STEM: retos para unha formación integral

O termo STEM, sigla inglesa para ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, aplicado á educación representa a idea de traballar estes catro campos de coñecemento de modo integrado nos procesos de ensino-aprendizaxe.

Luis Hervella Nieto
Decano Facultade informática Universidade Coruña
Celina Santamaría Recio
Asesora formación CFR Coruña

 

Tradicionalmente, as catro áreas estudábanse de xeito illado e dábaselles máis  relevancia a unhas ou outras dependendo do tipo de estudos (académicos ou profesionais) ou das eleccións dos estudantes. Non obstante, a tendencia actual, posible, en parte, grazas á relativamente recente incorporación da tecnoloxía e das TIC ás aulas de secundaria e bacharelato, apunta a unha aprendizaxe máis práctica e adaptada á realidade. Así, a través da integración dos coñecementos, perséguese desenvolver a competencia tecnolóxico-científica desde todos os aspectos, cubrindo unha perspectiva multidisciplinar que posibilita formar persoas capaces de afrontar retos de innovación en todos os campos do coñecemento e ser útiles á sociedade.

A falta de vocacións científicas e tecnolóxicas supón un grave problema para unha sociedade cada vez máis dependente das tecnoloxías e máis necesitada de innovacións científicas e tecnolóxicas que dean saída a problemas tanto de ámbito mundial (o cambio climático, a escaseza de auga nun mundo superpoboado ou a xeración sostible de enerxía), como da nosa contorna máis próxima (posta en marcha de cidades intelixentes, desenvolvemento de novas técnicas médicas, ou de aplicacións que dean soporte aos actuais retos da industria asentada na nosa comunidade). Xorden cada día novos retos asociados ás TIC, en particular toda a problemática derivada do tratamento da información e cuestión relativas ao big data, e precísanse persoas expertas no tema para xestionar estes desafíos. Parece claro que a universidade ten serios problemas para atraer xente nova que se especialice nas distintas ramas da ciencia e da tecnoloxía e desenvolva no futuro esa investigación punteira que tanto se precisa. Un punto de partida cara a conseguilo vén dado pola modificación da oferta universitaria, integrando disciplinas e poñendo o acento na aplicabilidade e a solución de problemas. Mais o escaso interese pola ciencia depende de factores máis profundos, como a falta de recoñecemento social ou a percepción de que as materias científico-tecnolóxicas son difíciles e demasiado teóricas. Pensamos que a valoración colectiva que se dea á ciencia e á actividade científica, así como un cambio de paradigma na educación non universitaria, son claves para aumentar o interese dos novos estudantes nestes campos, os cales, non convén esquecelo, son os que gozan dunha maior empregabilidade.

O papel da escola ten especial relevancia na construción da imaxe da ciencia e da tecnoloxía na sociedade. Precisamos espertar interese e afecto desde idades moi temperás, normalizando a relación coa STEM e influíndo, ademais, na percepción e valoración social deste ámbito. Desde este punto de vista, o tratamento integrado da ciencia e a tecnoloxía, a énfase na aplicabilidade e a valoración da contribución á sociedade inherente ao STEM poden resultar claves no proceso, superando barreiras e ofrecendo estratexias de traballo.
O sistema educativo precisa, ademais, colaborar cun papel estelar na superación dos diversos estereotipos que lle incumben ao STEM:

En primeiro lugar, cabe destacar a dificultade de usar correctamente a linguaxe científica e as barreiras que esta carencia pode xerar. Con todo, dadas as enormes vantaxes que a súa aprendizaxe reporta, a súa comprensión profunda debería ser prioritaria na formación de calquera estudante. Lembremos que as principais características deste tipo de linguaxe son claridade, obxectividade, universalidade e verificabilidade. Todos eles son factores difíciles de transmitir, pero esenciais na formación de mentes críticas que poidan desenvolverse posteriormente tanto persoal como profesionalmente e, por suposto, non só en traballos tipicamente científicos ou tecnolóxicos, senón en todos os ámbitos do mundo laboral.

Do mesmo modo, tendemos a pensar que o método científico está moi afastado do modelo natural de pensamento; como é ben sabido, o método científico pódese esquematizar en seis pasos:
1. Observación: aplicar atentamente os sentidos a un obxecto ou fenómeno para estudalo tal e como se presenta na realidade.
2. Indución: extraer o principio fundamental que subxace en cada observación ou experiencia.
3. Hipóteses: elaborar unha explicación provisional da observación e as súas posibles causas.
4. Experimentación: probar a hipótese en distintas circunstancias.
5. Demostración (ou refutación) da hipótese, que debe basearse nos resultados do paso anterior.  
6. Formulación dunha tese ou teoría científica.

Algo que parece tan complexo cáptano os nenos de forma instintiva e resulta inherente ao seu comportamento: senten curiosidade pola súa contorna (obsérvana), formulan a hipótese (“Para que servirá isto? Seica para…”), experimentan (ás veces, para terror dos adultos), avalían o resultado da súa experimentación e, se os convence, difúndeno con fervor. Con todo, nalgún momento do seu proceso de aprendizaxe, este método espontáneo pérdese, sen que sexamos moi conscientes de cando ou por que.

Un dos obxectivos fundamentais dun ensino moderno debería ser evitar este “esquecemento inducido”. Porén, se pretendemos ser máis realistas, podémonos conformar con forzar de novo a súa aprendizaxe... pero non desde unha perspectiva teórica, senón imbricada na formación completa da persoa. Cabe destacar que o “método científico” non só se aplica ás “ciencias”, senón que a súa validez é universal en calquera campo do saber (é aplicable, por exemplo, no estudo da literatura, da arte...) e, polo tanto, a súa aprendizaxe práctica debe promoverse de forma coordinada mediante a utilización de estratexias educativas innovadoras e que involucren todo tipo de materias.
Por outra parte, a clásica separación entre materias “de letras” e “de ciencias” (por non entrar tamén nas “de tecnoloxía”) crea unha barreira difícil de superar neste punto e fai que as características fundamentais da linguaxe e do método científico se perdan para unha parte enorme dos estudantes. Esta perda é inasumible nun mundo tan profundamente tecnificado como é o actual, no que o espírito crítico e a correcta asimilación e interpretación de información pasa a ser algo absolutamente fundamental e irrenunciable para todos os alumnos... e alumnas.
Si, alumnas. Chegamos aquí a un punto clave desta análise: a absurda separación de xéneros no mundo tecnolóxico. Un dato que pode ser significativo do afastadas que están as mulleres do mundo tecnolóxico é o número de editoras na famosa enciclopedia en liña: Wikipedia. Entre os chamados “wikipedistas”, o número de mulleres oscila entre un 8,5 e un 13 % do total, e chama a atención a falta de presenza na Wikipedia das temáticas que se adoitan catalogar de “femininas”.
Pero se queremos un dato máis próximo á nosa realidade circundante, podemos falar do número de mulleres que comezan os estudos de enxeñería na nosa comunidade autónoma e, máis en concreto, de Enxeñería Informática. A porcentaxe de mulleres entre os estudantes que comezan estudos de enxeñería nalgún grao do sistema universitario galego (o SUG) aumentou timidamente desde o 24,82 % no 2013 ata un modesto 26,68% no 2016. Aínda son máis pobres os datos se nos centramos nos estudos de Enxeñaría Informática no SUG, no que só un 11,29 % dos novos estudantes eran mulleres no 2013 e, con algúns altibaixos, a evolución déixanos nun paupérrimo 14,62 % neste ano de 2016. De novo a escola, desde a educación para a igualdade e a formación en valores, debe achegar estratexias específicas para atacar este problema.

Que podemos facer para mellorar o aprecio e coñecemento dos nosos novos estudantes, mozos e mozas, polas tecnoloxías? Por desgraza, a resposta non está clara. Indubidablemente, as actuacións pasan por tender pontes entre as novas tecnoloxías e a docencia usualmente asociada a outros ámbitos. Deste xeito, quedarían máis patentes as posibilidades que a tecnoloxía ten hoxe en día en ámbitos tradicionalmente afastados dela, o cal podería fomentar un maior aprecio en estudantes que, en principio, se senten máis interesados por outros campos. Algúns exemplos xa realizados en institutos españois serían a app para traducir do latín ao galego, Latingal, creada no IES de Valga, ou o proxecto Romanízate, de inmersión histórica dixital, realizado nun instituto de Cártama (Málaga). Por suposto, estamos a falar de educación orientada a proxectos multidisciplinares, onde as modernas tecnoloxías cobran todo o seu sentido.
Tamén parece interesante a utilización das novas tecnoloxías (podería ser algunha técnica robótica elemental, linguaxes de programación orientados a nenas e nenos, como o Scratch etc.) para crear programas ou xogos vinculados á realidade máis próxima ao estudante. Un exemplo disto último sería o proxecto Empodérate na ciencia, realizado no IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, no que se utilizou unha impresora 3D para crear marcapáxinas con figuras presentes no claustro do fantástico mosteiro no que se sitúa o devandito centro.
Outra posibilidade moi interesante sería coordinar propostas desde a universidade ou algunha outra institución para fomentar a creatividade científica. Suxerimos, por exemplo, un concurso de programación en Scratch que levase asociada unha instalación física interactiva, cunha temática que fomentase os dous alicerces dos que acabamos de falar: interdisciplinariedade e proximidade á contorna do centro.

Como conclusión, o estudo integrado e aplicado das ciencias, a matemática e a tecnoloxía, ou STEM, desde o inicio da vida escolar, sostido coherente e sistematicamente ao longo de toda a etapa non universitaria é unha das claves para espertar a ilusión e o entusiasmo por estas apaixonantes ramas do coñecemento. A escola ten que contribuír á superación de certos tópicos e clixés moi arraigados na sociedade, formulando estratexias innovadoras e multidisciplinares nas que prime o desenvolvemento da competencia e a formación de persoas críticas, autónomas e capaces de afrontar os importantes retos que se nos presentan e contribuír a construír unha sociedade na que a tecnoloxía sexa cada vez máis humana.
 

 

 

Palabras clave: 
Sección: