Proxectos de biblioteca = Proxectos de centro

Entendendo a educación globalmente

M.ª Jesús Leis Blanco
Miguel Ángel Vidal Martín
Pilar Dios Sánchez
IES Pedro Floriani (Redondela - Pontevedra)
diossanchez@edu.xunta.es

Introdución

Temos a gran sorte de vivir unha revolución tecnolóxica que está a cambiar as nosas vidas, nunca antes o achegamento á información foi tan accesible, nunca antes tivemos tantas ferramentas ao alcance da nosa man para transmitir o coñecemento.

A gran pregunta é como temos que transmitir este coñecemento. Precisamos ir máis alá e formularnos “outra educación” do alumnado. Está o ensino realmente satisfacendo as necesidades dos rapaces e das rapazas? Cómpre emprender iniciativas que se adapten aos novos tempos? Precisamos integrar outros aspectos completamente esquecidos como o emocional, o experimental, o manual, que posibiliten unha educación máis holística do individuo? Convén ter en conta as “intelixencias múltiples” ponderadas polo nobel Howard Garner?

http://infed.org/mobi/howard-gardner-multiple-intelligences-and-education/

Como profesionais responsables e cunha vocación clara de axudar, guiar e acompañar no proceso do ensino ao noso alumnado, vémonos na obriga de apurar unha innovación pedagóxica na que se acheguen esforzos por parte dos docentes e da Administración.

Obxectivos

Neste noso mundo globalizado de hoxe, precisamos que o noso alumnado desenvolva outras capacidades que impliquen unha aprendizaxe activa, flexibilidade de pensamento, capacidade de traballo en equipo e competencia social. Educar os rapaces e as rapazas para novas esixencias sociais é a nosa tarefa prioritaria. Debemos ensinar a alegría de aprender, reforzar as súas personalidades, resaltar a propia responsabilidade e a súa competencia para a resolución de problemas. Moitas escolas europeas e americanas están a destacar as chamadas soft skills (http://www.dol.gov/odep/topics/youth/softskills/); é dicir, as calidades persoais que fomentan as interaccións, as calidades como o optimismo, o sentido común, a responsabilidade, o sentido de humor e a integridade, que poden ser intrínsecas ao individuo, e outras que se poden traballar como a empatía, o traballo en equipo, a negociación, a comunicación, os bos modais, a sociabilidade, a capacidade de ensinar. Os proxectos que partan dun interese e dun estímulo común, nos que tanto os profesores coma os alumnos busquen xuntos as preguntas e as respostas, son unha ferramenta óptima para o fomento das capacidades cognitivas: a aprendizaxe interiorízase rapidamente e, polo tanto, compréndese con máis facilidade. Esta orientación permite ao mesmo tempo un desenvolvemento da personalidade emocional (intereses persoais, curiosidade polo mundo, experimentar por si mesmo) e o apoio necesario para que teñan lugar os procesos cognitivos. O obxectivo é que a propia iniciativa nos leve a unha maior responsabilidade e autonomía do coñecemento. En resumo, podemos afirmar que se trata de proxectos “unificadores”: o desenvolvemento físico, social, emocional e cognitivo prodúcese ao unísono.

Metodoloxía

O fundamento teórico está máis que xustificado, e agora como o levamos á práctica?

No noso primeiro proxecto, fomos os docentes os que escollemos no claustro de xuño o tema do proxecto do curso seguinte (a partir de agora será o alumnado quen propoña temas). Todos os departamentos tiñan en setembro xa máis ou menos perfilada a súa achega ao proxecto (o ideal é que se inclúa nas programacións), de xeito que o equipo da Biblioteca tivemos unha reunión cos departamentos para coordinar e integrar as propostas das diferentes materias. Xa desde un principio tivemos claras dúas liñas de traballo:

  • Unha humanística que englobaba: música, lingua inglesa, xeografía e historia e arte, literatura galega e castelán.
  • Unha científica que agrupaba tecnoloxía, bioloxía e matemáticas.

A partir de aí, empeza a parte máis delicada: a temporalización. Debido ao ríxido sistema de horarios (isto sempre supón un atranco), a experiencia ensinounos que en setembro os proxectos teñen que estar xa perfilados; é dicir, que as materias que precisan dunha maior coordinación han de contar cuns horarios favorables (por exemplo, que as horas das materias que traballen cooperativamente sexan continuas para permitir unha maior flexibilidade e capacidade organizativa).

A parte humanística do proxecto tivo en conta as características dos grupos ao que ía dirixido: tiñamos xente creativa, cinco rapaces e rapazas que estudaban ciclo medio no conservatorio, pero tamén rapaces moi pouco motivados (4.º da ESO) e con dificultades para a aprendizaxe (PDC).

A primeira parte consistiu en actividades de motivación: ambientación da Biblioteca con debuxos elaborados por eles, lecturas en varias linguas sobre piratas e libros de aventuras (Twenty Thousand Leagues Under the Sea, O corsario negro), poemas sobre o mar (Alberti, Walt Whitman e Manuel Antonio), obradoiros de expresión e comprensión escrita...

Na segunda parte, incluímos actividades de busca documental sobre diferentes aspectos do mar e as súas representacións na arte, na literatura, no contorno inmediato: mar de Redondela, contaminación, plataformas de información en liña (www.hhtp://pulse.me) ou www.hhtp://pbs.com, e tratáronse tamén os medios de comunicación como fontes de información para o traballo sobre o jazz.

Nesta parte realizáronse visitas ao museo do mar, unha saída á enseada de San Simón, charlas no centro sobre a contaminación na costa redondelá, xogo de trivial con preguntas sobre o mar en todas as materias, tomas fotográficas do contorno mariño…

A última parte foi de produción: réplicas de cadros con temática mariña, textos escritos sobre o mar “Que significa o mar para ti?”, traballos plásticos, presentacións sobre o proxecto da escravitude ao jazz, concertos de standards, gravación de poemas. Toda a información sobre as actividades pódese consultar en bibliofloriani.blogspot.com

O Departamento de Matemáticas colaborou co proxecto da Biblioteca a través do traballo “As matemáticas e o mar” cos grupos de 1.º da ESO e 3º e 4.º de PDC, que foron os encargados de realizar en papel as figuras “capturadas” polos compañeiros de 1º.

O proceso consistiu en que o alumnado fose capaz de recoñecer formas xeométricas no contorno mariño do porto de Cesantes. Para isto, os grupos de 1.º da ESO fixeron o traballo de campo de fotografar o medio, identificar todas as formas e plasmalas no vídeo “As matemáticas e o mar”, que está colgado en http://bibliofloriani.blogspot.com.

O seguinte paso realizouse co alumnado de PDC, co que xa se leva anos traballando origami nas súas diversas facetas.

Neste traballo de recompilación de fotografías hai unha ampla variedade de figuras en dúas dimensións. A figura que quixemos traballar nun primeiro momento foi o triángulo.

No noso centro, traballamos fundamentalmente con origami modular, que consiste en facer peciñas moi sinxelas (módulos) e en ir uníndoas para facer figuras máis complexas.

A que propuxemos facer en primeiro lugar foi a figura fractal “copo de neve” en honra ao matemático Niels Fabian Helge Von Koch, para a cal se necesitaron 72 módulos elaborados por Nick Robinson (a figura atópase exposta no vestíbulo do IES).

Este fractal ten a particularidade de que, a pesar de que se trata dunha liña de lonxitude infinita, encerra unha área finita.

Dentro das “estruturas triangulares”, tamén puidemos estudar o triángulo de Sierpinski.

Logo pasamos ao estudo e á construción dun fractal de “estrutura cadrada” –a esponxa de Menger– que puidemos elaborar en origami e presentarlla ao alumnado do centro.

Elementos da natureza que presentan unha estrutura fractal poden ser: o crecemento das esponxas, as liñas de costa, as ramificacións dun río, a cortiza das árbores etc.

“Un anaco de mar no IES Pedro Floriani” foi o traballo co que o departamento de CCNN colaborou no proxecto e este incluíu as seguintes actividades: estudo do ecosistema mariño, realización dun algario e exposición de ambos os traballos. As actividades desenvolvéronse nos cursos de 1.º de bacharelato e de 4.º da ESO e entroncaron cos temas “A biodiversidade” e “Clasificación dos seres vivos, taxonomía e nomenclatura” en 1.º de BAC e “Ecosistemas” en 4.º da ESO. As actividades realizáronse nun pequeno grupo e, a través delas, intentouse impulsar a aprendizaxe entre iguais, construír o coñecemento de forma autónoma e a colaboración entre os membros do grupo. Deste xeito, estas actividades contribúen á consecución das seguintes competencias básicas: coñecemento e interacción co mundo físico, social e cidadán, cultural e artístico e aprender a aprender.

En 1.º de bacharelato elaborouse un algario no que se recolleron algas para o que se utilizou a información recollida na páxina web de MeteoGalicia. Este proceso fíxose fóra do horario lectivo. A montaxe das algas fíxose por parellas sobre unha cartolina, despois dun proceso de secado e prensado. Unha vez secas, procedemos a clasificar as algas e para isto utilizáronse as guías de campo e mostras doutros exemplares xa clasificados e herborizados.

En 4.º da ESO, dentro da unidade didáctica “As costas de Galicia”, elaborouse un panel sobre as características do ecosistema mariño galego e as súas peculiaridades. Unha vez rematados os traballos na aula, o seguinte paso foi darllos a coñecer ao resto da comunidade educativa, coa colaboración da Biblioteca, para poder así usalo como un recurso máis e tamén para poñer en valor o traballo realizado por este alumnado e a súa implicación no proxecto.

Para a exposición confeccionáronse paneis coas algas e os seus grupos, describíronse as especies máis representativas e informouse sobre os seus usos, especialmente como recurso na alimentación. Decoráronse os corredores con motivos mariños, como mexillóns xigantes, estrelas de mar e medusas, que colgaban do teito e que foron realizadas polo alumnado dos grupos participantes. Tamén se fixo unha pequena exposición de artes de pesca, redes, nasas que trouxeron os propios rapaces, xa que nalgún caso as súas familias se dedicaron á pesca ou ao marisqueo. E incluíuse tamén información relativa ao aparello e aos seus usos.

Unha vez montada a exposición, podemos dicir que conseguimos traer ao centro un anaco de mar.

Sección: