Proxecto deportivo de centro

Trátase de fomentar a actividade física responsable entre o alumnado, coa finalidade de favorecer un estilo de vida saudable. Lévase a cabo a través dun proxecto interdisciplinario, usando as TIC e sendo o máis activos posible.

Felipe Buceta Fernández
Xefe do Departamento de Educación Física
CPI de Pontecesures (Pontevedra)
fbuceta@edu.xunta.es

 

 

Contextualización

O sistema educativo actual xerou a necesidade de elaborar documentos que lle proporcionen coherencia ao desenvolvemento de todo o proceso de ensinanza- aprendizaxe. Neste sentido elabóranse, por exemplo, o proxecto educativo de centro (PEC), o proxecto curricular do centro (PCC), as normas de organización e funcionamento (NOF) ou a programación xeral anual (PXA).  A finalidade destes documentos é crear un marco de referencia para todos os compoñentes da comunidade educativa. A este nivel e como parte integrante do proxecto educativo de centro é onde situamos o proxecto deportivo de centro (PDC).

O proxecto deportivo de centro (PDC) é un instrumento dinámico e con proxección de futuro. Este xa é o segundo curso académico no que o estamos a desenvolver. Tenta garantir que todas as actividades deportivas que realice o alumnado teñan como obxectivo xeral a educación integral. Ofrécese un amplo abano de actividades deportivas no contorno para que a porcentaxe de alumnado sedentario vaia reducíndose. E como consecuencia disto, que no futuro, na súa vida adulta, sexan persoas sas: que leven unha vida activa, que se alimenten de forma correcta e que non teñan malos hábitos.

Este documento elaborouse coa colaboración de toda a comunidade educativa, a partir da análise da propia realidade da zona. Establecemos sinerxías entre o propio centro, a ANPA, o Concello e os clubs.

Obxectivos

- Aumentar os niveis de práctica deportiva entre o alumnado do centro.

- Ofrecer a posibilidade de experimentar as tres vertentes da práctica deportiva: a competitiva, a recreativa e a da mellora da condición física-saúde.

- Educar de forma integral para repercutir na adquisición dun estilo de vida saudable.

- Fomentar condutas responsables para expresar emocións durante a práctica da actividade físico-deportiva.

- Facilitar o acceso do alumnado ás distintas prácticas deportivas que se ofertan na zona.

Recursos empregados

Os departamentos implicados de forma directa no proxecto son o de Tecnoloxías e o de Educación Física, polo tanto todos os recursos que están á disposición destes departamentos están á disposición do proxecto. E isto, de forma indirecta, faise extensible a todos os recursos cos que conta o centro ao estar o proxecto integrado no PEC. Toda a comunidade educativa facilita as distintas actuacións que se fan. A Dirección do centro, en concreto, sempre pon á disposición da comunidade educativa todos os recursos, de todo tipo. Por parte do Concello e dos clubs que funcionan na zona, desde o primeiro contacto, todo foron facilidades. Os recursos cos que contan tamén están á disposición do proxecto.

Descrición da actividade

O primeiro que fixemos foi un diagnóstico inicial da realidade deportiva do concello, aínda que neste artigo non imos verter todos os datos pero si sinalar o que buscabamos.

- Clubs con funcionamento na zona e federación implicada.

- Actividades ofertadas polo Concello; temporais ou esporádicas.

- Actividades ofertadas pola ANPA.

- Instalacións públicas existentes e os seus cuadrantes de uso.

En todos estes ámbitos distribuímos os participantes segundo grupos de idade.

Tamén fixemos un estudo dos hábitos físico-deportivos do noso alumnado. De cada un dos alumnos sabemos que actividades fan e cantos días á semana. Para os efectos estatísticos clasificamos os nosos alumnos en tres grupos: os que fan deporte, os que fan actividade física regular e os sedentarios.

Como resumo do diagnóstico inicial, atopamos tres deportes con club en funcionamento, moi consolidado, que son o son fútbol, o baloncesto e o piragüismo. Ademais, contan coa oferta de actividades da ANPA, coas escolas deportivas do Concello e coas actividades físicas que, con carácter esporádico, este oferta. Neste diagnóstico tamén sinalamos as actividades físicas que se lles ofertan aos adultos. 

Unha vez feita esta análise xa tiñamos todo para empezar a traballar nas liñas de promoción deportiva.

O primeiro foi o mapa deportivo do centro e, de forma paralela, dentro da mesma liña de promoción, levouse a cabo un concurso na materia de Educación Plástica e Visual (no noso centro está dentro do Departamento de Tecnoloxías). Este concurso tiña como fin elaborar e escoller unha mascota para o noso proxecto deportivo.

Do mesmo xeito e con todos os datos da diagnose inicial, a través do Departamento de Tecnoloxías, participando o alumnado, elaborouse o mapa deportivo de Pontecesures.

 

Tamén fixemos un tríptico que lle entregamos a todo o alumnado coa información do mapa deportivo, e ademais puxéronse dous mapas en grande na entrada do centro e no ximnasio.

Outra liña de actuación consistiu en elaborar un proxecto de actividade didáctica orientada á náutica, en concreto ao piragüismo. Integrámolo na programación e deste xeito establecemos a colaboración co Club Náutico de Pontecesures. Na práctica o que fixemos foi levar a todo o alumnado de sexto de primaria e de primeiro e segundo da ESO participar nunha unidade didáctica que constou de dúas sesións no outono e outras dúas na primavera. Nestas sesións, á parte de desenvolver contidos propios da materia a través do bloque de contidos de actividades na natureza, conseguimos que todo o alumnado deses cursos coñeza o deporte e puidese vincularse a el.

Por outra banda, integramos no proxecto deportivo outro proxecto didáctico de actividades na natureza, neste caso deportes de inverno. Participaron alumnos de terceiro e cuarto da ESO. Consistiu en viaxar ata Andorra e experimentar por unha semana os deportes de inverno

 

Outra actividade de promoción que levamos a cabo cos alumnos de terceiro e cuarto da ESO foi a de participar a través dunhas enquisas nun proxecto do Centro de Estudos Olímpicos, que traballa paralelamente coa Academia Olímpica Española. O colofón desta actividade de colaboración foi que tivemos a sorte de contar no noso centro con don Conrado Durántez, quen agasallou a cada alumno cun libro e deu unha conferencia sobre os valores olímpicos e a figura de Pierre de Coubertain. Foi todo un privilexio contar co presidente da Academia Olímpica Española no centro. Animámonos a levar adiante esta actividade ao estar a traballar no proxecto deportivo de centro.

 

Unha liña de promoción da actividade física que comezamos o curso 2012/13  e este curso melloramos foi a de facer recreos activos. Comezamos cun programa de préstamos de material deportivo e un par de competicións. Fíxose con primaria unha competición de baloncesto, temporizada no último trimestre. Con secundaria fíxose unha de fútbol que abrangueu parte do primeiro trimestre e do segundo. Este curso 2013/14, en secundaria, melloramos este traballo coa figura dos delegados deportivos. Estes son os encargados de solicitar o material mediante un documento no que figura quen o vai utilizar e os responsables da recollida e entrega. Do mesmo xeito, de forma guiada, están a organizar as competicións de fútbol e de baloncesto. Como nota salientable, no préstamo de material deste curso xa non solicitan só balóns de fútbol e de baloncesto, senón que tamén, dous recreos por semana, se practica bádminton e voleibol. Toda a participación nestes recreos activos é voluntaria.

Un paso máis que demos para integrar o alumnado no proxecto foi o seguinte: todas as actividades na natureza teñen o seu PowerPoint con fotos e música. Agora os alumnos son os protagonistas da súa elaboración. Facilítaselles unha base coa estrutura e os datos que deben aparecer e partir de aí eles trabállano. Se o alumnado ten como optativa a materia de Informática, ténselle en conta cara á cualificación.

Como última liña de promoción deportiva sinalaremos a que vertebrou todo o proxecto. Todas estas liñas de actuación ou subprodutos quedaron unificados nun único produto, que foi o blog da materia.

Este blog deulle coherencia a todo o traballo, e deste xeito o alumnado ten un punto de referencia e de “reunión”. Saben que todo o referente ao proxecto que sexa salientable aí aparecerá. A intención é tamén ir facéndoos protagonistas. Este curso, por exemplo, os alumnos que voluntariamente fixeron crónicas dos recreos activos e foron colgadas no blog tiveron unha valoración positiva na materia de Lingua Galega, como colaboracións voluntarias.

Metodoloxía

No que atinxe á elaboración do mapa deportivo de centro, o alumnado traballou a través do descubrimento guiado. A exposición do resultado do mapa deportivo de Pontecesures foi utilizando como metodoloxía o mando directo. A partir de aquí, o principal método que usamos volveu ser o descubrimento guiado. Este é o método máis utilizado en todo o proxecto. Pretendemos que o mapa sexa utilizado habitualmente polo alumnado para ir descubrindo e probando todo o que a súa zona ofrece no ámbito da actividade físico-deportiva, e que eles mesmos sexan partícipes do resto de liñas de promoción que se levan a cabo. Ao longo do curso, e nesta fase do proxecto, un novo método xorde entre o alumnado: é a ensinanza recíproca.

Avaliación

Puntos que nos propuxemos avaliar cando elaboramos o proxecto deportivo:

Ámbito de participación:

Porcentaxe de niveis de sedentarismo sobre o total do alumnado

Cuestionario contestado nas clases. Un 17 % do alumnado de secundaria é sedentario ao comezar o proxecto. Comprobamos as cifras ao comezo deste curso e temos un 15,58 %. Fóra das cifras, debemos salientar que se incorporaron á vida activa alumnos que non facían nada. E temos alumnos que fan pouco, pero que algo fan, e por ítem de cuestionario están nos sedentarios. A tendencia é boa.

Participantes nas distintas actividades físico-deportivas, desagregado por actividades

Todos estes datos foron recadados a través de entrevistas persoais cos responsables do Concello e dos distintos clubs do contorno. Polo seu volume non os cargamos aquí.

Participantes distinguindo por cursos, actividades e idades

Destacamos que en primeiro e segundo da ESO son máis os anotados a fútbol. As alumnas que están en baloncesto manteñen a vinculación, aínda chegando a cuarto da ESO. Nos dous últimos cursos, desde o curso pasado a este, non hai abandono de práctica deportiva. E por outro lado hai máis alumnos que fan actividade física regular pola súa conta. Este é o avance.

Ámbito de recursos humanos:

Número total de actividades físico-deportivas ofertadas

Ofértanse catorce actividades físico-deportivas distintas, ademais das esporádicas ofertadas polo Concello e as posibilidades de facer actividade física por libre, que tamén se sinalan no mapa deportivo.

Formación dos distintos educadores deportivos segundo as actividades ofertadas

Este ítem quedou sen avaliar, xa que o contacto inicial cos clubs foi para ver o uso que fan das instalacións, cantos integrantes teñen e estudar cantos integran cada grupo de idade ou como o proxecto deportivo de centro ten carácter de futuro. A intención é que no futuro poidamos avaliar a formación e a liña de traballo que se segue en cada club e en cada actividade ofertada.

Ámbito dos aspectos curriculares:

Valorar o progreso no ámbito deportivo e socioafectivo do alumnado

Temos datos que nos constatan que, co simple feito das clases de Educación Física, hai un progreso a eses niveis. Incorporando as liñas de promoción deportiva que reflectimos, o progreso foi superior: no ámbito socioafectivo, para todo o alumnado que participa nas actividades, e no ámbito deportivo cos alumnos que conseguimos vincular con algún dos clubs.

Concretar como foi o uso dos espazos, materiais e o seu mantemento

Temos os cadros de uso de todos os espazos. Practicamente non dan máis de si, o seu uso está totalmente optimizado. O uso e o mantemento de materiais nas actividades organizadas foi correcto.

Establecer con enquisas o grao de satisfacción das persoas implicadas

A enquisa de satisfacción fíxolle ao alumnado de secundaria, cun único ítem: “Valora o teu grao de satisfacción co proxecto deportivo de centro”. Podían facelo do 1 ao 5. Máis dun 80 % están satisfeitos, considerando as respostas que sinalan o 4 ou o 5 como satisfeitos.

Este curso 2013/14 teremos un elemento avaliador máis, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Actividade Física e o Deporte da Coruña, en concreto co Departamento de Pedagoxía. Pasaránselles  uns cuestionarios ao alumnado e tamén aos pais relacionados co desenvolvemento do programa de diversificación curricular (PDC). Este será un novo feedback para o noso proxecto.

Conclusións

Como primeira conclusión, queremos salientar que foi positivo embarcarse no proxecto, porque en xeral mellorou a práctica docente. A relación no ámbito deportivo co alumnado é agora máis próxima. Hai máis coñecemento dos seus adestramentos e competicións, das actividades que levan a cabo ou dos días que van facer deporte. Este é un elemento motivador importante para os que realizan actividade física, e tamén un acicate para que se animen a moverse os que non o fan tanto.

Nesta liña introducimos un premio este curso académico, co fin de trocar o patrón de alumno modelo; será agasallado o alumno que sexa mellor valorado nunha serie de ítems preparados nos ámbitos académico, físico-deportivo e como compañeiro. Os que avalían son os adestradores-monitores, os profesores e os seus propios compañeiros.

O máis motivador do proxecto é que ao estar no PEC ten vocación de futuro. É dinámico e integrador. Profesores doutras áreas vanse incorporando a actividades puntuais. E todo o que xurda na comunidade educativa pode entrar a formar parte del.

 

 

Bibliografía: 

 

 

ATSOTEGUI, C.S. (2011) Proyecto deportivo escolar.  Bilbao, Diputación Foral de Bizkaia.

ATSOTEGUI, C.S. (2011): Proyecto deportivo escolar. Manual de diseño y elaboración. Bilbao, Diputación Foral de Bizkaia.

RUIZ DE AZÚA AYALA, O.: Proyecto deportivo escolar. Colegio Calasanz.

VARIOS (1996): La convivencia escolar: qué es y cómo abordarla. Sevilla, Consejería de Educación y Ciencia.

VARIOS (2005): Recreo deportivo. Receta para hacer del recreo un lugar de encuentro a través del deporte. Premios Nacionales de Investigación e Innovación Educativa, (2). 465-492

 

Ligazóns:

http://www.planamasd.es/programas/escolar/medidas/proyecto-deportivo-de-centro

http://efypaf.unizar.es/rec/ElCentroescolarpromotordelaactividadfisicayeldeporte.pdf

http://www.csd.gob.es/csd/promocion/deporte-escolar/2022-centros-escolares-promotores-de-la-actividad-fisica-y-el-deporte-subvenciones-a-comunidades-autonomas-para-su-desarrollo/

http://www.colegiolardero.es/index.php?option=com_content&view=article&id=337&Itemid=158

http://www.badajozoscus.org/Asociacion%20oscus/programahabitossaludable.pdf

Sección: