUTa-Artistas (‘Artistas en Ruta’) ten como prioridade potenciar a música en directo e achegar os novos talentos ao público a través dun circuíto do que forman parte 60 salas de música ao vivo de toda España. Para a súa organización, AIE conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), así como do INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música) e dos departamentos con competencia na promoción musical dos gobernos de Cataluña, Madrid e País Vasco.

Esta rede, que conta con 15 anos de traxectoria, pretende tamén fomentar o intercambio cultural entre os diferentes artistas das comunidades autónomas, promover todos os estilos que se dan cita dentro da música popular, dar a coñecer os novos valores artísticos no eido da música, axudar á iniciativa privada e ao mercado musical en salas de pequena e mediana capacidade e, en definitiva, consolidar un circuíto localizado temporalmente no inverno que permita apoiar de xeito estable a maior variedade de propostas artísticas.