Bibliotecas escolares

A biblioteca no centro

Desde o curso 2006/07 no que nos incorporamos á segunda convocatoria do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares, a Biblioteca Xoán Farias vén propoñendo actividades que favorezan a aprendizaxe e as relacións no centro. Neste artigo preséntanse cinco experiencias dinamizadoras: as bonecas viaxeiras, as maletas viaxeiras, contacontos no recreo, lecturas de paseo e as cazas do tesouro.

Rosana Rodiles Lamas
Mestra e responsable da Biblioteca Xoán Farias do CEIP de Pazos
ros.rod@edu.xunta.es

Experiencias dinamizadoras

Unha vista ao pasado máis recente e ao presente da nosa biblioteca salienta as experiencias máis gratificantes nun centro pequeno, que conta cun elevado índice de alumnado de etnia xitana, nivel sociocultural moi baixo e acusada problemática familiar.

As actividades de educación inclusiva, o achegamento a outras culturas e algunhas actividades xa consolidadas nestes anos tratan de compensar os déficits sociais, culturais e afectivos no alumnado proveniente das clases máis desfavorecidas.

A busca dunha biblioteca escolar accesible a toda a comunidade educativa fainos planificar o traballo pensando en ilusionar con cada actividade a grandes e pequenos.

O traballo proposto desde a biblioteca escolar trata de incidir no rendemento do alumnado, na consecución das competencias básicas que axuden ao seu desenvolvemento persoal e académico e, en definitiva, á súa autonomía. Ten como obxectivo que o alumnado saiba desenvolverse en situacións onde poida aplicar o que aprende e poñer en práctica valores e actitudes de convivencia.

A estes obxectivos, responden as seguintes iniciativas.

As bonecas viaxeiras

Da man da mestra Rosa Grille Riazuelo, tres bonecos naturais de Rusia, China e Tanzania chegaron ao noso colexio para integrarse na aula de educación infantil. Despois de pasar un tempo na súa clase, na que nenos e nenas aprenderon costumes e curiosidades dos seus países de orixe, empezaron a viaxar e a pasar as fins de semana nas casas dos pequenos e pequenas.

Levaban consigo o seu pasaporte, algo de roupa, un xoguete, libros de contos e un obxecto característico propio da súa nacionalidade (colares de madeira na mochila de Iria, pauíños chineses na de Uxía e un xogo de matrioskas na de Lois). Tamén levaban un dicionario por se algunha familia precisaba algo de axuda e un lapis de memoria no que se podían incluír fotos da súa estadía nas casas. A cambio de todo o que achegaban, os bonecos pedían que lles ensinasen a falar en galego e que recollesen algo do que aprendesen no caderno incorporado á mochila.

Estes tres bonecos viviron días felices nas casas dos seus amigos. Saíron de compras, foron ao parque xogar, ao Estadio da Malata ver xogar o Rácing de Ferrol, leron pola noite, incluso xogaron á Play, viron a tele, compartiron o sofá, mantiña, libros e xoguetes, visitaron os seus avós... Toda unha experiencia.  A participación das familias, espectacular.

A nosa meiga e as súas maletas viaxeiras

Chispa e Roi colaboran desde hai anos na dinamización de actividades. Chispa, que espertou cando naceu a biblioteca, é unha meiga namorada dos libros. Déixase ver a través do blog e mantén unha afectuosa relación co alumnado, especialmente co máis miúdo. Hai un ir e vir de cartas personalizadas nas que se piden libros, recomendacións e incluso, consellos, ás que Chispa contesta indefectiblemente.

Esta meiga mantén o noso fondo documental coas últimas adquisicións da biblioteca (traen os libros máis desexados ou recomendados, os xogos educativos...) nas súas “maletas viaxeiras”. Nelas, tamén teñen o seu lugar as cartas onde se nos comunica os certames, concursos e actividades nos que podemos participar; e as recomendacións de lectura que se entregan ás familias cada Nadal e fin de curso.

As maletas chegan ao cole despois de “viaxar” incansablemente polo País dos Libros, de onde Chispa é oriúnda, buscando novidades e tentando satisfacer as peticións personalizadas do alumnado.

http://historiadunhameiga.blogspot.com.es/

Xunto a ela, Roi* (baseado no personaxe do CRA de Chile, Cucuna Rayo de Luna) encárgase de ensinar as normas da biblioteca que todos debemos coñecer, con cadernos para colorear, por exemplo, para os máis pequenos.

http://alfinpazos.blogspot.com.es/2014/11/guia-da-biblioteca.html

http://alfinpazos.blogspot.com.es/2014/11/colorear.html

Contacontos nos recreos

Esta actividade está deseñada para todo o colexio. Os maiores son os que, habitualmente, contan o conto; os pequenos, os que escoitan. Este é o proceso completo en dez pasos:

  • Lectura e selección de contos no eido individual, de parella ou de grupo.
  • Preparación nas casas e na aula (lectura ou escenificación, xogos, cantigas...).
  • Escaneado do conto para a súa proxección. Elección de música de fondo (opcional).
  • Elaboración do marcapáxinas/agasallo que se entrega ao finalizar a sesión a cada neno.
  • Anuncio do contacontos con cartelería, no blog e en persoa.
  • Preparación do espazo: mobiliario, luz, ambientación...
  • Sesión de contacontos no recreo.
  • Preguntas/concurso.* (Ao día seguinte da “contada”, fanse públicas tres sinxelas preguntas relacionadas co conto ás que poden contestar todos os que o escoitaron)
  • Publicación no blog da sesión, das preguntas e dos resultados do concurso.
  • Posibilidade do encontro co autor.

Que gañan os que realizan a narración?

Desenvolven a linguaxe ampliando o vocabulario; melloran a súa lectura en voz alta,  a dicción, a expresión; exercitan a memoria; desenvolven a creatividade e a sensibilidade estética; adquiren confianza e superan a timidez a expresarse ante os demais, aumentando a autoestima; comparten suxestións e impresións dos libros cos seus compañeiros e compañeiras de aula... Emocionalmente, ofrécenlles aos máis pequenos un tempo de convivencia agradable no que se comparten historias e momentos de encontro animados e felices.

E os que escoitan?

Desenvolven a paciencia e aprenden a escoitar e a respectar as normas; amplian o coñecemento espacial e temporal, identificando onde e cando se desenvolve a acción; desenvolven a imaxinación e as emocións; coñecen historias nun ambiente agradable e distendido; adquiren hábitos e imitan os seus compañeiros maiores. Eles, os pequenos tamén acaban contando contos e preocupándose por escoller un libro e preparar a posta en escena e os agasallos/marcapáxinas que se entregan. Créase o marabilloso círculo da maxia das palabras.

Lecturas de paseo

Desde o curso 2012/13, cada ano vaise completando unha selección de lecturas de todo tipo: narrativa, poesía, banda deseñada, textos expositivos, entrevistas, imaxes, refraneiro..., con variada temática. Recóllense fragmentos ou textos completos e plastifícanse para penduralos do teito nos espazos comúns do centro, nas portas ou paredes de corredores e outros recantos... Pretendemos presentalas dunha forma atractiva para chamar a atención dos posibles lectores e lectoras.

Esta actividade aspira a mellorar a competencia lingüística amosando diferentes tipoloxías de texto. É unha forma distinta de ofrecer literatura e imaxes ao tempo que achegamos retallos que poidan provocar un desexo de lectura posterior. Igual que sabemos da importancia da presentación e da portada nos libros de literatura infantil, utilizamos a imaxe, as cores e  o deseño para atraer a súa atención. O espazo tamén xoga un papel importante; desta vez “a biblioteca sae pasear”.

Recollidas no blog Lecturas de Paseo.

Cazatesouros: paz, convivencia, ciencia... (punto de consulta)

Son varias as cazas do tesouro que levamos feitas na biblioteca; unha dinamización completa que involucra a todo o alumnado e profesorado do centro. O feito de ser un centro pequeno ten algunhas vantaxes coma esta que facilitan o traballo simultáneo de todos.

A última, Experiencias no CEIP de Pazos, estivo enmarcada dentro do  Ano da Ciencia.

Os participantes organízanse en oito equipos (co nome dun escritor ou escritora galegas actuais de literatura infantil e unha cor), cada un con oito nenos e nenas. Nos equipos mestúranse todos os cursos e cada un deles está dirixido por un alumno maior. O rol destes foi fundamental para o bo funcionamento do grupo, xa que acompañaron, guiaron e axudaron os máis pequenos, coidando de que o clima fose distendido, tranquilo e seguro para todos e todas.

Para o desenvolvemento desta actividade cóntase con oito localizacións  distribuídas polas instalacións  do centro, cada unha delas a cargo dunha mestra ou un mestre. En cada unha proponse unha proba-experimento que ha de ser superada por todos os integrantes do grupo e desa forma ir conseguindo unha a unha as oito pezas do quebracabezas coas que deben contar ao rematar o circuíto. Despois do recreo, os grupos compuxeron o quebracabezas da portada do libro de ciencias que lles tocou. A continuación, emparellárono coa etiqueta do libro e, por último, localízano no andel facendo uso do PUNTO DE CONSULTA dos fondos, que está instalado ao entrar na biblioteca.

No libro había unha chave da cor do seu equipo coa que puideron abrir o baúl do tesouro, logo de dicir o “conxuro” do chaveiro que levaba.

En que consisten as oito probas?

1. A onda sonora. Experimentar co son vendo as diferenzas da onda sonora segundo a materia ou medio sobre os que se propagaba.

2. Circuíto eléctrico. Coñecer as partes dun circuíto eléctrico (xerador, cable condutor e lámpada ou dispositivo de son).

3. Imáns e compás. Observar os efectos dos imáns sobre o ferro construíndo un compás imantando unha agulla e localizando “chapas” agochadas coa axuda dun imán. Como cada chapa tiña unha letra tiveron que organizar as letras para compoñer unha palabra “misteriosa”.

4. Composición de palabras en inglés. Completar un texto cunhas palabras determinadas ou compoñer palabras con letras desordenadas para emparellas con cadansúa ilustración.

5. Efectos ópticos. Traballar con ilusións ópticas para seguir descubrindo  como o noso cerebro non sempre capta a realidade e nos fai ver obxectos ou situacións que non existen como tal.

6. Vasos comunicantes e tensión superficial  Comprobar como os líquidos en repouso tenden a alcanzar un mesmo nivel en dous recipientes (presión atmosférica e gravidade) e experimentar rompendo a tensión superficial.

7. Medición e peso de corpos (comezando polos seus). Medición de distancias.

8. Flotabilidade de diferentes corpos.

Conclusión

Todas estas actividades buscan mellorar as competencias educativas axudando a un maior desenvolvemento das capacidades do alumnado. Ademais, desde a biblioteca pretendemos dar cohesión a toda a vida escolar: os pequenos proxectos, as saídas e visitas educativas, o traballo cotián na clase, as conmemoracións, o tempo de lecer...

Queremos crer que este traballo permite compensar déficits sociais e afectivos e crear un clima agradable onde o alumnado se sente cómodo e a gusto. Enriquece, polo tanto, o noso labor docente, que se ve recompensado coa resposta do alumnado e as familias ante as diferentes propostas que nacen da biblioteca escolar.

Os importantes investimentos, tanto o económico (dotación ordinaria do centro e extraordinaria por estar incluído no PLAMBE) coma o persoal (de horas e esforzos) non foron baldíos. Sería moito asegurar que os nosos obxectivos están cumpridos, pero, despois de dez anos abrindo camiño, satisfácenos botar a mirada cara a atrás e facer memoria dos cambios, logros e bos momentos vividos, que son moitos.

 

Sección: