Os nosos clubs de lectura

Un percorrido polos 2 primeiros anos dos nosos clubs de lectura de alumnado e de familias e profesorado
Hai 3 cursos iniciamos, con moita ilusión, a nosa “andaina” nos Clubs de Lectura: un para familias e profesorado e outro para alumnado de 3º ciclo. Como obxectivo principal coas familias establecer un vínculo máis próximo mediante unha actividade de lecer, como é a lectura. E co alumando fomentar o gusto pola lectura, a reflexión e o traballo colaborativo; compartindo, creando e divulgando contidos. E así foi como arrincamos...

Leonisa Vázquez Chousal
CEIP Xuvencos (Boborás-Ourense)
leonisa.v.chousal@edu.xunta.gal

 

 

Reunión do Club de Familias e profesorado coa participación do autor Francisco Castro para falar de A historia de Sara

 

O primeiro, dar as grazas por ter a oportunidade de contar o que facemos no noso centro, en especial a nosa andaina nos Clubs de Lectura.

E o segundo, dicir que me fixo moita ilusión ter esta oportunidade, pero ao mesmo tempo asaltoume un gran sentimento de responsabilidade, incerteza e moitas dúbidas: como podo compactar todo o que me gustaría contar en 1000 palabras?

Para dar un pouco de contexto, o  CEIP Xuvencos é un centro pequeno e rural (dúas unidades de educación infantil e seis de educación primaria) en Boborás, na comarca do Carballiño, que forma parte do PLAMBE desde hai tempo.

Temos un equipo directivo comprometido e implicado que cre na importancia de ser comunidade educativa. Como claustro, pretendemos que a biblioteca escolar sexa a impulsora do movemento no centro. Hai moito traballo en equipo e formación continua que secunda esta idea.

Sumámonos á distintas convocatorias progresivamente: comezamos coa Radio na Biblio, despois viñeron as Bibliotecas Creativas e, no curso 2021/22, apareceu Paz Pereiro no noso centro e díxonos LIA 3 e dixemos: «Si, moitísimas grazas!» (estaremos sempre agradecidas) e ese curso tamén foi no que nos iniciamos nos Clubs.

Arrincamos con moita ilusión. O mes de xuño anterior fixeramos unha «sondaxe» ás familias e ao alumnado de quinto de educación primaria para saber se estarían interesados e interesadas en formar parte dun club de lectura.

A resposta foi positiva e lanzámonos á piscina coa idea de comezar en setembro (ou sexa, no curso 2021/22), con tan boa sorte que xusto ese curso era o primeiro no que os CEIP podiamos acceder á convocatoria dos Clubs de Lectura e, obviamente, decidimos presentar o noso proxecto.

En setembro volvemos sondar e, así, o noso primeiro ano dos Clubs de Lectura estivo formado por un pequeno grupo de familias e profesorado (seis familias e cinco mestras) e de alumnado de sexto de educación primaria (13 participantes).

Puntos en común dos dous clubs: as reunións son fóra do horario escolar, normalmente de dúas horas de duración (no de familias pode que algo máis), e sempre as rematamos cunha «merendiña» porque cremos que axuda a crear un momento de relax e distensión.

No Club de Familias non temos día establecido, normalmente axustamos para que poida asistir a maioría, xa que somos conscientes de que é case imposible poder vir  todas (depende das quendas de traballo, das actividades extraescolares dos seus fillos e fillas); e co de alumnado pásanos o mesmo, sondamos que día de preferencia teñen (xa que moitos teñen actividades polas tardes).

Que dicir da experiencia? Pois foi altamente gratificante en ambos os clubs.

 

Primeira reunión do Club de Familias e profesorado neste curso 2023/24 para falar   da lectura do verán​

 

Falarei primeiro do Club de Familias: na primeira reunión estabamos todas un pouco nerviosas e falamos dos nosos libros favoritos.

Quizais pensamos no club como un achegamento, como un sentar as bases, como facer por sentirnos comunidade e se as cousas avanzan, rematar facendo unha «escola de familias».

Coas familias o primeiro ano lemos catro títulos (e tamén unha lectura de verán) e comezamos os dous anos con Ledicia Costas: o primeiro con  Golpes de luz e o segundo con  Infamia. Tocará este ano Ultraluz?

As lecturas normalmente propoñémolas nós, pero unha das lecturas sempre é escollida polas familias (propoñen, buscamos a sinopse e votamos, e outra é unha lectura de verán que cadaquén escolle o que quere ler e é o que marca o inicio da primeira reunión de inicio de curso; moitas desas lecturas despois vanse intercambiando entre as participantes).

O curso pasado, no Club de Familias medramos ata ter trece familias participantes e catro mestras. Sentímonos    moi orgullosas de formar parte desta pequena comunidade que medra arredor dos libros, de compartir vivencias, do que nos fan sentir e tamén de interactuar cos autores. E como colofón fixemos unha  «excursión» un domingo, a finais de xuño, para visitar os espazos da nosa última lectura (que era algo «pendente» do  curso anterior).

Este ano medramos ata 18 familias e quizais este sexa o curso máis complexo de xestionar, pero ganas e ilusión non faltan.

Nas reunións xorde unha complicidade, unha sinceridade e un compartir realmente máxico, e sempre dicimos iso de «o que se fala no club de lectura, queda no club de lectura».

Obviamente recomendamos os Clubs de Lectura, a experiencia no de familias e profesorado é engaiolante, esa emoción de planificar, de pensar nas seguintes reunións, de se imos facer unha saída, de cambiar plans para poder ir ás reunións, ir a presentacións de libros, que algún dos autores se achegue ao noso cole para falar do seu libro con nós...

Ese sentimento de pertenza, de querenza, de protagonismo que senten os e as participantes nos clubs, penso que é un elemento moi enriquecedor.

Seguiremos coa mesma ilusión, ou pode que máis, sementando lecturas e compartindo momentos. E seguimos medrando, este ano incorporáronse novas familias e decidimos darlle outro enfoque ás nosas «merendiñas», xa que en cada reunión tres participantes van preparar algo «saudable» para compartir co resto. O noso PDI de centro este curso é  Xuve Saudable e queremos ser coherentes con el.

 

Reunión do Club de Alumnado de sexto o primeiro ano argallando o programa de radio para falar de Plan de rescate

 

Falarei agora do Club de Alumnado. Comezamos cunha proposta por parte do alumnado:

«Apuntámonos se unha das lecturas é manga!».

Pareceunos unha proposta totalmente factible... e así fomos combinando distintos tipos de actividades para falar das lecturas: unha andaina ao  Castro de Cameixa para falar dos «Barbanzóns», unha presentación con Canva para falar da súa lectura  manga, un pequeno programa de radio para falar de  Plan de rescate e moitos xogos de cohesión para traballar as lecturas e tamén artigos de prensa relacionados cos contidos que deron lugar a debates moi interesantes para un alumando de sexto de educación primaria.

O curso pasado ampliamos a quinto de educación primaria repetindo as actividades e propostas do curso anterior e resultou moi gratificante a interacción do alumnado do ciclo, como compartían as sensacións que lles produciron as lecturas, o interese por saber que actividades iamos facer nas reunións e a curiosidade que tiñan por saber cal ía ser a «merendiña» posterior á reunión.

Con respecto á escolla das lecturas, realizouse en estreita colaboración coas titoras do terceiro ciclo, que tamén asistiron a todas as reunións do club.

Xa queda como marca a lectura de manga, na que cadaquén escolle un título e fai unha pequena presentación do libro en Canva (personaxes, fío, historia, a que idades vai recomendado, por que lles gusta, elementos visuais...). Aínda que  no primeiro curso foi todo sobre manga, o pasado xa houbo quen preferiu facelo tamén sobre banda deseñada.

É unha delicia escoitalas e escoitalos falar apaixonadamente sobre algo que elixiron, do que gozan e que lles gusta diante dos seus compañeiros (que tamén fan as valoracións pertinentes sobre a presentación dun xeito moi obxectivo).

Este ano cambiamos as lecturas, xa que temos alumnado que participou o curso pasado,  e imos comezar, sendo o ano da banda deseñada, con Irene, a porteira.

Despois, en coordinación coas titoras do terceiro ciclo, iremos escollendo as lecturas (o alumnado le na Hora de Ler).

Somos conscientes tamén de que, en xeral, lles custa máis ler en galego, polo que intentamos que a maioría das lecturas sexa na nosa lingua.

Intentamos integrar a radio, os xogos e distintas actividades nas reunións. Desta volta xa nos preguntaron a onde imos ir camiñando... e estamos a darlle unha volta ao tema.

É importante tamén ser agradecidas e para nós hai dúas librarías no Carballiño que son fundamentais: A Escolma, na que nos asesoran con total confianza con respecto ao manga, á súa lectura, idades recomendadas e contidos; e O Zoco gz, que nos facilitou a interacción con María Solar e mais con Francisco Castro despois de asistir á presentación dos seus libros (a foto da portada do artigo é a que fixemos cando veu falar con nós de A historia de Sara).

Para finalizar, cómpre dicir que, aos poucos e con ganas e ilusión, podemos facer moitas cousas como comunidade arredor dos libros e da lectura.

Só unha anécdota: o curso pasado comezamos máis tarde do agardado por mor das obras do Plan LIA 3 e, cando comecei a chamar as familias para marcar a primeira reunión, houbo varias que dixeron: «Como estaba agardando a túa chamada!»

E así, con ese subidón de enerxía, con esas sinerxías que se crean, esa complicidade, ese «formar parte dun selecto club», remato.

 

Grazas por chegar ata aquí.

 

Sección: