Emocionarnos nas aulas

Amosamos pasiño a pasiño a nosa experiencia no proceso de achegamento á educación das emocións nas aulas nas que traballamos, así como a transformación que isto está a supor para o alumnado, as familias e para nós mesmas, facendo fincapé na importancia da participación de toda a comunidade educativa para a súa efectividade.

M.ª Soledad García Álvarez. Mestra de Pedagoxía Terapéutica.
maria.soledadgarcia@edu.xunta.es
M.ª Isabel Oliveira Ruzo. Mestra de educación infantil.
moliveira@edu.xunta.es
Rosario Villar Rodríguez. Mestra de educación primaria.
rosariovillar@edu.xunta.es
CEIP Flavia (Padrón-A Coruña)

 

Contextualización

O noso colexio, o CEIP Flavia de Padrón, é un colexio pequeno situado nunha zona do interior da provincia da Coruña. Organízase nun claustro integrado por 25 mestres e mestras que se encargan da docencia de preto de 300 alumnos e alumnas distribuídos na actualidade en tres clases de educación infantil e once clases de educación primaria. Nas nosas aulas acontecen a cada instante cousas que precisan da nosa atención e cada unha de nós, nun principio pola súa conta, comezou un traballo intuitivo, de investigación, de descubrimento… e, sen saber, abrímoslle a porta á educación emocional.

As inquedanzas que nos levaron a iniciar conxuntamente o traballo emocional nas aulas foron as seguintes:

Por que os nenos non avanzan segundo o esperado? Como podo sentirme a gusto na escola e axudar o alumnado a que se sinta así tamén? Como podo acompañar os nenos a medrar emocionalmente e afrontar as súas vivencias persoais cada día na escola?

Eu, Isa, como mestra de educación infantil, son consciente de que as familias e os nenos se achegan á etapa de educación infantil cunha morea de emocións encontradas que de xeito natural aprendemos a identificar e xestionar. A raíz da realización dun curso de formación sobre educación emocional afianceime en recursos e técnicas que xa empregaba e trouxen novos recursos que fan que o alumnado comece a expresar o que sente, funcionar en equipo, acompáñanse, compréndense e medran en autonomía.

Para min, Charo, pasar de Pedagoxía Terapéutica a primaria supuxo un cambio moi grande. Aterrei nunha aula de primaria e as miñas ideas previas chocaron coa realidade, as cousas parecían non funcionar, iso foi un darme conta, tomar conciencia de que a dinámica da aula non era a axeitada, non obtiña os resultados que pretendía acadar sen causa aparente xustificable. Comezou aquí un proceso de pararme, de observar moito os nenos e nenas, de prestar atención a pequenas cousas que antes me pasaban desapercibidas: como entraba X na aula, como falaban entre si, como se relacionaban… e isto levoume a ver a necesidade máis grande: crear grupo. Foi a primeira toma de contacto co que sentiamos.

Eu, Sol, como mestra de Pedagoxía Terapéutica, organicei talleres que tiñan como obxectivo inicial responder á necesidade específica de socialización dun neno e, sen saber como, descubrimos que o esencial era a identificación, expresión e xestión das emocións. Ao longo destes talleres comprobamos a bondade do traballo coas emocións, como un proceso moi enriquecedor para todo o grupo, como adoita acontecer.

Un bo día no que estabamos programando o traballo da semana, xurdiu a pregunta que nos ía enfocar máis cara ao que xa estaba acontecendo: «Cres que, se os nenos están a gusto, mellora a realización das tarefas?». A resposta foi contundente: si.

E aquí comezou a aventura consciente e pronto nos ían chegar os ventos doutra aula. Xa eramos tres e comezamos a compartir…

Que susto! Un mundo inmenso abríndose ante as nosas miradas: as emocións.

As emocións

Para empezar convidamos os compañeiros a participar nun grupo de traballo que solicitamos e nos foi concedido a través do CAFI. O primeiro ano o obxectivo foi identificar as emocións en nós para logo poder recoñecelas no noso alumnado.

  • Contamos con tres relatoras para formarnos: Carmen Pomar e Carmen Loureiro achegáronnos fundamentos teóricos e Micaela Beiro introduciunos na pedagoxía sistémica.
  • Aprendemos, entre outras cousas, que non hai emocións positivas nin negativas, son todas necesarias, e que é a xestión das emocións (de todas) a que favorece o noso benestar persoal ou nos provoca dano. Por exemplo, un exceso constante de ledicia pode provocar condutas inapropiadas, daniñas... e o medo en determinadas ocasións pode salvarnos a vida. Ata os sete anos non hai maduración cerebral suficiente para ter control sobre as emocións propias e moitas veces pedímoslles aos nenos e nenas que razoen sobre condutas emocionais sen ter en conta que non teñen a madurez suficiente…

Nas diferentes sesións de traballo tanto teóricas coma vivenciais, compartimos e cooperamos entre nós achegando casos persoais e outros que atopamos nas aulas coa finalidade de ver como son as respostas das nosas emocións tanto no ámbito adulto coma no dos nenos. Concluímos que, no canto de «receitas» na busca de seguridade para o traballo cotián nas aulas, o que precisabamos eran os elementos que tiñamos dentro da «caixa de actividades»:

  • Lentes para mirar con bos ollos
  • Moita imaxinación
  • Un corazón moi grande
  • Moito traballo en equipo
  • A chave que abre a sabedoría, a intuición e a conciencia.

 Caixa de actividades

 

No segundo ano o obxectivo era traballar o medo e a ira (que eran as máis difíciles) e os primeiros contactos de traballo coa respiración, relaxación e mindfulness.

1. Contamos con tres relatoras: Mita Beutel que nos introduciu no mindfulness; Clara González coa que, de xeito lúdico e artístico a través de xogos, arte…, traballamos as emocións e a autoestima; e Carmen Loureiro que nos achegou moito sobre o aspecto relacional.

2. Aprendemos, entre outras cousas, a achegarnos ao medo e á ira sen que nos asustasen. Recursos para descargalas, expresalas, canalizalas, xestionalas sen danarmos a nós, aos demais nin aos obxectos… (como premisa básica para a nosa vida diaria).

Nais, pais e mestres con Carmen Loureiro

 

Viña ocorrendo, case desde o principio, que as familias manifestaban curiosidade polas actitudes novas que os seus fillos levaban á casa. De aquí naceron os encontros para medrar emocionalmente xuntos familia e escola, que se encadran dentro do Plan de convivencia do centro e, pola súa vez, dan resposta ás escolas de pais e nais.

Os obxectivos que nos propuxemos:

  • Familiarizar as familias coa importancia da intelixencia emocional.
  • Viviren en si mesmos as diferentes emocións, asociadas ás súas experiencias persoais e seren capaces de identificalas, expresalas e xestionalas.
  • Analizar diferentes comportamentos ante situacións que observan dos seus fillos acotío e ser quen de ter ferramentas que permitan, a través da intelixencia emocional, reconducir a conduta.

Así pois, programamos unha reunión o último martes de cada mes. Propuxémonos a toma de conciencia do mundo das emocións ao tempo que lles amosabamos o que estabamos a facer nas aulas. A través de talleres vivenciais, identificamos e expresamos emocións, buscamos ferramentas de xestión… do mesmo xeito que fixemos con nós, primeiro en si mesmos e logo cos seus fillos e fillas.

Resaltamos que estes encontros favoreceron grandemente a relación entre as familias e a escola, que se traduciu en apertura, apoio, colaboración, confianza e comunicación mutuas. Iniciamos os encontros para medrar emocionalmente xuntos familia-escola, no marco da escola de nais e pais.

Encontros      

                     

Neste proceso de formación ao longo de dous anos, foi moi enriquecedor ir levando ás aulas o que iamos aprendendo e ver como os recursos que nos ofreceron tanto o curso coma as relatoras foron eficaces e, así mesmo, traer das aulas as nosas dificultades, dúbidas, medos… e compartilas, apoiarnos, cooperar e aprender xuntos.

Sentiamos a necesidade de implicación de máis profesorado para poder estender a intelixencia emocional a todo o alumnado. Nisto, o equipo directivo anímanos a participar no Programa de educación responsable promovido pola Fundación Botín e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no que saímos seleccionados xunto con outros sete centros galegos.

No terceiro ano, no que estamos agora, o obxectivo é aplicar a primeira fase (de tres) do Programa de educación responsable (Desenvolvemento da educación emocional e a creatividade), co que xa somos máis mestres participando neste proxecto e a finalidade é conseguir que, cando remate a terceira fase, estean implicados todos os docentes do centro.

Continuamos cos encontros coas familias e nesta ocasión contamos coa relatora Marián Cobelas que nos amosou en que consiste a disciplina positiva.

Disciplina positiva

 

Pasiño a pasiño o susto vai pasando. Sentímonos máis seguras, temos máis confianza no que estamos a facer, formámonos, ampliamos a nosa visión, contaxiamos o noso entusiasmo e a necesidade de traballar a intelixencia emocional nas aulas.

Pasiño a pasiño xa non estraña oír falar de relaxarse e respirar, resolver conflitos falando desde o que sentimos e mirándonos aos ollos, sempre respectando a premisa básica de non danarnos a nós mesmos, aos demais nin aos obxectos. Cada día os nenos e nenas enriquecen o seu vocabulario e expresan de xeito máis concreto o que realmente senten «Sinto/me… porque…».

Pasiño a pasiño mudou o ambiente nas aulas, os nenos e nenas son máis competentes para resolver conflitos, fan equipo, son máis asertivos, acompáñanse, son máis empáticos, teñen maior autonomía e autoestima, contan con máis recursos ca nós á súa idade para afrontar o que lles ocorre na vida e comprobamos día a día que, se están a gusto emocionalmente, medra a motivación e a boa realización das tarefas, normalízase o falar de temas que ata hai pouco se camuflaban por crer que se protexía os nenos e nenas sen permitir a súa vivencia (dós, perdas, ausencias, separacións…).

Frases como «A miña filla ensíname a min», «O meu fillo dáme consellos cando estou triste ou enfadada» ou «Agora que vexo que hai máis persoas que senten o mesmo ca min nesta situación síntome máis acompañada» fannos valorar a importancia do traballo coa intelixencia emocional, non só escolar senón na vida diaria, tanto en nenos coma en adultos.

Cremos que é prioritario atender ás demandas dos nenos antes ca ao currículo porque, se este primeiro aspecto está atendido, as tarefas escolares fanse soas, pois terán a atención plena no que están realizando. Non pensamos que sexa a intelixencia emocional unha moda, é máis, debemos coidala moito e valorar o xeito no que a transmitimos porque xogamos con algo importantísimo: coa autoestima, seguridade e confianza persoais e as emocións dos nenos e nenas, e isto fará que sexan persoas máis ou menos intelixentes emocionalmente e favorecerá ou non a xestión da súa vida adulta.

Vivenciando emocións

 

Actividades

A modo de exemplo, algunhas das actividades coas que iniciamos a nosa andaina polo mundo das emocións conectándoas coa aula foron as seguintes:

Na etapa de educación infantil o primeiro obxectivo formulado é:

  • Que os nenos e nenas se sintan arroupados, agardados, que saiban que teñen un lugar esperando entre nós.

Para iso programamos actividades para as familias e para os nenos.

Nunha primeira reunión coas familias previa ao período lectivo, facemos un pequeno percorrido polas emocións que senten, unha viaxe aos seus tempos de alumnos: o seu primeiro día de escola, o que levaban, quen os levou, como se sentiron, que os sorprendeu, con que medos se atoparon, o longo que se facía o tempo de espera ata que os volvían recoller… Moitas lembranzas boas, para algún mellores, para outros non tanto e ata indiferenza.

Segundo as nosas vivencias como alumnos, así lle amosaremos o colexio aos nosos fillos ou fillas. Por iso a confianza é unha das emocións que máis se traballan neste momento do desapego. Tras uns minutos de conversa entre eles, unha posta en común do vivido. A partir deste momento, falamos de como poden facer para que os seus nenos sintan esa confianza e seguridade, como cren que se senten os seus fillos, que lles din aos nenos, como ven esta nova etapa, como se senten eles no seu rol de pais…

Posteriormente, durante o período de adaptación, como ben dixemos, dúas palabras máxicas: seguridade e confianza. Para reforzalas, realizamos entre outras as seguintes actividades:

  • Tica, a bruxiña da aula que nos fai “falcatruadas” cando nós estamos na clase, regálalle a cada neno unha ra coa inicial do seu nome porque quere ter moitos amigos. É una ranciña máxica que identifica a cada neno como pertencente ao noso grupo de clase. Poñerémola no mandilón cun imperdible.

Modelo de ra

 

  • Contamos o conto do Polo Pepe e logo presentámoslles aos nenos unha cesta de vimbio con palla, pitiños e ovos. Eses pitiños necesitan que alguén os coide moito para que nazan máis pitiños e que os que xa naceron non teñan frío.
  • Proponse que os nenos os leven para a casa tapadiños cunha manta e os traian ao día seguinte. Comprobaremos se naceu algún máis (avisando de que non nacen todos os días). Cando veñen de volta á clase, sempre cun coidado incrible por parte do neno que os levou, comprobamos o seu “estado”, contamos os ovos e tamén os pitiños.

            Pitiños na cesta

 

Coa complicidade de nais e pais, levamos moitas sorpresas pola responsabilidade dos nenos e porque, de cando en vez, había máis pitiños e menos ovos. Durante a clase incubábaos unha “galiña” que non quería saír nunca da aula (de aí que se encargasen os nenos polas noites).

Ao longo do curso, vanse engadindo diversas actividades en función das necesidades que van xurdindo. Por exemplo, durante a asemblea e con apoio do emocionómetro saudámonos e dicimos como nos sentimos individualmente e a razón pola que nos sentimos así; o recanto da calma con coxíns, botes da calma, folios, cores…e o bote dos “xenios” onde, despois de debuxar a causa que nos enfadou, raiala, engurrala, esnaquizala… a encerramos para que non saia de alí nunca xamais; iniciarnos na figura do mediador na resolución de conflitos… Todas estas actividades parten de todo o proceso de desenvolvemento da educación emocional (identificación, expresión e xestión).

Mesa da calma coa caixa dos xenios

 

Na educación primaria, gustaríame comezar cunha historia: «Memoria dun desapego».

Eu, mestra do primeiro nivel de primaria que estou co curso iniciado, observo no alumnado que non sente que pertence á súa aula, intento motivalo de múltiples xeitos, sigo con rutinas que facían antes para facilitar a adaptación, pero non vexo resultados. Polo tanto, falo coa compañeira de educación infantil que os tivera desde os tres anos e propóñolle facer unha “entrega” de alumnado. Un traballo emocional que trataba de pechar a etapa anterior e comezar unha nova.

O procedemento foi o seguinte: tiveron un tempo de despedida coa súa mestra e aos nenos e nenas que chegaron das unitarias pediulles que lle concedesen o permiso para que, no nome das súas anteriores mestras, puidese «entregalos» á nova mestra coa confianza de que vía o que medraran e que tiñan que seguir adiante aprendendo cousas novas.

Logo desta primeira parte, colocáronse nunha fila e a mestra de infantil despedíaos cun bico, dicía o seu nome e preguntáballe se quería ir coa nova mestra; eu recollíaos cunha aperta e ían cara ao seu sitio e, de cando en vez, contabamos os que xa tiña eu e aclamabamos a todos os que se ían sentando.

Despedímonos as mestras cunha grande aperta e unha nena pediunos que nos coidaramos moito as dúas. Que observamos no ámbito emocional?

  • O que rapidamente se puxo de primeiro fose para o final.
  • Houbo algún neno que se separou da fila.
  • Algún agochouse tras a capucha cando chegou ao sitio.
  • Houbo algunha nena que chorou cando se separou.
  • Un dos nenos estaba moi nervioso.
  • Os que estaban separados da fila, por fin accederon a entrar na súa aula.
  • O que se puxo de primeiro foi o último en sentarse.
  • Dúas nenas permaneceron impasibles.

E todo iso a pesar de que se fixera o curso anterior un achegamento ás aulas de primaria e unha despedida. Un dos nenos volveu á aula de infantil e logo de medirse e facerlle comprender cal era o seu sitio, tivo claro que era primeiro e non infantil. Dous días despois pediron que a mestra volvese para lerlles un conto e así o fixo. Despois de facer este proceso de entrega do alumnado, vimos como deixaron de ir constantemente pola aula de infantil con calquera pretexto e eu puiden por fin establecer un vínculo novo co seu alumnado e ser a súa mestra.

Actividades tipo serían:

  • Como rutina comezamos o noso día a día cun “chegamos”, que consiste en, unha vez ben sentados, co lombo recto, os pés apoiados no chan e as mans nos xeonllos, pechar os ollos, facer respiracións profundas e manternos así un cachiño escoitando unha música de fondo. Ás veces as respiracións son guiadas e outras non conseguimos que sexan conscientes da súa respiración, de como se senten e entran nun proceso de calma que nos permite iniciar a dinámica diaria da aula. Logo facemos unha posta en común de como nos sentimos hoxe da que xorden situacións que dan pé a enfocar a clase dun ou doutro xeito.
  • Vemos Del revés de Disney Pixar, traballamos a identificación de cadaquén cunha determinada personaxe, debuxamos as nosas “illas”, entendemos o que é a empatía, en diferentes sesións analizamos diferentes secuencias, en grupos.

As miñas illas

 

Segundo a emoción común, fixemos un mural no que contestabamos  as  seguintes preguntas: Que sinto? Onde o sinto? Cando o sinto? En que situacións? Alguén da miña familia sente esta emoción?

  • Taller sobre “as feridas emocionais”. Consiste na lectura do conto O leonciño ferido (conto elaborado por nós, coma algúns outros que fixemos coa finalidade de adaptalos ás circunstancias da aula), reflexión guiada sobre este e posteriormente, coa axuda do libro de Ana Llenas Laberinto del alma, lemos o apartado que fala sobre as feridas emocionais.

 Figuras emocionais

 

Escribimos as nosas feridas individualmente nun folio común e logo rachámolas para separalas. No encerado colocámolas sobre unha tira de papel despois de comentalas e, a carón, sobre unha raspa dunha sardiña iamos escribindo o que nos facían sentir.

Caixa de primeiros auxilios

 

Por último, deseñamos un caixa de primeiros auxilios na que aloxamos as curas ou remedios que a todos nos pareceron axeitados para tratar esas feridas.

Nos encontros coas familias temos unha serie de rutinas marcadas por actividades de chegada, proposta de traballo (vivencia, mural, xogo… e expresión) e actividade de peche.

- Actividade de chegada: por exemplo, de pé aplicamos a técnica do “terremoto” na que descargamos todo o que traemos de fóra e nos centramos “no aquí e no agora”.

- Actividade vivencial: escoitando unha música imos introducíndonos nas emocións básicas e situándonos no panel da cor que representa a emoción que eu estou identificando. A continuación facemos unha posta en común do vivido; en grupos e con tarxetas das diferentes cores das emocións escribimos palabras relacionadas con esa emoción que logo compartimos e confeccionamos con elas un mural colectivo e así enriquecemos o noso vocabulario emocional. Propuxemos como tarefa para a casa (ás familias) que observasen o vocabulario emocional que tiñan os seus fillos.

- Actividade de peche: que levas? Rolda de palabras onde cada un intenta resumir nunha palabra o vivido neste encontro.

Mural vocabulario emocional

 

Falta moito camiño por andar, continuaremos formándonos, introduciremos novos contidos que as familias están demandando, seguiremos na mellora da atención á resolución de conflitos, xeneralizaremos a educación da intelixencia emocional en todos os niveis educativos, continuaremos co programa de educación responsable, seguiremos investigando na aplicación de recursos e experiencias no campo do emocional.

 

"Si quieres la máxima productividad y obtener los mejores resultados, entonces necesitas que la gente encargada de ese trabajo se encuentre en el mejor estado emocional posible" (Daniel Goleman).

"Cuando la consciencia es llevada a la emoción, el poder es llevado a la vida" (Tara Meyer Robson).

 

 

Bibliografía: 

 

 

BISQUERRA, R. (2013) Educación Emocional. Editorial Desclée. 6ºed.

BORRÁS SANJURJO A. (2003) Nata y chocolate. Editorial Anaya. 1ºed.

FERNANDEZ RODRIGUEZ, J. (2015) Pequenas historias.Para falar de emocións e sentimentos Editorial. Galaxia. 1º ed.

GIL C. (2015) Superhéroes en apuros. Editorial Parramon. 3ºed.

JARES, X. R. (2005) Técnicas e xogos cooperativos para tódalas idades. Editorial Láctea materiais.  2ºed.

LLENAS, A. (2016) Laberinto del alma. Editorial Planeta. 1º ed.

LLENAS, A. (2014) Monstruo de colores.  Editorial FLAMBOYANT.2º ed.

LLENAS, A (2015) Te quiero (casi siempre). Editorial Espasa Libros. 1ºed.

MINHÓS MARTINS, I. (2016) A onde imos cando desaparecemos? Xerais Editorial

NIGE,  G. (1993) Osito y su abuelo. Editorial  Timun Mas.1ºed

OAKLANDER, V. (2002) Ventanas a nuestros niños. Editorial Cuatro vientos. 1º ed.

PALOU VICENS, S (2004)  Sentir y crecer. El crecimiento emocional en la infancia. Editorial  GRAO.1ºed.

PERROW, S. (2017) Cuentos Sanadores. Editorial. n.g. Ivette Noguera Garcia. 2º ed.

SNEL, E. (2013) Tranquilos y atentos como una rana. Editorial Kairós.1º ed.

VARIOS. (2006) O monstro de Ricardo. Editorial Kalandraca.1º ed.

VARIOS. (2015) Cosquillas para el corazón. Editorial Parramon. 1º ed.

VARIOS. (2015) 10 Cuentos para soñar toda la noche. Editorial Parramon. 1ºed.

VARIOS. (2013)  Emocionario. Editorial Palabras Aladas. 2ºed.

VARIOS. (2015) Tú y yo. El cuento más bonito del mundo. Editorial COMBEL.1ºed.

Enlaces web

Emociones y sentimientos básicos

Paula y su cabello multicolor

Pelayo y su pandilla

Que emociones expresan estos personajes

Quen son e como me sinto

 

Sección: