Testearte

Testearte é un xogo de preguntas e respostas, de solución inmediata, sobre imaxes relevantes da historia da arte para secundaria. En breve, Testearte primaria, para o terceiro ciclo de primaria.

Cristina González Treceño
Profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual no CPI da Ribeira e no IES Ribera do Louro de Torneiros (O Porriño)
cgtrece@ edu.xunta.es

Contextualización

Os profesores de Plástica adoitamos facer visitas a museos reais e virtuais para ver exposicións pero, por que non ter, ademais, unha colección completa e actualizada de obras de arte na aula?

Este recurso xorde da necesidade de ampliar a cultura visual do alumnado de secundaria obrigatoria, proporcionándolle unha aplicación útil aos contidos aprendidos na clase.

Elíxese o formato xogo polo seu carácter ameno e competitivo, o que garante a motivación do alumno.

Tamén se ten en conta que Testearte é un recurso do profesor, por iso se pensou nunha navegabilidade clara e intuitiva e se dotou de información complementaria. O feito de que as partidas se poidan gardar permítelle ao profesor distribuír o tempo como conveña, actuando simplemente como moderador ou profundando na información das imaxes.

 

Obxectivos

  1. Desenvolver a capacidade artística e cultural, aproximando o alumno á obra artística desde a observación, a reflexión e os coñecementos previos.

  2. Desenvolver a competencia do alumno na análise crítica de imaxes para que poida seguir aprendendo de forma autónoma.

  3. Reforzar a capacidade social e cívica do grupo, propiciando un ambiente de xogo respectuoso e construtivo que pon en valor a competitividade positiva a prol dunha actitude de superación persoal.

 

Recursos empregados

A programación foi desenvolvida especificamente para este xogo, así como o deseño e a mecánica.

Para crear a interface do xogo utilízase html5 (html, JavaSript e CSS3). E para a xestión dos contidos recórrese a PHP. O xogo ten un contorno de administración web, accesible só para o administrador, que permite ampliar o número de tarxetas no futuro.

As ilustracións e animacións realízanse con Adobe Animate e expórtanse como animacións canvas html5.

As imaxes dixitais descárganse de numerosas fontes, como se pode comprobar nos créditos da webteca do xogo. Atópanse imaxes con licenza aberta e de dominio público en Wikimedia Commons, Flickr Commons, Programa de Contido Aberto do Museo Getty de Los Ángeles, A Galería Nacional de Arte de Washington; imaxes con permiso para fins educativos non comerciais en Google Art Proyect, Web Gallery of Art, The York Proyect, Art Renewal Center Museum etc. O resto das imaxes, pertencentes a webs de museos, artistas ou blogs requiren un permiso expreso.

O xogo ten a opción de elixir lingua no menú inicial: galego e castelán. Para corrixir a tradución ao galego, recorreuse ao tradutor da Xunta, Gaio.

Convén aclarar que as ligazóns de información non sempre respectan a lingua elixida a favor doutros aspectos. Adoitan recorrer ás páxinas web dos museos onde se exhiben as obras e á Wikipedia, para evitar os molestos banners de publicidade, así como a Google Art Proyect, pola extraordinaria resolución das imaxes.

 

Descrición

Para elaborar os contidos, selecciónanse 210 obras da historia da arte, atendendo aos criterios de relevancia da obra e ao de calidade e usabilidade da imaxe. Pódese acceder á lista de imaxes no despregable webteca do apartado Axuda.

Conta con seis personaxes con perfís diferentes para que o alumno/grupo seleccione o que máis lle guste. Pódense repetir con nomes diferentes, no caso de que o grupo de aula sexa moi numeroso.

Establécense seis categorías de preguntas representadas por cores nunha ruleta: pintura, arquitectura, escultura, fotografía, artes gráficas e arte multidisciplinar. Engádese, ademais, o branco e o negro coa pretensión de lle dar emoción ao xogo: o branco representa unha pregunta de repaso e o negro obriga a pasar a pregunta a outro grupo. Os acertos suman e os erros restan. As mellores puntuacións quedan rexistradas no despregable Puntuacións da pantalla de inicio.

A mecánica do xogo é sinxela. Consiste en completar un avatar, para o que hai que  acertar cinco preguntas. O avatar fará virar a ruleta cando fagamos clic sobre el e o azar decide a cor/categoría da pregunta.

A partir deste momento aparece unha tarxeta coa imaxe, o título, o autor e a data de realización, así como a pregunta e tres posibles respostas. O alumno/grupo deberá elixir unha resposta que seleccionaremos. A dificultade das preguntas é variada. Corresponde a un bo nivel de primeiro da ESO.

Automaticamente, veremos se a resposta é acertada ou non e variará a puntuación do seu avatar, así como o seu aspecto. O noso personaxe vaise definindo conforme vaiamos acertando preguntas: primeiro o tronco, logo os brazos e por último as pernas.

Podemos atopar todos estes aspectos descritos no apartado Axuda do menú principal do xogo.

Metodoloxía

O xogo pénsase para que participe todo o grupo de alumnos nunha clase de Plástica, Visual e Audiovisual dotada cun computador e un proxector ou unha smartboard e unha boa conexión a Internet. No caso da versión sen conexión (descargable desde o repositorio Abalar), convén lembrar que o xogo funciona sen necesidade de conexión, salvo o botón información dos cartóns que necesita Internet para mostrar as páxinas web relacionadas.

En primeiro lugar, organízase o grupo en equipos e explícanse as regras do xogo: noméanse os portavoces e acláranse aspectos como o obxectivo do xogo e a mecánica,  así como os criterios de avaliación. Establécense as quendas.

Despois faise clic en nova partida e cóbrense os datos: nome do centro educativo, o grupo e a clase. É importante ser rigoroso cubrindo os datos porque as mellores puntuacións quedarán rexistradas no apartado puntuacións do menú inicial. Así pódense establecer comparativas entre distintas clases e centros.

Antes de comezar a partida, creamos os avatares: identificamos a cada grupo cun personaxe e un nome. E agora si, picamos en Comezar. Facendo clic no avatar que aparece sobre a ruleta, faia virar e sae a tarxeta coa primeira pregunta. En cada tarxeta, o profesor ten as opcións de ampliar a imaxe e de acceder a información complementaria sobre a obra facendo clic na imaxe ou no botón i, respectivamente.

Gaña o equipo que complete antes o seu avatar. No caso de que a partida non se termine, pódese gardar no computador da aula, isto significa que debemos utilizar o mesmo navegador para recuperala na próxima sesión.

Avaliación

Avalíase tanto o resultado como o desenvolvemento do xogo en función de sete criterios e o seu grao de consecución de 0 a 3.

  1. Observación da imaxe.

  2. Comprensión da pregunta formulada e das respostas posibles.

  3. Interese por aprender e lembrar as obras vistas.

  4. Consenso á hora de responder representando a un grupo de compañeiros.

  5. Atención á actuación do resto de equipos.

  6. Deportividade á hora de afrontar os fallos ou os golpes da fortuna.

  7. Puntuación. Este dato reflicte o nivel de acertos.

Pódese atopar unha rúbrica elaborada na Guía do xogo. Nela pondéranse os criterios de observación, interese e consenso por consideralos fundamentais na consecución dos obxectivos do xogo.

 

Conclusión

O primeiro que lle pedimos a un obxecto dixital educativo cando o utilizamos na aula é que non nos dea problemas técnicos. Testearte funciona nas plataformas máis habituais:  Windows e Mac, e nos navegadores actuais habituais (Chrome, Safari, Firefox e Internet Explorer 9 ou maior), así como en tabletas IOS e Android.

Tamén lle pedimos que nos dea a opción de expresarnos no idioma co que máis cómodos nos sintamos: Testearte é bilingüe.

O seguinte que desexamos é que sexa intuitivo e cunha mecánica fácil de entender. O seu deseño busca cumprir este obxectivo e nel respectáronse as normas básicas de usabilidade.

E, por suposto, un recurso didáctico debe ser útil nas clases; isto é, debe enganchar o alumnado e proporcionar un medio adecuado para que o proceso ensino-aprendizaxe sexa fluído e satisfactorio para todos. A miña experiencia vai nese sentido. Utilizo as semanas previas ás vacacións ou o mes de xuño para xogar. Os resultados, sempre sorprendentes, adoitan mellorar o clima da aula.

Coma en calquera ODT, a interactividade, a utilidade e o interese de Testearte deben ser avaliados polo profesorado de secundaria, para a súa corrección e mellora en futuras actualizacións. Neste sentido, agradécense moitísimo todas as suxestións que se fagan. O contacto persoal aparece no apartado Créditos do menú inicial. Grazas de antemán, e... a xogar!

Testearte foi desenvolvido por Cristina González Treceño durante unha licenza de formación no curso 2014/15. Está dispoñible no repositorio de recursos Abalar da Consellería de Educación. Actualmente, está a traballarse no desenvolvemento de Testearte primaria plurilingüe, grazas a unha nova licenza, e as versións como app para tabletas Android e ipad.