EKT Proxecto

Data: 
xoves, 13 de abril de 2023
Lugar: 
Santiago de Compostela

O proxecto europeo competitivo Educational Knowledge Transfer (EKT) afronta a última fase da súa execución coa celebración da conferencia final que terá lugar o próximo 13 de abril no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus vida) da Universidade de Santiago de Compostela. Este proxecto da acción estratéxica «alianza do coñecemento para a educación superior», coordinado polo grupo de Tecnoloxía Educativa da USC, conta coa participación dun total de once socios académicos e tecnolóxicos de seis países da Unión Europea.

Este consorcio asumiu como reto o desenvolvemento dunha nova metodoloxía educativa co apoio dunha plataforma intelixente centrada na colaboración e a reflexión, orientadas á formación inicial do profesorado no período de prácticas escolares.

Este sistema tecnolóxico intelixente incorpora diferentes ferramentas de software libre nun mesmo contorno formativo, facéndoas interoperables para facilitar o seguimento efectivo por parte das persoas titoras da universidade e dos centros educativos ao longo de todo o proceso de prácticas escolares dos futuros docentes, impactando positivamente na colaboración e comunicación de todos os actores implicados no proceso, estudantes de maxisterio, titores académicos e profesionais.

A conferencia final deste proxecto EKT, titulada «Tecnoloxías intelixentes para a innovación na formación do profesorado», reunirá a especialistas e responsables de formación do profesorado de cinco países europeos, así como a empresas tecnolóxicas do sector de e-learning, nun foro no que se presentarán os resultados do proxecto, incluíndo produtos como o sistema intelixente EKT para o Prácticum, así como os resultados das investigacións que describen a súa experimentación en cinco países.

A participación no evento (tanto presencial como virtual) é aberta e gratuíta, previa inscrición a través do formulario de rexistro para a certificación de asistencia dispoñible na web do proxecto.

 

Máis información

 

Palabras clave: