Redes en torno á lectura

As familias no punto de mira: unha experiencia conxunta dos equipos das bibliotecas escolares do concello de Sanxenxo
Ao longo de dúas tardes consecutivas o Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo reuniu un público heteroxéneo que gozou arredor da lectura e dos libros. Nenos e nenas, xunto coa mocidade dos distintos centros educativos de Sanxenxo e as súas familias, participaron en diversas actividades que lles permitiron achegarse máis de preto ás historias, ás lendas urbanas, á poesía, á linguaxe corporal, ao poder evocador da música… todas elas en espazos nos que o gozo e a sensación de liberdade acompañaba a creatividade e rompía os límites convencionais da aula.

María Dolores Tobío Iglesias
Coordinadora da Biblioteca IES Sanxenxo
tobioiglesias@edu.xunta.es

 

Encontro lectura e familias                  

Un dos obxectivos principais que se mantén dentro do Plan LÍA (2010-2015) das Bibliotecas Escolares de Galicia para a lectura, a información e a aprendizaxe é o de estimular a experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa e como liña estratéxica sinálase alcanzar maiores cotas de implicación das familias na formación de novos lectores.

A biblioteca escolar constitúe, polo tanto, un recurso coa capacidade suficiente para apoiar os pais e nais e colaborar con eles no proceso de dinamización lectora común e compartido co centro educativo, que implique un paso mais alá das colaboracións puntuais en aspectos funcionais ou organizativos, necesarios igualmente.

Se partimos desta base, a biblioteca escolar ten que ser concibida como unha ponte entre o centro educativo e o seu contorno, como ventá que se abre ao mundo e non só como depositaria dun patrimonio universal de palabras e imaxes. En consecuencia, o seu usuario non será soamente o profesorado e o alumnado do centro, senón tamén as nais e pais, os antigos alumnos e alumnas, o persoal non docente… Estará vinculada internamente aos distintos departamentos e ciclos educativos, pero tamén ás familias, aos outros centros, bibliotecas públicas, librerías e entidades culturais da zona co fin común de xerar cultura.

De aí que os equipos das bibliotecas escolares do concello de Sanxenxo –CEIP A Florida, CEIP Dorrón, CEIP Portonovo, IES Vilalonga e IES Sanxenxo–, en colaboración coa Federación de Anpas O Con de Sanxenxo e coa Librería Nós, unisen os seus esforzos para promover un encontro de lectura e familias ao que se sumaron os outros equipos de bibliotecas escolares e municipais, anpas, libreiros e a Concellería de Educación e Cultura de Sanxenxo. O encontro tivo lugar os días 12 e 13 de abril de 2012 no auditorio municipal.

A proposta está enmarcada dentro do Plan lector dos distintos centros implicados, que veñen traballando na liña de establecer redes en torno á lectura desde anos atrás, con actividades como as Mochilas Viaxeiras, cargadas con variados documentos (películas, revistas, música, banda deseñada…) para compartir en familia; os libros de autopréstamo (sobre todo de temas pedagóxicos) para os pais e nais; os clubs de lectura abertos a toda a comunidade escolar; a participación na realización do certame literario intercentros e no acto da entrega de premios que se vén celebrando no auditorio do concello coa asistencia de escritores como Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Xabier P. Docampo, Yolanda Castaño, Xosé Neira Vilas, María Lado, Suso de Toro e Oriana Méndez, autores todos eles que prologan a edición impresa dos textos que resultan premiados. Esta cerimonia acolle o alumnado dos diferentes centros participantes e os seus familiares que comparten un acto cultural que aglutina e establece redes de colaboración e participación no municipio.

 

Obxectivos

O encontro de lectura e familias Lemosxuntos xorde coa intención de involucrar a toda a comunidade escolar do municipio de Sanxenxo cos seguintes obxectivos:

  • Promover o gusto pola lectura desde a educación infantil ata a etapa secundaria obrigatoria.
  • Conseguir un maior nivel de lectura nos nenos e na mocidade da vila.
  • Lograr un compromiso firme por parte de toda a sociedade cara á lectura e o seu desenvolvemento.
  • Implicar todas as entidades do municipio: colexios, institutos, rede de bibliotecas municipais, anpa, librerías, concello...
  • Formar cidadáns comprometidos e responsables no seu interese pola cultura partindo da actividade lectora como un medio que lles posibilite ampliar a súa visión do mundo.

 

Desenvolvemento

Para a difusión do evento créase, en primeiro lugar, un logotipo, un espazo en internet e a presenza nas redes sociais:

Blog: http://lemosxuntosanxenxo.blogspot.com.es/

Web: https://sites.google.com/site/lemosxuntosanxenxo/

Twitter: https://twitter.com/#!/Lemosxuntos

Facebook: http://facebook.com/lemosxuntos

Elabórase un boletín de inscrición que se distribúe por todos os centros educativos, bibliotecas e librerías do concello e que inclúe información sobre o encontro.

Solicítanselles libros ás editoriais para realizar un intercambio entre os asistentes e fanse unhas bolsas para agasallar con documentación e material dos encontros que inclúe, entre outros, os libros dirixidos ás familias, Sete cuestións sobre a lectura, dos materiais Hora de Ler, publicados pola Xunta de Galicia.

 

Intervención no espazo

No exterior do auditorio

Trátase de que o evento non pase desapercibido, que dese que falar, falar de libros. Escóllense citas literarias sobre a importancia da lectura compartida que, a modo de pancartas, se sitúan arredor da estatua de Emilia Pardo Bazán.

No vestíbulo do auditorio

Máis pancartas con citas literarias e unha gran campá confeccionada con tea que abeiraba libros para que a rapazada se puidese sentar a ler. Propiciouse un intercambio de libros –“trae un libro e colle outro”– e convidábase a escribir unha dedicatoria no libro que se deixaba. De forma permanente, estaba instalada unha proxección dunha presentación con distintas actividades de fomento da lectura levadas a cabo polos diferentes centros participantes, entre outras hai que destacar os apadriñamentos lectores entre os nenos de educación infantil e o alumnado de secundaria.

 

Actividades

Pódense clasificar segundo os seguintes criterios:

Participación activa das familias

A través da lectura compartida de poemas de Celso Emilio Ferreiro entre os pais/nais cos seus fillos e fillas o primeiro día a modo de apertura dos encontros. O segundo día rematouse coas conclusións dos encontros por parte dos sectores implicados da comunidade educativa: familias/profesorado/alumnado de primaria e secundaria.   

Participación dos expertos

Mesa redonda “Ler no século XXI”: intervención desde tres ámbitos: biblioteca escolar, mercado editorial e a dinamización lectora que se pode levar a cabo no eido municipal, coa finalidade de proporcionar distintos puntos de vista. E como conferencia de peche, Animádeos a ler!, tamén a familia forma lectores”, a cargo de Juan Mata Anaya, profesor da Universidade de Granada.

Actividades de animación

Contacontos inglés/galego de Charo Pita/Tim Bowley e Cunqueiradas de Cándido Pazó.

Obradoiros

Para o alumnado de primaria, secundaria e familias: Carballo con Botas, Charo Pita, Ana Abelenda, Clara Gayo, A Tropa de Trapo; e o Proxecto Linguas no Ensino da USC, coordinado por Noa Presas. Para ver máis información do programa, obradoiros, relatores, vídeos e o desenvolvemento da actividade Lemosxuntos, poden consultarse os seguintes enlaces:

http://lemosxuntosanxenxo.blogspot.com.es/

https://sites.google.com/site/lemosxuntosanxenxo/

http://bibliotecaiesanxenxo.blogspot.com.es/search/label/Lemosxuntos

 

 

Valoración

Resulta evidente que a comunidade no seu conxunto pode alentar ou desanimar o desexo de ler, valoralo ou desestimalo, facilitalo ou obstruílo. Nestes posibles contextos sitúanse as bibliotecas escolares que continúan tendo como obxectivo básico formar lectores, ao lado dos outros usos e funcións sobrevidas porque de todos é sabido que aprender a ler e a escribir constitúe a principal porta de acceso á cultura e á vida social.

A lectura defínese como un acto de vontade persoal, pero tamén de circunstancias, experiencias e oportunidades culturais, o que implica que desde as bibliotecas sexa necesario formular prácticas que alenten a opción de ler para que a lectura se expanda máis doadamente nun medio que lle sexa favorable. A sinerxía que se poida establecer entre os usuarios da biblioteca e a cidadanía para fomentar o compromiso e a participación da comunidade educativa nas actividades da biblioteca resulta un factor imprescindible que cómpre ter en conta.

Queremos destacar a importancia de crear foros como este encontro realizado en Sanxenxo para poñer en valor o feito de ler. Trátase de facer visible a lectura como valor social, valor que transcende mais alá do acto individual de ler en silencio e para cada un de nós, a lectura tamén se pode compartir cos outros; falamos e comentamos o que acontece nos libros, pero tamén iniciamos unha conversa a partir dos libros. E aí, neste diálogo e comunicación cos outros, atoparemos os temas reais que son, en definitiva, a vida mesma.     

No que respecta ao papel dos pais e nais, son importantes estes foros de encontro para favorecer a toma de conciencia nesta tarefa conxunta e para asumir a responsabilidade que, como mediadores, teñen no proceso do hábito lector. A lectura, ademais de ser un eixe de enriquecemento persoal, é un instrumento para o fortalecemento dos afectos e das relacións entre as persoas, que comeza no fogar, entre pais/nais e fillos/as. A lectura tamén é a chave para a aprendizaxe e o éxito escolar.

 Hai que ter en conta o momento actual que estamos vivindo e o impacto das tecnoloxías tamén na lectura. Hoxe os rapaces e rapazas len dunha forma diferente a cando nós aprendemos a ler. As lecturas de hoxe non só se realizan con texto senón tamén con hipertexto. Lemos nas pantallas dos ordenadores, nos teléfonos… No ámbito familiar é importante o papel que se ten como educadores para poder informar. De aí a necesidade de estar alfabetizados nas novas tecnoloxías.

A biblioteca escolar, unha vez máis, resulta esencial como fonte de recursos na procura da información e como un recurso que posibilita e garante a igualdade de oportunidades. As bibliotecas públicas e municipais tamén lles proporcionan estes medios aos seus usuarios. Por todo isto, xorde a necesidade de apoiarnos e coordinar os nosos esforzos nun proxecto común: LEMOSXUNTOS.

Os días 12 e 13 de abril vimos estes esforzos materializados: docentes dos distintos centros educativos do concello, de diferentes niveis educativos poñendo o noso punto de mira máis alá das aulas e do alumno ao que se examina, conscientes da importancia do papel das nais e pais na educación, que tamén estiveron presentes neste proxecto común a través dos seus representantes nas anpas e nas lecturas compartidas cos seus fillos e fillas homenaxeando a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento.

A materialización deste encontro de lectura e familias é a suma de distintas entidades vinculados ao mundo do libro e da lectura: bibliotecas escolares e municipais, anpas, librerías, Consellería de Cultura e Educación a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, a Concellería de Educación e Cultura do Concello de Sanxenxo e a colaboración doutras entidades como Novagaliciabanco, Colectivo Flu.or, moblería Nusco e Agadic.

Estas xornadas fixeron da lectura unha práctica feliz co esforzo de todos porque, en palabras do profesor Juan Mata, “non compete unicamente aos profesionais da educación, tamén nas bibliotecas, nos fogares ou nas rúas se xoga a sorte dun lector”.

 

 

Bibliografía: 

 

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA. “Biblioteca e comunidade escolar”, http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/467 [Consultado o 30/04/2013].  

COLECTIVO ACATROTINTAS (2007). Sete cuestións sobre a lectura. Materiais Hora de Ler. Xunta de Galicia.

MATA, J. (2004). Como mirar a la luna. Confesiones a una maestra sobre la formación del lector. Barcelona: Graó.

NOVOA, C. e SAMPEDRO, P. (2012). “Hora de ler. Un programa para el fomento de la lectura en centros educativos de Galicia”. En Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura/IV Congreso Leer.es, http://www.oei.es/congresolenguas/comunicacionesPDF/Novoa_Cristina2.pdf  [Consultado: 30/04/2013].    

Sección: