Cultura e Educación resolve os premios Nós tamén creamos! para curtas de animación en galego realizadas por alumnado de infantil e primaria

Nesta terceira edición de Nós tamén creamos! foron premiados a EEI de Sarria, o CEIP Canosa-Rus de Coristanco, o CEP Manuel Fraga Iribarne de Cariño e o CEIP de Merza de Vila de Cruces

O premio forma parte do programa de dinamización lingüística homónimo que a Consellería desenvolve en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora

Sáb, 21/06/2014 - 11:46
 Cultura e Educación resolve os premios Nós tamén creamos! para curtas de animac
Cultura e Educación resolve os premios Nós tamén creamos! para curtas de animación en galego realizadas por alumnado de infantil e primaria

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública hoxe a resolución da convocatoria do Premio a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! na súa edición 2013-2014.

Nesta terceira edición do concurso, á que se presentaron cincuenta filmes de animación rodados por cativos de 3 a 9 anos e os seus mestres, resultaron galardoados os seguintes centros: na categoría de segundo ciclo de educación infantil, a EEI de Sarria (Lugo) polo traballo As pousadeiras do rei; na categoría de primeiro ciclo de primaria, o CEIP Canosa-Rus de Coristanco (A Coruña), pola curta Non quero ser un polbo e, na de segundo ciclo de primaria, ex-aequo o CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño (A Coruña) e o CEIP de Merza de Vila de Cruces (Pontevedra) polas creacións O último canto e Os sete irmáns chineses, respectivamente.

Os centros premiados recibirán nun lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, a Consellería de Cultura e Educación outorgaralle ao profesorado que coordinou a elaboración das curtas galardoadas unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

Mencións especiais

O xurado, do que formaron parte representantes da Consellería, da CRTVG e de OQOeditora, destacou un ano máis a elevada calidade dos traballos, que o levou a outorgar mecións especiais en todas as categorías. En educación infantil, a curta do EEI O Grupo de Marín (Pontevedra), recibiu unha mención á calidade da proposta gráfica; no primeiro ciclo de primaria, o traballo do CEIP Juan Fernández Latorre da Coruña foi distinguido pola ambientación musical e a expresividade e no segundo ciclo de primaria o CEIP Xoán de Requeixo de Chantada (Lugo) recibiu unha mención á orixinalidade e á creatividade na elaboración dos personaxes.

Dinamización lingüística nas aulas

Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve nas aulas de infantil e primaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con esta iniciativa colaboran a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e OQOeditora.

O programa inclúe a dotación de libros para o centro educativo, así coma o asesoramento e a formación presencial e en liña do profesorado para que poida realizar nas aulas curtas de animación en galego coa técnica stop-motion baseadas en textos literarios. Ademais, todos os traballos elaborados no marco de Nós tamén creamos! son difundidos a través da páxina infantil da Televisión de Galicia.

Este programa de dinamización lingüística fomenta o uso do galego nos centros educativos en novos espazos e soportes; a innovación na aprendizaxe de linguas; unha relación positiva dos rapaces coa galega; a lectura e a creatividade no idioma propio de Galicia e a presenza do galego na internet.

Plan Proxecta

Nós tamén creamos! dálle continuidade ao programa iniciado no curso 2010-2011 no marco do que todas as aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas de cadansúa unidade didáctica. No curso 2011-2012, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu un paso máis na iniciativa co fin de converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador.

Nesta terceira edición, Nós tamén creamos! pasou a formar parte do Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, co que se converteu nun proxecto de centro que permitiu ampliar considerablemente o número de horas de formación que se lle recoñecen ao profesorado e o tempo con que contan os centros para elaboraren as curtas.

Menús News node R