Bibliotecas escolares

Expresámonos en diferentes linguas

No curso 2013/14 recibimos o primeiro premio na convocatoria dos Premios Nacionais de Educación para Centros Docentes na categoría de desenvolvemento da competencia de lecto-escritura e audiovisuais convocado polo MEC. Participamos cun proxecto onde salientamos a contribución da biblioteca na adquisición das competencias básicas do currículo e no apoio que presta aos proxectos e programas que se desenvolven no centro.

M.ª Luisa Vidal Fraguas
Mestra especialista en filoloxía inglesa e
coordinadora da biblioteca no CEIP Plurilingüe A Pedra, Bueu
maluvifra@edu.xunta.es

Contextualización do proxecto

O CEIP Plurilingüe A Pedra é un centro de educación infantil e primaria que se atopa situado no concello de Bueu (Pontevedra) dentro da península do Morrazo.

Desde o curso 2007/08 formamos parte do PLAMBE (Plan de mellora das bibliotecas escolares), ademais de participar noutros proxectos e programas:

  • Contratos-Programa en:
    • Mellora da competencia en comunicación lingüística.
    • Mellora da convivencia nos centros e prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.
    • Mellora das competencia básicas en ciencias e tecnoloxías.Mellora da competencia matemática.
    • Plan PROA na modalidade de acompañamento escolar.
  • Prensa na escola.
  • Seccións bilingües e centro plurilingüe.
  • Proxecto Abalar.

O proxecto que presentamos a esta convocatoria (Premios Nacionais de Educación para Centros Docentes na categoría de desenvolvemento da competencia de lecto-escritura e audiovisuais) reflectía a escola que imos construíndo día a día entre todos. Unha tarefa compartida polos mestres que traballan incansables nas aulas, o alumnado como motor real deste proceso e as familias que apoian o noso labor.

A todo isto contribúe, en gran medida, o Plan de mellora da convivencia levado a cabo no centro, que trata de conseguir un ambiente relaxado, tranquilo e propicio para a aprendizaxe. Neste plan o alumnado de quinto e sexto cobra gran relevancia xa que, de maneira voluntaria, escolle ser mediador, co que se promove un ambiente de diálogo cara á resolución de conflitos.ç

 

Obxectivos do proxecto

Entre os obxectivos que nos propoñiamos acadar con este proxecto cabe destacar:

  • Favorecer o rendemento e a aprendizaxe, incluíndo o alumnado en situación de desvantaxe escolar por razóns sociais, culturais ou persoais. Actuar como un axente de compensación social ofrecendo un igualitario acceso do alumnado a todos os recursos. O papel da biblioteca é esencial neste apartado.
  • Contribuír ao desenvolvemento integral do alumnado nos distintos ámbitos: físico, social, emocional, cognitivo e lingüístico.
  • Motivar o alumnado cara á consecución dos logros na súa aprendizaxe.
  • Fomentar una actitude responsable de organización e constancia no traballo.
  • Desenvolver no alumnado habilidades sociais, hábitos de traballo individual e a aprendizaxe de técnicas de estudo que o leven ao logro da competencia de aprender a aprender, como base para o desenvolvemento das outras competencias básicas.
  • Promover a lectura entre os nosos alumnos e alumnas, ofrecendo un contorno agradable que invite a ler, ao encontro cos libros e ao uso da biblioteca, así como calquera outro servizo de información.
  • Facer partícipe a todo o profesorado e implicar as familias na posta en marcha das actuacións previstas no programa e facerlles ver a importancia do papel que desempeña a biblioteca escolar no centro.

Recursos empregados

Os recursos empregados para desenvolver este proxecto son principalmente de carácter humano.

  • A biblioteca escolar pon á disposición da comunidade educativa os seus recursos e centraliza toda a actividade escolar. Nela xéstanse os proxectos do centro e as actividades que despois se levan a cabo. Funciona como un nexo de unión entre os distintos equipos e ademais de punto de partida de toda a vida escolar. O equipo da biblioteca está composto por mestres e mestras de todos os niveis, o que contribúe á implicación da maioría do claustro no desenvolvemento das distintas actividades.
  • Toda a comunidade educativa participa nas propostas e actividades deste proxecto, algunhas das cales se fan desde a biblioteca en coordinación con outros equipos do centro como: dinamización lingüística, orientación, TIC ou programa plurilingüe.
  • As familias colaboran cos titores á hora de realizar determinadas tarefas relacionadas cos proxectos: actividades de investigación, de ilustración, de creación de textos, de confección de postais...
  • A asociación de pais e nais do noso centro apoia e participa de maneira activa nas iniciativas e, en ocasións, tamén fan as súas propias propostas.

 Nenos e nenas lendo na biblioteca durante o recreo

 

Descrición da actividade

No noso centro sempre lle demos prioridade á atención á diversidade, tratando de lles dar resposta aos distintos ritmos e estilos de aprendizaxe do noso alumnado e tendo en conta, ademais, as súas características sociofamiliares.

Por iso nos propuxemos un cambio na metodoloxía do ensino das linguas:

  • Tivemos unha reunión coas familias para explicarlles o programa e solicitar a súa colaboración.
  • Elaboramos unhas probas específicas para as linguas como avaliación inicial co fin de coñecer a situación real.
  • Deseñamos materiais clasificados por niveis para traballar a lectura, a expresión e comprensión oral e escrita.
  • Establecemos reunións organizativas quincenais nas que se marcan as seguintes fases de aprendizaxe e as modificacións oportunas.
  • Quincenalmente cóbrese unha ficha individual de seguimento, que se atopa nas últimas páxinas da axenda escolar editada polo centro, onde se reflicte o avance do alumnado.
  • No primeiro e segundo ciclo os titores son os encargados da aplicación deste programa e son apoiados na aula polo outro mestre do mesmo nivel durante varias sesións semanais.
  • Organizamos desdobramentos nos grupos de quinto e sexto de primaria nas áreas instrumentais.
  • O PROA é impartido polo profesorado propio de cada nivel que coñece o alumnado, as súas necesidades e facilita a coordinación.
  • Por último preparamos unha avaliación final onde observamos unha melloría na competencia lingüística do noso alumnado.

Exposición de traballos feitos en familia

 

A biblioteca escolar colabora con este proxecto deseñando actividades, propondo lecturas e facilitando o acceso a todo tipo de recursos en calquera idioma e soporte:

  • Para traballar a comprensión e expresión oral:
    • Dramatizacións e contacontos a cargo de mestres, profesionais ou alumnos.
    • Recreos de conto: lectura expresiva de contos por parte do alumnado no horario de recreo.
    • Obradoiros de expresión oral para traballar a educación emocional onde os nenos e nenas representan distintos sentimentos a través das expresións faciais e corporais.
    • Debates e exposicións de traballos curriculares, nos que investigan un tema para despois poñelo en valor ante os compañeiros.
    • Que suba o pano! Pequeno proxecto teatral no que traballamos a entoación, os xestos, a improvisación e a creatividade a través de contos, historias e diálogos entre personaxes. A tarefa final é a representación dunha pequena obra de teatro.
    • Recitado de poemas de distintos autores: Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Fran Alonso...

Animación lectora coa mascota de fondo

 

  • Para traballar a comprensión escrita:
    • A hora de ler: lectura individual ou guiada durante media hora despois do recreo en galego, castelán ou inglés.
    • Mochilas viaxeiras que se achegan aos fogares do alumnado cargadas de interesantes lecturas.
    • Apadriñamentos e amadriñamentos lectores para compartir as nosas lecturas preferidas cos compañeiros.
    • Itinerarios lectores: propostas de títulos para coñecer a distintos autores, ilustradores...
    • Maratóns lectores por parte do profesorado e do alumnado no mes de abril durante o recreo.
    • Servizo de empréstito, cun horario que abrangue toda a xornada escolar e dúas horas pola tarde todos os días.
    • Actividades puntuais: bingos e canapés literarios...
  • Para traballar a expresión escrita:
    • Libros de produción propia que elaboramos co alumnado a partir de proxectos ou lecturas dos autores que nos visitan.
    • Actividades de expresión escrita propostas dentro do PDI anual (textos relacionados cos contos clásicos, crear viñetas de cómic...) ou para celebrar conmemoracións (receitas de outono, poesías creativas...)
    • Traballar con distintos temas e tipos de textos: narrativos, descritivos, poéticos, instrutivos, informativos...

Representación teatral con marionetas a cargo do alumnado

 

Para difundir entre a nosa comunidade educativa todas as iniciativas que levamos a cabo contamos coa páxina web do centro, que dá acceso aos distintos blogs:

  • Blog da biblioteca que dá visibilidade a todo o traballo que se fai na biblioteca.
  • Cada ciclo conta, ademais, co seu propio blog que alimenta coas actividades propias dos seus grupos.
  • Os equipos de dinamización e orientación tamén teñen un blog no que difunden as súas iniciativas.
  • Blogs dos distintos proxectos anuais: Arte, Cómic, Clásicos e Valores.
  • Tamén estamos presentes nas redes sociais: Facebook, Twitter, Pinterest.

Ademais elaboramos folletos informativos, guías de lecturas con recomendacións e novidades, axendas escolares personalizadas…

 

Avaliación do proxecto

Despois de varios anos da posta en marcha de todos estes proxectos podemos manifestar que os resultados do programa son realmente satisfactorios.

  • Observamos unha gran melloría na convivencia escolar, unha actitude máis positiva do alumnado ante o traballo e unha maior autoestima ao verse capaz de realizar determinadas actividades.
  • O inicio deste tipo de programas, nos primeiros cursos de primaria, é fundamental para superar as dificultades que aparecen na lecto-escritura.
  • Nos cursos onde o programa leva funcionando varios anos, os avances e a mellora nas áreas das linguas son cada vez máis notables, fundamentalmente na lectura comprensiva e na expresión escrita, tal como nos amosaron as probas realizadas para avaliar estes aspectos.
  • No que se refire ás distintas actividades propostas desde a biblioteca, elaboramos cuestionarios de avaliación para coñecer a opinión do profesorado e do alumnado que as pon en práctica. A valoración tamén é positiva tendo en conta o entusiasmo co que os nosos rapaces e rapazas participan nas distintas actividades que os seus mestres integran, de maneira natural, nas súas programacións de aula.
  • Os resultados obtidos no programa PROA tamén son satisfactorios. O profesorado considera que o alumnado que non promove nalgún caso é por falta de madurez ou constancia no traballo, polo que é un factor importantísimo a colaboración familiar.

 Apadriñamentos e amadriñamentos lectores

Conclusións

Este premio supón un recoñecemento ao noso esforzo e traballo. É un revulsivo que nos dá pulo para seguir buscando estratexias que nos permitan mellorar os resultados do noso alumnado.

Seguiremos camiñando na mesma dirección, ampliando as nosas actuacións na medida das nosas posibilidades:

  • Trataremos de continuar mellorando os indicadores das áreas instrumentais básicas.
  • Apoiaremos as iniciativas que impliquen o uso das TIC e o tratamento da información.
  • Continuaremos difundindo o noso traballo, adaptándonos as necesidades do noso alumnado e da sociedade actual.
  • Presentaremos novos PDI que servirán de base para traballar as destrezas lingüísticas.

 

Sección: