Convocatoria nacional de propostas das accións descentralizadas dos programas Comenius, Leonardo da Vinci, Erasmus, Grundtvig e Transversal (visitas de estudo) no marco do Programa de aprendizaxe permanente 2013 (PAP 2013)
Emilia Seoane Pérez
Conselleira EURES (EURopean Employment Services)
Profesora da Universidade de Vigo
eures.universidade.emilia@uvigo.es
A Comisión Europea, no Diario Oficial da Unión Europea do 3 de agosto de 2012, publicou a convocatoria de propostas para 2013 do Programa de aprendizaxe permanente (PAP), que establece as prioridades estratéxicas para cada un dos programas. Tamén está publicada a Guía 2013 do Programa, onde se recollen os orzamentos, os criterios de selección, as condicións financeiras, os criterios de elixibilidade, o procedemento para a presentación de solicitudes e o calendario.
No Programa de aprendizaxe permanente, en función da modalidade de xestión, podemos diferenciar dous tipos de accións: accións centralizadas e xestionadas directamente pola Axencia Executiva no ámbito Educativo, Cultural e audiovisual (EACEA) e accións descentralizadas e xestionadas polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE).
No referido ás accións descentralizadas do PAP, as axencias nacionais adaptan a convocatoria á propia realidade, establecendo prioridades e requisitos nacionais que complementen, e sen nunca contradicir, os establecidos pola Comisión Europea.
O Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE), unha vez acordado coas administracións educativas autonómicas e coa aprobación do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte como autoridade estatal española, acaba de publicar a convocatoria das acción descentralizadas do Programa de aprendizaxe permanente da Unión Europea.
Os programas do PAP obxecto desta convocatoria son:
Programa Comenius
Programa Erasmus
Programa Grundtvig
Programa Leonardo da Vinci
Programa Transversal
As actividades de cada un dos programas e das súas accións, requisitos e a data límite para a presentación de solicitudes, así como toda a documentación informativa e para a súa tramitación atópase aquí.