Jesús Oitavén Barcala substitúe no posto de Secretario Xeral de Educación a José Luis Vázquez Fernández [1]
O ata de agora titular deste departamento foi cesado por petición propia despois de decidir deixar a política por motivos familiares e volver á docencia
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terá desde hoxe a Jesús Oitavén Barcala como Secretario Xeral, sucedendo no cargo a José Luis Vázquez Fernández que, por petición propia despois de decidir deixar a política por motivos familiares e volver á docencia, foi cesado hoxe do seu cargo na Administración autonómica, tras máis dun ano de traballo e dedicación.
O novo secretario xeral, nado en Cotobade (Pontevedra) é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e é funcionario do Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia, co diploma de directivo.
Ata o de agora estaba a desenvolver a súa actividade laboral como Auditor no Consello de Contas de Galicia, posto que ocupaba desde 2006, pasando previamente polas áreas Institucional e do SERGAS.
Ao longo da súa vida profesional estivo a traballar no Instituto Galego de Vivenda e Solo, onde foi director técnico de Supervisión e Asesoramento (1999-2005) e xefe da área de fiscalización (1994-1999). Comezou a súa carreira administrativa en 1993 como xefe de sección de Fiscalización no IGVS, e posteriormente como xefe de xestión económica e control orzamentario na Consellería de Familia; Muller e Xuventude.