Quince agrupacións competirán no VII Certame Galego de Bandas de Música que se celebra esta fin de semana en Santiago co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O Auditorio de Galicia acollerá nas tardes do sábado e do domingo as tres seccións a concurso no encontro organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares

Actuarán formacións procedentes de Santiago de Compostela, Moaña, A Coruña, Vilatuxe, Belesar, Cambre, Torroso, Arca, Ribadulla, Vigo, Valga, Vincios, Caldas de Reis, Salcedo e Bandeira

Lun, 11/11/2013 - 14:45
 Quince agrupacións competirán no VII Certame Galego de Bandas de Música que se
Quince agrupacións competirán no VII Certame Galego de Bandas de Música que se celebra esta fin de semana en Santiago co apoio da Consellería de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no desenvolvemento da sétima edición do Certame Galego de Bandas de Música, que congregará esta fin de semana en Santiago de Compostela un total de 15 agrupacións procedentes doutras tantas localidades galegas.

O apoio de Cultura e Educación a este encontro, que se materializa a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), ten como prioridade o recoñecemento do labor que as bandas de música populares levan a cabo tanto na formación de músicos novos como na creación de afección musical e mesmo na difusión de obras musicais de autoría galega por medio das súas interpretacións.

O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 16 e o domingo 17 de novembro as actuacións das bandas participantes neste concurso, agrupadas en tres modalidades de competicións en función do seu número de integrantes: formacións de máis de 71 músicos (sección primeira), de 51 a 70 músicos (sección segunda) e de ata 50 músicos (sección terceira). As 15 bandas seleccionadas foron elixidas por sorteo de entre todas as inscritas para esta convocatoria.

Concurso

Todas elas deberán presentarse ao público coa interpretación dun pasodobre galego, para someterse a continuación á valoración do xurado a través dunha obra proposta pola organización e outra de elección libre. Para esta edición, as tres pezas obrigatorias corresponden ás gañadoras da anterior convocatoria do Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica, organizado tamén pola Federación: ‘Insomnio’, do novo compositor galego Juan Manuel Eiras Tojo para a sección primeira, ‘Espírito galego’ de Santiago Quinto Serna para a segunda e ‘Arieñium’ de José Ignacio Blesa Lull para a terceira.

A competición dará comezo o sábado ás 16.00 horas coa participación das cinco formacións a concurso dentro da terceira categoría: Banda de Música de Solfa (Santiago de Compostela), Banda de Música Popular de Moaña ‘Airiños do Morrazo’, Banda Sinfónica Adagio Cantabile (A Coruña), Banda de Música de Vilatuxe e Agrupación Musical de Belesar. Esa mesma tarde, a partir das 19.30 horas, será a quenda de competición na sección segunda coa participación da Banda de Música Sementeira de Cambre, a Banda de Música Xuvenil de Torros, Banda de Música de Arca, Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla e Agrupación Musical Atlántida de Matamá (Vigo).

Para a xornada do domingo están previstas as actuacións, a partir das 16.00 horas, da Banda de Música Municipal de Valga, Agrupación Musical de Vincios, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Banda de Música de Salcedo e Banda de Música Recreativa  e Cultural de Bandeira dentro da sección primeira.

O xurado dará a coñecer o seu veredicto a partir das 21.00 horas, dando paso á entrega dos diplomas ás agrupacións gañadoras. Distribuirase un total de 12.300 euros en premios a través de nove galardóns ás tres primeiras formacións clasificadas en cada categoría, así como doutros tres á interpretación dunha obra de temática galega, coa utilización dos recursos propios de Galicia, para cada unha das seccións.