Feira da ciencia e da tecnoloxía: Biblioteca e ciencia 2014
María Avelina González Gil Profesora de Lingua Castelá e Literatura
Coordinadora da biblioteca escolar
IES Eduardo Blanco Amor de Ourense
aggil@edu.xunta.es
Contextualización
Cando celebramos o Día das Bibliotecas Escolares 2013 baixo o lema “Ler ciencia na biblioteca escolar”, dedicamos parte da dinamización da biblioteca a traballar as lecturas ligadas ás materias de ciencias. Animados polo interese suscitado en alumnos e profesores e conscientes de que, en xeral, o gran volume da actividade da nosa biblioteca ía moi ligado aos departamentos de linguas e humanidades e moi pouco ás áreas de ciencia e de tecnoloxía, acordamos programar unha serie de actividades encamiñadas a emendar tal descompensación.
Así pois, coincidindo coas celebracións das feiras do libro de primavera, no Equipo de Dinamización da Biblioteca acordamos organizar un evento de índole similar adaptado ao contexto e aos intereses do noso centro. A nosa pretensión era facer un proxecto colaborativo da biblioteca cos departamentos das áreas de ciencias (Matemáticas, Física e Química, Tecnoloxía, Ciencias) e orientación inspirado no lema de Bibliotecas Escolares do curso 2013/14, “Ler ciencia na biblioteca escolar”.
Nesta feira da ciencia mostráronse as experiencias e os proxectos que os departamentos traballaran ao longo do ano.
A biblioteca editou para a ocasión un boletín de novidades: Libro-ciencia 2014.
A actividade
O proxecto organizouse deste xeito:
1. Presentación do proxecto aos departamentos
En primeiro lugar, contactamos cos departamentos e solicitamos deles a súa colaboración en dúas frontes:
a) Na elaboración de listas de lecturas relacionadas coa súa área e orientadas ao público da biblioteca escolar.
b) Na preparación dunha exposición de experiencias e proxectos que representase o traballo realizado ao longo do curso nas súas clases.
2. Recinto feiral e acceso
O espazo elixido para o evento foi unha superficie situada entre a saída da biblioteca e o xardín do recreo. Desde a entrada do instituto e as zonas de aulas ata o recinto colocamos frechas de “goma eva” co rótulo feira que conducían ata a feira da ciencia.
3. Temporización
Escollemos os recreos dos días 5 e 6 de xuño pola razón argumentada anteriormente e tamén porque a esas alturas do curso a maioría dos departamentos tiña xa un amplo abano de experiencias e proxectos preparados.
Preferimos programala para os tramos do recreo para asegurarnos así o maior número de público asistente e, ao mesmo tempo, non interferir co horario de clase en pleno calendario de exames.
4. Programa da feira: calendario de actuacións
Cando tivemos a relación temporizada dos eventos que cada área ía mostrar, editamos o programa da feira que difundimos por medio de carteis no instituto, no blog lector e na páxina web do instituto.
Na programación figuraba o nome do departamento e das experiencias que achegaba. Tamén indicabamos o nome e curso dos alumnos e alumnas que presentaban os proxectos e facían as prácticas ante o público.
Programa da feira. Cartel deseño de Pilar Sevillano)
5. Os postos/Os departamentos
Cada departamento didáctico participante amosou as súas experiencias e achegas nos diferentes mostradores coa axuda de persoal docente e alumnado.
DEPARTAMENTOS COLABORADORES | EXPERIENCIA/ MATERIAL/PROXECTO | PERSOAL |
MATEMÁTICAS | Xogos | Profesorado do departamento e alumnado voluntario da biblioteca |
CIENCIAS | Prácticas co microscopio e outro instrumental | |
TECNOLOXÍA | Parque de atraccións | |
FÍSICA E QUÍMICA | Laboratorio de química Enerxías alternativas / Precisión óptica | Profesorado do departamento e alumnado da materia |
ORIENTACIÓN | Expresión plástica da ciencia | Voluntariado da biblioteca |
LINGUA GALEGA | Natureza e poesía | |
BIBLIOTECA | Libros e revistas científicos |
No espazo referido, montamos os postos e expositores da feira repartidos por áreas de contidos:
a) Posto de prácticas e instrumental científico: observación microscópica de células nai, mitoses e outros.
b) Posto de xogos matemáticos: tangram, torres de Hanoi, caleidoscopios.
c) Posto de didáctica da química: ácidos e bases, sulfuros e sulfatos, recreación dunha sesión de laboratorio
d) Posto de experiencias de física: enerxías xeradas desde un cacahuete, precisión óptica
e) Posto de proxectos do Departamento de Orientación: material elaborado por alumnado invidente na aprendizaxe científica.
f) Posto de tecnoloxía: maqueta dinámica dun parque de atraccións.
g) Expositor de láminas da natureza: literatura e natureza.
Lección práctica de química)
No parque de atraccións, un proxecto da aula de tecnoloxía)
Tanto o programa da feira coma o seu desenvolvemento foi recollido e divulgado no blog de dinamización lectora Lecturas.
6. Boletín da feira: Libro-ciencia 2014
Como non podía ser menos, editamos un boletín de lecturas sobre temas relacionados coa divulgación da ciencia; na fase preparatoria do boletín, os compañeiros dos departamentos colaboradores enviáronnos ao Equipo de Biblioteca recensións e comentarios para ilustrar dun xeito máis plástico a listaxe de títulos recomendados. Ademais de imprimilo en papel con formato díptico e distribuílo na feira, publicamos unha versión dixital no blog Lecturas.
Portada do boletín Libro-ciencia (deseño de Pilar Sevillano)
Ademais da feira, realizouse unha exposición de libros e revistas de divulgación científica suxeridos polo profesorado destas áreas, de forma que se lles dou un lugar de preferencia durante un tempo para ser coñecidos e consultados por toda a comunidade educativa.
Obxectivos acadados. Avaliación da experiencia
Con esta experiencia pretendemos tender unha canle de comunicación viva entre a biblioteca escolar e os departamentos que traballan as áreas de ciencias e tecnoloxía.
A biblioteca escolar, a través desta dinamización, deulles visibilidade ás experiencias e proxectos que, ao longo do curso, quedan limitadas aos horizontes da aula ou do laboratorio.
A biblioteca conseguiu, deste xeito, difundir a toda a comunidade escolar a didáctica da ciencia e divulgar principios de ciencia e de tecnoloxía básicos a todos os visitantes.
Froito desta colaboración, a biblioteca escolar actualizou o seu fondo de libros e revistas científicas.
Pareceunos de grande interese mostrar a cara lúdica e festiva do feito científico e dos proxectos tecnolóxicos.
Por outra parte, o feito de que fosen alumnos os que protagonizaban a presentación das experiencias e a coordinación dos postos supuxo un forte reclamo entre un público maioritariamente miúdo, que en varias ocasións era convidado a participar. É dicir, todos tivemos a oportunidade de ser protagonistas.
No campo da atención á diversidade, a feira soubo integrar os traballos de alumnado de Pedagoxía Terapéutica con discapacidades visuais e deulles proxección no resto da comunidade escolar.
Posto de libros. Traballos do alumnado con discapacidade visual
- CHOMSKY, N.: “El objetivo de la educación”. Londres, 25-01-2012 (Learning Without Frontiers Conference) https://www.youtube.com/watch?v=AsZJxDsd1Q8
- http://ineverycrea.net/comunidad/ineverycrea/recurso/ciencia-para-nios/9960bd9b-4640-41fc-aad1-3d97aefb562d
- http://www.juntadeandalucia.es/educacion/webportal/abaco-portlet/content/78c779b1-9ab7-4d4a-a641-1b400130d82b