Educación envía aos centros o cuestionario para que os pais de alumnos de infantil digan cal é a lingua materna dos nenos

As familias poderán responder á pregunta, mesmo por internet, entre o día 20 e o 30 deste mes

Mér, 09/06/2010 - 15:10

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ven de poñer a disposición dos centros educativos o cuestionario para coñecer a lingua materna predominante en educación infantil no próximo curso 2010-2011. O departamento que dirixe Xesús Vázquez procedeu hoxe ao envío da instrución na que se explica o procedemento mediante o cal as familias poderán facer constar a lingua materna do seu fillo ou filla.

A dita instrución, a primeira que se deriva do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, inclúe como anexo o cuestionario. Nel, o pai, nai, titor ou titora legal do alumno que obtivo praza no primeiro ano do segundo ciclo de primaria (3 anos) deberá responder a pregunta de “cal é a lingua materna do seu fillo ou filla”.

Prazo para presentar o cuestionario

As familias do alumnado que obtivo praza no primeiro ano do segundo ciclo da educación infantil para o curso académico 2010-2011 deberán entregar o cuestionario cuberto na secretaría do centro correspondente desde o próximo día 20 ata o 30 deste mes, coincidindo co prazo de matrícula establecido no artigo 52 da Orde do 17 de marzo de 2007, pola que se regula o procedemento para a admisión do alumnado no segundo ciclo da educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos.

Este cuestionario estará dispoñible, ademais de nas secretarías dos centros educativos, na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (/portal/pregunta), así como nas xefaturas territoriais de Educación de cada provincia.

A lingua predominante manterase no resto do ciclo

A lingua materna predominante que se estableza para o primeiro ano manterase durante todo o segundo ciclo de educación infantil. Tamén resultará de aplicación ao alumnado que se incorpore ao centro educativo con catro ou cinco anos. O alumnado que actualmente cursa o primeiro ou o segundo ano do segundo ciclo da educación infantil manterá como lingua predominante, ata finalizar esta etapa educativa, a empregada no curso académico 2009-2010.