Doazón da biblioteca de Manuel Carballal Lugrís

Menciña para o patrimonio
En xullo de 2020, a ESCRBCG (Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia) recibiu a doazón dunha boa parte da biblioteca persoal de don Manuel Carballal Lugrís por parte da súa familia. Unha gran honra para este centro, que triplica os seus fondos, ao tempo que obriga a reformular os obxectivos iniciais previstos para a biblioteca, sumando novos e interesantes desafíos. Este reto supuxo tamén a experiencia de coñecer un pouco este médico apaixonado pola arte e polos libros.

Sonia Seco Lanzós, título de Conservación e Restauración de Bens Culturais, especialidade Arqueoloxía.
sonia.seco@edu.xunta.gal
Andrea Fernández Arcos, título de Conservación e Restauración de Bens Culturais, especialidade Pintura.
afarcos@edu.xunta.gal
Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra)

 

 

1. Contextualización

En xullo de 2020, a familia de Manuel Carballal Lugrís doou máis de 5 000 libros á biblioteca da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ESCRBBCCG). Este acontecemento mereceu certa atención dos medios de comunicación que, interesados pola colección de libros e a xenerosidade da familia, publicaron varias informacións ao respecto.

Todo comezou co contacto no ámbito persoal dunha das autoras deste texto coa que fora a muller de Carballal Lugrís. Este contacto levou a que, co tempo, a familia de Carballal decidise que o mellor lugar para custodiar e gozar do legado bibliográfico que el fora reunindo ao longo da súa vida fose a biblioteca da Escola, centro dedicado á formación de conservadores-restauradores e, en definitiva, á preservación do patrimonio cultural.

A primeira tarefa foi a selección dos libros, posto que o conxunto incluía uns 10 000 volumes entre os que as temáticas predominantes eran libros de arte e de medicina. Ao longo de xuño de 2020 fíxose unha selección dos que podían interesar para a biblioteca da Escola, aqueles con temática vinculada ao patrimonio cultural (arte, historia, antropoloxía etc.) e en xullo procedeuse ao traslado duns 5 200 libros ao noso centro. Os libros foron inicialmente colocados en caixas no almacén.

É preciso salientar a gran honra que supón ser depositarios de tan valioso legado, motivo polo que convén reiterarlle o agradecemento á familia. Á vez, a confianza depositada polos herdeiros de Carballal Lugrís traslada unha enorme responsabilidade, un reto e un inxente traballo a curto e medio prazo.

A chegada desta doazón obrigou a cambios nos obxectivos previstos para a biblioteca do centro, trasladando a un segundo plano liñas que neste momento xa non eran prioritarias para antepoñer a posta en valor e uso dos novos libros, para o cal era necesario catalogalos e poñelos á disposición da comunidade educativa o máis pronto posible. De non ser así, os libros poderían estragarse nas caixas ou ben poderíase malgastar orzamento da biblioteca na adquisición de títulos xa existentes nos fondos.

Pola súa vez, abordar a catalogación de tal número de volumes supuxo a ampliación do equipo de rexistro, así como a ampliación do espazo dispoñible, xa escaso. Ademais da reformulación do que será o crecemento da biblioteca nos vindeiros anos.

A doazón foi, ademais dun grande esforzo de traballo no ámbito técnico, unha experiencia moi grata e enriquecedora en todo o que tivo que ver co contacto coa familia e a posibilidade de coñecer un pouco un home, un doutor apaixonado pola arte, a través dos seus libros.

 

2. Obxectivos

Importancia da doazón para a Escola

A biblioteca da Escola é relativamente recente: nace como consecuencia do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que no artigo 3 establece que os centros pertencentes a este réxime, como é o caso da Escola, deben contar cunha biblioteca con fondos axeitados ás súas necesidades.

Este é o motivo polo que, a partir do curso 2011/12, as pequenas bibliotecas de aula existentes ata ese momento foron centralizándose nun único espazo e se comezou a traballar con MEIGA para a xestión. Desde aquela, a biblioteca foi medrando e mellorando progresivamente. Este esforzo de anos concretábase o13 de marzo de 2020 en 3 381 rexistros catalogados e, debido ao confinamento sufrido a partir desa data, non se catalogou máis o resto do curso. A especificidade dos contidos que alberga supón que, malia o aparente discreto número de libros rexistrados, a do noso centro é unha biblioteca de singular importancia para a documentación e investigación sobre a conservación do patrimonio cultural.

A pesar de non contar con proxecto lector nin plan anual de lectura, dado o carácter do centro e tamén da biblioteca en canto a fondos, o seu uso vese fomentado polos docentes mediante o emprego de recomendacións bibliográficas para ampliar coñecementos e a través da petición de traballos que poden ser realizados coa axuda do material dispoñible na biblioteca. Tamén como axuda para realizar os proxectos de investigación que se levan a cabo desde a Escola —tanto traballos de finalización de estudos como nas diversas liñas de investigación que a ESCRBBCCG mantén abertas— e de forma especial desde as materias Metodoloxía da investigación e da documentación e Difusión, comunicación e tecnoloxías da información e da documentación.

O papel da biblioteca tórnase así fundamental para a realización de todos estes traballos e actividades das diferentes materias. Ademais, os traballos de fin de estudos entran a formar parte da biblioteca unha vez que o alumnado realiza a súa defensa.

A nosa é unha biblioteca, en principio para lle dar servizo á comunidade educativa da escola, pero tamén entendemos que temos a única biblioteca de Galicia especializada en conservación-restauración do patrimonio cultural, situada nun centro de ensino público. Isto fai que, dalgún modo, sintamos a responsabilidade de compartir os nosos fondos e ofrecer un servizo público máis aló do centro. Por iso se ofrece servizo a aqueles investigadores, profesionais do ámbito da conservación-restauración ou doutras disciplinas afíns ao patrimonio culturalcando así nolo requiren.

Certamente, a da Escola é unha biblioteca cunha temática moi centrada na conservación-restauración de bens culturais e, aínda que contaba tamén con fondos do ámbito das humanidades (antropoloxía, historia da arte, iconografía etc.), grazas á doazón estes estanse vendo extraordinariamente ampliados. Temáticas como a prehistoria, a historia da arte antiga, medieval, a historia da pintura, historia da arquitectura, historia da escultura, antropoloxía, catálogos de arte e exposicións, así como libros de arte doutras culturas (arte precolombina, arte asiática etc.) contribúen, sen dúbida, a ter unha visión máis ampla do patrimonio cultural e son tremendamente útiles nunha biblioteca coma a nosa. O volume de libros recibidos suporá case triplicar os actuais unha vez estean catalogados. A estas alturas do curso 2020/21 (abril) incorporáronse no catálogo uns 1400 novos rexistros maioritariamente desta orixe.

Moitos dos libros da doazón, ademais de completar a sección de humanidades, teñen o valor engadido de seren difíciles de conseguir (tiradas pequenas), libros con gran calidade nas súas imaxes e moitos deles con prezos altos, o que enriquece a nosa biblioteca notablemente.

Traballando por unha biblioteca mellor

Como se comentou, para poder poñer en uso canto antes os libros, foi necesario ampliar o equipo de catalogación, que anteriormente contaba con dúas persoas. Como norma xeral, parecía adecuado que só dúas (poucas) persoas catalogasen  debido a que contamos cun sistema propio de CDU e así resultaba máis doado manter uns criterios á hora de asignar a unha temática concreta. Non obstante, dada a cantidade de libros para catalogar, resultaba imprescindible máis implicación. Constituíse un equipo de catalogación só para esta doazón, formado por profesorado do equipo de biblioteca e por alumnado participante no programa deVoluntariado na biblioteca, que manifestou o seu desexo de catalogar. Os libros do legado son case todos de temáticas de humanidades e resulta relativamente doado que haxa acordo á hora de asignarlles unha CDU. De todos os modos, o novo equipo de catalogación conta coa coordinación e apoio das autoras deste texto, habitualmente as dúas persoas que catalogaban os fondos.

A doazón fixo que un dos obxectivos establecido pola biblioteca para estes anos cobrase carácter de urxente: a ampliación de espazos dispoñibles para os libros. Este viuse ampliado coa instalación de dez novos estantes na sala adxacente, empregada ata ese momento como sala de alumnado. Como compensación a esta perda de espazo do estudantado, aumentáronse os postos de traballo doutras áreas e engadiuse unha nova sala informal de lectura, continuando tamén así un proxecto iniciado no PLAMBE 2017/18, centrado no aumento dos espazos.

 

Novos estantes da ampliación da biblioteca

 

Os fondos procedentes da biblioteca de Manuel Carballal Lugrís

Manuel Carballal Lugrís (Ferrol, 1936 - Pontevedra, 2015) foi un médico patólogo que traballou durante33 anos no Hospital Montecelo de Pontevedra, cidade na que residiu e na que formou a súa familia xunto á irlandesa Anne Haire.

A familia estima que o número de libros reunidos por el roldaba os 10 000 volumes. Como se dixo, os temas destacados eran principalmente dous: libros sobre arte e manuais de ciencia, especialmente medicina. Finalmente, tamén había textos de literatura variada, como as obras completas de Saramago, por poñer algún exemplo, e coleccións completas de publicacións periódicas e varias enciclopedias temáticas. Polo tanto, podemos falar de colección en tanto que hai especialización dos obxectos acumulados.

Non é posible achegarse ao perfil do coleccionista a través da visión nesgada de parte da súa compilación, pero acaso o estudo polo miúdo da parte doada á Escola permita facer un esbozo sobre o coleccionista de libros de arte.

Descoñecemos o criterio empregado polo doutor para adquirir libros, mais como puidemos saber a través do texto compartido durante o proceso de doazón por Anne Haire, Cartas de amor a una irlandesa o la historia de una colección de libros de arte, Manuel Carballal Lugrís pretendía, a través da coidadosa selección dos seus libros, coñecer o proceso creativo, «achegarse aos valores máis profundos da humanidade».

Así, esta colección de libros de arte conseguiu abarcar un amplísimo número de temas de todos os tempos e culturas e acadar unha visión global da arte e do patrimonio da que, ata chegar esta doazón, carecía a biblioteca da Escola.

No dilatado conxunto, algúns libros (poucos) aparecen duplicados, pero ademais da posibilidade de que sexan repeticións debidas a lapsus, cabe pensar que, eventualmente, formasen parte de lotes ou ben que fosen agasallos, coñecida a súa paixón polos libros.

Como bo coleccionista, o conxunto medraba con elementos coidadosamente buscados. Así, atopamos no interior dalgúns libros cartas cruzadas na procura dun libro ansiado, como o caso dun catálogo da mostra antolóxica sobre Urbano Lugrís feita na Coruña en 1989, que o doutor lle solicita expresamente á Consellería de Cultura e Deportes e do que se conserva a resposta afirmativa desta no propio libro.

Nos estantes do fogar, os volumes estaban ordenados por temas, en ocasións incluso afinando moito os contidos, reunía obras de distintos autores sobre o mesmo motivo, semella que para recoller todos os puntos de vista posibles arredor dunha cuestión concreta.

Ademais, Lugrís completaba a información contida nos libros con referencias de todo tipo: atópanse entre as páxinas recortes de prensa relacionados co tema abordado, postais localizadas en textos cos que as imaxes gardan correspondencia e mesmo textos descargados de Internet e traballados con anotacións. Tamén é habitual atopar folletos de exposicións no caso dos catálogos de arte, o que evidencia que foron libros adquiridos no contexto dunha visita a unha mostra.

 

Recortes de prensa e folleto de exposición aparecido entre as páxinas do catálogo Dubuffet, 1901-1985

 

Os libros tamén falan da vida do propio Lugrís: moitos deles aparecen asinados, coa data e o lugar onde foron mercados, o que permite trazar viaxes desde que comezou a colección e mesmo coñecer de que forma foi medrando o conxunto. Con motivo da doazón, Anne Haire compartiu nunha entrevista a RNE interesantes anécdotas sobre como Manuel Carballal aproveitaba as viaxes para enriquecer a biblioteca.

Entre as páxinas asoman tamén billetes de tren empregados comomarcapáxinas e que informan das circunstancias onde foron lidos. E, dalgún xeito, apréciase o afecto de Lugrís polos libreiros, un sector profesional co que debía manter unha relación certamente estreita. Por exemplo, entre as páxinas dun libro sobre JoaquimMir, adquirido na ferrolá Librería Estraviz, conservaba a nova aparecida en prensa sobre o pasamento do libreiro JoséEstraviz en marzo de 2005.

Descoñecemos o valor exacto que lle daba Carballal Lugrís á súa biblioteca como conxunto, mais todo indica que era entendida como un todo co que establecera unha relación cotiá, xa que o acompañaba na súa vida, no día a día, envolvendo as paredes do seu fogar. Ao incorporarse na biblioteca da Escola, foi imposible manter os libros xuntos, respectando a orde preestablecida, xa que era preciso inserilos no espazo que lle correspondía a cada un segundo a clasificación do centro. Con todo, intentouse manter a idea de conxunto, para o que se indicou en MEIGA a súa procedencia e se identificou cada libro cun selo creado especificamente para este fin. Así, preténdese manter de forma evidente o vínculo entre os libros á vez que se facilita o servizo normal da biblioteca da Escola.

 

Selo deseñado para identificar os libros procedentes da doazón

 

3. Conclusións

Ningunha das persoas que estivemos relacionadas desde a Escola coa doazón da biblioteca de Manuel Carballal Lugrís tivemos a oportunidade de coñecelo en persoa. Con todo, pensamos que lle gustaría o lugar que ocupa neste momento o seu legado, posto que na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais únense dúas das súas grandes paixóns: a arte e a ciencia, aínda que esta última practicada desde unha perspectiva distinta ádo doutor.

É preciso agradecerlle unha vez máis á familia de Manuel Carballal Lugrís a súa extraordinaria xenerosidade, que pensou na Escola como destino da colecciónde libros. Con esta doazón, a familia mantén xunto o legado de Manuel Carballal e permite que estudantes e profesionais da protección do patrimonio cultural dispoñan de bibliografía de gran valor para desempeñar nas mellores condicións o seu traballo. Como consecuencia, esta doazón favorece a conservación do patrimonio cultural.

Todos estes novos fondos teñen unha importancia para nós que xa foi salientada: tanto por volume como por calidade, a ampliación da parte correspondente ás humanidades contribúe a facilitar os traballos do alumnado, así como os proxectos da Escola e a investigación do profesorado.

Empregando a analoxía da arte como menciña para a alma, o doutor Carballal Lugrís seguirá a curar a través da súa biblioteca as persoas que se acheguen á biblioteca da Escola para gozar do seu legado que, finalmente, será tamén menciña para o patrimonio.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Barral, C. (16 de xullo de 2020). El médico patólogo de Montecelo que coleccionaba libros de arte. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2020/07/16/medico-patologo-montecelo-coleccionaba-libros-arte/0003_202007P16C2991.htm

Haire, A. (14 de xullo de 2020).Cartas de amor a una irlandesa o la historia de una colección de libros de arte. [Publicación de web] Recuperado de https://escolaconservacion.gal/doazon-da-biblioteca-de-d-manuel-carballal-lugris/

Picabea, I. (21 de xullo de 2020).La donación de los libros de Manuel Carballal Lugrís en Las mañanas de RNE. [Audiopodcast] Recuperado de https://www.rtve.es/alacarta/audios/las-mananas-de-rne-con-inigo-alfonso/picabea-210720-26208641-2020-07-21t01-31-35000/5629056/

Rozas, R. (12 e outubro de 2020). Dar libros, dar vida. [Publicación de blog]. Recuperado de http://ramonrozas.blogspot.com/2020/10/dar-libros-dar-vida.html

Redacción Faro de Vigo (15 de xullo de 2020). Doan cerca de 6 000 libros de arte á Escola de Restauración. Faro de Vigo. Recuperado de https://galego.farodevigo.es/portada-pontevedra/2020/07/15/donan-cerca-6000-libros-arte/2314159.html

 

 

Sección: