O encerado dixital, porta de entrada á comprensión

Actividades de matemáticas para o EDI

Manuel Rico Taboada
Mestre de educación primaria do CEIP Enrique Barreiro Piñeiro, Vilariño (Cambados)
manuelrico@edu.xunta.es

Baixo a denominación Actividades de Matemáticas para a PDI, aparece no repositorio Abalar unha batería de actividades e xeradores de actividades que foron realizados no curso 2011/12 durante unha licenza por estudos de dous meses de duración.

 

A elaboración destes recursos nace pola necesidade de poñer ao día, en canto presentación, os materiais escolares en papel acumulados durante anos e, asemade, aproveitar as novas posibilidades que ofrecería o emprego desas actividades no EDI, unha das ferramentas das novas tecnoloxías que, desde a súa chegada ao colexio, estaba sendo infrautilizada por falta de materiais axeitados.

Non se trataba de utilizar o encerado de xeito anecdótico, poñer algo no encerado dixital por poñer, senón integrar o encerado como ferramenta fundamental no xeito de traballar de anos do profesor; por iso houbo que proceder ao baleirado dos materiais neste novo formato. Tampouco se trataba da substitución ou anulación do papel nin do encerado tradicional, pero si do emprego de cada unha destas ferramentas atendendo ás súas características e ás necesidades do alumnado (non é o mesmo desprazar regretas sobre un encerado branco de vinilo empregando blu-tack como adhesivo que desprazar unha representación destas nun EDI, nin é o mesmo debuxar a man alzada e con xiz sobre un encerado tradicional que facelo sobre un dixital e con punteiro, nin é o mesmo traballar a motricidade fina escribindo sobre papel que no encerado dixital cun procesador de textos).

 

Os materiais escolares que serviron de base para estas actividades beberon das mesmas fontes ca as de calquera mestre: manuais escolares, traballos en equipo, cursos, escolas de verán, xornadas de CANDEA… e a experiencia de anos impartindo clase en educación primaria; polo tanto, a orixe é diversa e difusa no tocante á orixe primixenia destes materiais. Si merecen ser recordadas as ensinanzas impartidas por Luis Ferrero na Escola de Verán de Madrid, coido que no ano 1984, e da que este traballo é debedor.

 

Polas súas características, o EDI é unha ferramenta que posibilita manipular e inserir imaxes, formas, palabras e números. É unha ferramenta informática que permite explorar ese paso intermedio entre a manipulación de materiais concretos e a abstracción, xa que é con eses entes abstractos de números, símbolos, figuras… cos que o alumnado terá que establecer propiedades e relacións matemáticas.

 

O paso da manipulación á abstracción, ou dos distintos niveis de abstracción, vén sendo unha das maiores complicacións na aprendizaxe das matemáticas. A cantidade e variedade de material manipulable co que se pode traballar na aula ten uns límites de depósito, espazo e tempo que acaban por reducir e anular a súa rendibilidade didáctica. Unha alta porcentaxe do noso alumnado acaba atopándose, nun momento da súa aprendizaxe, nunha “terra de ninguén”: entre a metodoloxía e materiais de cursos anteriores que lle resultan “paralizantes” e metodoloxías e materiais de novos cursos que se lles fan inasumibles e inalcanzables.

 

Cando se produce un estancamento nun chanzo da aprendizaxe que non permita a evolución a un chanzo superior e este se mantén máis do debido, cómpre, moitas veces, inserir novos chanzos intermedios que faciliten esa evolución, ese avance na aprendizaxe. Para iso, máis que as actividades pechadas —un enunciado e unha soa solución—, é conveniente un xerador de actividades que permita, cunha doada modificación, poder achegar as dificultades da actividade ás dificultades do alumnado.

 

No deseño das páxinas intentamos cinguirnos a uns determinados principios:

 

-Simplicidade

Procurouse simplificar os enunciados, ir desde a mera intuición, do emprego de signos ata o enunciado lingüístico en función da idade dos alumnos. Simplicidade en canto formas e imaxes: optouse por imaxes predeseñadas e recortadas, porque dispersan menos a atención do alumnado. Simplicidade en canto resolución, reducindo á mínima expresión a utilización da barra de ferramentas do EDI: procurouse que os mecanismos de solución estean integrados na mesma páxina.

 

-Variedade

Procurouse en moitos dos xeradores a variedade de formas e obxectos; de tal maneira que unha mesma actividade se poida xerar con formas e obxectos distintos. Tamén se optou pola variedade de formulación no enunciado de actividades.

 

-Proporcionalidade

O emprego gráfico de formas e tamaños que representen de forma fidedigna a cantidade en relación coa realidade.

 

-Contraste

Tanto nas cores como nas formas procurouse o contraste, xa que axuda a discernir con maior claridade e evita a confusión por proximidade.

 

-Continuidade

Procurouse unha continuidade gráfica cos materiais didácticos estruturados cos que se traballa na aula: bloques lóxicos, regretas…

Trabállase cunha estrutura semellante en case todas as páxinas dos xeradores e actividades, empregando espazos e cores que manteñen a súa función ao longo de todo o traballo: zona de enunciados, de desenvolvemento da actividade, da solución, das ferramentas de resolución…

 

-Doada transición

O emprego dunha grella ao inicio permite transitar de forma doada e rápida por toda a batería de xeradores e actividades. Do mesmo xeito, a través dun vínculo que aparece na páxina dalgunhas actividades, accédese á súa solución.

 

-Modificable

A estrutura do traballo permite inserir ou eliminar actividades de forma doada ata que o usuario vaia reelaborando a batería de actividades á súa medida. Permite tamén a doada substitución de imaxes por outras que se consideren máis apropiadas e significativas.

 

Os materiais elaborados constan de 25 vídeos explicativos e 741 páxinas: 625 dedicadas a xeradores de actividades e actividades, e as 116 restantes dedicadas ás solucións de actividades, principalmente de enredos matemáticos.

 

 

As actividades están estruturadas do seguinte xeito:

 

A grella de inicio permite acceder aos distintos arquivos que conforman os distintos subapartados de: cantidade, cálculo, problemas, medidas, xeometría, situación no espazo e enredos. No seu conxunto, as actividades aquí previstas poden satisfacer, na súa horizontalidade, o esencial de calquera manual escolar ao uso e que abranguería desde primeiro ata quinto curso de educación primaria. Ao se tratar basicamente de xeradores de actividades de doada aplicación, permiten tratar os obxectivos curriculares en verticalidade, é dicir, partindo do básico ir aumentando o grao ou nivel de dificultade cunha transición rápida entre actividades distintas ou posibilitando a elaboración de actividades intermedias. Hai páxinas que levan un símbolo que vincula esa páxina a un vídeo explicativo. Noutras aparece outro símbolo que vincula esa páxina coa solución desa actividade.

Por contidos habería actividades aproveitables para educación infantil, mais non son válidas, xa que as páxinas non están deseñadas para ese ciclo por teren demasiadas actividades por páxina, o que produce dispersión na atención do alumnado; e porque os contidos non son accesibles, en canto á súa manipulación, en función da estatura do alumnado nesas idades.

 

No que respecta aos contidos, pode chamar a atención o gran número de actividades de enredos matemáticos. Esta desproporción débese en parte a que, no seu momento, foron empregados para que o alumnado os levase como tarefa para a casa coa condición de que fosen axudados na súa resolución pola familia ou empregando calquera outro medio de información. Hai que recoñecer que funcionou ben como axente motivador e fixo sentar á mesma mesa pais, nais, irmáns e alumnos arredor do “traballo escolar”,  á vez que aos familiares non lles faltaron motivos para se acordaren do profesor (recomendables para a fin de semana).

 

Os materiais elaborados permiten:

  • Apoiar as explicación do profesorado seguindo determinados modelos.
  • Presentar actividades colectivamente e, deste xeito, darlle unha mellor resposta ás diferenzas individuais do alumnado.
  • A resolución por parte do alumnado de actividades no encerado dixital, co que se  acada unha interacción a tres bandas: co medio, co profesorado e co resto do alumnado, e facilita tamén unha heteroavaliación por parte do profesorado de habelencias, coñecementos e estratexias.
    Hai actividades que permiten a súa realización en papel mediante captura de pantalla, mentres outro compañeiro as realiza no encerado...
  • Así mesmo, o alumnado poderá participar directamente interactuando sobre o encerado dixital ou preparando materiais nos seus ordenadores persoais mediante dispositivos de almacenamento, para poderen expor as súas achegas ao traballo de clase.
  • A utilización destes materiais en ordenadores persoais coa vantaxe de poder facer un doado seguimento do resultado das actividades e da estratexia seguida polo alumnado para chegar a ese resultado. Só se precisa ir retrotraendo a actividade ata o seu inicio.
  • Permite poder realizar, de forma doada, reforzos educativos desta materia e dentro da aula mediante actividades personalizadas nun ordenador persoal e poder coñecer todos os pasos dados polo alumno mentres o profesor estivo atendendo a outros.
  •  

Así mesmo, a falta de tempo para a amplitude do traballo, a inexperiencia en canto á nova ferramenta e a minuciosidade na elaboración dos materiais fixo que o resultado final teña unha serie de eivas que deberán ser desculpadas e emendadas por aqueles que teñan a ben facer uso destes materiais.

 

Eivas esóxenas:

  • En todos os colexios se traballa con materiais estruturados dos que nos fornece a mesma Administración educativa, se adquiren en tendas especializadas ou veñen representados en manuais escolares ao uso. Actualmente non está unificada a cor coa que se representan unidades, decenas..., polo que nos podemos atopar nunha mesma aula con materiais estruturados que representan as unidades de distintas cores e que non se correspondan tan sequera coas representacións gráficas dos manuais que estamos a utilizar. Polo tanto, este traballo, o que fixo foi representar os materiais estruturados nas mesmas cores que se estaban a empregar no colexio.

 

Eivas endóxenas:

  • Na grella de inicio aparecen uns vídeos titoriais que, aínda que axudan e cumpren unha finalidade, son a todas luces escasos para abarcar a amplitude do traballo; polo que haberá xeradores e actividades que resultarán incomprensibles en canto á finalidade que se pretende; pero non se atopou outro xeito razoable de solucionar esa eiva.
  •  
  • O deseño de páxinas, nun principio, provén do baleirado de páxinas en papel, e o que en papel era virtude (o seu aproveitamento ao máximo), no EDI é un defecto, pois hai páxinas que están demasiado cargadas, non son nada atractivas e resultan asfixiantes.
  •  
  • Outras veces acontece o mesmo por limitacións no deseño da propia actividade: unha actividade que ten que ir nunha soa páxina, mais se se quere manter a proporcionalidade, a parte máis pequena non se vería, o que obriga a agrandar moitísimo o conxunto.
  •  
  • Acontece ás veces que se quere manipular un número ou unha figura e a que se move é unha que está ao seu carón. Ben pode acontecer que, cando se elaborou a actividade, non se recortase dabondo a figura e a súa superficie se superpoña á do lado, polo que habería que proceder ao seu recortado. Tamén podería acontecer que a pantalla non estivese ben calibrada e habería que proceder á realización dese axuste.
  •  
  • Aínda que se procurou que a parte de actuación do alumnado coincidise coa parte baixa do encerado, ás veces resulta que non é moi doado acceder ás ferramentas ou á zona de actuación, polo que haberá que contar con algún elemento ao que se poidan subir os alumnos.
  •  
  • Se algo ten o software que se empregou para a realización de actividades é a súa alta sensibilidade, polo que se pode desmontar unha actividade ou desordenar as páxinas con gran facilidade. Xa que logo, recoméndase que en canto se descargue o traballo se proceda a gardalo nun CD, o que nos permitiría reiniciar sempre desde o comezo xa que non admitiría os cambios. Se o problema fose de ordenar actividades, podemos recorrer ao seu paxinado para poder reorganizalas.
  •  
  • Procurouse deixar todos os elementos bloqueados —hai elementos aos que se lles permite movemento e rotación e a outros que non—, pero é posible que estas condicións non se cumpran, polo que haberá que proceder a emendar estes erros.
  •  
  • Subtracción: cando se denominou o arquivo deste apartado produciuse un erro tipográfico na súa denominación, o que non permite que se poida ver. Só se pode acceder a el facendo a descarga de todo o traballo.
  •  
  • Tamén aparecen algunhas formulacións e solucións con erros, moitos deles producidos por tedio, cansazo ou revisións continuas que contaban con distintas versións e que no “corta e pega” provocaron que os trasnos do ordenador fixesen das súas. E aquí non cabe máis que saber desculpar.

 

Con todo, este traballo é debedor da axuda prestada polos compañeiros do CEIP Enrique Barreiro de Vilariño (Cambados) e dun xeito especial pola compañeira Eulàlia Planas Bacarisas, quen me animou a realizalo e me axudou no seu empaquetado.

 

Estes materiais naceron para ser empregados por un profesor determinado, cunhas teimas determinadas e un xeito de traballar tamén determinado e que, chegado un momento, se decide a compartir estes materiais con outras persoas. Serán outros os que a partir de agora poderán readaptar estes materiais ao seu xeito de traballar. Só resta desexarlle, a quen faga uso deles, que lle faciliten o seu traballo e que este sexa de proveito.