Vázquez Abad comproba o resultado das obras de adaptación dos espazos do CIFP A Carballeira a ciclos formativos

O CIFP é o primeiro en ofertar na modalidade a distancia no ciclo superior en Desenvolvemento de aplicacións web

A Consellería leva investidos máis de 400.000 euros en diferentes obras e en novo equipamento para este centro educativo

Grazas as actuacións de Cultura e Educación o centro pode realizar o procedemento de acreditación de competencias

Mér, 06/11/2013 - 14:15
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola maña as instalacións do CIFP A Carballeira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola maña as instalacións do CIFP A Carballeira- Marcos Valcarcel no que comprobou, xunto ao director do centro, Vicente Ribao Docampo, o resultado das últimas obras de mellora relativas á adaptación de espazos para ciclos formativos, convertendo antigas aulas en laboratorios, e con melloras na rede de datos e na instalación eléctrica.

Tal e como recordou o conselleiro “nos últimos anos a Consellería leva investidos máis de 400.000 euros en diferentes obras e en novo equipamento para este centro educativo”. “Grazas a estas melloras estruturais e educativas no presente curso o centro integrado pode contar con máis de 800 alumnos matriculados no último ano”.

“Unha serie de cambios que veñen derivados da decisión de converter o antigo IES A Carballeira en centro integrado de Formación Profesional, unha determinación que esta a demostrar o acertado da mesma no importante incremento do número de matrículas rexistradas no presente curso educativo”, dixo Vázquez Abad, que engadiu que “as obras que hoxe visitamos únense ás melloras realizadas nos últimos anos relativas a remodelación de espazos interiores, e melloras na instalación eléctrica”.

Novidades académicas

Ademais A Carballeira ofrece desde este curso a posibilidade de cursar, a distancia, o ciclo superior en Desenvolvemento de aplicacións web e tamén poderá realizar o procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da experiencia laboral para os profesionais que non dispoñen de certificados ou titulacións oficiais.

A través da oferta tamén se implantou, por primeira vez na provincia de Ourense, a familia profesional de Química, cos ciclos de grao superior en Laboratorio de análise e de control de calidade e de grao medio en Laboratorio. Así como os ciclos de grao superior en Hixiene Bucodental e en Documentación Sanitaria, os dous polo réxime ordinario. Ademais a oferta en réxime de adultos do ciclo medio en Sistemas Microinformáticos e Redes ampliouse neste curso para o réxime ordinario.

Unha serie de modificacións estruturais e de educativas que converten ao centro integrado A Carballeira nun referente na cidade de Ourense na oferta de tres das familias profesionais con máis demanda: a de Sanidade, da que ofertará 9 ciclos formativos, a de Informática e comunicacións, con 8 ciclos e un Programa de Cualificación Inicial (PCPI), así como na de Química.