A biblioteca escolar: un espazo para convivir

Neste artigo pretendemos dar a coñecer o cambio metodolóxico, así como a cultura de centro que implantamos no CEE de Panxón, empezando desde a biblioteca: o noso punto de partida. É unha biblioteca que fomenta o traballo cooperativo entre o alumnado, o profesorado, ou ambos os dous, xunto coas familias, para aprender a convivir.

María Isabel Calvelo Bellón
Profesora do Ámbito Sociolingüístico do CEE de Panxón
calvelobellon@edu.xunta.es

1. O noso centro

O CEE de Panxón é un centro de educación especial. Que é o que nos fai ser especiais?

Poderiamos pensar que somos diferentes porque traballamos con alumnado con necesidades educativas especiais derivadas de trastornos graves de conduta e trastorno por déficit de atención e/ou hiperactividade (TDAH). Para definir aproximadamente o perfil do noso alumnado temos en conta o DSM-5 (Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais da American Psychiatric Association):

-trastorno negativista desafiante

-trastorno explosivo intermitente

-trastorno de conduta

-outros trastornos disruptivos do control dos impulsos e da conduta especificado ou non especificado.

O alumnado que padece estes trastornos manifesta problemas no autocontrol do comportamento e das emocións que implican violación dos dereitos das demais persoas —por exemplo, agresións ou destrución da propiedade— ou levan a conflitos importantes fronte ás normas da sociedade ou das figuras de autoridade.

Afastándonos das definicións técnicas, para nós, simplemente son nenos e nenas con dificultades no seu comportamento para controlar os seus impulsos, para relacionarse coas persoas do seu contorno familiar e escolar. En definitiva, son nenos e nenas que sofren, que non se senten valorados, queridos ou aceptados nos seus grupos de amigos ou, nalgún caso concreto, no seo das súas propias familias. Malia todo, en xeral non se trata dun problema do alumno ou alumna, senón que a estrutura social non puido, ou non soubo, dar resposta ás súas necesidades.

Nós sentímonos especiais pero non polo tipo de alumnado que temos, senón pola forma de afrontar o traballo diario con el. Precisamos un “extra” de paciencia, perseveranza, motivación, esforzo e implicación persoal. O noso principal obxectivo é que cada un deles sinta un benestar persoal e social que lle permita aprender.

 

2. O cambio

Como acadamos este obxectivo?

A biblioteca foi desde o principio o punto de encontro, diálogo, intercambio de ideas e reflexión entre o equipo docente, así como o espazo no que recibimos a todos aqueles formadores que nos axudan nesta tarefa. Así, a biblioteca experimenta unha transformación total con respecto aos primeiros anos de vida do centro.

 

 Festa na biblioteca na que presentamos a súa mascota, Marcelo

 

Tras moitas indagacións, chegamos á conclusión de que o primeiro que tiñamos que facer era cambiar a metodoloxía de traballo nas aulas: non é posible un cambio na conduta do alumnado reproducindo o modelo educativo dos centros dos que proveñen, nos que foron marxinados polos seus compañeiros, sancionados polo profesorado, e na meirande parte, expulsados definitivamente.

Que metodoloxía didáctica decidimos implantar?

Tiñamos claro que traballariamos por proxectos baseados nos intereses do alumnado e do propio profesorado xa que isto incrementaría a motivación tanto duns coma doutros.

Presentación dentro do proxecto Culturas Urbanas, no que participou todo o alumnado e profesorado

 

Coa primeira decisión tamén chegou a primeira dificultade: o noso alumnado non sabía traballar en equipo. Isto levounos a aprender nós mesmos estruturas e dinámicas de aprendizaxe cooperativa co obxectivo de utilizalas nas aulas.

Como nacen os primeiros proxectos?

Unha vez máis, a biblioteca foi o noso punto de encontro pero, desta volta, incluíndo o alumnado. Todos xuntos na biblioteca, profesorado e alumnado, empezamos a preguntarnos: que sabemos? , que queremos saber?, que nos gustaría investigar?, cales son as nosas habilidades?, que podemos ensinar?, que nos poden ofrecer as familias? Das respostas a estas primeiras preguntas naceron os nosos primeiros proxectos que iamos publicando no caderno de bitácora da biblioteca (http://biblioceedepanxon.blogspot.com.es).

Contacontos na biblioteca, no que participaron tamén as familias

 

Esta publicidade dos proxectos a través do blog motivou e motiva a toda a comunidade educativa: alumnado, familias e profesorado. Nós decatámonos de que o noso colexio tamén pode facer cousas interesantes, positivas, divertidas, coma outros centros educativos.

 Aprendendo a traballar con iPads

3. A transformación da biblioteca

Case sen decatarnos pasamos dunha cultura individualista de centro a unha cultura colaborativa na que as decisións importantes xorden da reflexión de todos os membros da comunidade educativa, e a biblioteca non é allea a este cambio. Así, a biblioteca transformouse completamente.

Como era?

A biblioteca era un espazo ao que só accedían aqueles alumnos e alumnas que amosaban interese pola lectura e que o facían de xeito individual. Este uso individual da biblioteca, máis que fomentar a lectura, acabou fomentando a competición, premiando aos que máis libros se lles emprestaban, sen a certeza de que os lesen. Tampouco a biblioteca era espazo de uso xeral do profesorado, senón só daqueles encargados das tarefas do seu mantemento.

Con todo isto non queremos dicir que a biblioteca non fose importante, senón todo o contrario. Converteuse nun lugar de culto que debía ser preservado do “mal uso” por parte do alumnado: apertura nun horario moi reducido, sempre con moita vixía por parte dos adultos e con actividades moi dirixidas e estruturadas polo profesorado.

Como é agora?

Dun uso individual e competitivo pasamos a un uso cooperativo: a biblioteca é de todos e é para todos. Nela o alumnado, as familias e o profesorado compartimos non só lectura, senón ideas, reflexións, proxectos, visitas de persoeiros da literatura ou doutras áreas (músicos, directores de cine, escritores, xefes de cociña). É, tamén, un espazo para reunirnos a dialogar e reflexionar cando xorden os conflitos. Tendo en conta que é imposible evitalos, tomámolos coma unha oportunidade para a aprendizaxe.

Visita do director de cine galego Luis Avilés Baquero

4. Reflexión final

A biblioteca, como un espazo dinámico, vivo e en cambio constante, convértese así nun espazo para aprender a convivir. Vivir na biblioteca non é só ler nela: é enfadarse, amosar tristura, namorarse, cantar, bailar, rir, rifar… En definitiva, vivir na biblioteca é aprender.

 

Sección: