A Consellería de Cultura e Educación e AIMEN abren novas vías de colaboración para o impulso da FP en Galicia

O conselleiro visitou hoxe o centro tecnolóxico de AIMEN co fin de coñecer as posibilidades de establecer novos proxectos nesta formación a través das empresas coas que colabora

Mér, 28/08/2013 - 13:27
O conselleiro visitou hoxe o centro tecnolóxico de AIMEN
O conselleiro visitou hoxe o centro tecnolóxico de AIMEN

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do Centro Tecnolóxico AIMEN,  empresa que colabora co departamento educativo da Xunta de Galicia para favorecer a mobilidade internacional do alumnado de FP. O obxectivo da visita foi coñecer de primeira man as liñas de traballo deste centro ubicado no Porriño, co fin de poder abrir novas liñas de colaboración no impulso da FP en Galicia, en concreto estudando a posibilidade de ampliar a implantación da FP dual a través das empresas coas que colabora a asociación.

Durante o seu percorrido polo Centro Tecnolóxico o conselleiro estivo acompañado polo presidente de AIMEN, Fernando Vázquez Peña; polo seu director xerente, Jesús A. Lago Gestido; polo seu director comercial, Joaquín Vázquez; polo seu responsable de Recursos Humanos, Moisés Lemos; polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; pola subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez Fernández; e mais polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

Cómpre lembrar que o pasado mes de maio AIMEN asinou, xunto coa Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), e a a Asociación Profesional de Establecemento de Turismo rural da provincia de Pontevedra (Agarimo), un protocolo de colaboración a para facilitar que o alumnado de ciclos formativos de grao superior de Galicia realicen o período de Formación en Centros de Traballo (FCT) das titulacións que están a cursar en países europeos a través do programa Erasmus. Ao abeiro deste acordo as asociacións buscan de entre as súas colaboradoras no estranxeiro outras compañías que se presten a acoller ao alumnado galego no período de FCT. Isto supón, ademais, que as empresas galegas poderán contar con profesionais da FP que acadaron durante a súa estadía no estranxeiro competencias para incorporalas ao noso tecido socioprodutivo, o que é, ao mesmo tempo, unha oportunidade para o emprego.

Ademais AIMEN colabora na formación en centros de traballo do alumnado da FP galega. De feito, realizaron prácticas nas súas instalacións durante o curso 12/13, alumnos do ciclo de grao medio de Laboratorio, e dos de grao superior de Laboratorio de análise e de control de calidade, de Saúde Ambiental e de Administración e Finanzas.

Visita ás instalacións

Durante o seu percorrido por AIMEN o conselleiro tivo a oportunidade de visitar os laboratorios, a aula taller de soldadura, as plantas de tecnoloxías Unión e Láser e mais o novo centro de aplicacións láser do Centro Tecnolóxico.

O Centro Tecnolóxico AIMEN conta con 40 anos de experiencia ano desenvolvemento e fortalecemento da capacidade competitiva das empresas a través do fomento e a execución de actividade de I+D+i, así como na prestación de servizos tecnolóxicos de alto valor engadido. Entre as súas liñas de actuación atópase a prestación de asistencia, formación e perfeccionamento do persoal técnico, investigadores e operadores; co fin de acadar profesionais altamente cualificados.