Programas innovadores de centro para aprender a aprender

Unha experiencia de combinación de programas para o traballo das competencias clave levada a cabo no CEIP San Xoán de Becerreá.


Teresa Susana Vázquez Regueiro
CEIP San Xoán. Becerreá (Lugo)
susana.vazquez.r@edu.xunta.es



Soaba o teléfono. Invitación. Viña cun nome case lúdico (ComBas) e aparecía cunha pregunta inocente “Que pasaría se contásemos convosco para...?”
Que pregunta! Os que traballamos con nenos sabemos que ese inicio non é inocente e convértese en preludio dunha aceptación manifesta. E aceptamos.
 

O CENTRO COMO CONTORNO DE APRENDIZAXE...

Seguramente un compromiso serio con “aprender a aprender” debería medrar paralelamente co  de “aprender a ensinar”. Seguramente debería ser un acto volitivo e consciente, baseado na formación que, como docentes, temos e no cumprimento da normativa vixente, que vén defendendo un sistema educativo competencial desde fins do século pasado.
Porén, ás veces, a vida escolar, e a dos que a habitamos, vese movida por outros fíos, os da casualidade, que fan que sexa o noso teléfono o que soa e non outro. E así o teu o centro participa de dinámicas susceptibles de modificar tantas cousas...
Certo é que había un pouso de inquietude no noso claustro. Un que se traducía en experiencias máis ou menos individuais e puntuais, en compromisos máis ou menos estables con modos de facer. Porén, a pertenza ao programa ComBas creou un espazo compartido de formación conxunta e colaborativa que modificou o panorama docente e, consecuentemente, as experiencias e os patróns de traballo e de ensino/aprendizaxe.
O primeiro paso foi aprender do moito que xa faciamos. Participar en programas innovadores (Proxecta, eTwinning, PLAMBE, Educación Responsable)  deunos a escusa perfecta para encontrar unha plataforma de lanzamento: o propio centro educativo.


... PARA ALÉN DA AULA...

Hai tempo que se vén constatando que o coñecemento se converteu en dinámico e que a escola non pode garantilo co uso de manuais sólidos e permanentes como ata de agora ocorría. “Aprender a aprender” fai referencia a unha perspectiva inclusiva, garantista e compensadora do sistema educativo que, no conxunto de todas as competencias clave, asegura o maior grao de equidade e calidade por parte de quen ensina e o maior logro xenérico por parte de todo o alumnado.
Isto parte da aula, pero non pode morrer nela. O mundo actual é un espazo compartido non só coa comunidade próxima. Cada vez máis son as redes sociais o punto de encontro informacional e formacional. Por iso, formar en competencias require da socialización dos procesos e, xa que logo, dos resultados.
A formación en ComBas e os procesos de debate que de aí xurdiron leváronnos á elaboración dun sistema de programación, desenvolvemento curricular e avaliación por competencias clave. Pero tamén nos proporcionou unha liña colaborativa e potente: un novo esquema de desenvolvemento do traballo escolar.
Froito da discusión construtiva, xurdiu a primeira gran disxuntiva:

Como aplicamos todo isto?

Implicámonos individualmente na nosa aula (apoiados polo equipo de formación) ou evolucionamos como equipo deseñando liñas de traballo conxuntas e transversais coas que seguir a aprendizaxe e, á vez, ganar confianza?

Decidímonos pola segunda opción e encontramos no desenvolvemento compartido dos programas de innovación nos que participamos o caldo de cultivo perfecto.

Así, como amosa a infografía, o equipo de formación do centro serviuse da biblioteca para mediar entre os programas e o currículo, a través das competencias clave, e desenvolver as aprendizaxes referidas a nós, ao noso contorno e a outros contornos non próximos, que se traballaban en cada un dos programas referenciados.
    


Así foi como aprendemos a integrar competencias clave e currículo en UDI ou tarefas complexas que, malia afectar a todo o centro, o facían coa flexibilidade que lle permitía a cada grupo adaptarse, participando naquelas que desenvolvían o seu propio currículo. Isto deulle maior visibilidade ao traballo do equipo de formación (PFPP), que espertou:

  • curiosidades que levaron a novas incorporacións ao equipo nos cursos seguintes,
  • e confianzas que foron eliminando as barreiras reticentes.

A creación de contornos de aprendizaxe realistas onde o alumnado fose o protagonista foi imprescindible, non só polo ineludible carácter multidisciplinario destes, senón polas implicacións afectivas que  derivaron. A introdución de factores externos: institucións, familias, profesionais da zona... deulles pulos novos ás aprendizaxes de dotounas de veracidade.



... CONTRIBÚE Á FORMACIÓN INTEGRAL DO ALUMNADO...

Procuramos que o ensino sexa formulado como un reto no que o alumnado, especial protagonista, se empoderase da situación: é fundamental saber que se está aprendendo e que se é capaz de aprender.

O protagonismo do alumnado nas tarefas acadou máximos nas experiencias de formación entre iguais, potenciando esta dimensión afectiva que, en linguaxe infantil, vén sendo “pasámolo ben aprendendo” e que, para nós, ten como consecuencia directa a capacitación dos nenos en todos os ámbitos e como consecuencia indirecta, a mellora do seu “aprender a aprender”. O contexto educativo só ten que facilitar os procesos e esperar a que progrese.
Neste sentido, procuramos experiencias diversas para que puidésemos superar algúns ou todos os nosos esforzos. O aspecto emocional da educación está apoiado no autoconcepto, o que modifica, tamén, o noso xeito de encarar a aprendizaxe e o noso ensino, en forma de seguridade, expectativas, entrega... Por iso é tan importante fomentar a propia competencia para superar as etapas da aprendizaxe. A autonomía no traballo tivo que ser potenciada como medida previa para conseguir que aprendesen a aprender.

Outro aspecto fundamental foron as vías de comunicación. O traballo compartido, cooperativo, leva á creación de redes comunicativas que superan a reciprocidade, incluíndo estruturas relacionais máis complexas e competenciais.

Cómpre sinalar que unha fase importante no proceso de aprendizaxe, en relación cos aspectos comunicativos, a constitúe a avaliación, esencial no ensino por competencias clave, pois é prescritivo partir de criterios de avaliación e modifica o sistema de valoración do proceso e dos resultados, non co obxectivo último de cuantificalos, senón de resolvelos: a autoavaliación é clave para aprender a aprender.


... E COMPLETA A DO PROFESORADO...

Aprender a aprender refírese ao alumnado, pero tamén ao profesorado que, participando nestas experiencias, está continuamente nun proceso de feed-back responsable das modificacións que optimicen o seu ensino, influíndo na súa formación permanente. Uns e outros comparten o afianzamento de aprendizaxes, achegando o aprendido ás vivencias persoais, facéndose, polo tanto, máis competentes.

Salientable é a necesidade do traballo en equipo por parte do profesorado. Cambio importante, pois, supón unha metodoloxía diferente á máis convencional da clase maxistral, de portas pechadas. Aprendemos co proxecto ComBas das ganas de cambiar as cousas: especialmente o traballo diario na escola, na aula, na vida.

E aprendemos que non é preciso facer cousas novas, senón de forma distinta, organizada, planificada e encadrada nun marco estable e conceptualmente asumido, e engadindo o concepto “multi” a disciplinar, persoal, funcional... Para iso, os programas de innovación convertéronse nun instrumento moi eficaz para o desenvolvemento profesional do profesorado.

Neste sentido, a seguinte presentación exemplifica unha liña de traballo, compartida para todo o centro, de desenvolvemento dos programas de innovación. O Entre Letras de febreiro: Love is in the air.

Logo de visto o traballo, descubrimos que o importante é o propio cambio de mentalidade dentro dos participantes —alumnos, profesores, familias e institucións—, que xa non están baixo o efecto illante da aula, nun mundo máis ou menos natural: na colaboración e na participación das liñas de traballo do centro, as aulas pechadas desaparecen, ábrense e comparten a vida que alí se desenvolve.


... FACENDO DA ESCOLA UNHA MOSTRA MICROSOCIAL DO CONTORNO


Imaxinar o futuro lévanos a ver unha sociedade coas fronteiras desdeseñadas: o sistema educativo, a familia, o ocio, a educación formal e informal, a formación, o papel do alumnado e do profesorado... A escola ten que axustarse aos novos retos pedagóxicos, máis flexibles e dinámicos, máis cooperativos e competenciais.


Resulta evidente a mellora no compromiso emocional coa aprendizaxe e coa estrutura relacional dos participantes: alumnos, profesores e resto da comunidade entregados á resolución conxunta de problemas, ao traballo en equipo... todos preparándose para aprender a aprender, para enfrontarse á comprensión da súa realidade e, polo tanto, para superar o día a día, comprendéndoo cunha perspectiva máis global.

 

 

Neste sentido, dous aspectos resultaron fundamentais:

  • A apertura do centro educativo ao contorno, o que parece lóxico ao ser unha microsociedade dese mesmo contorno a que alí se constata: o mesmo conxunto vivo de persoas,  problemas e historias que se moven nas rúas da vila, pero tamén o mesmo conxunto vivo de procesos sociais, laborais, cívicos... que habitan con eles.
  • E levar a vida local (e familiar) ás vivencias e aprendizaxes dos que nos desenvolvemos en ambientes escolares, vinculando o que se vive co que se aprende ou, o que é mellor, aprendendo do que se vive.


Para saber máis, pincha AQUÍ.

 

Sección: