Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués
O Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués é unha iniciativa de universidades brasileiras, galegas e portuguesas coordinada pola profesora Rosario Álvarez do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
Este proxecto naceu coa intención de constituír un corpus informatizado que reunise material léxico vinculado coa cultura tradicional, especialmente o relacionado con aquelas actividades e saberes que, polos cambios culturais e sociais, se perderon ou están en proceso de desaparición. Ademais, o proxecto pretende que todo o material se poida localizar xeograficamente para facilitar os estudos comparativos e de distribución e difusión das formas léxicas.
O Tesouro pretende tamén contribuír ao estudo do patrimonio tradicional dos respectivos países, tanto na súa vertente material coma na inmaterial, realizando unha importante contribución aos estudos etnográficos.
A terceira finalidade do Tesouro é a de proporcionar un corpus lexical amplo que poida servir de apoio para diversas liñas de investigación, tanto na perspectiva sincrónica coma na diacrónica. Ademais do obvio interese para a dialectoloxía e a lexicoloxía, a aplicación fornece material relevante para numerosas iniciativas noutros campos, especialmente na etimoloxía, fonética e fonoloxía, lexicografía e morfoloxía.
Finalmente, un obxectivo do Tesouro é constituírse nun portal de léxico dialectal que, ademais de ofrecer unha edición electrónica de vocabulario patrimonial, conteña información completa e variada de interese para os investigadores de diversas disciplinas. Nese sentido, ademais da concepción aberta da base de datos, que inclúe fotografías, deseños e información etnográfica de todo tipo, tamén forma parte da aplicación un Inventario de fontes dialectais galegas e portuguesas que contén os datos bibliográficos de todas as obras que estudan léxico dialectal nestes dominios, nas súas diferentes perspectivas. Este inventario permite facer buscas de distinto tipo (ano, autor, localización, etc.).
O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, da Fundação para a Ciência e a Tecnología do Ministerio de Educación e Ciencia de Portugal, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e da Xunta de Galicia.
Desde 2014 a base de datos do Tesouro é accesible de maneira libre e gratuíta.
Accede AQUÍ