Artesanía e conflito en Oleiros durante o século XVII

Un apuntamento histórico-toponímico
O topónimo Oleiros é un dos máis coñecidos de Galicia pola relevancia do municipio ao que alude. A tradición oleira do concello valorizouse en virtude de eventos e infraestruturas culturais que, co uso da documentación histórica, agora se relacionan efectivamente con este oficio artesán. Un documento de natureza xurídica da Real Audiencia apunta á confirmación definitiva de que o topónimo do populoso concello coruñés probablemente se debe á actividade artesávinculada coa manufactura de potas e cacharros de barro. A maiores, a casuística da que informarmos revela sorprendentes conexións históricas entre o pasado oleiro do municipio e a localización actual do seu coñecido Museo dos Oleiros.

Vítor Manuel Migués
Profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Historia
vitormanuel.migues@usc.es

 

Introdución e marco

A consulta dun preito da sección nobreza do Arquivo do Reino de Galicia revelou unha interesante información sobre a actividade oleira no concello de Oleiros.[i] O preito foi iniciado en 1692 polos posuidores da casa coñecida como Torres de Coruxo de Abaixo, situada no actual núcleo urbano de Santa Cruz (Oleiros-A Coruña), un dos múltiples soares fidalgos que se levantan nas chamadas terras baixas costeiras—ou «mariñas»— coruñesas.

Sabemos quea devandita casa foi fundada por Suero Pérez de Taibo e Constanza Patiño nunha data próxima a finais do XVI e comezos do XVII, nun tempo pródigo nese tipo de fundacións de novos soares da pequena nobreza. O documento infórmanos de que o vínculo do groso das propiedades da casa de Coruxo sería fundado posteriormente por García Freire de Andrade, pai dun vinculeiro, Gabriel Freire, quen se enfronta a varios veciños orixinarios de Bergantiños que intentan sacar partido da barreiradun monte próximo á casa, coa intención de fabricar potas e outros produtos oleiros.

O preito proporciona algúns detalles sobre o conflito dominial que xorde en relación co monte, que para parte dos veciños semella un territorio con dereitos comunais e aberto á explotación, fronte á contradición que sobre iso fai o vinculeiro, que entende que a explotación da barreira, lonxe de entrar nun aproveitamento comunitario, viola patrimonio vincular, e como resultado do cal se xera un conflito violento que se «compón» cun acordo entre os artesáns e o vinculeiro. Composición que revela o seu carácter transitorio anos máis tarde cando se produce un novo intento de apropiación do terreo unha vez que a herdeira do vinculeiro se mudaa Bergantiños.

Máis aló da dialéctica de poder sobre o control da terra, os seus bens e materias primas, ou da intrahistoria dominial destas, onte e hoxe, emblemáticas Torres de Coruxo, o preito revela a existencia de zonas pródigas en barro —ou barreiras— que testemuñan a actividade oleira levada a cabo nesta parte da costa ártabra e que, ao cabo, confirman as teorías que relacionan o topónimo Oleiros cunha manufactura característica e tradicional da zona. Cuestión ata hoxe máis que suposta, pero non confirmada de maneira plena.

 

Un topónimo de orixe intuída

Mencionar Oleiros supón, polo menos dentro do ámbito do Estado español, identificar esta palabra cun pequeno ámbito xeográfico de limitada relevancia, pero non por iso descoñecido. Enprimeiro lugar, por darlle nome a un municipio limítrofe co da Coruña, que é hoxe en día, de facto, unterritorio cun constante crecemento demográfico ao participar do dinamismo demográfico da urbe coruñesa e formar parte da súa coroa metropolitana,[ii] aínda que de maneira oficial, debido a que no presente algunhas das súas parroquias xa forman parte do centro urbano da Coruña.[iii] En segundo lugar, por ser un dos cen municipios máis relevantes de España en renda por habitante (33 708 euros de renda media, o que supón situarse entre os 25 máis ricos de España por encima dos 20 000 habitantes), encabezando neste particular a clasificación galega na actualidade (2022), o que se atribúe a un magma social característico de segundas residencias e vivendas unifamiliares de clase media-alta.

O actual concello de Oleiros xogou historicamente un rol estratéxico como defensa oriental da ría de Coruña e do seu presidio homónimo, o cal se manifesta no castelo de Santa Cruz, hoxe en día emblema do municipio e referente turístico pola súa óptima conservación e porte elegante en plena ría.[iv]

 

Os oleiros aproveitaban a barreira de Liáns e fornecían cacharros e material ao pazo

 

Por todo iso, dos múltiples topónimos Oleiros que se rexistran en España—ata once en Galicia segundo o nomenclátor (González da Pena, 2009)—, é este, sen dúbida, o máis coñecido de todos,[v] aínda que outras localizacións con idéntico topónimo aparecen documentadas máis lonxevamente,[vi] posto que a maioría das referentes ao Oleiros da antiga xurisdición de Miraflores corresponden ao século XVIII.

A toponimia oficial da provincia da Coruña está regulada polo Decreto 189/2003, do 6 de febreiro (DOG do 25 de marzo de 2003) e nela refírese como Oleiros a denominación do concello en cuestión.

Nunha recente achega sobre o particular, González da Pena (2009) resumía as principais teorías sobre a orixe do topónimo, relacionadas coa palabra latina ollam, vinculada cos recipientes ou vasillas cerámicas que desde o século XVIII Martín Sarmiento ou Antonio Valladares de Sotomayor relacionaron con depósitos funerarios megalíticos. Trátase, indubidablemente, da principal teoría sobre o particular tendo en conta que, fronte a outras posibilidades,[vii] a relación con depósitos ou utensilios cerámicos semella máis que razoable nunha zona limítrofe cunha cidade e de imprescindible demanda en certo tipo de manufacturas coma estas ou outras igualmente imprescindibles, como foi o caso dascanastras para o peixe, que deron orixe á imposición fiscal da cestería (Saavedra Vázquez, 1996, p. 286 et287).[viii]

A relación entre a produción cerámica e o topónimo prefigúrase con certa base nunha aproximación filolóxica desde dous puntos de vista. En contra do que puidese parecer, o topónimo Oleiros[ix] non é de todo revelador debido a que, a pesar de lle dar nome ao concello coruñés en virtude dunha localización puntual,[x] non se rexistra, por exemplo, en zonas de ampla tradición oleira como son Outeiro de Rei ou A Laracha. Resulta máis significativo todo o relativo aos derivados de barro (Barreira, Barral, Barreiros, As Barreiras…), que si manifestan unha frecuencia case automática entre zonas de tradición oleira e a aparición destas variantes.[xi]

No actual termo municipal de Oleiros atopamos, ademais da Cruz de Oleiros na parroquia homónima, O Barreiro en Santa María de Dexo, tres A Barreira (en Santa María de Dexo, San Martiño de Dorneda e Santa María de Oleiros) e un O Barral en Santalla de Liáns; o que denota unha veta relativamente repartida desta materia prima ao longo do territorio.

Na actualidade, o concello faise eco da súa relación toponímica co oficio tradicional de dúas formas principalmente. Por unha banda, creando un museo dedicado á olería tradicional que é promovido como un dos recursos turísticos municipais;[xii] pero tamén levando a cabo todos os meses de agosto un mercado ao aire libre denominado Alfaroleiros, que alcanzou unha singular reputación por congregar nos xardíns da localidade de Santa Cruzartesánsde toda España que expoñen e venden as súas producións dunha maneira directa e colorista sobre a propia herba do parque da localidade, o cal se traduciu nun evento moi concorrido.

 

Alfaroleiros é un evento de exaltación oleira na parroquia onde tiveron lugar os feitos

 

Non cabe dúbida de que este particular municipio coruñés se comprace e fai gala da súa vinculación coa «olería» dentro dun recente costume de difusión ou festexo dunha tradición manufactureira comarcal a través de eventos festivos (González Reboredo, 1997, p. 270), que no caso do municipio coruñés revela unha filiación histórica cega coa tradición oleira, no sentido de non estar especialmente documentada máis aló do estritamente toponímico,[xiii] o que demostra un empeño en convertelo nun elemento simbólico do territorio.

 

Unha zona fornecedora da urbe herculina

Ben é certo que a documentación dunha tradición oleira choca coa realidade dun oficio que asistiu en pleno século XX a unha forte decadencia, preámbulo nalgúns casos dun revival romántico, ata o extremo de levar a unha case práctica desaparición da actividade, mesmo en zonas de coñecida traxectoria artesanal (Freire, 2004, 487-523). Neste sentido, son múltiples os casos galegos que permiten validar a hipótese de que a actividade oleira de Oleiros fose esquecida, proceso que perfectamente podería ser favorecido pola proximidade á cidade coruñesa que, se no período preindustrial tería un efecto vivificador na produción artesanal da comarca, nas décadas máis recentes podería ter o efecto contrario debido á competencia dos tendeiros e establecementos comerciais da mesma cidade.

Por iso o que documenta o preito obxecto deste estudo —a migración de curta distancia de oleiros de Buño que se desprazan ás Mariñas para producir cerámica— é probable que se produza no contexto de crecente demanda e diversificación profesional que acompaña o carácter urbano da comarca coruñesa,[xiv] na que o lugar de Santa Cruz, a escasos quilómetros da pasaxe da ría que conducía á urbe herculina, ben puidese ser unha das localizacións nas que a materia prima do oleirose atopase a menor distancia do principal foco de consumo, sempre vinculado con aglomeracións de poboación.[xv] Sobre ese particular parece bastante común que a actividade oleira tivese unha localización máis rural ca outras artesanías con perfil máis urbano, sen que iso non sexa óbice para que os seus axentes teñan unha relación fluída coa cidade,[xvi] tal e como demostra o preito obxecto deste estudo, no que un dos demandados é veciño do lugar da Pasaxe.

Poderíase establecer como hipótese válida que a actividade oleira de Oleiros estivese moi determinada por un importante fluxo de demanda procedente non só das zonas próximas senón da propia urbe herculina. García Alén (1983, p.187) xa destacou que unha das claves da vitalidade do núcleo cerámico de Bonxe (Outeiro de Rei) non só foi a subministración a varias zonas próximas da propia provincia (Terra Chá, Sarria…) e de provincias limítrofes (Melide, Ordes, Mesía), senón da propia cidade de Lugo. Non en balde, unha rápida panorámica ás localizacións tradicionais de produción oleira apunta a unha distribución na que as áreas limítrofes ás cidades adquiren un especial protagonismo, o que encaixaría cos círculos de comunicación preindustriais propugnados por Chaunu, ou cos espazos frumentarios que marcaban as cidades do Antigo Réxime, con raios de entre 15-20 quilómetros (Gelabert González, 1982, p.207).

E así o vemos dentro de Galicia en Lugo (Bonxe), Ourense (Ramirás, Esgos, Maceda, Niñodaguia…), zonas próximas a Pontevedra e á ría de Vigo (Cesantes, Mos, Porriño, Budiño…), e na zona ártabra que nos ocupa, con núcleos produtores en Buño, Oleiros, Betanzos ou mesmo Narón e Ares. Parece un feito fóra de toda dúbida que o comercio de cacharros nas cidades galegas foi un forte imán para o desenvolvemento de producións cerámicas.[xvii]

Nese sentido, o documento non só dá mostra do contexto produtivo e da conflitividade relativa a este nunha comarca urbana, senón tamén dos movementos migratorios a escala comarcal, que, como adoita acontecer, é unha realidade tan sensible como con certa opacidade pola inexistencia de fontes específicas, o que obriga a recorrer a fontes indirectas como a que nos ocupa.[xviii] A iso hai que sumar o feito de que a historiografía galega relegase a cuestión migratoria a un segundo plano dentro dos estudos demográficos ata o notable desenvolvemento destes entre 1990 e 2009 (Pérez García, 2015, p.426).[xix] No particular caso que nos ocupa, chama a atención o que semella ser un fluxo regular de persoas entre as franxas costeiras ao oeste e leste da cidade da Coruña, non en balde o preito iníciase en Santa María de Ardaña, parroquia de Bergantiños, na que acabaron aveciñándose os descendentes do vinculeiro de Liáns.

 

A tradición cerámica de Buño, orixe da manufactura oleira de Liáns no século XVII

 

Conflitividade polos montes

Máis aló da indubidable vinculación do territorio de Oleiros e da súa toponimia coa manufactura de potas, que é o que nos centra neste apuntamento, o preito tamén manifesta realidades características sobre a loita polo control da terra e as súas materias primas na Galicia do Antigo Réxime.

O relato dos feitos preséntanos un terreo (tarreo) chamado de Aguieira que se atopa próximo ou anexo (descoñecemos o detalle) a terras patrimoniais vinculadas á xa mencionada Casa de Coruxo (situada na mesma parroquia de Liáns), pero que a pesar de estar pechado «todo alrededor» se atopa no extremo dun monte[xx] que, segundo refire unha testemuña, se trataría dun monte aberto que, como adoitaba suceder nestes casos, era un espazo relevante como subministrador de recursos como pastos, xestas, uces ou restrebas (Cardesín, 1992, p.143); dentro dos cales parece claro que os que acababan de chegar consideraban que o barro podía ser un deses bens capaces de ser extraídos de maneira libre.

Neste caso parece tratarse dun espazo capaz de ser cultivado, pero que, de facelo, parecía selo intermitentemente, debido a que nel existe unha barreira coa suficiente enxunlla como para atraer veciños de Bergantiños que comezan a «arrancar el barro a la parte del mar», o que podería ser unha estratexia calculada por resultar menos rechamante que escavar os típicos conos afundidos que se ven en moitas outras barreiras de Galicia, sen ir máis lonxe, as da contorna de Bonxe.

Sabemos, porén, que o terreo posteriormente compaxinou a súa función como fonte de barro e zona de aproveitamento agrario, que producía ao redor de 30 ferrados de pan, por parte dos propios manufactureiros, o que concorda coa marcada pegada rural destes produtores que combinaban a súa condición de labradores coa de creadoresde cacharros e potas, xogando cos tempos libres que lles ofrecía o labor agrario (Saavedra, 1994, p.123), nun vantaxoso complemento do cal se cre que nalgunhas zonas de Galicia poderían obter unha media de entre 200 e 300 reais por ano.[xxi]Parece claro que o que refire o documento sobre estes «intrusos» chegados a Oleiros desde Buño revela o típico perfil de artesán-labrador tan característico destes cacharreiros que se explica, en parte, por proporcionar materiais de limitadovalor engadido tan necesarios e consumidos no campo coma na cidade.

A fabricación levada a cabo en Liáns menciona potas, xerros, ladrillo e tella; materiais de forte demanda tamén no rural, alí onde se concentraba a maioría da poboación do seu tempo, e onde a localización das barreirase a dificultade para o transporte da materia prima explican o carácter mixto entre produtores primarios e secundarios destes oleiros que, de feito, en non poucas cidades non aparecían como gremios ao estilo dos tecedores, ferreiros, cerralleiros, xastres, zapateiros ou carpinteiros; e nin sequera dentro da categoría de «artesanado proletario», como sucedía con manufactureiros sen taller.[xxii] É indubidable que a concentración de arquitectura institucional de certo porte —esencialmente nobiliaria— na contorna próxima á Coruña estimularía a produción nunha zona de forte demanda para a construción e mantemento de casas e soares varios.[xxiii]

Dentro da conflitividade preséntase un problema clásico, que é o do alleamento de bens propios dun dominio alleo. Trátase dun tema clásico no contexto da xestión dos grandes dominios rendistas da Galicia do Antigo Réxime, como testemuñan as abundantísimas querelas que padecen, máis especialmente, os dominios fidalgos, que sofren «introducións» que manifestan as tensións «familiares» con outros dominios similares, ou con grupos non privilexiados que forzan o status quo dominial.[xxiv]

No caso que nos ocupa prodúcese unha entrada atípica por dous motivos: o primeiro por efectuarse en relación cun ben pouco común, concretamente o que poderiamos identificar cunha veta de barro ou «barreira» para practicar a olería. Por outra banda, tampouco é descartable, aínda que o documento sexa discreto, unha reacción social ante a entrada de elementos alleos ao acervo comunitario básico de Galicia, que é a parroquia.[xxv] A iso convén sumarlle que a opción de beneficiarse de hipotéticos bens con dereitos colectivos, como sucedía cos adscritos ao monte, se facía por razón de veciñanza,[xxvi] cousa que incumprían estes que acababan de chegar de Buño, alleos á sociedade parroquial receptora, pero integrantes da conca demográfica coruñesa; o que, por outra banda, valida o relativo consenso historiográfico do carácter maioritario do marco rexional da inmigración, e máis concretamente provincial, como se pode ver en todas as cabeceiras provinciais da coroa de Castela.[xxvii]

A chegada destes inmigrantes bergantiñánsrevela, ademais, un acervo moi típico de oleiros-campesiñospolo feito de ser procedentes dunha comarca de fondo raizame agrario e á vez gran liñaxe oleira, como demostra a súa produción e ata o folclore.[xxviii] Por outra banda, un perfil característico dun sector social empobrecido que en moitos casos non dispoñía de terras propias e que buscaba, a través da súa mobilidade, oportunidades de negocio que lle permitisen saír dunha certa precariedade—que acabou afectando o prestixio do oficio—,[xxix] consecuencia da cal sería o buscar localizacións ou áreas marxinais que fornecesen materia prima, esencialmente barro e madeira (García Alén, 1997, pp. 436 et 437).

Unha migración laboral de curta distancia que intenta sacar partido da case atávica tendencia ao aproveitamento xeral dos froitos de bravo e manso por parte dos máis pobres da comunidade (Saavedra,1992, p.67), sendo o gozo das barreiras en montesunha sorte de particular espigueo dos oleiros; xentes sufridas dun oficio maioritariamente masculino ata, polo menos, o século XX (Cabana Iglesia, 2018, p.54).

Profundando no exposto. convén non esquecer que as barreiras ofrecían unha posibilidade moi localizada para a obtención de materia prima, de forma que, como se pode ver en comarcas galegas de maior tradición oleira,[xxx] o punto de extracción da materia prima ofrece, pola súa relativa escaseza,pouca marxe de manobra, o que podería explicar a entrada, como feito consumado, nun punto quente en termos dominiais, que é o que aparenta acontecer en Liáns.

É así que, atopándonos ante un hipotético monte de varas, o cal, malia estar fisicamente aberto,se atopaba suxeito a un réxime de uso vinculado a certas liñaxes herdeiras ou «propietarios consorciados», o pasto e leña polo seu carácter común podería ser mester de todos (Saavedra, 1996, p.342), formulación non estritamente homologable cunha «barreira» que, a pesar de ter un carácter excepcional ou de que intente explotarse disimuladamente nunha parte excéntrica e case exterior do monte —como así sucedeu neste caso—, non encaixa na xestión colectiva do monte tan cotiamente coma os outros aproveitamentos.

 

O cerámico: desde o artesanal á cultura popular

 

Conflito e presión señorial

Esta xestión colectiva do monte, como se presupón que acontecía neste «tarreo da Agueira», era unha cuestión esencial ao facilitar o acceso a importantes fontes de recursos que non eran en nada alleas a composicións e acordos entre os veciños. É sabido que en ocasións, mesmo no século XX, casas que carecían de man de obra podían ceder as súas posesións no monte a cambio de contraprestacións varias ou unha porción da colleita (Cardesín, 1992, p.142) nunha dinámica tradicional e afeita a certos usos tradicionais como os relacionados con pastos, estrume ou searas, entre outros. Non é menos certo que, cando estes se alteran pola incorporación de novos nichos de negocio, como sucedeu coa industria madeireira no século XX, a cuestión da propiedade dos montes emerxe con inusitada conflitividade (Mariño Ferro, 2000, p.285). A certa distancia, a extracción de barro, dado o seu carácter pouco habitual e debido á limitación de materia prima, provoca un grao similar de alteridade ao introducir unha variante na explotación do comunal, o que inevitablemente favorece a emerxencia do conflito.

En Liáns este aflorou de forma intensa e semella que violentamente cando o vinculeiro da Casa de Coruxo impide persoalmente a extracción de barro «quitándoles las ruedas y mas aparejos de su oficio de olleros y los trajo a su casa» (as propias Torres de Coruxo), nunha acción directa que se explica tanto pola autoridade dimanada da súa posición estamental por tratarse dun fidalgo coma pola súa condición de veciño, e un dos maiores facendeiros da zona, que o levan a intervir no terreo independentemente de que estivese ou non afectado por unha condición vincular.

E é aquí, unha vez máis, onde aparece a delgada liña que separa a preeminencia estamental das prácticas señoriais. Como demostrou Pegerto Saavedra (1996, p.344), non era estraño que os fidalgos percibisen rendas campesiñas polo usufruto do monte sen que estes se deixasen de repartir polo sistema de varas, chegándose ao extremo de que en ocasións os rendistas esgrimían dereitos sobre pezas de monte polo simple feito de estaren anexas ás terras de labor que forman parte do seu dominio. Iso, exactamente, é o que semella acontecer con Liáns e a súa barreira nunha mostra de señorío que podería transcender o estrito dereito de propiedade, debido a que no propio preito se informa dun tal Diego López, alleo ao colectivo oleiro, que construiría unha casa en Aguieira «juzgando que era comun paso a fabricar en el la casa en que vibio y murio a que se le hiçoconttradiiçion por don Graviel Freire de Andrade abuelo de dicho Don Rodrigo como dueño y subzesor en dicha casa y vinculo de Curuxo».[xxxi]

O documento apunta a esta situación ao sinalar a composición que os que acaban de chegar fixeron cos donos eminentes do terreo, estipulando non só a entrega de manufacturas (potas e máis obra «para el reparo de su casa») senón tamén unha pequena cantidade en concepto de renda agraria, concretamente o cuarto da colleita, ao estilo do país.[xxxii]O sinalado polas testemuñas do preito apunta a un acordo aparentemente amigable coa elite local non só en termos de fixación do marco produtivo, senón favorecendo unha certa estabilidade resultado de garantir o acceso á terra no ámbito agrario e tamén no necesario para poder soster un labor manufactureiro que semella necesario e interesante para Gabriel Freire de Andrade—vinculeiro da Casa de Coruxo— pois, como informa o documento, «después de su orden volvieron a quitar más barro para el dicho ejercicio y le pagaban por razón de ollas y otros trastos para el servicio de su casa, y esto se lo ha visto hacer y siempre usso del aprovechamiento de dicho territorio hasta que se murió».

A solución acordada semella cabal e ata certo punto inevitable. Por unha banda, a conflitividade dos rendistas galegos laicos, maioritariamente fidalgos, pivota arredor de dúas grandes cuestións, as familiares e as relativas ao dominio de propiedades e rendas asociadas a estas, entre as cales ocupan un lugar importante as chamadas «introducciones en heredades»,[xxxiii] que é o que se dá neste caso. Ten fundamento considerar que non poucos destes conflitos son resultado dunha certa estratexia «antifiscal» na que, de forma xorda pero persistente, os campesiños e rendistas erosionan a base territorial duns dominios cada vez máis difíciles de «monitorizar», dado que conforme avanza o Antigo Réxime acaban engrosándose con máis casas e absorcións, derivando en conglomerados dominiais vastos e dispersos.

Nese contexto no que os dominios dos patrimonios fidalgos acaban parecéndose a un retablo barroco—precisamente na Galicia do barroco—, pódense interpretar as introducións en herdades como unha forma consciente e recorrente de obter un rendemento forzado pola necesidade coa esperanza de que non motivase unha reacción xudicial. De feito, o documento revela que iso é o que sucede nun primeiro momento, impoñéndose unha coacción señorial que se traduce en aceptar unha situación de dependencia destes desfavorecidos con respecto ao señor do pazo, cuestión que non debe de sorprender tendo en conta que non poucos vinculeiros e os seus administradores tiñan unha gran cantidade de dependentes, serventes e ata asalariados (Saavedra, 1994, p.123), dentro de cuxa órbita caeron estes produtores de Buño, conscientes da súa posición de debilidade e nun compromiso final inevitablemente forzado.

A maiores, o que sucede en Liáns ten a particularidade de poder xerarse por unha causa de forza maior partindo da base xa dita de que os terreos de barreirason limitados e a presión sobre estes se podería considerar lóxica e probablemente inevitable en zonas cunha demanda significativa, como o era a contorna da Coruña. Nese sentido, o preito non formular a típica e tradicional problemática ao redor da renda, debido a que se trata dun terreo pechado e usado, como mínimo intermitentemente,na sementeira de pan a cambio dun cuarto da colleita que, a teor do que manifesta a fonte,«cuartean»insitu os axentes dos rendistas.

O que denota o preito é unha introdución parcial no que semella serun extremo do terreo, concretamente a parte que dá ao mar, por ser rica en barro e, probablemente, por resultar máis adecuada en termos operativos, tanto por unha hipotética maior facilidade de extracción[xxxiv] como por realizarse nunha zona marxinal do campo de cultivo. Trátase dunha introdución extemporánea por ser realizada por forasteiros e na procura dunha materia prima escasa e de alto valor engadido, o que facilitaría e explicaría o permitirse, finalmente, a actividade dos oleiros nun ámbito comunitario e social alleo a eles.

 

As Torres de Coruxo, con tradición oleira no ámbito museístico e polas súas vicisitudes históricas

 

Conclusión

Esta introdución dos «oleiros» de Buño en Liáns en pleno século XVII ha de entenderse como unha estratexia que busca sacar partido de supostos dereitos comunitarios en relación con materias primas do monte, como en non poucas ocasións sucede coa madeira, froitos silvestres, veas minerais ou, neste caso, o barro, entendido como un ben aproveitable polo común ao non interferir —ou facelo se cabe marxinalmente—sobre un campo de cultivo sen alterar o equilibrio dominial sobre a actividade fundamental: a agraria.

A consideración da zona sobre a que se basea o litixio como «monte avierto»revela unha común estratexia para intentar obter, sen contraprestación, unha importante materia prima que manifesta a extraordinaria importancia do espazo de «bravo», que baixo o concepto de monte, permitía obter abundantes e variados recursos esenciais,[xxxv] entre os cales a historiografía galega tradicionalmente excluíu o barro, probablemente por resultar un ben non xeneralizable ao perfil extractivo tipo dun monte común. Todo fai indicar que a entrada intempestiva realizada polos oleiros bergantiñáns busca sacar partido dunha certa indefinición no relativo á extracción deste recurso como substrato esencial dun monte.

A solución de compromiso adoptada polos posuidores do dominio revela un pragmatismo na xestión que vai en consonancia cunha xestión patrimonial máis posibilista fronte a formulacións máis agresivas e expansivas propias da segunda metade do XVI (VV.AA.,2012, p.277 et278); pero tamén coa importante demanda oleira dunha comarca herculina con significativa densidade de poboación e trasfega comercial, en parte pola súa condición de cabeza do reino como cidade que acolle a Real Audiencia.[xxxvi]

Estas violacións de dominios alleos increméntanse durante a Baixa Idade Moderna como resultado do tensionamento das relacións arredor da terra e das rendas, dando como resultado un incremento de procedementos fiscalizadores como os rateos, os apeos ou os propios preitos, que na maioría dos casos se resolven de maneira non amigable. Iso agrávase cando a operativa dos dominios fidalgos se estende territorialmente e se fai máis complexa, que é o que refire o documento cando, unha vez falecido o señor, a súa filla se traslada a Bergantiños, momento que aproveitan os que parecen ser descendentes dos oleiros de Buño para intentar facerse co terreo, o que motiva habilitar a vía xudicial na Real Audiencia fronte á forza dos feitos que o «señorío» exercitara anos atrás.

E nese sentido o documento revela a diferente xestión da situación por parte dun dominio con vinculeiro in situ fronte a ese mesmo dominio coa súa xefatura trasladada a Bergantiños. Unha comarca que revela unha activa conexión coas Mariñas coruñesas e unha filiación manufactureira que aclara, pensamos que de forma definitiva, que o perfil oleiro de Oleiros non só non ofrece lugar a dúbida, senón que presenta un dinamismo significativo.

Por se isto fose pouco, dáse a especial circunstancia de que a mesma Torre de Coruxo, epicentro do trato cos oleiros chegados de Buño e receptora das súas producións, acolle hoxe a sede do anteriormente citado Museo dos Oleiros José María Kaydeda, único museo de Europa que recolle mostras da olería española de todas as provincias;[xxxvii]converténdose así nunha icona cultural non só do municipio, senón, como acabamos de demostrar, da propia tradición cerámica da parroquia mesma.

 

 


[i] A idoneidade da fonte xudicial, máis aínda na temática dominial se cabe, foi destacada entre outros por Pegerto Saavedra (1996, p.334).

[ii] Oleiros favorécese da súa veciñanza coa capital ártabra, o que se traduce demograficamente nun significativo crecemento, que vai desde os 5577 habitantes que reflicte o censo de 1857 ata os 10 457 de 1970. Tras duplicar a súa poboación en pouco máis dun século, na última media centuria os rexistros poboacionais incrementaron os habitantes de mediados do XIX por sete veces ata alcanzar os 36 922 que reflicte o padrón o 1 de xaneiro de 2021 (INE base).

[iii] Como é, precisamente, o caso dunha parte da parroquia de Liáns (Migués Rodríguez, 2009, p.93).

[iv] O castelo de Santa Cruz constitúe unha estampa icónica polo seu pintoresquismo e por recortarse sobre o skyline da cidade. Levantouse como parte dun sistema defensivo de varias fortificacións que servían para defender a entrada de 1,5 km de ancho da ría da Coruña, praza estratéxica da monarquía hispánica con especial protagonismo bélico no ámbito das armadas (tanto atacantes como defensivas) nos dous primeiros séculos da Idade Moderna (Saavedra Vázquez, 1996, p.203).

[v] Bastante máis que o homónimo parroquial de Santa María de Oleiros, tamén rexistrado no municipio pontevedrés de Salvaterra do Miño.

[vi] Sen ir máis lonxe, o chamado «agro de Oleiros», dependente do monasterio de Santa María de Armenteira, por unha doazón de 1246 (AHN, Clero-Secular regular, Car.1756, N.2). Tamén o coto de Oleiros —freguesía de San Miguel—dependente do monasterio de Santa María de Oseira, polo menos documentado como tal desde 1445(AHN, Clero-Secular regular,Car.1553,N.12). Incluso o ourensán «porto de Oleiros», dependente do mosteiro de Santa María de Melón, como documenta un foro de 1249 (AHN, Clero-Secular regular, Car.1445, N. 3).

[vii] Como é o caso da relación que se propuxo con «aulas» eclesiásticas ou palatinas, ou coa actividade extractiva de hulla (do francés houlieres), por parte do antedito González da Pena (2009).

[viii] Máis aínda tratándose dun presidio cuxa necesidade de subministracións podía incrementarse notablemente en paralelo co pertrecho do seu continxente militar (Saavedra Vázquez, 1996, p.235), especialmente crecido cando se realizaba o apresto de grandes armadas.

[ix] Equivalente ao castelán olleros, como se pode ver (en referencia á lucense Bonxe) no interrogatorio para a repartición de moriscos granadinos de 1571: «hay una parroquiaque llaman San Juan Silvarrei que tiene veinte feligreses y son labradores e algunos son olleros». En García Alén (1983, p.187).

[x] Supostamente derivado do lugar «A Cruz de Oleiros», pertencente á parroquia de Santa María de Oleiros. Estes datos e outros similares derivan do uso da ferramenta de procura da Xunta de Galicia sobre o particular (https://www.xunta.gal/nomenclator?p_p_ide=NomenclatorPortlet_WAR_Nomencl...).

[xi] Como se pode ver na relación de unidades de poboación de concellos como os anteditos Outeiro de Rei ou o coruñés da Laracha, onde está o foco oleiro de Buño e ata catro veces aparece o topónimo A Barreira, tamén en catro parroquias diferentes (Santa María de Erboedo, San Martiño de Lestón, Santa María de Torás e Santiago de Vilaño).

[xii] O Museo Os Oleiros está situado no centro da localidade de Santa Cruz, no pazo de Coruxo, construción de inicios século XVII e integrada no ámbito cultural denominado «As torres de Santa Cruz». Os contidos do museo, que comprenden 150 olerías diferentes —algunhas xa desaparecidas—forondoados polo coleccionista e estudoso da olería José María Kaydeda.

[xiii] Cuestión distinta é a tradición industrial vinculada cos derivados arxilosos, como se manifesta nas desaparecidas telleiras nos núcleos de Mera e Dorneda, ou as instalacións dunha aínda en pé en Iñás, onde unha concesión para explotar arxila continúa vixente ata 2039.

[xiv] Saavedra Fernández, P. (1991, p.107).

[xv] Son moitos os exemplos que se poderían destacar, tanto en Lugo (Sobrado Correa, 2001, p. 232) coma o negocio da produción e subministración de tellas da telleira do Puntal, na ferrolá terra de Trasancos. Vid. Pena Graña, A. (2007, p.295).

[xvi] Como as empresas paneira, zapateira, peleteira ou curtidora, entre outras, tal e como se infere de non poucas relacións. Véxase respecto diso Saavedra Fernández, P. (1991, p.111).

[xvii] Sobre ese particular tamén se pronuncia Sobrado Correa na súa monografía sobre as terras de Lugo na Idade Moderna (2001, p.232).

[xviii] Tal e como detallou sobre o particular, en relación con Compostela, Martínez Rodríguez (2014, p.137).

[xix] De forma similar a outras vetas investigadoras no ámbito demográfico (como recontos-censos ou reconstrución de familias), aínda que de maneira máis acusada no caso das migracións.

[xx] A existencia de barreira sen montes é unha circunstancia bastante habitual, como reflicte, entre outros, Madoz en relación coa comarca de Lugo (Sobrado Correa, 2001, p.233).

[xxi] Como se pode ver en casos como os das terras de Lugo, nos que a actividade estritamente manufactureira se desenvolvería entre catro e oito meses. Vid. respecto diso Sobrado Correa (2001, p.232).

[xxii] Caso de curtidores, canteiros, pedreiros ou algúns ferreiros na Compostela da alta modernidade. En Gelabert (1982, p.303).

[xxiii] Similar situación parece manifestarse cos oleiros comarcanos de Lugo con respecto a esta cidade (Sobrado Correa, 2001, p.232).

[xxiv] Abundante bibliografía así o testemuña, destacando tanto pola súa perspectiva panorámica coma polo seu carácter pioneiro a monografía de Villares sobre a propiedade da terra en Galicia. Villares(1982, p.128).

[xxv] As expresións de inhesión parroquial acompáñanse frecuentemente de mostras de conflito ou enfrontamento que se manifestan tanto en contextos lúdicos como no aproveitamento dos bens dentro da parroquia. «Los derechos son de la parroquia en cuanto tal; ésta los otorga condicionalmente a los vecinos (…) siempre que su vecindad sea efectiva, física, enraizada (…) es a la casa a la que de hecho pasan los lotes, no a sus moradores temporales». En Lisón Tolosana (1990, p.65).

[xxvi] Saavedra (1991, pp.290 et 291).

[xxvii] Mesmo nun ámbito teoricamente cosmopolita como a propia capital do reino (Carbajo Isla, M.F.; p.120).

[xxviii] Como se ve, entre outras cousas, na coñecida figura popular dos comerciantes oleiros (os xalleiros) ou tamén na canción popular canción popular: «Os de Malpica son péseos, os de Buño son oleiros. Os de Carballo tratantes e os da Brea panadeiros» (Fernández Carreira,1998).

[xxix] Haberá que esperar ás décadas máis recentes para que o oficio superase un certo estigma social (Cabana Iglesia, 2018 p.58).

[xxx] Así se observa, por exemplo, nas cinco zonas de extracción de barro detectadas en Bonxe (Outeiro de Rei). VV.AA. (2023 exposición).

[xxxi] ARG, Real Audiencia, núm. 81, atado 19789/20.

[xxxii] «por razon del terrazgo según se estila en esta tierra». Ibídem.

[xxxiii] No referente ao dominio da pousa chantadina de San Fiz, o 85% das causas promovidas pola familia Prado garda relación coa propiedade. Ademais das introducións en herdades rexístranse cuestións como non xustificar a recepción dunha renda, apropiación das quendas de regadío, reparacións dun ben cedido, obras incontroladas, apropiación de herdades… (Migués Rodríguez, 2002, p.197).

[xxxiv] Moitas das zonas da costa de Liáns son ámbitos nos que a franxa de terra queda cortada, ben dando pé ás mesmas rochas de cantil ou degradándose nun modelado similar ao glacis na franxa que mira ao mar.

[xxxv] «Recursos muy variados, de desigual importancia para las familias campesinas: leña, carbón, madera, piedra, pastos, cosechas de centeno y trigo en las rozas, estrumen para abonar las tierras, caza y frutos silvestres utilizados como alimento». (VV.AA., 2012, p.169).

[xxxvi] Son abundantes os hotspots de implantación fidalga nas Mariñas, destacando as terras próximas a Betanzos (Mariñas dos Condes), as zonas próximas a Sigrás ou o ámbito oleirense que nos ocupa (Mariñas dos Frades), entre outros. En todas estas zonas, a densidade de casas fidalgas é notable, mesmo con zonas puntuais de bastante densidade arquitectónica.

[xxxvii] Tan só o Museo Etnolóxico de Hamburgo —con ao redor de 3000 pezas de olería española— pode compararse co centro José María Kaydeda (Migués Rodríguez, 2003, p.126).

 

 

Bibliografía: 

 

 

Cabana Iglesia, Ana (2018). Haciendo barro, produciendo género: mujeres en la alfarería de la Galicia rural desde finales del siglo XX, Arenal, 25:1, pp.53-70.

Cardesín, José María (1992). Tierra, trabajo y reproducción social en una aldea gallega (s.XVIII-XX). Bilbao: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

Carbajo Isla, M.F. (1987). La población de la villa de Madrid. Desde finales del s.XVI hasta mediados del s.XIX. Madrid: Siglo XXI.

Freire Paz, E. (2004). La recuperación de la alfarería tradicional en la provincia de Lugo: procesos socioeconómicos y culturales. Compostela: USC.

Freire Paz, E. e Cabana Iglesia, Ana (2015). Chignola, S. (2015). Vendedoras de barro, mujeres rurales y los límites de «lo doméstico» a mediados del siglo XX. En Ortega López, T.M. (ed.):Jornaleras, campesinas y agricultoras. Zaragoza: Prensas de la Universidad de Zaragoza, pp.281-306.

García Alén, Luciano (1983). La alfarería en Galicia. A Coruña: Fundación Barrié.

García Alén, Luciano (1997). Os oleiros, un exemplo de oficio tradicional,Historia de Galicia Hércules, 24, pp. 434-491.

Gelabert González, Juan Eloy (1982). Santiago y la tierra de Santiago de 1500 a 1640. A Coruña: O Castro.

González de la Peña, Dolores (2009). Oleiros, arqueotoponimia. Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo y arte rupestre.http://arqueotoponimia.blogspot.com/2009/06/oleiros.html (publicado o 18 de xuñode 2009).

González Reboredo, X.M. (1997). Guía de festas populares en Galicia. Vigo: Galaxia.

Lisón Tolosana, Carmelo (1990). Antropología cultural de Galicia. Barcelona: Akal.

Mariño Ferro, Xosé Ramón (2000). Antropoloxía de Galicia. Vigo: Xerais.

Martínez Rodríguez, Enrique (2014). La población de Santiago de Compostela (1630-1860). Compostela: USC.

Migués Rodríguez, V. M. (2002). As terras, as pousas e os vinculeiros. A fidalguía galega na época moderna. A Coruña: O Castro.

Migués Rodríguez, V.M. (2003).Tesoros del área metropolitana. En Andrade Cernadas, J.M. (ed.):A Coruña una ciudad viva. A Coruña: Editorial Mediterráneo-Agedime & La Capital, pp.99-140.

Migués Rodríguez, V.M., (2009). La Coruña y Artabria. A Coruña: Gráficas Mera.

Oleiros. Alteraciones de los municipios en los censos de población desde 1842. INEbase, https://www.ine.es/intercensal/intercensal.do?search=1&cmbTipoBusq=0&textoMunicipio=Oleiros

Pena Graña, A. (2007). Narón, un concello con historia de seu III. Narón: Concello de Narón.

Pérez García, J.M. (2015). La dinámica de la investigación en demografía gallega desde 1973 a la actualidad. En Rey Castelao, O. e Suárez Golán, F. (eds.):Los vestidos de Clío. Santiago de Compostela: USC, pp.423-454.

Saavedra, Pegerto (1991). La Galicia del Antiguo Régimen: economía y sociedad. A Coruña: Hércules de Ediciones.

Saavedra (1992). A vida cotiá en Galicia, 1550-1850. Compostela: Servizo de Publicacións da USC.

Saavedra (1994). La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen. Barcelona: Crítica.

Saavedra(1996). Das casas de morada ao monte comunal. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Saavedra Vázquez, María del Carmen (1996). Galicia en el Camino de Flandes. A Coruña: O Castro.

Sobrado Correa, Hortensio (2001). Las tierras de Lugo en la Edad Moderna. A Coruña: Barrié.

Fernández Carreira, X.X. (1998). Costa da Morte. Guía turística-cultural. A Coruña: Neria.

Villares, Ramón (1982). La propiedad de la tierra en Galicia. Madrid: Siglo XXI.

VV.AA. (2012). Historia de la Galicia moderna. Betanzos: Universidade de Santiago de Compostela.

VV.AA. (2023). Formas tradicionais da cerámica popular. Terra Chá Bonxe. Exposición itinerante, Lugo: Deputación Provincial et al. lii.

 

 

Sección: