Scherzo-rap

O podcast do CMUS Profesional de Vigo
Unha entrevista a Luísa Villalta (Letras Galegas 2024) cun agasallo moi especial: a interpretación en forma de rap do terceiro movemento - scherzo «As aves» do seu «Poema cíclico para soprano e cuarteto de corda» (Grial do sol perdido, 1985) pola Orquestra Júnior do CMUS Profesional de Vigo.

Susana Pérez
susanaperez@edu.xunta.gal
Belén Ferreiro
belem@edu.xunta.gal
Rebeca Carrera
rebecacarrera@edu.xunta.gal
Enclave Morada do CMUS Profesional de Vigo (Vigo-Pontevedra) 

 

 

A idea deste proxecto parte de Enclave Morada. Enclave Morada somos Susana Pérez (piano), Belén Ferreiro (viola) e Rebeca Carrera (gaita), tres profesoras interesadas en visibilizar as mulleres nas artes e, especialmente, na música, como non podía ser doutro xeito tratándose o noso centro dun conservatorio. Este ano 2024, a Academia Galega decidiu homenaxear unha muller, a sexta desde aquel primeiro 17 de maio dedicado a Rosalía de Castro no ano 1963. Puxemos o foco en Luísa Villalta porque, ademais de ser autora de obra relevante en lingua galega, como marca a Academia, Luísa era violinista. A música está moi presente na súa obra poética e as referencias a esta son constantes: Música Reservada coa súa «Zarabanda» e «Courante», Ruído coa súa «Ópera» e «O terceiro sonido», palabras como silencio, ritmo, latexo, música, melodía, etc. abundan nos seus versos. Para a realización da parte musical do podcast, escollemos o seu «Poema cíclico para soprano e cuarteto de corda, dentro do Grial do sol perdido, concretamente o terceiro movemento, un scherzo titulado «As aves». 

 

 

Coñecer a figura de Luísa Villalta e achegarse á súa obra foi un dos obxectivos deste traballo. Ao mesmo tempo, propuxémonos que o alumnado fose consciente do poder que ten a música para comunicar ideas e de que a poesía non ten por que estar lonxe da súa realidade. Incidindo neste punto, necesitabamos unha idea musical fresca, que transmitise forza e coa que eles se sentisen identificados; tamén un formato directo e rápido. É neste punto cando xuntamos os dous elementos centrais deste proxecto: o rap e o podcast. 

Levabamos tempo en conversas coa coordinadora da biblioteca, Blanca Vázquez, estudando a posibilidade de crear unha radio escolar que atendese ás singularidades propias das nosas ensinanzas: moitas clases individuais e de pequenos agrupamentos, días e franxas horarias diferentes para acudir ás clases, moita diferenza de idade e, en consecuencia, intereses e motivacións tamén moi dispares... Algo vantaxoso como poder proporcionar unha atención individualizada convértese nunha dificultade se o que queremos é realizar actividades transversais nas que poidan confluír moitos membros da comunidade educativa. O podcast chegou ao Conservatorio Profesional de Música de Vigo este curso 2023/24 da man de Cristian Silva, e é unha alternativa posible. O seu formato permite as escoitas en diferido e calquera tema de interese no centro é susceptible de converterse nun podcast. 

 

 

Para a elaboración do noso scherzo-rap, decidimos tomar como referencia o podcast xa existente no centro, «Os Contos da Miñoca», Os Contos da Miñoca/Podcast Cmusvigo mantendo a estrutura xeral de presentación da invitada e entrevista, concerto, preguntas breves da Miñoca e despedida. A nosa invitada sería Cecilia Martínez, profesora de Linguaxe Musical, que faría o papel de Luísa Villalta, quen, cos seus propios, textos daría resposta ás preguntas formuladas. 

 

 

Para a parte de creación musical escollemos unha das aulas máis numerosas do centro, a Orquestra Júnior, cun total de 34 instrumentistas dos primeiros cursos do grao profesional, e dividimos en varias fases esta parte do traballo: selección do poema, creación da base musical, elección do ritmo no que se ía rapear o texto, elaboración dos materiais para facilitar a lectura (letras, partituras etc.), preparación da interpretación, gravación e edición. En canto á interpretación, partimos dunha base integrada por piano, cordas graves (cellos e contrabaixos) e batería. A isto sumámoslle o texto de Villalta e unha morea de efectos sonoros producidos tanto por instrumentos coma polo propio corpo. 

 

 

A experiencia da gravación foi moi gratificante, tanto para o profesorado coma para o alumnado, receptivo en todo momento a todas ás propostas que se lle fixeron. Gustounos especialmente escoitar, unha vez rematada a sesión, que se repetían algúns dos fragmentos polos corredores do centro, proba de que os nosos obxectivos estaban cumpridos. Consideramos que foi un acerto o formato escollido, xa que fomos quen de divertirnos nun proceso que achegou a música á poesía, ingredientes indispensables na obra de Villalta.

 

Vídeo-podcast

 

Sección: