Título node Learning object
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de 15 prazas para o primeiro proxecto de Formación Dual que se vai poñer en marcha en Galicia, en colaboración coa empresa Coremain. Así, iníciase un programa dirixido ao ciclo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos cun plan de estudos de 2 anos e medio no que o alumnado compaxinará a súa formación no CIFP Politécnico de Santiago coa formación na empresa e cun contrato de traballo remunerado.
A convocatoria vai dirixida a persoas que cumpran os requisitos de acceso aos ciclos formativos, que teñan entre dezaseis e trinta anos e que non teñan realizado con anterioridade un contrato de formación e a aprendizaxe. Con carácter xeral, as persoas candidatas non poden estar –nin ter estado– matriculadas en ningunha ensinanza no presente curso académico, aínda que, de xeito excepcional, a Consellería poderá autorizar a matrícula no proxecto ás persoas aspirantes matriculadas en ciclos formativos polo réxime de persoas adultas.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poderán presentar as súas solicitudes entre o día 21 e o 25 de xaneiro, as 13 horas, na secretaría do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. O centro fará pública a relación definitiva de persoas candidatas que cumpran os requisitos de acceso aos ciclos formativos. De entre elas, a empresa Coremain será a encargada de realizar a selección dos 15 estudantes que participen no proxecto que comezará a mediados do vindeiro mes de xaneiro.
Formación e traballo
O carácter diferencial da FP Dual consiste na combinación da formación curricular co traballo remunerado nunha empresa na que, ademais, o alumnado recibirá formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 2 anos e medio de duración do proxecto, o 21,7% desenvolverase no centro educativo correspondente, mentres que o restante se levará a cabo nas instalacións da empresa.
O proxecto terá unha duración total de 4.828 horas, das que 1.899 serán de formación e 2.929 horas serán de traballo efectivo. Ao longo dos dous anos e medio que dura o proxecto, o peso da parte correspondente ao traballo irá aumentando: do 45% do primeiro ano ao 72% do último curso.
No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá un contrato de traballo para a formación e a aprendizaxe, de acordo co recollido no título II do RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual. Trátase dun contrato remunerado, polo que o traballador se acollerá, ademais, ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesmas en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase de acordo co estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.