Ruta entre lagoas
Alejandra Carro Mahía
Profesora de Educación Física (IES Porto do Son)
alejandra@edu.xunta.es
1. Contextualización
Este material xorde da necesidade de levar as nosas clases ao mundo real. De interactuar coa realidade en estado puro, porque nunca será o mesmo explicar algo que vivilo en primeira persoa a través das emocións e de todos os sentidos posibles. Xorde da importancia de volver ás nosas orixes, interrelacionándonos coa natureza, porque vivimos nun lugar privilexiado ao que lle hai que sacar partido e saber aproveitalo. E xorde tamén da inquedanza de unificar aprendizaxes nun só proxecto, un proxecto interdisciplinar, abordado desde varias materias.
Este proxecto aposta, polo tanto, por achegarnos á natureza de forma directa, a través da experimentación propia do alumnado e desde diferentes ámbitos-materias (Educación Física, Bioloxía, Ciencias Sociais, Matemáticas, Informática…).
Atopámonos con que o noso alumnado descoñece o seu ámbito máis próximo, espazos dotados dun gran valor patrimonial natural e/ou cultural, ignora por completo esta riqueza, sen amosar actitudes de respecto ao medio natural en xeral. Este proxecto pretende dar a coñecer estes espazos, que se converterán en aulas de aprendizaxe, mentres realizan exercicio físico, practicando o sendeirismo.
Ruta entre Lagoas proponnos traballar contidos como o sendeirismo, a orientación (Educación Física), a fauna, a flora, os ecosistemas (Ciencias Naturais, Bioloxía) e o patrimonio cultural (Ciencias Sociais) a través dunha ruta a pé en Porto do Son (A Coruña).
Determínase unha ruta cos datos necesarios para o seu desenvolvemento (distancia, desnivel, tempo estimado, inicio e fin da ruta…) e coa información precisa para descubrir todo o patrimonio que rodea o dito percorrido. O material é, polo tanto, para o alumnado, descubrindo eses pequenos recunchos tan ricos en aprendizaxes significativas, e para o profesorado tanto de Educación Física como doutras materias, posto que é ben sabido o complicado que é descubrir zonas interesantes, seguras para os nosos rapaces e con material didáctico para o alumnado e profesorado.
2. Obxectivos, contidos e competencias do proxecto
Obxectivos:
- Fomentar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.
- Darlle a coñecer ao profesorado doutros centros (cerca ou lonxe) unha ruta con toda a información para ser apta para o traballo de sendeirismo, unido ao descubrimento do seu contorno a través do material multimedia.
- Dar a posibilidade de realizar unha actividade física con predominio da resistencia aeróbica, capacidade física ligada á saúde.
- Dar a coñecer as normas de seguridade e vestimenta axeitadas para realizar sendeirismo.
- Dar a coñecer os sinais de rastrexo no sendeirismo.
- Amosar actitudes de respecto cara ao medio natural e o contorno en xeral.
- Mostrar actitudes de orgullo e protección cara aos espazos visitados.
- Dar a coñecer espazos dotados dun alto valor patrimonial natural e cultural a alumnos e profesores.
- Motivar o alumnado na aprendizaxe mediante a presentación de contidos de forma atractiva.
- Promover a interdisciplinariedade con outras materias: Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Plástica, Matemáticas…
- Darlle a coñecer unha opción de ocio activo ao noso alumnado.
Contidos:
Os contidos que se desenvolven con respecto á Educación Física son:
- Realización de itinerarios de curto percorrido, preferentemente no medio natural, con recoñecemento de sinais de rastrexo.
- Adquisición de nocións básicas sobre seguridade, coñecemento de materiais e vestimenta necesaria.
- Aceptación e respecto das normas para a conservación do medio urbano e natural.
- Atención á hixiene corporal logo da práctica de actividade física.
- Aceptación do propio nivel de execución e disposición cara á súa mellora.
- Valoración das actividades físicas como unha forma de mellorar a saúde.
- Respecto e aceptación das normas á hora de facer unha ruta.
- Acondicionamento físico a través do desenvolvemento das capacidades físicas relacionadas coa saúde.
Os contidos que se desenvolven dentro da unidade didáctica de Sendeirismo, e concretamente con este proxecto, serían:
Sendeirismo
- Tipos de sendeiros
- Sinais de rastrexo
- Vestimenta
- Calzado
- Mochila
- Comida/Bebida
- Puntos de interese
- Fauna da zona
- Flora da zona
- Distancia
- Desnivel
Competencias LOXSE:
Con respecto ás competencias (que inclúen saber, saber facer, e saber ser ou estar), fundamentais para a integración á vida activa e á sociedade tamén hai relación directa, ao ser contidos que se levarán a cabo no desenvolvemento da propia ruta.
- Competencia en comunicación lingüística:
- Interpretación e comprensión da realidade.
- Organización do pensamento, das emocións e da conduta.
- Expresión de vivencias, opinións…
- Formación de xuízos de valor.
- Competencia matemática:
- Calculo de distancias (números, medidas…).
- Calculo de desnivel.
- Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico:
- Percepción do espazo físico.
- Fauna e flora.
- Patrimonio natural e cultural.
- Impacto da actividade humana no medio.
- Paisaxe.
- Conservación do medio.
- Diversidade natural.
- Coñecemento dun mesmo, do espazo…
- Calidade de vida, benestar físico, mental e social.
- Pensamento científico-técnico para tomar decisións con autonomía.
- Uso responsable dos recursos naturais.
- Coidado do medio.
- Protección da saúde individual e colectiva.
- Tratamento da información e competencia dixital:
- Buscar e procesar información.
- Utilización das TIC, para informarse, aprender, comunicarse…
- Capacidade crítica do alumnado para poder valorar as fontes.
- Competencia social e cidadá:
- Comprensión da realidade social actual.
- Situacións de cooperación entre participantes.
- Resolución de problemas de forma cooperativa.
- Reflexión crítica.
- Participación activa.
- Competencia cultural e artística:
- Expresión de ideas, sentimentos, sensacións, experiencias a través de diferentes medios artísticos (literatura, artes escénicas, música, debuxo…).
- Gozo de manifestacións culturais.
- Interese por participar na vida cultural.
- Conservación do patrimonio cultural e artístico.
- Competencia para aprender a aprender:
- Iniciación na aprendizaxe de aprender, de ser máis eficaces e autónomos.
- Concienciación das propias capacidades e limitacións, potencialidades e carencias.
- Motivación, autoconfianza, gusto por aprender.
- Memoria, comprensión, concentración…
- Traballo cooperativo.
- Autonomía e iniciativa persoal:
- Perseveranza, esforzo, superación…
- Coñecemento dun mesmo.
- Control emocional.
- Transformación de ideas en accións.
- Coñecemento das fases dun proxecto
- Habilidades sociais para relacionarse, cooperar, traballar en equipo.
Competencias clave LOMCE::
Entendemos competencia como a posta en práctica de forma integrada e en contextos diversos dos coñecementos, habilidades e actitudes persoais adquiridas. O concepto de competencia inclúe tanto saberes como habilidades e actitudes (saber, saber facer, saber ser ou estar).
1. Competencia en comunicación lingüística
Traballarase esta competencia de varios xeitos: a partir da lectura e comprensión dos materiais dixitais escritos, a través da exposición oral ao resto dos compañeiros da información obtida dos materiais dixitais (adaptando a comunicación ao contexto), e a partir da comprensión da mensaxe oral transmitida polo profesor ou un alumno.
2. Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
Quedará reflectida esta competencia na comprensión da cuantificación da ruta en quilómetros e na lectura do mapa, dos elementos representados, do seu posicionamento en canto aos puntos cardinais, e da nosa posición en relación con eses elementos e cos puntos cardinais (orientación). Foméntase a habilidade para interactuar e para moverse polo espazo e orientarse con respecto aos elementos cartografados no mapa (sendeiros, lagoas, mar, campo de fútbol…).
Tanto o material dixital como a propia ruta van encamiñados á mellora da capacidade para interactuar co mundo físico, facilitando a comprensión de sucesos, a predición de consecuencias e a actitude de preservación da vida, tanto humana como doutros seres vivos.
A través de iniciativas (Coge 3) buscarase a conservación do medio, a solidariedade e o espírito crítico coa realidade e cos propios hábitos na vida cotiá.
3. Competencia dixital
Adquirirase facendo uso do material dixital que se propón, para transformar a información que se lle ofrece en coñecemento creado por el mesmo. O alumnado ten a posibilidade de afondar nalgúns dos contidos que se expoñen a través de ligazóns. Estes enlaces levaranos a navegar seleccionando de forma crítica aquela información que é relevante para eles e para os obxectivos que se pretenden acadar.
4. Competencia para aprender a aprender
O alumnado será o protagonista da súa aprendizaxe, marcando o seu propio ritmo. A organización de tempo para acadar a dita aprendizaxe virá marcada por cada alumno. O material dixital colgado no repositorio de contidos de Abalar permite acceder a el en calquera momento, tanto se é no centro educativo como fóra (casa, biblioteca…).
Iniciámonos na aprendizaxe co material dixital e continuamos aprendendo de xeito cada vez máis eficaz e autónomo a través de ligazóns que afondan nos contidos. A adquisición desta aprendizaxe contribuirá á automotivación para abordar diferentes aprendizaxes no futuro.
5. Competencias sociais e cívicas
Búscase o traballo de habilidades sociais para participar activa e civicamente na sociedade, e concretamente na actividade formulada. Saber escoitar, expresarse en público, empatía…son algunhas das habilidades que se fomentan coa posta en práctica da ruta. A información transmitida a través do material dixital favorecerá a comprensión da realidade, e ligada á comprensión vai unha actitude crítica, construtiva, solidaria e de mellora da realidade, tanto individual como colectiva.
Coa exposición de puntos de interese patrimonial búscase traballar actitudes de respecto e custodia cara a el, favorecendo o sentimento de identidade local.
A actividade física proposta (camiñar) vai supoñer un maior coñecemento dun mesmo, do contorno e dos demais e, polo tanto, unha mellora na calidade de vida e da saúde (benestar físico, mental e social).
6. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor
Esta competencia require motivación (por levar á práctica un proxecto real), responsabilidade e compromiso (de facerse cargo dun punto de interese na ruta), colaboración entre o grupo-clase (á hora de traballar en conxunto nun proxecto), iniciativa, valorar as ideas dos demais, aprender dos e cos compañeiros e, sobre todo, traballar o coñecemento de si mesmo, a autoestima, a xestión e toma de decisións, o espírito de superación…
7. Competencia cultural e artística
Ao longo da ruta atoparémonos con diferentes manifestacións culturais e artísticas, que o alumnado coñecerá previamente para a súa exposición oral ante o resto de compañeiros. Búscase o enriquecemento persoal e o gozo a través destas manifestacións, así como unha valoración e consideración como parte da riqueza e patrimonio do pobo.
Coa proposta do xogo de fotos ao longo da ruta búscase cultivar e crear expresións artísticas (fotografías) colaborando entre os membros de cada equipo.
3. Recursos empregados
Para a elaboración do material a ferramenta empregada foi o Exelearning: programa para a creación de contido web didáctico libre e multiplataforma. Os materiais creados poden ser visualizados desde calquera navegador.
4. Descrición da actividade
1.ª fase. Antes de poñernos a camiñar, o alumnado traballará primeiramente co material dixital, descubrindo contidos como o sendeirismo, cales son os sinais que podemos atopar (táboa 1), roupa que debemos levar, consellos que cómpre seguir para iniciarnos nesta actividade, ecosistemas, patrimonio, orientación…
Sinais no sendeirismo
2.ª fase. Realización da ruta. Unha vez vistos os contidos multimedia, realizaríase a ruta, que contará coa información necesaria para que a poida levar a cabo calquera profesor aínda que non sexa da zona.
Durante a ruta, traballarán por grupos os contidos vistos anteriormente, dunha forma lúdica e utilizando novamente as TIC (cada grupo terá que levar unha cámara de fotos e plasmar a idea que se pide no xogo).
3.ª fase. Avaliación das fases anteriores.
A data máis axeitada para levar a cabo este proxecto sería no terceiro trimestre, intentando garantir o bo tempo para camiñar (posto que algún terreo en época de choiva pode estar encharcado) e o avistamento de aves, anfibios e outros animais, así como unha colorida flora no contorno.
5. Metodoloxía
O ideal sería contar cun ordenador por alumno (aínda que se poderían poñer por parellas) e empregar un proxector que expoña os contidos para todos, para que o profesor explique os contidos que vexa oportunos ou nos que os alumnos necesitan resolver dúbidas.
O material ten unha dobre finalidade metodolóxica: unha, que o profesor poida empregalo como recurso didáctico dentro dunha estratexia expositiva, e a outra, que o alumno poida xestionar dunha maneira autónoma o seu ritmo na aprendizaxe. Se algún alumno necesitase máis tempo ou quixese volver ver algún contido, podería facelo a través dun ordenador con conexión a internet. O seguinte paso sería que cada alumno ou grupo de alumnos se faga cargo dalgún punto durante a ruta (como, por exemplo, a flora na lagoa) e llo expoña ao resto de compañeiros o día da ruta no punto correspondente.
Ruta entre Lagoas conta ademais con material imprimible (o mapa da ruta para levar cada alumno o seu e o xogo das tarefas para realizar durante o percorrido).
6. Avaliación
A avaliación final do proxecto será parte indispensable. Tanto a observación sistemática como a entrevista cos nosos alumnos son necesarias durante a posta en práctica do proxecto.
A avaliación do proceso de aprendizaxe, do material didáctico e da propia ruta poderá realizala tanto o alumnado como o profesorado, mediante a utilización das TIC (a través da exposición de fotos e comentarios nas redes sociais propostas, blogs…).
7. Conclusións
O alumnado do ciclo medio de Actividades Físicas no Medio Natural traballou co material dixital na clase (primeira fase), e cada alumno fíxose cargo dun apartado para expoñerllo ao resto dos compañeiros durante a ruta (segunda fase). Distribuíronse diferentes funcións, tales como:
- Guiar o resto e explicar as cuestións mais básicas á hora de orientarnos con mapa.
- Explicar as lagoas.
- Explicar as dunas.
- Fauna e flora do bosque de ribeira.
- Fauna e flora dun piñeiral.
- Explicar que son e como se forman as furnas.
- Ponte medieval. Tipo de ponte, partes, curiosidades…
Unha vez vista a implicación acadada polo alumnado, decidimos (alumnado do ciclo e eu) dar un paso máis e desenvolver estas funcións con outro grupo diferente: cuarto da ESO. Os alumnos de cuarto da ESO traballaron co material dixital desde Educación Física, pero só no correspondente ao primeiro apartado (sendeirismo, sinais e vestimenta), o resto de contidos quedou baixo a responsabilidade do ciclo de impartilos durante o traxecto da ruta.
Despois das experiencias vividas, a implicación, a responsabilidade e a autonomía acadadas polo alumnado do ciclo foron moi altas. Achegarse á realidade de primeira man, facerse responsable dunha parte da actividade, expoñela do seu xeito aos compañeiros ou a outras persoas (neste caso outros alumnos do centro) fixo que achegasen outras ideas a maiores e que actuasen como grupo unificado, aumentando a colaboración entre eles e adquirindo novos roles positivos dentro do grupo.