Título node Learning object

Dúas profesoras participantes nos programas Consumópolis e Salvavidas publican experiencias didácticas innovadoras na Revista Galega do Ensino
Jue, 17/01/2013 - 14:39
Plan Proxecta

Xa están a disposición de todo o profesorado os artigos que analizan os proxectos en acción presentados na Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta  e publicados agora na sección Cartafol do número 64 da Revista Galega do Ensino (EDUGA). As autoras, as profesoras Almudena Lacomba Maruri e Mª Isabel Varela Landeira, fan dúas propostas de traballo interdisciplinario, transversal e sempre centradas en estratexias activas e cooperativas entre o alumnado e o profesorado participante.

imageO primeiro modelo ofréceo Almudena Lacomba desde o IES Carlos Casares de Vigo (Pontevedra), ilustrado con produtos finais de imaxe e vídeo do traballo do alumnado participante na experiencia. O programa Salvavidas, da Consellería de Sanidade, ten como obxectivo traballar valores como a solidariedade e a cooperación referidos á doazón e transplante de órganos, e o equipo interdisciplinario de profesorado deste IES, como subliña Almudena no seu artigo, consegue partir do contorno próximo do alumnado para levar a cabo actividades e tarefas que consigan a súa motivación e, finalmente, contribúan á súa autonomía e ao seu espírito crítico. En suma, como tamén indica nos obxectivos, conséguese "ser quen de transformar estados de ira ou de desesperanza en estados de ilusión e de calma", en reflexionar profundamente sobre o paso dun feito negativo a unha situación de esperanza mediante accións solidarias de enorme calado. Os resultados dan conta da fondura dos efectos educativos no alumnado que investiga e, sobre todo, desenvolve a súa creatividade mediante un proxecto que involucra a case toda a comunidade educativa do centro.

image

Pola súa banda, Maribel Varela diríxese ao seu diario contándolle o camiño percorrido en compaña do alumnado e dos compañeiros do CEIP Pepe de Xan Baña de Santa Comba (A Coruña) durante a súa participación no programa Consumópolis, da Consellería de Economía e Industria. O proxecto parte do obxectivo e actividades específicas do concurso e amplíase a boa parte do traballo que levará a cabo o alumnado de 5º de primaria durante todo o curso. Como indica a autora, parten dunha especie de “baúl didáctico” onde podían “atopar cousas moi diversas sobre: consumo responsable, medio, publicidade, lecer e tempo libre, comercio xusto, saúde e seguridade, alimentación e unha morea de cousas máis”. Como resultado conseguiuse “unha aprendizaxe significativa, motivadora e activa” que os levou a darse conta de que “innovar e divertirse son uns bos aliados para aprender”.

 

Menús Learning object node R