Programa Iacobus
Antía Pose García, María Rodríguez Gregori, David Maquieira Salgado, Rubén Camilo Lois González
Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal
Introdución
A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten unha longa traxectoria de cooperación e de desenvolvemento de instrumentos de xestión conxunta. Antecedentes nesta colaboración remóntanse a documentos de traballo como Projectos susceptíveis de consideração conjunta por parte da Galiza e da Região Norte de Portugal, Documento de Trabalho (CCDR-N 1986). No ano 1991 foi constituída a Comunidade de Trabalho Galiza-Norte de Portugal, con apoio das administracións da Unión Europea, española e portuguesa, e que constituíu a primeira estrutura de cooperación territorial da Península Ibérica.
Neste contexto de maior integración europea da cooperación territorial foron creadas as agrupacións europeas de cooperación territorial (AECT), co fin de facilitar e promover a cooperación territorial, transfronteiriza, transnacional e interrexional. Concretamente, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) formalizouse o 18 de febreiro de 2010 coa toma de posesión dos seus órganos directivos, converténdose na terceira AECT mais antiga de Europa.
No ámbito universitario, créase no ano 2004 a Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal), coa finalidade de buscar sinerxías e complementariedades nos eidos académicos universitarios da Eurorrexión e reforzar as vinculacións entre as universidades de Galicia e do Norte de Portugal. Por iniciativa da Fundación do CEER xorde o programa de cooperación cultural, científica e pedagóxica, Iacobus, que ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e o intercambio entre recursos humanos dos centros de ensino superior da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Creado con base nas prioridades definidas no PIC, Plan de investimentos conxuntos da Eurorrexión (2014-2020), que define as prioridades de investimento rexional e a política de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal nos próximos anos, o Iacobus foi impulsado pola Comunidade de Traballo Galicia–Norte de Portugal, e conta co apoio da Unión Europea, quen contribúe ao seu financiamento a través do Programa operativo de cooperación transfronteiriza España–Portugal (POCTEP). Son beneficiarias do programa Iacobus as seis universidades públicas da Eurorrexión que conforman o CEER (universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro), ás que se uniron a Universidade Católica Portuguesa-Centros Regionais do Porto e de Braga e os institutos politécnicos de Porto, Viana do Castelo, Bragança e Cávado e do Ave.
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNPAECT), apoiada pola Fundación CEER, é a entidade xestora do programa Iacobus, e a encargada de tramitar e seleccionar as solicitudes da primeira convocatoria deste do programa de mobilidade eurorrexional Galicia-Norte de Portugal, Iacobus, realizada pola resolución do 23 de xuño de 2014, e publicada na páxina web da Agrupación de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP AECT).
O Consello de Dirección do CEER, reunido en maio de 2014, ao que asistiu como convidada a Dirección da AECT, acordou crear un procedemento de avaliación e mellora da primeira convocatoria do programa Iacobus, para recoller os resultados de satisfacción das persoas beneficiarias. Os resultados obtidos pretenden contribuír a mellorar os procedementos relativos a próximas convocatorias deste programa.
Procedemento de avaliación e mellora da primeira convocatoria Iacobus
O procedemento de avaliación e mellora ten como finalidade establecer de maneira sistemática o modo en que se recolle a información necesaria para avaliar o grao de satisfacción das estadías xeradas no marco do programa Iacobus, e o uso desta información para a elaboración dunha proposta de mellora continua. Este procedemento baseouse na distribución por correo electrónico dunha enquisa de valoración dos diferentes aspectos vinculados á estadía das persoas beneficiarias da primeira convocatoria do programa.
A enquisa foi elaborada polo persoal da Fundación CEER, a partir do modelo da Universidade San Jorge (Grupo San Valero) de Zaragoza, “Procedimiento de evaluación y mejora del programa de movilidad. PEM4, Revisión 6” (2011). Consistiu nun total de 15 preguntas, distribuídas en tres grupos de tarefas: planificación, desenvolvemento e resultados da estadía. A cada grupo de tarefas asignóuselle unha serie de accións (9 accións), a partir das que se elaboraron as preguntas relacionadas co grao de satisfacción.
O alcance do procedemento abarcou as persoas beneficiarias da primeira convocatoria Iacobus. Os destinatarios foron persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador e persoal investigador.
O número de solicitudes recibidas na primeira convocatoria Iacobus foi de 190 en total, das que foron aprobadas finalmente 118 (62 %), correspondendo a 56 mulleres (60 % aprobadas das candidaturas recibidas de mulleres) e 62 homes (65 % aprobadas das candidaturas recibidas de homes). Por causa dunha renuncia, o número final de enquisas distribuídas foi 117. O envío das enquisas executouse tendo en conta as variables “perfil” e “orixe dos beneficiarios”. Así, obtivéronse catro mostras discriminadas segundo as variables PAS de orixe galega, PAS de orixe portuguesa, PDI e PI de orixe galega, PDI e PI de orixe portuguesa.
Finalmente foron recompiladas 106 enquisas cubertas, segundo a seguinte distribución: 61 enquisas do perfil PDI e PI de orixe, correspondendo a un 67,03 % do total de PDI e PI e a un 57,55 % do total enquisados; 30 enquisas do perfil PDI ou PI de orixe portuguesa, correspondendo a un 32,97 % do total de PDI e PI e a un 28,3 % do total enquisados; 10 enquisas de PAS de orixe portuguesa, correspondendo a un 66,67 % do total de PAS, e a un 9,43 % do total enquisados; e 5 enquisas de PAS de orixe galega, correspondendo a un 26 % dos PAS enquisados e a un 5 % do total de beneficiarios enquisados. A cada unha das mostras aplicóuselle un cuestionario concreto.
Resultados e conclusións
Os resultados globais obtidos no proceso de avaliación mostran que a primeira convocatoria do programa Iacobus obtivo un grande éxito. Unha ampla maioría dos beneficiarios valorou o programa como moi satisfactorio, situándose nos valores grao de satisfacción moi alto e alto para os aspectos formulados nas enquisas.
En relación cos catro perfís de beneficiarios (PDI e PI de orixe galego, PDI e PI de orixe portuguesa, PAS de orixe galega e PAS de orixe portuguesa), a valoración do Iacobus acada maioritariamente o grao de satisfacción moi alto (44,61 %) e alto (42,35 %). O grao de satisfacción foi incluso superior entre o grupo de perfís de orixe portuguesa. Concretamente, da análise dos datos obtidos nas enquisas, para os beneficiarios co perfil PI e PDI de orixe portuguesa obtívose unha porcentaxe do 63 % para o grao de satisfacción moi alto.
Gráfico 1. Valoración global do grao de satisfacción das persoas beneficiarias da primeira convocatoria Iacobus, segundo perfil e nacionalidade de orixe
Debido aos mellores datos obtidos polo perfil PDI e PI, así como por parte dos beneficiarios de orixe portuguesa, comprobamos a relación de dependencia que existe entre as valoracións de satisfacción e o perfil e orixe dos beneficiarios.
Analizamos a dependencia entre a orixe dos beneficiarios e o grao de satisfacción. Establecéronse as hipóteses (H), H0, non existe dependencia do grao de satisfacción coa orixe, e H1, existen diferenzas significativas dos graos de satisfacción segundo a orixe dos beneficiarios. Os resultados, para un nivel de significación de 0,05, indican unha X2proba (30), superior á X2táboa (9,48), anulando a H0 e manifestando que o grao de satisfacción dependeu da orixe
Táboa 1. Frecuencia observada do grao de satisfacción segundo a orixe
Táboa 2. Frecuencia esperada do grao de satisfacción segundo a orixe
Para avaliar a dependencia do grao de satisfacción en función do perfil dos beneficiarios, establecéronse as hipóteses (H), H0, non existe dependencia do grao de satisfacción co perfil e H1, existen diferenzas significativas dos graos de satisfacción, segundo a orixe dos beneficiarios. Así, para un nivel de significación de 0,05, a X2proba (36) resultante é superior á X2táboa (9,48), volve anularse a H0, demostrando que o grao de satisfacción dependeu do perfil das persoas beneficiarias.
Táboa 3. Frecuencia observada do grao de satisfacción segundo o perfil PAS e PDI e PI dos beneficiarios
Táboa 4. Frecuencia esperada do grao de satisfacción segundo o perfil PAS e PDI e PI dos beneficiarios
Os resultados obtidos tras a análise da información recibida mostra a percepción de satisfacción por parte dos destinatarios do programa, así como os éxitos e deficiencias nos procesos. Unha ampla maioría das valoracións foi de grao de satisfacción moi alto e alto para os aspectos presentados nas enquisas. O grao de satisfacción moi alto co programa Iacobus alcanzou unha porcentaxe de valoración xeral do 44 %. Seguidamente os mellores resultados foron para o grao de satisfacción alto, que recibiu un 42 % das valoracións. A suma do resto das valoracións —grao de satisfacción medio, baixo ou moi baixo— non supera o 14 % das valoracións.
Por perfil e orixe das persoas beneficiarias da primeira convocatoria Iacobus, as porcentaxes de valoración global máis altas foron de grao de satisfacción moi alto por parte dos PDI e PI portugueses (63 %), as valoracións de PDI e PI galegos alcanzaron un 49 %. O grao de satisfacción alto foi escollido maioritariamente polos PAS de orixe galega (59 %) e os PAS de orixe portuguesa (45 %).
Os aspectos do programa mellor valorados difiren segundo a orixe e perfil dos beneficiarios. Non obstante, os catro grupos manifestan un grao de satisfacción moi alto ou alto para as seguintes cuestión: “Atención recibida”; “Cumprimento dos obxectivos”; “Satisfacción no lugar de destino”…
Pola contra, os graos de satisfacción baixa ou moi baixa non superan porcentaxes do 4 %. Os aspectos menos valorados polo conxunto dos enquisados foron os seguintes: “Dificultade na tramitación da documentación”; “Resolución de dúbidas no lugar de destino”.
Simplificar o procedemento na tramitación da documentación serviría para reducir, aínda en maior medida, os valores mais negativos do grao de satisfacción, de xeito global. Permitir a presentación de documentación telemática ademais de en papel e validar a achega de copias de certificados de aceptación na universidade de orixe, mediante fax ou correo electrónico, dende o departamento da universidade de orixe, contribuiría a mellorar a percepción de satisfacción por parte das persoas beneficiarias.
Construír novas e mellores canles de comunicación entre a entidade xestora do programa AECT-GNP, en colaboración coa Fundación CEER e as universidades, permitirá manter informadas de xeito máis completo e eficaz as entidades destinatarias do Iacobus e asegurar que a información necesaria chegue aos departamentos acolledores das persoas candidatas.
CCRN (1986): Projectos susceptíveis de consideração conjunta por parte da Galiza e da Região Norte de Portugal, documento de trabalho. Porto: CCDRN.
CCDRN (2007): Plano Estratégico de Cooperação Galiza-Norte de Portugal, 2007-2013. Porto: CCDRN e Xunta de Galicia.
CE (2006): Regulamento (CE) núm. 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, sobre a Agrupación europea de cooperación territorial (AECT). Estrasburgo: Parlamento Europeo.
Domínguez Castro, L. (2008): La cooperación transfronteiriça entre Portugal y España (1990-2006). Vigo: Eixo Atlántico.
Domínguez Castro, L. (2012): Trinta anos de cooperación institucional. Anuário da Euroregião Galicia-Norte de Portugal 2011. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.
GNP-AECT (2014): Protocolo de cooperação cultural, científica e pedagógica entre as universidades e as instituições de ensino superior do Euro-região Galiza-Norte de Portugal. Vigo: Comunidade de Traballo Galicia de Portugal.
Fundación CEER (2004): Acta do Padroado da Reunión do Constituínte da Fundación CEER. Santiago de Compostela: Fundación CEER. Norte de Portugal do 9 de decembro de 2002.
Fundación CEER (2014): Acta do Consello de Dirección do 20 de maio de 2014. Monção: Fundación CEER.
Fundación CEER (2014): Procedemento de avaliación e mellora da primeira convocatoria do programa Iacobus. Santiago de Compostela: Fundación CEER
UE/FEDER (2015). INTERREG V-A “España-Portugal”. Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Bruxelas: Comisión Europea.
Grupo San Valero (2011). Procedimiento de evaluación y mejora del programa de movilidad. PEM4. Revisión 6. Zaragoza: Univerdade San Jorge.