Unha aventura nas Fragas do Eume
Equipo de profesorado participante nos contratos programa
ies.ricardo.carballo.calero@edu.xunta.es
Contextualización
A nosa traxectoria comezou no curso 2011/12 cando a Dirección do IES Ricardo Carballo Calero, situado no barrio de Caranza de Ferrol, solicitaba, representando a un amplo equipo de profesores e profesoras, o primeiro programa de éxito escolar, apostando pola innovación e convencidos de que un programa destas características serviría para complementar a formación do alumnado e para incrementar o seu potencial de aprendizaxe. A experiencia altamente satisfactoria afianzou a nosa aposta polos programas dirixidos á mellora do éxito escolar. Desde o primeiro ano, a actuación de excelencia desenvolveuse mediante o traballo por proxectos, que resultou ser a forma idónea para conseguir unha eficaz motivación do alumnado, polo que o amplo grupo de profesores e profesoras participantes decidimos seguir o traballo multidisciplinar, con obtención dun produto relevante fóra da aula.
Para acadar os nosos obxectivos precisabamos cumprir dúas premisas:
- A elección dun proxecto de traballo conectado ao contorno e suficientemente coñecido polos membros da comunidade.
- O tema elixido debía ser susceptible de distintos tratamentos e contar coa versatilidade necesaria para implicar a todos os departamentos didácticos que de forma voluntaria quixesen participar.
Foi así como xurdiu no curso escolar 2013/14 a idea de que o espazo natural das Fragas do Eume se convertese no eixe vertebrador do noso proxecto. Esta elección contribuía, ademais, a lograr un dos obxectivos anuais do centro, que é o fomento do respecto polo medio, aspecto no que vimos traballando con distintas actividades durante os últimos anos.
Obxectivos
Os obxectivos que nos propuxemos en relación con este proxecto foron:
- Potenciar os intereses individuais do alumnado participante.
A participación voluntaria do alumnado no programa e a diversidade da natureza dos obradoiros posibilitou que cada alumno e alumna atopase o seu espazo de aprendizaxe. Os resultados da enquisa realizada ao alumnado ao finalizar o programa mostran que o grao de consecución deste obxectivo foi altamente satisfactorio.
- Axudar ao desenvolvemento máximo das competencias básicas coa mellora das cualificacións, especialmente a lingüística e audiovisual, artísticas e cultural. O alumnado participante no proxecto obtivo unha mellora nas cualificacións, respecto da primeira avaliación, arredor dun dez por cento.
- Fomentar o traballo colaborativo.
A organización do alumnado en pequenos grupos traballando distintas informacións para obter un mesmo produto final foi a clave do éxito para acadar este obxectivo.
- Mellorar as competencias sociais do alumnado coa integración da aprendizaxe nas actividades extraescolares e complementarias.
As dúas saídas ás Fragas do Eume, abertas a todo o alumnado do centro, propiciaron unha mellora da comunicación e relacións entre o alumnado e o profesorado.
Os datos da enquisa de satisfacción realizada ao final do programa sinalan que máis do noventa por cento do alumnado participante considera que mellorou as competencias sociais.
- Implicar as familias no programa.
A asistencia das familias ás reunións iniciais e de seguimento do programa e, sobre todo, o seu compromiso activo para fomentar a participación dos seus fillos e fillas constituíron os piares básicos do éxito deste programa.
Metodoloxía
Conscientes da dificultade de traballar de xeito interdisciplinar arredor dun proxecto común, decidimos apostar pola metodoloxía das webquests (WQ), que forman parte da xeración de estratexias didácticas que buscan desenvolver aprendizaxes duradeiras, habilidades cognitivas de alto nivel e o dominio de destrezas relacionadas co tratamento da información.
Esta metodoloxía, amplamente coñecida, aspira a propiciar aprendizaxes por descubrimento guiado, utilizando materiais que están na rede, no noso caso, colgados maioritariamente polo profesorado encargado do seu deseño.
A nosa webquest dedicada ás Fragas do Eume foi deseñada con tarefas programadas (descritas no apartado de contidos), ofrecendo os recursos e as orientacións necesarias para conseguir no alumnado a aprendizaxe activa e interactiva que leva á construción do seu propio coñecemento.
As tarefas WQ complementáronse con dúas saídas ás Fragas do Eume, unha en outono e outra en primavera, o que permitiu:
- Avaliar os coñecementos previos sobre este espazo natural.
- Comprobar a mellora no seu grao de aprendizaxe tras o desenvolvementos dos obradoiros.
- Visitar o museo etnográfico da Capela para comprender a pegada da presenza humana nun espazo natural desde a Idade Media.
- Descubrir as cores do Eume, derivadas do cambio estacional dunha paisaxe autóctona de gran valor, materializándose nunha recollida de imaxes que forman parte da galería da páxina web do centro.
Contidos e descrición dos obradoiros
Centramos o noso escenario de aprendizaxe no século XIII na vila de Pontedeume e comezamos por un desafío.
Uns documentos históricos descubertos de forma accidental durante os traballos de mellora realizados no mosteiro de Caaveiro relatan como un grupo de monxes chega a Pontedeume, despois de naufragar, buscando a ruta que os levará ata o mosteiro de Caaveiro. Durante a súa estancia na vila contemplan na praza Real a dous músicos que interpretan cantigas e percorren as rúas e o mercado á procura de comida para a viaxe. Comezan despois, con especial atención, o percorrido pola fraga, sabendo que deberán resolver unha serie de enigmas para chegar ao mosteiro. Una vez alí terán que recoller testemuñas das actividades dos frades (modo de vida, secretos da biblioteca, comida, botica e cosmética e outros).
Esta ficción permitiu introducir nos obradoiros numerosos contidos achegados polos distintos departamentos participantes:
Onde nos atopamos? (obradoiros de xeografía)
A orientación é unha capacidade espacial básica do ser humano. E adquírese pola necesidade de resolver problemas baseados en preguntas como: onde estou?, como podo chegar a...?, onde se atopa situada a miña cidade?
Nunha sociedade eminentemente urbana, a nosa capacidade de orientación en espazos abertos empregando o Sol, os puntos cardinais ou, aínda menos, as estrelas, estase a perder de xeito definitivo. Na cidade a nosa orientación constrúese a partir de nodos ou fitos da traza urbana —prazas, edificios significativos, estatuas, cruzamentos de rúas...—. Esta primeira tarefa pretende dar a coñecer estes contidos no contexto da aventura das fragas.
Nesta tarefa os obxectivos céntranse no desenvolvemento desta competencia a través da resolución de problemas sinxelos, relacionados coa xeorreferenciación, empregando imaxes e representacións cartográficas para intentar localizar e identificar feitos xeográficos, e saber explicar a súa distribución con especial atención ás distintas escalas. Unha primeira aproximación ás coordenadas como sistema convencional de orientación segundo uns valores absolutos. O traballo realízase sobre o visualizador Google Earth e Maps. Nesta tarefa está implícito o obxectivo de que o alumnado sexa quen de diferenciar entre a imaxe da realidade xeográfica (imaxe satélite e/ou fotografía aérea) e a súa representación a través do mapa.
Finalmente, o alumnado deberá resolver un exercicio de xeometrización e xeorreferenciación, mediante o debuxo dunha ruta desde a localidade de Pontedeume —previamente situada na tarefa anterior— ata o mosteiro de Caaveiro. Unha vez trazada, esixirase a estimación —segundo a escala— da distancia en quilómetros entre ambas as localizacións.
A vida na vila (obradoiros literarios)
O Departamento de Lingua e Literatura Galegas colaborou nesta aventura cunha breve recreación da actividade literaria do medievo en Galicia. Partindo da vila de Pontedeume, escenario onde situamos o noso punto de inicio, fixemos co alumnado un exercicio de imaxinación e achegamento a unha praza medieval nun día de feira. Alí pretendemos asistir aos espectáculos da época, entre os que se encontran as representacións dos xograres. Identificamos así os principais actores do xénero literario por excelencia da Idade Media: as cantigas. Analizamos as diferenzas entre xograres e trobadores, a figura do segrel, as soldadeiras... para analizar logo os textos propiamente ditos e o rol de cada personaxe nestes. Analizamos a propia representación dos textos (miniaturas), as características lingüísticas propias destes períodos, o acompañamento musical (audición) e as características definitorias de cada xénero, tanto temáticas como formais.
Como avaliación desta aprendizaxe, partindo dunha versión musicada dunha cantiga de Martin Codax (“Quantas sabedes amar amigo”) da que só se conserva (figuradamente) parcialmente o texto, o alumnado debía recompoñer a composición utilizando os recursos formais característicos da cantiga de amigo (paralelismo, leixaprén, refrán...) e demostrar así a asimilación destes procedementos formais.
O libro dos monxes (obradoiros biolóxicos e de medio ambiente)
Durante o percorrido polas fragas, estudáronse fotografías de especies vexetais e procedeuse á súa clasificación, comparando as imaxes nas dúas estacións. Nas actividades WQ o alumnado tratou de resolver diversos enigmas formulados a través do libro dos monxes, identificando os remedios curativos propostos para algunhas especies.
O significado dos números (obradoiros matemáticos)
Curiosidades sobre as matemáticas do século XIII. Mediante as actividades propostas, móstranse as vantaxes de utilizar o sistema de numeración posicional coas cifras indo-árabes, supostamente utilizado polos comerciantes da vila medieval, fronte ao uso do ábaco e dos números romanos, método tradicional usado no mosteiro.
A Santa Compaña (obradoiros antropolóxicos)
Usando a referencia da peregrinación a Santo André de Teixido, tivemos o obxectivo de introducir os discentes no coñecemento antropolóxico da Galicia tradicional: mundo terreal, Santa Compaña, mundo das ánimas, defensas simbólicas para combater os poderes negativos, a reencarnación da alma en pedras e animais, o uso das plantas para facilitar o amor e a fertilidade, o conflito entre as crenzas tradicionais e as autoridades eclesiásticas etc.
A clave e o segredo do mosteiro (obradoiros de historia e arte)
O traballo desenvolvido neste obradoiro consistiu en resaltar o papel do mosteiro de Caaveiro na comarca do Eume e no contorno da Fragas. Enfocamos o seu estudo desde catro puntos de vista: como centro relixioso pechado no que convive un grupo de monxes baixo unha regra; como centro cultural nunha etapa dominada polo analfabetismo; como centro económico, grazas á acumulación de propiedades recibidas por doazón, o que o converte nun exemplo do dominio monástico da propiedade da terra en Galicia; e como exemplo de obra de arte medieval, malia o seu estado de conservación tras múltiples restauracións.
En primeiro lugar, na visita inicial, cando o alumnado aínda non comezara o seu estudo, pretendemos espertar a súa curiosidade sobre o mosteiro e a súa especial situación.
Durante os obradoiros WQ, o alumnado tivo que resolver diferentes cuestións relacionadas cos contidos anteriormente indicados, de xeito que, coa resposta correcta a cada unha delas, obtería unha letra que lle permitiría formar as dúas palabras clave que lle daban acceso ao mosteiro.
Por último, co percorrido final, pretendemos que o alumnado cambiase o seu papel, de ser guiado a guiar e comentar a visita ao mosteiro do grupo de participantes.
As chaves da botica (obradoiros de farmacia e cosmética)
Coa suposta necesidade de coñecer a composición secreta dunha das primeiras fórmulas cosméticas medievais agochada no armario da botica do mosteiro, o alumnado deberá ir descubrindo conceptos relacionados coa formulación maxistral e, seguindo as pistas indicadas nas actividades da WQ (que teñen que ver coa nomenclatura latina, valor medicinal e cosmético de especies vexetais presentes nas fragas e recoñecidas visualmente na primeira saída), debe conseguir as tres chaves que abren o armario.
Nunha segunda parte, case cos mesmos ingredientes daquela época introdúcese no mundo da cosmética natural e, seguindo o modus operandi, o alumnado elabora no laboratorio do centro un cosmético labial e un perfume en crema.
A vida no mosteiro (obradoiros de química e tecnoloxía)
A auga e o muíño. O alumnado, coa axuda das notas do cóengo Rosendo e con medios animados, aprende o funcionamento do muíño: entrada e saída da auga, a moa, o rodicio, o tremiñado... de maneira que ata que non é capaz de moer axeitadamente, non pode comer: Ora, labora et devora é o lema do mosteiro.
Recompilouse información na prensa e en internet sobre os problemas de acidez da auga no encoro do Eume debidos as obras da autovía Ferrol-Vilalba. No laboratorio do centro os alumnos realizaron medidas de acidez con papel indicador e un pHmetro portátil, viron, así mesmo, como variar o grao de acidez por adición de diversas substancias e comparáronse cos procedementos empregados no encoro do Eume. O día da visita ás Fragas mediuse in situ o pH da auga do río.
Tixuca (obradoiros de teatro)
A peza teatral A semente da silbardeira, un dos produtos finais do programa de éxito escolar, tivo dous eixes vertebradores: o encontro onírico duns adolescentes con personaxes de diferentes épocas históricas (que teñen en común utilizar as Fragas como lugar de "agocho") unido ao eixe da necesidade de decidir sobre o propio futuro en liberdade.
Artellar a peza teatral ofrece tres niveis de traballo: o alumnado do grupo que ten que afondar na temática para "encarnar" os personaxes; a representación interna da obra espalla o coñecemento á comunidade escolar do noso centro e a participación nas xornadas "Teatro con G" da Coordinadora de Normalización Lingüística de Ferrolterra que amplía a representación a outros institutos, ofrecéndolles a posibilidade de traballar coa temática proposta.
Desde o inicio, o grupo de teatro Tixuca do noso centro participa no proxecto de éxito escolar. Este grupo de teatro caracterízase por dar cabida a todo o alumnado que voluntariamente queira traballar, dispondo do seu tempo de lecer, e por ser un teatro participativo, onde se crea un papel para representaren todas as persoas do grupo.
Conclusións
Houbo un alto grao de satisfacción escolar no ámbito do alumnado, profesorado e familias. Os programas de éxito escolar contribuíron ao logro de varios dos obxectivos básicos incluídos na PXA: mellora da convivencia a través do traballo colaborativo e saídas, fomento da educación en valores e respecto polo medio, unha mellor relación coas familias fomentando a súa implicación na vida escolar, potenciación das novas tecnoloxías e do uso da aula virtual como apoio ao labor docente e mellorar a imaxe do centro.
Supuxo, ademais, unha mellora do centro en canto a que as reunións de traballo permitiron practicar formas de consenso e colaboración entre o profesorado impulsando o traballo en grupo, promovendo un perfil de docencia que tivo en conta a consecución do desenvolvemento das capacidades de todo o alumnado. Consolidou a nosa aposta pola calidade e no informe de auditoría externa de AENOR sinalouse como un dos puntos fortes do centro o programa de éxito escolar.
AA. VV. (2002). Mosteiros e conventos de Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia (1.ª ed.).
CHAMORRO, E. e LOBATO, X. (2004). La Galicia de los monasterios. A Coruña: La Voz de Galicia (1.ª ed.).
CORBALÁN, F. (1996). Números, cultura y juegos. Madrid: Videocinco (1.ª ed.)
GUEDJ, D. (1998). El imperio de las cifras y los números. Barcelona: Ediciones B (1.ª ed.)
FONT QUER, P. (1990). Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Barcelona: Labor (12.ª ed.).
GARCÍA MERA, S. (1999). Lerias na parañeira. A Capela: CEIP Mosteiro de Caaveiro (1.ª ed.).
MARIÑO FERRO, X. R. (2000). Antropoloxía de Galicia. Vigo: Xerais (1.ª ed.).
MARIÑO FERRO, X. R. e GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. (2010). Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galicia. Vigo: Nigra Trea (1.ª ed.).
Nomenclátor de Galicia (2003). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia (1.ª ed.).
PIÑEIRO, E.; GÓMEZ, A. e GONZÁLEZ, J. M. (1999). De lenda en lenda. Ferrol: Pluma (1.ª ed.).
POLUNIN, O. (1991). Guía de campo de las flores de Europa. Barcelona: Omega (3.ª ed.).
VAQUEIRO, V. (1998). Guía da Galicia máxica, mítica e lendaria. Vigo: Galaxia (1ª ed.).
YOUNG, S. (2002). Britonia: Camiños novos. Noia: Toxosoutos (1.ª ed.).