A Consellería de Educación e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia asinan un convenio para formación do alumnado de FP

O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral de Educación, Jose Luis Mira, destacaron a importancia desta iniciativa para que estes estudantes adquiran competencias prácticas

Vie, 23/07/2010 - 17:26
A Consellería de Educación e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da asociación, Rafael Luaña de la Viña

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia veñen de asinar un convenio de colaboración, polo que o alumnado de FP poderá realizar o módulo de formación práctica nos centros de traballo desta asociación.

Nun acto celebrado no Balneario de Laias (Ourense), o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da asociación, Rafael Luaña de la Viña, asinaron o devandito documento, do que destacaron a súa especial importancia para a preparación dos futuros profesionais galegos, o que redundará nunha maior calidade do servizo prestado nestes balnearios. Á sinatura acudiron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema; e o xerente da asociación, Benigno Amor Barreiro.

Formación en centros de traballo

Ao abeiro deste convenio, establécese un  programa  de formación  en  centros  de  traballo, que se desenvolverá nas instalacións dos balnearios pertencentes á Asociación Galega da Propiedade Balnearia, destinado aos alumnos que cursen formación profesional inicial.

Tal e como explicaron os asinantes, cada balneario recibirá aos alumnos ao comezo do período de prácticas, responsabilizándose da súa formación, para o que designará aos titores responsables de cada área formativa. Pola súa parte o centro educativo designará un titor ou titores que se encargarán de elaborar co titor da empresa o programa formativo, apoiar tecnicamente aos alumnos, así como controlar a asistencia e avaliar o desenvolvemento da formación concertada.

Para comprobar a evolución dos estudantes, iranse reflectindo as actividades realizadas polo alumno no centro de traballo nun caderno de seguimento e avaliación, e os profesores titores manterán as relacións necesarias co titor da oficina.

O convenio hoxe asinado contempla tamén a promoción do emprendemento entre os titulados de formación profesional, e a difusión destas ensinanzas, así como das súas saídas profesionais entre o alumnado.
Por outra banda,  a Asociación Galega da Propiedade Balnearia comprométese a crear un programa de bolsas de formación destinadas a aquel alumnado, especialmente sobresaínte e titulado en ciclos formativos de formación profesional, que realizara o módulo de formación nos balnearios pertencentes á asociación.

Profesorado e traballadores

Ademais, o profesorado dependente da Consellería de  Educación recibirá tamén formación para a súa actualización nestes balnearios. A tal fin, a Asociación Galega da Propiedade Balnearia colaborará, mediante o oportuno apoio técnico e loxístico, no programa de formación do profesorado e máis concretamente nas estadías en empresas por tempo definido, para o profesorado de formación profesional. Dentro deste plan haberá tamén accións formativas en materia de dirección de equipos e prevención de riscos profesionais dirixidas tanto ao alumnado como ao profesorado de FP.

Segundo explicaron os asinantes, o convenio contempla a posibilidade de que, a proposta dunha das partes implicadas, se organicen cursos, seminarios, ou estudos sobre temas de común interese, tanto para persoal específico dos balnearios, como da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Ademais, no marco do convenio, impartiranse cursos de idiomas para os traballadores dos balnearios.

En total, serán 20 os balnearios acollidos ao convenio. Na provincia de Ourense, os estudantes poderán facer as súas prácticas nos de Arnoia, Baños de Molgas, Caldas de Partovia, Carballiño, Laias (Cenlle), Lobios (Riocaldo) e Sousas (Verín). Na de Pontevedra, os de Brea, Cuntis, Mondariz, Caldelas de Tui, A Toxa, Acuña e Dávila (ambos en Caldas de Reis), serán os que reciban a alumnos; mesma tarefa que desenvolverán na provincia de Lugo os balnearios de Lugo, Río Pambre (Palas de Rei), Guitiriz e Augas Santas (Pantón); e o de Carballo, na provincia da Coruña.

Impulso aos balnearios

Ao remate do acto, tanto os representantes da Consellería como os da Asociación Galega da Propiedade Balnearia destacaron a importancia que a formación práctica ten na preparación dos estudantes, grazas ao que poderán desenvolver un mellor traballo nestes balnearios. Así, ambas as partes explicaron que a sinatura do convenio de colaboración contribuirá a mellorar a calidade dos servizos ofertados nestes espazos, o que suporá un impulso para o sector e novas oportunidades de empregos para os titulados da FP.

Na sinatura estiveron tamén presentes o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez; a xefa territorial de Educación na provincia de Ourense, Marisol díaz Mouteira; e o alcalde do Concello de Cenlle, Manuel García Montero. Así mesmo, acudiron directores de institutos de toda Galicia que imparten FP

Menús News node R