Xesús Vázquez Abad inaugura as terceiras Xornadas de Dirección Estratéxica nas Pymes, que se celebran na sede da UNED en Lalín

O conselleiro de Educación exerceu como relator na primeira edición desta convocatoria, que este ano xira en torno á ‘Empresa familiar, crecer en situacións adversas’

Lun, 10/05/2010 - 18:46

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a terceira edición das Xornadas de Dirección Estratéxica para Pymes, ‘A empresa familiar, crecer en situacións adversas’, que se celebran ata o mércores na sede da UNED, en Lalín.

Vázquez Abad, que participou como relator na celebración das primeiras xornadas, sinalou durante a súa intervención que “nestes tempos de crise a continuidade das empresas familiares é moi importante, xa que son parte do tecido empresarial que move a economía”, ao que engadiu que “para o seu correcto funcionamento e imprescindible ter unha boa base que unida ao traballo, a ilusión e o esforzo pode ser un sinónimo de éxito”. O conselleiro destacou ademais a necesidade de “traballar sen descanso e con ilusión para que as cousas saian adiante”.

Relatorios en primeira persoa

Oitenta persoas coparon as prazas dispoñibles para o encontro, no que estarán presentes destacados especialistas de toda Galicia todos eles coordinados por José Antonio Rodríguez. Así a encargada do primeiro relatorio do día será a profesora universitaria Elena Rivo López, con ‘Razóns para a creación e continuidade da empresa familiar’, tras ela intervirá o catedrático en Dereito Mercantil da Universidade da Coruña, Manuel Areán Lalín, con ‘Organización xurídica da empresa familiar: os protocolos familiares’. A primeira xornada será pechada polo xerente e socio de Aceites Abril, José Manuel Pérez Canal.

Mañá o encontro comezará coa presenza de Unilco, unha consultora nacional especializada en empresas familiares, e que falará das firmas que xa teñen superado a terceira xeración. Posteriormente intervirá Ana Eiris, representante de Confecciones Guerral; e a xornada rematará co relatorio de Joaquín Pérez Baellido, do grupo de automoción Pérez Rumbao.

O mércores 12 a xornada contará coa intervención de Ana Framiñán, que dará conta da evolución de Framiñán Grupo Inmobiliario. A clausura do encontro correrá a cargo de José Alberto Díez de Castro Secretario Xeral de Universidades da Consellería de Educación, e director da cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela.

Menús News node R