O cine, outro xeito de contar historias

Un bo apoio ao currículo: o proxecto interdisciplinar

Carmen Cancela Díaz
Coordinadora da biblioteca do CEIP de Louro (Muros-A Coruña)
carmencancela@edu.xunta.es

 

O CEIP Plurilingüe de Louro está situado na Costa da Morte, no ámbito rural e nunha pequena localidade de aproximadamente 1.000 habitantes de onde o centro toma o nome. O alumnado que escolariza é de infantil e primaria e a maioría do profesorado é definitivo.

Todas estas condicións favorecen e quizais propician o poder levar a cabo diferentes tipos de proxectos en común. A coordinación non é tan complicada coma en centros máis grandes e a convivencia interna adoita ser máis estreita. Isto, no noso caso, lévanos a propoñernos retos e ideas que sabemos que serán apoiadas polo resto do claustro.

Unha vez posta en marcha a biblioteca, actualizada e adaptada a estes tempos que corren e cun equipo de biblioteca estable, pensamos e asumimos que unha das nosas tarefas é formar o noso alumnado no acceso á información e ao seu tratamento. Que será así, e de forma interdisciplinar, o mellor xeito para incorporar a información ao seu coñecemento. Unha aprendizaxe máis significativa, traballando temas que produzan inquedanzas e curiosidade por saber.

Empezamos a levar a cabo proxectos documentais integrados de carácter anual onde:

  • O coñecemento non está parcelado por áreas.
  • Hai interdisciplinariedade con todas elas.
  • Propoñémonos metas comúns e camiñamos xuntos/as.


Para que sexa frutífero necesitamos:

  • Coordinación entre o profesorado.
  • Planificación.
  • Recursos.   

E é aquí onde o papel da biblioteca é fundamental. Será o eixe ao redor do cal se desenvolva todo o proxecto, a que nos proporcione os recursos e os medios, desde a que se elabore un plan de traballo e unhas propostas e a que nos leve a xuntar e compartir esforzos.

En liñas xerais, todos os proxectos que levamos a cabo teñen un esquema común:

No primeiro claustro do curso decidimos o tema que se vai traballar. Na súa elección temos en conta a posibilidade de contribución das diferentes áreas.

O Equipo da Biblioteca marca os obxectivos xerais que se queren acadar e planifica e coordina todo o traballo.

Durante o 1º trimestre:

Durante o 2º e 3º trimestres:

Guía de recursos

 

Durante o pasado curso 2012-13 levamos a cabo un proxecto sobre o cine no que nos marcamos como obxectivos os seguintes:

  • Investigar sobre a historia do cine e a súa evolución.
  • Coñecer os diferentes xéneros cinematográficos.
  • Recoñecer as diferentes profesións que interveñen na realización dunha película.
  • Entender e recoñecer os elementos da linguaxe audiovisual.
  • Apreciar unha forma distinta de “contar” historias.
  • Conseguir unha actitude “activa” durante o visionado dun film.
  • Reflexionar e plantexarse diferentes cuestións ao ver unha película.
  • Debatir sobre os temas que a película  nos propón.

A distribución de tarefas por áreas foi a seguinte:

LINGUAS CASTELÁ, GALEGA E COÑECEMENTO DO MEDIO

- Lectura de diferentes libros de fición.
- Visionado de películas de diferentes xéneros e traballo sobre elas.
- Tipos de textos: a biografía e a entrevista (no 3º ciclo). Partindo da biografía de diferentes estrelas do cine elabórase, por parellas, unha entrevista ficticia da que posteriormente se grava o audio.
- Búsqueda documental: Hª e evolución do cine. Profesións, vocabulario específico. (exemplos: fichas 1º ciclo, ppt 3º ciclo)
- Story-board: Coñecer o que é, a súa utilidade e función.  

 

INGLÉS

- Desde esta área investígase sobre Hollywood e os Oscars, e apréndese vocabulario específico sobre o tema.
- Aproveitando que contamos no Centro cun auxiliar de conversa escocés, profundizamos un pouco nos actores, actrices e directores escoceses asi como nalgunhas películas desta nacionalidade.

 

PLÁSTICA

- Linguaxe visual: A partir do cómic trabállanse os diferentes tipos de planos e angulacións. Do papel, pásase á súa identificación nos films e estúdase a información que transmiten.
- Animación: Partindo das películas de animación, investigamos como se logra o movemento desde a orixe do cine ata hoxe:

  • Construíndo taumatropos, zoótropos,  praxinoscopios, fenaquistoscopios, flip-books,…   
  •                   
  • Aprendendo a técnica do Stop Motion para:

          - Facer curtas onde nós somos os personaxes (obradoiro para todo o alumnado a cargo de especialistas: Javier Rosell e Minia Regos)
          - Crear curtas de animación de textos coñecidos (participación na campaña “Nós tamén creamos” convocada por OQO, a CRTVG e a Secretaria Xeral de Política Lingüística).

                                                                                                                                                                                      

MÚSICA

Desde esta área se traballan a evolución, a función e importancia da música nunha película.

Experimentan a diferencia de ver unha mesma escea con e sen música, ou incluso de vela con diferentes músicas (1 e 2). Así comproban a resposta das nosas sensacións, dos nosos sentimentos, de como a música se pode utilizar para “manipulalos”.

Trabállanse tamén as bandas sonoras e incluso se chega a interpretar algunha pequena peza musical.

Como froito dun traballo de búsqueda documental elabórase, no 2º e 3º ciclos, un libro acompañado de CD no que se refrexa a evolución da música e a súa importancia desde o cine mudo ata os nosos días.

 

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS E EXTRAESCOLARES

Organiza e fai factible a realización de diferentes actividades relacionadas co proxecto: visita dalgún actor, ciclos de películas polas tardes, saída para ver un filme nun cine, Entroido, festival…

 

EDUCACIÓN FÍSICA

No terceiro ciclo, a través dunha webquest, facemos unha incursión no mundo do cine para ver que películas atopamos que traten diversos temas relacionados co deporte.

Distribuídos en grupos, cada un encárgase de recompilar a información sobre as películas relacionadas con cada deporte e ao finalizar esta investigación teñen que facer un Power Point completando a ficha de cada película seleccionada, na que se incluirá, ademais, o tráiler da película e a súa banda sonora.

 

EDLG

De todas as actividades que este equipo programa durante o curso, hai dúas en especial que se deseñan como apoio e complemento ao proxecto que se está a desenvolver.

  • As Xornadas de Convivencia cos Nosos Maiores. Un día no que a xente maior vén ao colexio compartir con nós saber e experiencia. Nesta ocasión coñecemos os espectáculos (cine, teatro, baile…) que había antes na nosa aldea da voz daqueles/as que puideron gozalos. Tamén coñecemos os distintos filmes que se rodaron na zona e algún dos “extras” que participaron neles cóntannos a súa experiencia.
  • O certame literario Laxe das Rodas. Un concurso de creación libre e individual ofrece a posibilidade de inventar relatos relacionados co cine.
     

PARTICIPACIÓN DAS FAMILIAS

Desde a biblioteca tamén se intenta a participación das familias tanto en actividades coma a anterior ou na que se explicará a continuación coma en concursos de busca documental axudando os seus fillos e fillas a buscar as respostas. É o caso do concurso O Preguntón.

Normalmente, ao final do segundo trimestre levamos a cabo unha Xincana. Un xogo no que, ademais de divertirnos e poñer en práctica determinadas aptitudes e habilidades, temos que render contas do aprendido.

A mascota da biblioteca anúnciaa e, basicamente, a dinámica do xogo sería como segue:

Os materiais: normas, lugares de partida dos equipos, medallóns para os integrantes, preguntas, probas, xeroglíficos.

REPERCUSIÓNS

  • Contribuímos a fomentar a lectura desde varios ámbitos diferentes: lectura de imaxes, achegamento do cómic e da súa linguaxe, traballo con diferentes tipos de texto: biografía, texto informativo, literario, audiovisual..., planificación de entrevistas, lectura de libros de ficción relacionados co tema…
  • A biblioteca é un recurso fundamental na práctica educativa.
  • O alumnado é protagonista da súa aprendizaxe.

En concreto, e en sentido amplo, con este proxecto conseguimos, ademais dun achegamento ao cine:

  • Apreciar a función de elementos como o son e a imaxe para transmitir información e espertar os sentimentos.
  • Dar o primeiro paso na alfabetización audiovisual do noso alumnado. Temos que formalo para que desenvolva a súa capacidade para analizar e producir textos audiovisuais, e preparalo para o consumo crítico dos produtos dos medios de masas como o cine, a televisión ou a publicidade.
  • Espertar o interese por descubrir novos coñecementos.

Se o alumnado é importante, non o é menos a coordinación entre o profesorado, a colaboración e a unión para percorrer o camiño xuntos e un proxecto deste tipo axúdanos a conseguilo.

 

Sección: