Bibliotecas escolares

As viaxes compartidas con outros clubs de lectura do iEscaldasletras a Portugal (2010-2015)

Desde o ano 2010, o club de lectura iEscaldasletras do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis procura viaxes compartidas con outros clubs de lectura a vilas portuguesas que resultan atractivas polo seu valor histórico, cultural e literario. A excursión dura dous días e coincide co remate do curso escolar. O alumnado que forma parte do club de lectura (durante o curso asiste ás reunións e actividades) recibe un premio en forma de actividade de formación e coñecemento. Comparte entre iguais a paixón pola lectura e desenvolve moitas e diversas actividades como expoñerei ao longo do artigo.

Pedro Manuel Lamas Carral
Coordinador do club de lectura iEscaldasletras
IES Aquis Celenis. Caldas de Reis
plamas@edu.xunta.es


Un libro, coma unha viaxe, comeza con inquietude e remata con melancolía.
José Mauro de Vasconcelos

Contextualización

Desde que comezamos cos clubs de lectura no IES Aquis Celenis en Caldas de Reis no 2007, non nos conformamos con compartir lecturas (a modalidade escollida nese curso de xuntar nun mesmo club alumnado desde primeiro da ESO ata segundo de bacharelato con lecturas axeitadas para cada lector/a e con apaixonados debates creou unha atmosfera única de camaradería entre pequenos, grandes e profesorado; foron sementes que prenderon con gran forza e frutificaron nos seguintes anos), o que xa en si era un gran propósito e unha nova e apaixonante aventura partindo dunha biblioteca aínda por construír. Sabiamos que dalgún xeito tiñamos que desenvolver accións, actividades que motivasen o alumnado a interesarse pola literatura tamén como xogo, divertimento, reflexión, dramatización, performance… Dese xeito, comezamos con actividades como A mocidade conta, que consistía en contadas dos maiores dos clubs aos pequechos dos concellos da contorna; Pasámolo de medo, na que se realizaban dramatizacións de textos do alumnado e de diferentes autores arredor do Samaín (co tempo celebramos esta actividade no Mosteiro de Carboeiro —ata en dúas ocasións— xunto cos clubs de lectura do IES García Barros da Estrada, do CPI de Cuntis, e do IES de Porto do Son); Lecturas-Performances no 25-N; En son de paz, musicando poemas comprometidos coa liberdade no Día da Paz; Lecturas públicas en Caldas no Día Internacional da Poesía; Pícnics literarios na carballeira, mesturando xantar, natureza e lectura; Encontros con escritores, que comezamos visitando na súa Fundación a Neira Vilas e Anisia; Lecturas no fogar do maior de Caldas; Visitando bibliotecas cunha primeira viaxe á Coruña para visitar a biblioteca Forum. Todas estas actividades supuxeron no alumnado un crecemento persoal enorme en termos de socialización, desenvolvemento da creatividade, sensibilidade en canto á solidariedade, experiencias únicas nas que, segundo as súas palabras, son a maior bagaxe cultural e social coa que saen do instituto.

Sabiamos que faltaba algo, e era que o alumnado contactase co doutros centros, que viaxase a outros lugares e tivese novas experiencias. As saídas culturais teñen un peso na formación do alumnado aínda non ben valorado por toda a comunidade educativa. Nesas saídas a predisposición ao coñecemento, ao contacto con outras realidades, formas de vida… poden resultar moi proveitosas e ser as mellores experiencias educativas que reciben nos anos de ensino secundario polo que supoñen de estímulo. Nós queriamos tamén empregar esas viaxes como premio a un alumnado que estivo recreos e tardes entregando o seu tempo á lectura, ás reunións do club. Con esta sede de viaxe e coñecemento, puxémonos en contacto centros nos que o profesorado, desde os frutíferos encontros de clubs en Compostela cada ano, tiñamos esta mesma idea común. E así chegou Viana do Castelo, a primeira gran viaxe do club en xuño de 2010, xunto co IES de Porto do Son e o CPI de Cuntis.

 

As viaxes

I Viana do Castelo. 25 e 26 de xuño de 2010

Acudimos dez alumnos/as do noso centro e dous profesores (Ana, que estivo desde o comezo, e eu), acompañáronnos na viaxe os clubs do IES de Porto do Son e do CPI de Cuntis. Previamente o alumnado leu uns libros en común para achegarse a autores en lingua portuguesa (na ESO leron A miña planta de laranxa lima e todos os membros do club de bacharelato leron Veronika decide morrer). Comezamos o encontro na praia de Foz de Minho, onde fixemos unha presentación en círculo (consistiu nun xogo de parellas no que alumnado dos distintos centros tiña que entrevistarse e presentar o/a outro/a ante os demais) na que falaron dos seus autores e libros preferidos. Foi unha maneira de romper o xeo e coñecérmonos un pouco máis. Continuamos con algún xogo e chegamos á pousada da xuventude (o navío Gil Eanes) que, malia non dispor de todas as comodidades, serviu de inspiración para que en grupos elaborasen un relato cuxo comezo determinamos: “No barco o seu alento mesturábase coa néboa…”. En grupos entre os diferentes centros completaron curiosas historias que logo leron en alto, moitos empregaron parte da noite para completar o relato. Tamén ese día realizamos unha ruta-xogo de pistas onde tiveron que completar, coa axuda de mapas, unha serie de cuestións sobre Viana e ao tempo sacar unha serie de fotos. Xa ao día seguinte tivemos unha visita guiada pola impresionante biblioteca municipal sobre a desembocadura do río Lima, onde apreciamos todas as seccións (chamáronnos a atención as bebetecas ou as lecturas especiais con libros en braille). Asistimos a unha sesión de contacontos e rematamos esta saída con agasallos invisibles entre todos os centros (o alumnado elaborou marcapáxinas artesanais, chaveiros… cos que obsequiar o alumnado dos outros centros, agasallos anónimos para ficar cun recordo, amuleto da viaxe e da experiencia compartida) e cun recitado de textos/poemas de amor. Xa de volta, unha parada en Ponte de Lima (fermosa e máis antiga vila de Portugal).

O traballo previo á actividade foi grande, nunha fin de semana anterior dous profesores viaxaron a Viana para elaborar unha completa ruta-xogo de pistas para o alumnado, todas as xestións para reservar a pousada (un antigo navío, un baleeiro, con todo o imaxinario literario que supoña durmir nel), a xestión para visitar a biblioteca municipal, para compartir autobuses... mais comprobamos que para o alumnado fora a mellor actividade nunca realizada.

 

O grupo en Viana do Castelo

Navío Gil Eanes. Pousada da xuventude

 

II Porto. 21 e 22 de xuño de 2013

Acudimos catorce alumnos/as do noso centro e tres profesores (Ana, Marga e eu), acompáñannos na viaxe os clubs do IES de Porto do Son (coas profesoras Sonia e Teresa). A conexión entre o alumnado e o profesorado de ambos os centros foi completa. Previamente o alumnado dos clubs leu dous contos en lingua portuguesa, un de terror, “A casa das sombras nefastas” do autor brasileiro Paulo Soriano, e outro para os lectores avanzados, de Mia Couto, “O embondeiro que sonhava pássaros” do libro Cada homem é uma raça.

Compartimos autobús, gastos e xestións entre ambos os clubs. Durmimos nunha pousada da xuventude, cunha boa situación (preto do río, xunto a unha parada de autobuses para comunicarnos co centro). Comezamos a viaxe cun encontro na praia do Porto, non moi lonxe da pousada, entre os clubs para realizar as presentacións (cun xogo similar ao realizado en Viana do Castelo).

Na viaxe, ademais dun paseo en barco ou fabulosos pícnics literarios (xantares como o da praia no Porto ou xunto á Casa da Música no día seguinte, nos que comentamos as lecturas comúns para a viaxe e debatemos arredor dos libros lidos nese curso), fixemos unha visita guiada á biblioteca municipal Almeida Garret, situada nos fermosos xardíns do Palacio de Cristal; realizamos un xogo literario-cultural de pistas polo centro histórico; visitamos a librería Lello & Irmao (unha das máis fermosas do mundo e na que o alumnado ficou emocionado de saber que fora lugar de inspiración para os libros de Harry Potter); gozamos doutra visita guiada á Casa da Música (un fascinante e moderno auditorio con salas cheas de sorpresas auditivas); escribimos relatos e moito máis...

Para algunhas das xestións acudimos á Oficina de Turismo en Santiago: Porto e Norte de Portugal, que nos deu numerosos planos da cidade, e nos conseguiu un prezo moi reducido para o paseo en barco. A realización do xogo de pistas foi elaborado coa axuda de Google Maps. Tamén fomos asesorados polo Departamento de Portugués da EOI de Santiago para a selección de lecturas comúns.

 

 Rematando o xogo de pistas en Lello & Irmao

 

III Guimaraes. 20 e 21 de xuño de 2014

Acudimos vinte alumnos/as do noso centro e dous profesores (Marga e eu), acompáñannos na viaxe os clubs do IES de Porto do Son (coas profesoras Sonia e Teresa). Hai alumnado que coincidiu o ano anterior e está desexoso do reencontro. O aloxamento é na moderna pousada da xuventude, nunha fermosa contorna (un fermoso edificio centenario restaurado, próximo ao centro histórico). Ao chegar facemos unha visita guiada do centro histórico (declarado patrimonio da humanidade pola Unesco no 2001), ofrecida de xeito gratuíto polo Concello, pactada previamente. Todo son facilidades e amabilidade pola súa parte. Na proximidade do pazo dos duques de Braganza facemos a presentación do alumnado, comentan as súas preferencias literarias e elaboramos un poema colectivo. Realizamos unha visita guiada ao pazo dos duques de Braganza, edificio do século XV e con coleccións vinculadas aos descubrimentos de Portugal (a guía fainos distintas recomendacións literarias ao respecto) e visitamos o castelo. Xa avanzada a tarde, visitamos a biblioteca pública e realizamos a ruta-xogo de pistas polo centro da vila.

No día seguinte visitamos algunha librería da vila (ficamos fascinados cunha librería de vello, coa que damos de casualidade) e realizamos unha visita guiada ao complexo arqueolóxico da Citania de Briteiros (visita a unha enorme localidade arqueolóxica castrexa da Idade de Ferro próxima a Guimaraes que recomendamos especialmente. O alumnado ficou impresionado polos balnearios. Contamos ademais cun guía excepcional que captou a atención do alumnado) e á casa-museo de Martins Sarmento (un dos museos arqueolóxicos portugueses máis antigos arredor do arqueólogo que deu a coñecer a Citania). Unha chuvia torrencial púxolle final á viaxe, ao tempo que o alumnado escribía relatos.

 

Club do IES Aquis Celenis e do IES de Porto do Son en Guimaraes

Como conclusión. (En) Todas as viaxes:

Premian o alumnado dos clubs de lectura como viaxe cultural-literaria de fin de curso. Aprendemos e gozamos desa experiencia que dotamos de contido cultural. Procuramos eliminar prexuízos sobre a cultura portuguesa, moi próxima pero moi descoñecida e con frecuencia desprezada. Achegámonos tamén a un país, unhas vilas nas que as bibliotecas, as librerías, os libros… son postos en valor, e o alumnado toma consciencia de que o galego é unha lingua que lle permite comunicarse fóra de Galicia.

Permiten relacionarnos con outros clubs, compartir unha experiencia común. Saber que hai alguén do outro lado! Temos a experiencia de ver como se traban amizades (entre alumnado de distintos clubs que perduran máis alá do encontro). As viaxes obrigan a un traballo previo en común de compartir información, selección, xestión, reunións, organización, procurando as condicións económicas máis favorables para o alumnado. Os profesores que organizamos as viaxes traballamos por crear durante dous días un xigantesco club de lectura de arredor de 40-50 alumnos que viven intensamente os xogos, lecturas, visitas, relatos e achegámoslles a literatura na súa dimensión máis lúdica. Implican a selección de lecturas previas en común para os clubs de autores en lingua portuguesa, para establecer un maior vínculo entre o alumnado e unha proximidade á cultura á que nos achegamos. Esa selección ten en conta as distintas idades e niveis de lectura do alumnado, ademais asesórannos desde departamentos de portugués das EOI.

Comezan con xogos de presentación do alumnado cun fondo literario. Tratamos de xuntar alumnado dos distintos centros para que falen entre eles, ante os demais, que se coñezan mellor, que establezan vínculos literarios. Incluímos xogos-ruta de pistas nas cidades nos que o alumnado dos diferentes centros é mesturado para coñecerse e colaborar, e teñen que interactuar cos habitantes das cidades. O equipo gañador recibe un premio consistente en doces propios do lugar visitado. É unha das actividades preferidas do alumnado. Dese xeito involúcranse máis entre eles, tamén coa vila e os seus habitantes. Traballan a lectura de planos, procuran pistas de maneira divertida e nalgúns casos gozan da repostería local.

Durmimos, ceamos, almorzamos en pousadas da xuventude, nun ambiente internacional de xente nova e viaxeira. Resultan aloxamentos modernos na maioría das vilas de Portugal, resultan económicas e están ben situadas para realizar os percorridos a pé. Visitamos bibliotecas singulares (visitas guiadas) de cada cidade e librerías de gran beleza. As vilas escollidas destacan nalgún ou en todos estes aspectos.

O alumnado elabora relatos, poemas, mesmo na primeira viaxe realiza curtas. Gran parte do alumnado lector resulta ter ansias creativas. Procuramos estimular a súa vea artística, mediante creacións colectivas, cooperativas. Visitamos lugares (principalmente visitas guiadas) cun grande interese histórico e cultural. O alumnado dos clubs procura ampliar os seus coñecementos, a súa cultura, e nós alimentamos ese desexo coa axuda de extraordinarios guías. Asesorámonos a través dos concellos, oficinas de turismo, escolas oficiais de idiomas, asociacións culturais…para poder ofrecer a viaxe, a experiencia máis completa ao noso alumnado. En definitiva, supoñen un camiño compartido da lectura á amizade (a que se acaba creando entre o alumnado e se mantén tras os anos, tamén do profesorado). Grazas a todos e todas, especialmente nos casos de máis dunha viaxe compartida: Ana, Marga, Teresa, Sonia, imprescindibles para gozar das mil anécdotas que non caben nun artigo.

 

Sección: