A Voz da Mata. Unha plataforma de inclusión

Experiencia de radio escolar dentro do proxecto Radio na Biblio da Asesoría de Bibliotecas Escolares no CPI Manuel Suárez Marquier. O Rosal (Pontevedra)
Traballar cunha radio nun centro non é algo novo, hai moitas experiencias que avalan que funciona e que é algo útil e beneficioso para o alumnado. Poderiamos enumerar obxectivos que se buscan e competencias que se acadan, e a lista sería enorme. Pero o que realmente queremos mostrar son as enormes posibilidades que pode ter un centro se decide adoptar a radio como un dos seus recursos educativos.

Equipo da Radio do CPI Manuel Suárez Marquier. O Rosal (Pontevedra)
cpi.suarez.marquier@edu.xunta.es

 

 

O por que da nosa radio?

No CPI Manuel Suárez Marquier, do Rosal, comezamos a grande aventura de montar unha radio escolar partindo do proxecto Radio na Biblio, creado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Somos A Voz da Mata, unha radio nova pero con moita ilusión. Este é o noso segundo curso participando no proxecto e xa estamos en condicións de poder valorar a repercusión e a importancia de contar cunha radio no centro para ser utilizada coma un recurso pedagóxico e de inclusión de toda a comunidade educativa.

Debido á localización do noso centro —no ámbito rural ao sur de Galicia e lonxe doutros núcleos de poboación de relevancia—, non hai demasiadas oportunidades de apertura ao mundo cultural e social. A radio neste contexto é unha ferramenta que actúa como plataforma cultural que nos achega e atrae ao mundo exterior.

Inauguración da radio. Entrevista María Solar

 

Ata onde pode chegar unha radio escolar?

Traballar cunha radio nun centro non é algo novo, hai moitas experiencias que avalan que funciona e que é algo útil e beneficioso para o alumnado. Poderiamos enumerar obxectivos que se buscan e competencias que se acadan, e a lista sería enorme. Pero o que realmente queremos mostrar son as enormes posibilidades que pode ter un centro se decide adoptar a radio como un dos seus recursos educativos.

A radio escolar non ten límites. Isto é o que calquera equipo de docentes ten que ter moi claro. Todo vale e todo ten cabida, calquera experiencia, suceso, situación, interese, circunstancia... pode ser obxecto de ser traballado, mostrado, exposto, compartido... a través da radio dun centro educativo. Esa é a nosa visión da radio. Podemos dicir tamén que non só todo ten cabida senón que tamén calquera ten cabida: o alumnado, os pais e nais, o persoal de servizos, os profesores, axentes externos de calquera tipo, persoeiros que nos visitan…

Ademais, non é preciso ter unhas calidades especiais para facer radio porque calquera pode ter un lugar, un papel e unha importancia. Podes ser disléxico e ter un pánico enorme para falar a través dun micrófono, pero podes ser capaz de levar a parte técnica dun programa cunha grande eficacia; podes ser moi tímido, pero podes facer uns guións estupendos…

 Alumnado preparando un programa contra a violencia de xénero

 

A inclusión como eixe da radio escolar

Para nós, o máis importante é a inclusión. Cremos que é a palabra que podería definir a nosa radio, xa que é a filosofía coa que naceu. A radio escolar é o instrumento perfecto para que o noso alumnado se poida expresar a través dos seus talentos e é ben seguro que cada un ten os seus e que todos encaixan. Pode ser esa a tarefa máis complexa á que nos enfrontamos os docentes: guiar o noso alumnado para que atope o seu sitio. Ese labor é ben bonito porque é realmente o que buscamos como obxectivo máximo da educación, que cadaquén aproveite os seus talentos e sexa feliz.

Nós concibimos a radio escolar tendo en conta as intelixencias múltiples. Aproveitamos este recurso para poder sacar do alumnado todo o que leva dentro e que, ás veces, debido ás dinámicas das nosas aulas, é difícil saber todo o potencial que ten.

A radio escolar, como unha medida de atención á diversidade, foi unha das posibilidades que máis nos interesou. No noso centro contamos con moito alumnado con necesidades de apoio educativo. A radio é unha axuda enorme para o departamento de orientación non só porque, desde o punto de vista da Pedagoxía Terapéutica ou da Audición e Linguaxe, é un instrumento directo de traballo co que mellorar competencias do noso alumnado con dificultades (dislexia, dislalias, proceso lecto-escritor, comprensión lectora...) senón porque axuda notablemente en problemas sociais  e afectivos derivados das características individuais do alumnado (problemas de relación, autoestima baixa, sobredotacións intelectuais que non encaixan…).

Unha radio actual

Temos que unir a nosa proposta coa contextualización que facemos da educación ligada á realidade do alumnado. No século XXI a competencia dixital non se aprende nas aulas, convívese con ela. O noso alumnado manexa a diario  ordenador, móbil, videoxogos... A radio ten que modernizarse tamén se queremos que eles teñan interese por este medio. Por iso presentamos unha radio con emisión a través de Internet, utilizando os podcast como eixe central e a plataforma IVOOX para que as nosas producións cheguen a toda a comunidade educativa en calquera momento e en calquera sitio. Calquera membro dela, a través da app pode oír un programa cando queira. 

A radio como parte do proxecto educativo de centro

Unha radio escolar non pode ser un gueto illado do centro, non pode ser unha iniciativa particular dun ou varios profesores que gocen deste medio, que se ilusionen e enganchen  uns alumnos para facer programas sen ningún eixe nin planificación... Nós cremos que unha radio así non ten sentido e está condenada ao fracaso porque, en canto o profesorado e o alumnado implicado perda a motivación, rematará a súa vida pedagóxica.

Este recurso ten que estar normalizado no centro e ten que ser accesible para toda a comunidade, só deste xeito poderá ter percorrido no tempo e será aproveitable como recurso pedagóxico.

Calquera equipo de traballo do centro debería incorporar o uso da radio nas súas dinámicas. A radio pode ser o instrumento perfecto para os clubs de lectura (de alumnado e de adultos), do grupo de teatro, do equipo de dinamización e normalización da lingua galega, da biblioteca, do club de cine…

Entrevista a Iria Misa

 

Por outra banda, o uso da radio ten que estar normalizado tamén a través do currículo das distintas materias: podemos facer un experimento e contalo na radio, podemos ler un libro e facer un programa de fomento da lectura...

Nunca o uso da radio debe ser un traballo extra para  profesorado e  alumnado, ten que ser unha actividade máis dentro da dinámica xeral das clases, só deste xeito terá permanencia e servirá como instrumento pedagóxico real. É máis, traballar cunha radio escolar pode liberar de traballo o equipo docente porque é un medio que fomenta a autonomía no alumnado e pode chegar a realizar producións de alta calidade nas que se traballan moitas das competencias que pretendemos acadar.

Atender á diversidade é un dos seus principais obxectivos, polo que debe estar inmersa no PEC e, polo tanto, no PAD. 

Que fomenta a nosa radio?

A Voz da Mata pretende ser o reflexo do noso estilo de aprendizaxe. As principais vantaxes que, hoxe en día, estamos a experimentar son as seguintes:

- Fomento do traballo colaborativo e cooperativo en experiencias concretas.

- Interrelación entre EP e ESO con actividades conxuntas partindo dos intereses do alumnado e relacionadas cos distintos proxecto do centro.

- Aumento da autoestima e das relacións sociais positivas entre o alumnado participante.

- Fomento da responsabilidade e da implicación nas actividades de centro, a través da potenciación da autonomía no traballo.

- Promoción da educación en valores a través do compromiso coa radio.

- Utilización das tecnoloxías para o traballo da aula.

- Relacións con outros centros que están a traballar en proxectos de radio escolar (no noso caso co IES de Burela e o seu proxecto NEO).

- Creación de vínculos afectivos e resolución de problemas emocionais a través do traballo da radio.

- Apertura ao mundo cultural e social máis alá da contorna escolar.

 Visita do alumnado de Burela. Proxecto NEO

 

Dificultades que se atopan nun centro que traballa coa radio escolar?

O traballo coa radio ten infinidade de aspectos positivos, pero tamén hai moitas dificultades das que temos que ser conscientes para saber afrontalas desde o centro.

Cando nace calquera iniciativa nun centro, xa sexa por unha proposta da consellería, de Bibliotecas Escolares ou de calquera outra entidade, sempre hai unha ilusión por algo diferente pero tamén unha serie de dificultades que hai que ir salvando. No caso que nos ocupa, atopamos moitas no día a día que intentamos solucionar entre todos co traballo en equipo:

  • Dificultade para crear un espazo que sexa acolledor e que cumpra os requisitos técnicos axeitados:

Co orzamento do proxecto Radio na Biblio, mercamos o equipo técnico e recibimos a formación inicial básica para poder botar a andar a nosa radio. Pero quixemos acondicionar mellor o espazo facendo unha cabina insonorizada, precisamos máis cartos e recibimos diversas axudas. Neste momento temos que insonorizar a parte interior da cabina. Este proceso é longo e custoso. Comezar é o complicado e, salvada esta dificultade, xa hai moito camiño avanzado.

  • Custa implicar o profesorado:

Ás veces, é complicado implicar o profesorado do centro nun proxecto común, pero se hai un equipo que comeza e dinamiza, pouco a pouco vaise normalizando como un recurso do centro á disposición de todos. En moitas ocasións é medo ao que non se controla. Coa formación permanente no propio centro, esas dificultades van remitindo e foméntase unha autonomía no traballo.

Contamos cun equipo de profesorado que dinamiza a radio. Como somos un CPI, hai profesorado de EP e da ESO. O director e as dúas xefas de estudos forman parte do equipo, o que facilita a comunicación co resto do profesorado e un apoio moi grande en calquera actividade que se presenta.

  • Pénsase que na radio non se aprende:

Podemos pensar que na radio non se aprenden os contidos dunha materia, que se perde o tempo, que só se pode explicar materia na aula… Isto é un grande erro. Na radio apréndese moitísimo, no aspecto curricular e no non curricular.

  • Os grupos de alumnado son numerosos:

Traballar na radio con grupos de máis de 10 alumnos é difícil. Hai que buscar alternativas de traballo paralelo para desdobrar os grupos.

  • Falta de autonomía inicial do alumnado:

Só levamos un curso traballando coa radio. Temos alumnado autónomo no manexo técnico e na realización de tarefas varias, pero temos que seguir facendo formación para que cada vez sexa máis o alumnado que saiba utilizar a radio sen supervisión directa do profesorado.

  • Xorden problemas técnicos:

A utilización técnica da radio é sinxela pero de cando en vez aparecen problemas técnicos para os que non estamos preparados. Tamén hai máis posibilidades da mesa de mesturas que non controlamos. Por este motivo é moi importante seguir recibindo formación. O noso centro solicitou para este curso a permanencia no proxecto Radio na Biblio porque precisamos seguir aprendendo.

  • Os tempos:

Outra dificultade é cando gravar. Nas actividades que son dentro dun grupo clase non hai problema. Os inconvenientes xorden cando facemos programas nos que o alumnado participante pertence a distintas clases e/ou distintos niveis educativos.

Formación en radio. Alumnado ESO

 

A radio como espazo de comunicación

Nas aulas, ás veces, non hai un espazo para que o alumnado se comunique con liberdade e achegue os seus propios intereses por coñecementos que non teñen cabida nas clases diarias, pero que son moi importantes na formación integral do alumno.

A través da radio poden xurdir temáticas, inquedanzas, intereses... que teñen os nenos e que non coñecemos, simplemente porque non teñen unha plataforma para expresárense. A radio escolar é marabillosa para coñecer mellor o alumnado co que traballamos.

Se vos animades a traballar cunha radio escolar, atoparedes un mundo novo no que toda a comunidade ten cabida e no que cada un pode ser como é sen limitación. A radio é máxica! Hai verdadeiras transformacións cando alguén pon uns cascos e entra nunha intimidade social chea de momentos especiais. As posibilidades da radio escolar son infinitas... só hai que se atrever!

 

 

A continuación, unha mostra da nosa programación: Entrevistamos a María Solar

 

 
00:00
Sección: