O conselleiro de Educación preside á entrega das insignias de ouro do club Instituto Rosalía de Castro

As distincións concédense a aquelas persoas ou entidades que desenvolveron actividades para o desenvolvemento e a difusión do deporte

Xov, 10/06/2010 - 13:45
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no acto de entrega da Ins
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no acto de entrega da Insignia de Ouro do Club Instituto Rosalía de Castro a Senén Barro

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá á entrega das insignias de ouro do Club Rosalía de Castro, para facer público o recoñecemento do centro escolar santiagués ao apoio que lle prestan os seus colaboradores. Nesta edición, os premiados foron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira; o director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, Ángel Bernardo Tahoces; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro. Xunto a eles tamén foron recoñecidos os esforzos das empresas patrocinadoras do equipo de baloncesto do centro educativo.

Os premiados foron seleccionados, segundo a xunta directiva do IES Rosalía de Castro, porque “a colaboración destas tres personalidades foi clave para que o noso proxecto de baloncesto nos últimos anos medrase e se asentase”.

Deste xeito, o conselleiro de Educación entregou o premio a Senén Barro; mentres que, o concelleiro de Deportes de Santiago, Bernardino Rama, fixo o propio con Ángel Bernardo Tahoces, polo seu labor a prol da actividade deportiva en torno ao baloncesto do Instituto Rosalía de Castro. Pola súa banda, o presidente do Consello de Contas, Antonio López, fixo entrega da insignia a José Luis Mira, creador e impulsor dos ciclos formativos de Educación Física a partir dos que se crearon a infrestrutura deportiva do Club Rosalía de Castro.

Recoñecemento aos patrocinadores

As insignias que recoñecen o traballo desenvolvido polos patrocinadores do equipo de baloncesto -Beirasar de Xestión, Viaxes Sant Yago, Ulla Oil, Plexus, Compostela Móvil, Forjasa e Viaxes Peillet-, foron entregadas polo director e o secretario do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda; e Xabier Mouriño respectivamente; o presidente de Mediasete, Pedro Mouriño, e pola secretaria, o vicepresidente, e o director xeral do Club Rosalía de Castro; Maribel Martín Misol,  Rafael Romero e Antón Pedreira respectivamente.

Con este acto, que acada no 2010 a súa décima edición, recoñécese en definitiva o traballo dos premiados, que colaboraron activamente na promoción da práctica deportiva de alumnas e alumnos da comarca de Compostela. Un apoio que chegou a preto de trescentos rapaces que forman parte das categorías base do Club desde as escolas deportivas ata a Universidade.

Un traballo de dez anos

Grazas aos esforzos de numerosas persoas e entidades este proxecto de deporte base, pioneiro no ensino público galego, tivo continuidade en categorías superior como a Liga Española de Baloncesto, nas súas modalidades LEB ouro e prata. O club ten a xogadoras e xogadores nas categorías infantil, cadete, xuvenil e senior, e ademais conta con escolas de baloncesto noutros colexios da comarca compostelán, e en verán organizan campus deportivos e de ocio en distintos concellos.

Con este acto continúase cunha tradición na que xa resultaron premiados o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; ex-presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo; o concelleiro de Deportes de Santiago de Compostela, Bernardino Rama; ex conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Jesús Pérez Varela; e ao presidente da Federación Española de Baloncesto, José Luis Sáez.