Neurociencia e didáctica

José Ramón Gamo

 

Xamais pensei que me ía dedicar ao mundo da educación, sempre fun un mal estudante.

Aínda que son disléxico e teño problemas para concentrarme, non creo que isto fose a causa principal do meu fracaso escolar. Sempre pensei que o gran problema era que me aburría. Creo que isto é así porque, nas materias que me gustaban ou naquelas en que o profesor conseguía espertar o meu interese, nunca tiven problemas.

Esta situación tampouco me xerou grandes preocupacións; os meus pais souberon lidar co meu fracaso sen converter aquilo nun drama e foron o suficientemente sensatos para facer de min un neno feliz e seguro de si mesmo.

Aos 17 anos empecei unha terapia para reeducar os meus problemas de lectura, algo que nunca agradecerei o suficiente, pois hoxe a lectura é unha das miñas paixóns e aqueles terapeutas son, en gran medida, responsables da miña vocación profesional.

Isto levoume a estudar Maxisterio na especialidade de Audición e Linguaxe. Queríame dedicar a axudar a nenos que tiñan os mesmos problemas.

Antes de acabar a carreira xa traballaba con nenos con dificultades de aprendizaxe e, ao terminar a carreira, constituín, xunto a Fátima Guzmán, a Fundación Educación Activa. O obxectivo era divulgar, formar e tratar estes problemas. 

Co paso dos anos creei, xunto á miña socia e compañeira de viaxe Beatriz Cicuéndez, os centros CADE: Centros de Atención á Diversidade Educativa.

Este proxecto levoume a interesarme pola neuropsicoloxía, xa que creo que en terapia debemos facer traxes á medida dos nosos pacientes e non pretender que todos respondan a protocolos de intervención estandarizados. Todo iso levoume a formarme en neuropsicoloxía infantil.

Estes coñecementos permitíronme aprender a deseñar intervencións pero, sobre todo, fixéronme consciente de que, na maioría de casos de nenos con trastornos do “neurodesenvolvemento” que presentaban dificultades de aprendizaxe, estas dificultades non se debían tanto ás súas peculiaridades neurocognitivas como ás dificultades adaptativas, é dicir, tiñan dificultades para adaptarse aos métodos aos que estaban expostos nos procesos de ensino. Clases maxistrais, tarefas de repetición mecánica, memorización de inxentes cantidades de datos, moi pouca experimentación, exames escritos e centos de horas sentados e desmotivados.

Non obstante, cando modificabamos os métodos, atendendo ao que sabiamos dos procesos naturais da aprendizaxe, estes nenos non tiñan problemas de adaptación e realizaban as aprendizaxes de forma eficaz. Tomar conciencia diso impulsounos a indagar se os métodos que se utilizaban na escola tiñan un bo sustento científico; o resultado foi que non, como intuïamos.

Este foi o punto de partida para o que chamamos neurodidáctica e que nos impulsou a crear NIUCO, empresa que se dedica á asesoría, formación e xestión do cambio nas escolas. Por iso creo que a didáctica, a ciencia que estuda a arte de ensinar e os procesos que nos permiten aprender, debe estar moi atenta aos avances en neurociencia respecto de como aprende o noso cerebro, pois sabemos que o órgano de aprendizaxe é o cerebro. De aquí a neurodidáctica.

Aprender e ensinar son cousas diferentes e o primeiro que nos ensinan as neurociencias é que aprender é un acto consubstancial aos seres humanos e intrapersoal. Aprender supón modificar funcional e estruturalmente o noso cerebro; unha nova aprendizaxe supón unha nova rede neural e/ou a modificación de redes xa existentes: o noso cerebro “recabléase”. Ensinar é unha acción que require uns obxectivos, unhas metodoloxías e unhas ferramentas que nos permitan acompañar os devanditos métodos. Pero tamén é moi importante poder medir o éxito do método e para iso hai que avaliar, pero non avaliar a memorización de contidos ou a aplicación dunha fórmula, aínda sen entendela. O que debemos avaliar é se os alumnos comprenderon estes coñecementos e son capaces de utilizalos de forma práctica, é dicir, se se produciu unha aprendizaxe significativa.

O primeiro que eu aprendín, a este respecto, é que ninguén é capaz de conseguir que outro aprenda; con todo, si está nas nosas mans decidir como ensinar. Calquera persoa que se dedique á docencia debe saber que na súa man está ensinar, e favorecer os escenarios de aprendizaxe, pero que depende dos alumnos o feito de aprender. 

Hoxe sabemos que o cerebro debe emocionarse para aprender. Sabemos que os seres humanos teñen unha disposición innata para aprender, isto chámase neotenia. Pero, como e por que aprendemos?

Aprendemos por necesidade, para resolver retos ou problemas relacionados coa nosa supervivencia ou para alcanzar obxectivos que por algunha outra razón nos motivan. Non obstante, tamén aprendemos cousas que non son necesarias para sobrevivir, pero que nos reportan pracer ou melloran a nosa calidade de vida, como aprender a conducir ou a baixar películas de Internet.

Sabemos que para realizar aprendizaxes significativas necesitamos que o noso cerebro active o maior numero de áreas e as poña a traballar de forma colaborativa. Para iso o cerebro tivo que emocionarse con algo.

As neurociencias apuntan a que hai tres grandes dispositivos que participan e favorecen os procesos de aprendizaxe: a motivación, a atención e as memorias. Estes tres dispositivos son dependentes de factores emocionais; grazas á emoción actívase a acción.

O sistema límbico, o que chamamos cerebro emocional, cunha participación moi activa das amígdalas, provoca a liberación de substancias químicas (os neurotransmisores) que poñen en marcha a nosa motivación e que, pola súa vez, activan os mecanismos atencionais, sobre todo na cortiza prefrontal, onde se atopan os principais circuítos relacionados coa concentración e as memorias a curto prazo. Pero non só isto, no cerebro emocional atópase o hipocampo, estrutura onde a información se consolida nas memorias a longo prazo. Para aprender teño que estar motivado, teño que estar atento e teño que lembrar o que aprendo.

Nós sabemos o que estamos a pensar cando os pensamentos se activan nas nosas memorias operativas, que son as memorias RAM do cerebro, pero para que isto ocorra tense que poñer en marcha a cortiza prefrontal.

Neste momento póñense a traballar as funcións executivas, estruturas que se atopan na nosa cortiza prefrontal. É o que denominamos cerebro executivo e permítenos tomar conciencia dos nosos sentimentos, dos nosos pensamentos e das accións que imos poñer en marcha.

A neurociencia indícanos que a intelixencia non é a capacidade de procesamento da información, procesos estes que realizamos de forma inconsciente no noso cerebro cognitivo, senón a capacidade de utilizar estes coñecementos de forma práctica para solucionar os nosos problemas.

Hoxe sabemos que o cerebro capta a información de forma inconsciente. Agora ben, só presta atención a aquela que, por algunha razón activa o noso sistema emocional. Logo derívaa a diferentes rexións para ser procesada e, de novo, é o cerebro emocional o que pon en marcha estes mecanismos. Despois interpretamos esa información, buscamos referentes nas nosas memorias para ver se xa hai mecanismos de resposta aprendidos; se non é así, activamos o noso cerebro executivo para tomar conciencia do que estamos a pensar, de como razoamos e elaboramos novas respostas. Poñémolas en marcha nunha especie de ensaio-erro e aprendemos tanto dos erros como dos acertos. Finalmente, a repetición das accións de éxito queda gravada nas nosas memorias e xa elaboramos novos mecanismos de resposta, que se activarán en próximas ocasións de forma case inconsciente e automática. Xa temos cambiados os “cables”, xa temos aprendido.

Polo tanto, o ensino ten que ir encamiñado á consecución duns obxectivos. Debemos utilizar métodos e ferramentas que nos permitan facilitar estes procesos de aprendizaxe. Así, o mestre debe deixar de ser un mero transmisor de información e propoñedor de tarefas para converterse nun líder da manda, un motivador, un xestor e un guía.

Os docentes debemos adestrar e potenciar as competencias dos rapaces, é dicir, debemos axudalos a construír o coñecemento, a desenvolver as súas habilidades e destrezas e a contribuír na transmisión de valores que nos permitan construír unha sociedade mellor e máis xusta. Neste sentido a neurodidáctica convídanos a pensar e actuar sobre diferentes cuestións.

Cando lles estamos a transmitir aos estudantes información nova e o cerebro non ten coñecementos que lle permitan razoar esta nova información, o cerebro vai demandarlles máis ás áreas relacionadas coa creatividade e coa intuición, así como a sistemas de procesamento de tipo visoespacial, fronte a procesos de orde lingüística. 

Imaxinádevos que non tivésedes ningún coñecemento sobre papiroflexia. Que prefeririades, unha clase maxistral de como se fai unha paxariña de papel ou un vídeo titorial en Youtube, podendo ver como se fai para logo repetir e repetir ata conseguilo? Xa que logo, nesta fase do proceso de ensino hai que facer menos clase maxistral e achegarlles aos alumnos máis información audiovisual e máis acción. 

Por que? Hoxe sabemos que nunha situación de comunicación oral, o cerebro é capaz de procesar aproximadamente o 30 % da información que percibimos. Así que máis vale que nos interese por algunha razón o que estamos a escoitar ou que nos motiven moito, para poder estar atentos.

Tamén sabemos que nunha situación de interacción oral, o 80 % da información que está a procesar o cerebro está en relación co contexto, cos xestos corporais e os xestos faciais. Cantos mestres “cogomelos” tivemos? 

Insisto, esta non é a fase onde unha clase maxistral vaia ser eficaz. Primeiro intentemos motivar o alumnado en relación co que vai aprender para que lle atopen un sentido práctico. Fagamos que a información coa que vai ter que construír o coñecemento lle sexa útil, lle sirva para resolver un reto, un problema real.

Imaxinádevos que a un grupo de alumnos, en Matemáticas, lles comunico que mañá teñen exame sorpresa sobre as potencias. Desde logo, van activar as emocións, seguramente provocando sentimentos de inxustiza, de enfado, mesmo de rabia. Mal empezamos. Neste caso detectamos que a maioría dos alumnos tende a memorizar os datos sen razoar, para logo plasmalos nun exame e, días despois, non acordarse de moito ou de nada. Isto chamámolo “educación bulímica”. Si, bulímica, un método de ensino onde o alumno engole datos e logo os vomita.

A outro grupo propóñolle un reto. Quero que mañá traian un par de fotografías de cousas que eles crean que representan unha potencia. Cóntolles que durante un minuto lles van explicar aos seus compañeiros por que esa foto representa unha potencia e van ter que responder as dúbidas que os seus compañeiros teñan respecto diso. Ademais, o que o explique correctamente e sexa capaz de resolver as dúbidas recibirá unha recompensa ou obterá un beneficio. Pois ben, nestes casos, despois do balbordo inicial, a tendencia dos alumnos é buscar información que lles axude a entender o que é unha potencia, para despois facer as fotos e poder explicárllelo aos seus compañeiros. Nestes casos conséguense aprendizaxes significativas. Ademais, no proceso de explicación e debate que se produce ao resolver as dúbidas doutros compañeiros, aqueles que non o entenderon ben aprenden grazas á construción colectiva do coñecemento, á práctica propia e ao observar os outros facer. 

Lembremos que o cerebro é un órgano social. Aprendemos con outros e doutros.

Por todo isto, a neurodidáctica recomenda aprender facendo e para iso o método de ABP (aprendizaxe baseada en proxectos) parécenos en grao sumo apropiado. Este método ten a vantaxe de poñer en valor os desexos do alumno respecto do que habemos aprender e como ao seren eles os que deciden o proxecto.

Aprendemos doutros e con outros, polo que recomendamos a aprendizaxe cooperativa.

A escoita pasiva de datos é pouco eficaz, mentres que o debate estimula o interese e activa as emocións. Hai que debater con outros que saben máis ca min ou saben cousas diferentes ás que eu sei para construír novos coñecementos e/ou adquirir novas habilidades e destrezas.

Os mestres debemos deixar de ser simples transmisores de información e debemos dedicarnos a deseñar escenarios motivadores que estimulen a aprendizaxe; debemos saber crear necesidades a través de propostas que se convertan en retos ou problemas reais para os alumnos.

Debemos potenciar a creatividade e intuición dos rapaces, porque son os procesos que máis nos van axudar a resolver os problemas novos. E, sobre todo, debemos deseñar procesos que lles permitan aos alumnos o desenvolvemento das súas competencias, é dicir, a adquisición e construción de coñecementos útiles, de habilidades e destrezas. 

Como vedes, a neurodidáctica non é un método senón un conxunto de competencias que nos deben permitir deseñar os obxectivos, metodoloxía e ferramentas de ensino que favorezan os procesos naturais de aprendizaxe.

Para estar nas condicións idóneas, o noso órgano de aprendizaxe ten que estar ben. Para que isto sexa así, sabemos que a saúde en xeral e a específica do cerebro depende da nosa alimentación, o sono e o movemento, así que a neurodidáctica recomenda empezar por ensinar isto, tanto aos pais como aos profesores. 

Para terminar, quero lembrarvos que non hai aprendizaxe sen emoción, polo tanto,  debemos estimular as amígdalas dos nosos estudantes e transformar a nosa forma de ensinar.

Palabras clave: 
Sección: