Bibliotecas escolares

Feira da ciencia e da tecnoloxía: Biblioteca e ciencia 2014

A experiencia que describimos a continuación pretende mostrar como a biblioteca escolar dá resposta ás necesidades de recursos que as distintas áreas poidan ter, ao tempo que non se perde de vista o obxectivo da alfabetización múltiple. Neste caso, centrámonos nas áreas de ciencias.

María Avelina González Gil Profesora de Lingua Castelá e Literatura
Coordinadora da biblioteca escolar
IES Eduardo Blanco Amor de Ourense
aggil@edu.xunta.es

Contextualización

Cando celebramos o Día das Bibliotecas Escolares 2013 baixo o lema “Ler ciencia na biblioteca escolar”, dedicamos parte da dinamización da biblioteca a traballar as lecturas ligadas ás materias de ciencias. Animados polo interese suscitado en alumnos e profesores e conscientes de que, en xeral, o gran volume da actividade da nosa biblioteca ía moi ligado aos departamentos de linguas e humanidades e moi pouco ás áreas de ciencia e de tecnoloxía, acordamos programar unha serie de actividades encamiñadas a emendar tal descompensación.

Así pois, coincidindo coas celebracións das feiras do libro de primavera, no Equipo de Dinamización da Biblioteca acordamos organizar un evento de índole similar adaptado ao contexto e aos intereses do noso centro. A nosa pretensión era facer un proxecto colaborativo da biblioteca cos departamentos das áreas de ciencias (Matemáticas, Física e Química, Tecnoloxía, Ciencias) e orientación inspirado no lema de Bibliotecas Escolares do curso 2013/14, “Ler ciencia na biblioteca escolar”.

Nesta feira da ciencia mostráronse as experiencias e os proxectos que os departamentos traballaran ao longo do ano.

A biblioteca editou para a ocasión un boletín de novidades: Libro-ciencia 2014.

A actividade

O proxecto organizouse deste xeito:

1. Presentación do proxecto aos departamentos

En primeiro lugar, contactamos cos departamentos e solicitamos deles a súa colaboración en dúas frontes:

a) Na elaboración de listas de lecturas relacionadas coa súa área e orientadas ao público da biblioteca escolar.

b) Na preparación dunha exposición de experiencias e proxectos que representase o traballo realizado ao longo do curso nas súas clases.

2. Recinto feiral e acceso

O espazo elixido para o evento foi unha superficie situada entre a saída da biblioteca e o xardín do recreo. Desde a entrada do instituto e as zonas de aulas ata o recinto colocamos frechas de “goma eva” co rótulo feira que conducían ata a feira da ciencia.

3. Temporización

Escollemos os recreos dos días 5 e 6 de xuño pola razón argumentada anteriormente e tamén porque a esas alturas do curso a maioría dos departamentos tiña xa un amplo abano de experiencias e proxectos preparados.

Preferimos programala para os tramos do recreo para asegurarnos así o maior número de público asistente e, ao mesmo tempo, non interferir co horario de clase en pleno calendario de exames.

4. Programa da feira: calendario de actuacións

Cando tivemos a relación temporizada dos eventos que cada área ía mostrar, editamos o programa da feira que difundimos por medio de carteis no instituto, no blog lector e na páxina web do instituto.

Na programación figuraba o nome do departamento e das experiencias que achegaba. Tamén indicabamos o nome e curso dos alumnos e alumnas que presentaban os proxectos e facían as prácticas ante o público.

Programa da feira. Cartel deseño de Pilar Sevillano)

5. Os postos/Os departamentos

Cada departamento didáctico participante amosou as súas experiencias e achegas nos diferentes mostradores coa axuda de persoal docente e alumnado.

DEPARTAMENTOS COLABORADORES

EXPERIENCIA/ MATERIAL/PROXECTOPERSOAL
MATEMÁTICASXogosProfesorado do departamento e alumnado voluntario da biblioteca
CIENCIASPrácticas co microscopio e outro instrumental
TECNOLOXÍAParque de atraccións

FÍSICA E QUÍMICA

Laboratorio de química

Enerxías alternativas / Precisión óptica

Profesorado do departamento e alumnado da materia
ORIENTACIÓNExpresión plástica da cienciaVoluntariado da biblioteca
LINGUA GALEGANatureza e poesía
BIBLIOTECALibros e revistas científicos

No espazo referido, montamos os postos e expositores da feira repartidos por áreas de contidos:

a) Posto de prácticas e instrumental científico: observación microscópica de células nai, mitoses e outros.

b) Posto de xogos matemáticos: tangram, torres de Hanoi, caleidoscopios.

c) Posto de didáctica da química: ácidos e bases, sulfuros e sulfatos, recreación dunha sesión de laboratorio

d) Posto de experiencias de física: enerxías xeradas desde un cacahuete, precisión óptica

e) Posto de proxectos do Departamento de Orientación: material elaborado por alumnado invidente na aprendizaxe científica.

f) Posto de tecnoloxía: maqueta dinámica dun parque de atraccións.

g) Expositor de láminas da natureza: literatura e natureza.

Lección práctica de química)

No parque de atraccións, un proxecto da aula de tecnoloxía)

Tanto o programa da feira coma o seu desenvolvemento foi recollido e divulgado no blog de dinamización lectora Lecturas.

6.  Boletín da feira: Libro-ciencia 2014

Como non podía ser menos, editamos un boletín de lecturas sobre temas relacionados coa divulgación da ciencia; na fase preparatoria do boletín, os compañeiros dos departamentos colaboradores enviáronnos ao Equipo de Biblioteca recensións e comentarios para ilustrar dun xeito máis plástico a listaxe de títulos recomendados. Ademais de imprimilo en papel con formato díptico e distribuílo na feira, publicamos unha versión dixital no blog Lecturas.

 

Portada do boletín Libro-ciencia (deseño de Pilar Sevillano)

Ademais da feira, realizouse unha exposición de libros e revistas de divulgación científica suxeridos polo profesorado destas áreas, de forma que se lles dou un lugar de preferencia durante un tempo para ser coñecidos e consultados por toda a comunidade educativa.

Obxectivos acadados. Avaliación da experiencia

Con esta experiencia pretendemos tender unha canle de comunicación viva entre a biblioteca escolar e os departamentos que traballan as áreas de ciencias e tecnoloxía.

A biblioteca escolar, a través desta dinamización, deulles visibilidade ás experiencias e proxectos que, ao longo do curso, quedan limitadas aos horizontes da aula ou do laboratorio.

A biblioteca conseguiu, deste xeito, difundir a toda a comunidade escolar a didáctica da ciencia e divulgar principios de ciencia e de tecnoloxía básicos a todos os visitantes.

Froito desta colaboración, a biblioteca escolar actualizou o seu fondo de libros e revistas científicas.

Pareceunos de grande interese mostrar a cara lúdica e festiva do feito científico e dos proxectos tecnolóxicos.

Por outra parte, o feito de que fosen alumnos os que protagonizaban a presentación das experiencias e a coordinación dos postos supuxo un forte reclamo entre un público maioritariamente miúdo, que en varias ocasións era convidado a participar. É dicir, todos tivemos a oportunidade de ser protagonistas.

No campo da atención á diversidade, a feira soubo integrar os traballos de alumnado de Pedagoxía Terapéutica con discapacidades visuais e deulles proxección no resto da comunidade escolar.

Posto de libros. Traballos do alumnado con discapacidade visual

 

Sección: