África diversa, coñecer para comprender
Eladio Anxo Fernández Manso
Coordinador da biblioteca do IES Antón Losada Diéguez da Estrada
ler.nolosada@gmail.com
INTRODUCIÓN
Todo comezou en febreiro do 2013, cando organizamos unha charla de Chema Caballero(1) co título: “Conflitos en África: os menores soldado”. As súas palabras deixáronnos presentes unha mestura de estarrecemento, fascinación e agradecemento. Unha situación durísima, si, con persoas coma Chema capaces de enfrontarse a ela, pero tamén a constatación (moitas veces esquecida) dun mundo complexo, diverso, tal e como indica o título do blog no que colabora Chema en El País: África no es un país.(2)
O título do noso proxecto pretendía expresar o mesmo ca o título do blog: a diversidade e multiplicidade dos pobos e individuos que viven nun territorio do que, se somos sinceros, non temos nin idea. Afastarnos da África negra, atrasada, violenta, salvaxe, famenta, safari, colonial, misioneira... e achegarnos a unha África multirracial, viva, culta, hospitalaria, rica, atractiva... foi a nosa principal pretensión cando optamos por este tema. Unha viaxe na que todo estaba por descubrir, non só para o alumnado, senón tamén para o profesorado.
Non se trataba de ocultar ou maquillar os aspectos máis crus da realidade, senón de buscar outras fontes de información distintas ás occidentais, darlles voz a esas persoas que teñen os mesmos anhelos e desexos ca nós, que loitan, ao igual ca nós, por vivir ou sobrevivir nun contexto moi difícil; analizar con rigor as causas da violencia e da miseria, máis agudizadas ca en Europa, pero que teñen as mesmas raíces e as mesmas respostas. É importante ese paralelismo, vítimas dun mundo desigual e violento, reaccionamos de maneira similar, participamos e/ou sufrimos os conflitos armados, e queremos vivir; só fuximos e emigramos se nos obrigan as circunstancias. Pero tamén en calquera lugar do mundo hai persoas capaces de loitar contra as inxustizas, axudar os demais e transmitir valores positivos. En África tamén e non só os encomiables membros de ONG occidentais. Descubrir, traer a un primeiro plano, darlle protagonismo na vida académica, foi tamén a nosa intención.
En definitiva, quixemos ir máis alá dos titulares dos medios de comunicación (inmigración e guerra) e buscar esas persoas que coidan dos seus fillos e fillas, cantan, escriben, investigan, pintan, xogan e traballan día a día con honradez para seren o menos infelices posible. Tratouse de trasladar os obxectivos que empregamos acotío na educación para ensinar valores positivos da nosa sociedade a outra realidade, diferente pero tamén semellante, fomentar a empatía e a comprensión cara a actitudes e actuacións que case sempre vemos a través da acomodaticia simplificación dos prexuízos. Aprendizaxe crítica e útil para vivir mellor, para seren mellores, centrada nas persoas que viven a só 14 km, detrás dun muro da vergoña que levantamos para preservar o noso confort, protexéndonos deses apestados aos que pretenden que vexamos como un exército invasor. Para derrubar o muro físico non hai mellor ferramenta que a educación, que derruba muros mentais.
Nese camiño cara ao coñecemento dunha África diversa fomos parando en distintas estacións, nas que aprendemos a enorme riqueza e diversidade do seu patrimonio cultural e natural. Patrimonio que debemos valorar e preservar, pero non só para os turistas occidentais, senón para os africanos e para todo o mundo. E non se pode separar do contexto social no que se inclúe, presentándoo só como un folleto turístico. Que bonita e espectacular é África pero que mal viven os africanos! Saber por que todos eses inxentes recursos naturais (dos que tanto precisa a nosa consumista sociedade) non repercuten na poboación é tamén fundamental para comprender.
ACTUACIÓNS
En setembro presentamos desde a biblioteca un plan de actuacións xeral, que se foi adaptando ás posibilidades de tempo e á motivación dos distintos departamentos e profesores. Un aspecto importante que hai que ter en conta é a novidade e amplitude do tema, que por unha banda nos permitía un abano amplísimo de contidos pero pola outra supuña tamén un proceso de aprendizaxe e descubrimento para o profesorado, no que a busca de materiais axeitados non foi doada.
O equipo da biblioteca, ao longo do curso, procurou mercar fondos sobre África, con especial atención aos audiovisuais e á banda deseñada. Para ter unha maior dispoñibilidade de materiais, pedíuselle ao profesorado que trouxese libros, discos e películas da súa propiedade e habilitouse un andel para eles na propia biblioteca. Tamén se tivo en conta o lema das bibliotecas para o curso: “Ler ciencia na biblioteca”.
En xeral, as actuacións vinculáronse ás celebracións da biblioteca e do club de lectura Retelladores do Galiñeiro. Desde o equipo elaboráronse materiais e difundíronse a través do blog e do correo electrónico, e realizáronse propostas entre a comunidade escolar que tiveron unha resposta irregular. Como era de prever, o profesorado máis implicado, o que levou o tema ás súas aulas e participou na elaboración e traballou as actividades foi o pertencente ao equipo da biblioteca e ao club de lectura. Isto ocorre non só co tema de África, senón con calquera outra actividade que rompe os restritivos límites da programación curricular do libro de texto.
Blog.(3) Para recoller e difundir todo o traballo realizado e dar a coñecer outros materiais, opinións e información, abrimos un blog co mesmo título ca o proxecto. Tamén se inclúe nel unha relación de blogs e páxinas web, divididos por temas, que consideramos de interese. Para non entorpecer a lectura, remitimos ao blog a quen desexe buscar maior información sobre as actividades que citamos a continuación.
Axenda escolar e de lecturas e marcapáxinas. Ao principio do curso elaboramos e deseñamos unha axenda do curso, cun apartado para anotar as lecturas realizadas polo alumnado. A axenda iluminouse con portadas e citas de distintos libros de autores africanos, e repartiuse entre o alumnado da ESO e do club de lectura. Entre o alumnado do club de lectura, como se fixo os cursos anteriores, convocouse un certame para deseñar un marcapáxinas, só que neste ano o tema debería ser o continente africano. O traballo elixido foi o presentado pola alumna do ciclo de Administrativo Beatriz Espiño.
Imaxes de África decorando a biblioteca. En colaboracións cos departamentos seleccionamos unha serie de imaxes significativas da cultura e da natureza africanas para penduralas do teito da biblioteca.
Animais de África. En colaboración co Departamento de Ciencias elaboramos unha presentación, eminentemente visual, cos animais máis representativos da fauna africana, co seu nome vulgar e científico. Esta presentación proxectouse no local da biblioteca en diversas ocasións e nas aulas.
“África é...”. O Día da Biblioteca propúxoselle ao alumnado a creación dun mural. Sobre a base do perfil do mapa do continente africano deberían completar a frase “África é...” da maneira máis suxestiva e atractiva posible. Con todos os mapas formouse un mural no corredor da biblioteca. Foi unha boa maneira de descubrir como temos asumidos os tópicos aos que fixemos referencia arriba, pero tamén para sorprendernos gratamente coa sensibilidade e a capacidade de análise doutras propostas, como a que reproducimos abaixo.
Contos populares africanos, con animais. En colaboración co Departamento de Galego, traduciuse á nosa lingua unha selección de contos populares africanos nos que os protagonistas son animais. Estes contos léronse no club de lectura de primeiro a terceiro da ESO, e na actividade anual do club que consiste en “agasallar” con contadas ao alumnado do CEIP de Figueiroa no Nadal.
Os recursos naturais de África e tecnoloxía no control da flora e da fauna. O Departamento de Tecnoloxía elaborou, co alumnado de segundo da ESO, dous murais, un con catro paneis referente aos recursos que extraemos do continente, nos que se fai incidencia na súa explotación por parte das multinacionais occidentais e nos prexuízos que a dita explotación provoca entre a poboación africana (estragos ambientais, abusos, guerras etc.) e outro sobre a importancia da tecnoloxía (xeolocalizadores e satélites) á hora de controlar os desprazamentos dos animais e o estado da flora. O mural permaneceu exposto no corredor da biblioteca.
Animais e plantas na novela Todo se esfarela de Chinua Achebe. Dentro do equipo da biblioteca fíxose unha atenta lectura desta extraordinaria novela, publicada en galego pola editorial Rinoceronte, entresacando os parágrafos relacionados cos animais e a vexetación de Nixeria, lugar onde se sitúa a acción. Os textos seleccionados léronse no club de lectura e puxéronse á disposición dos usuarios da biblioteca, tamén se comentaron nalgunha clase e gardas.
Etimoloxía da fauna salvaxe africana. En colaboración cos departamentos de Grego e Latín, fíxose un traballo sinxelo sobre a etimoloxía dos nomes dos animais salvaxes, que permaneceu á disposición dos usuarios na biblioteca.
Carpinteiros emprendedores en África. O Departamento de FOL (Formación e Orientación Laboral) elaborou co alumnado do ciclo de Madeira un mural sobre as posibilidades de negocio que ofrece o continente, centrándose no sector forestal. Este mural expúxose no corredor da biblioteca.
África forestal. O Departamento de Madeira deseñou co seu alumnado un mural sobre as distintas especies forestais, cos seus nomes, localización e usos. Coma os outros, permaneceu durante o todo o curso exposto no corredor da biblioteca.
Fauna e flora africanas. En colaboración co Departamento de Ciencias e o seu alumnado de primeiro da ESO, creouse un caderniño cunha selección de animais e plantas africanos para a biblioteca. O traballo inclúe imaxes e unha breve descrición das características máis salientables.
África nos mapas. A biblioteca, en colaboración co Departamento de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, seleccionou once mapas de África cos que se elaborou unha exposición. Comezando polos mapas de Ptolomeo e de Munster, e continuando polos mapas físicos (relevo, clima), densidade de poboación, grupos etnolingüísticos, comparación de superficies con outros territorios do mundo, ata os mapas políticos (colonización, independencia, actualidade), trázase un percorrido histórico e xeográfico polo continente.
África na prensa. O alumnado de Educación e Cidadanía de primieiro de PCPI, con motivo do Día da Prensa, seleccionou e recortou as noticias publicadas na prensa da biblioteca sobre África, na primeira quincena de febreiro. Estas noticias pegáronse nas mesas da biblioteca, onde se puido constatar visualmente a case absoluta presenza de novas sobre a inmigración ou sobre conflitos armados e a carencia total de noticias positivas.
El soldadito de plomo. Este marabilloso libro ilustrado, de Jörg Müller (editorial Lóguez), recreación do clásico de Andersen, foi a base do traballo proposto para conmemorar o Día da Paz e da Non Violencia. Son moitas as posibilidades que ofrece para a análise didáctica, pero no que se refire ao noso tema destaca o contraste entre a nosa sociedade da opulencia e a realidade dunha cidade calquera da África pobre, onde os valores son distintos (mellores?). Irrelevantes xa para a sociedade consumista occidental, guindados ao lixo e ás cloacas noxentas, chegan, coma no conto orixinal, na barriga dun peixe, ata África. Alí a miseria non se agocha, forma un gran vertedoiro de lixo, onde, paradoxalmente, o soldadiño e a bailarina son máis valorados. Rescatados por unha muller que agasalla con eles o seu fillo, este recíbeos coma un gran tesouro. O enorme sorriso do neno ante o xoguete que seu pai constrúe cos refugallos occidentais élle arrebatado por un turista occidental (insensible ante a pobreza que fotografía como algo exótico, ao igual ca o xoguete) por un miserento dólar. Así, a infortunada parella remata esquecida de novo nun museo etnográfico baleiro, de calquera cidade occidental que a ninguén lle interesa.
No corredor da biblioteca amosáronse as imaxes do libro de Müller en gran formato. O obxectivo foi que o profesorado traballase co alumnado nas titorías e noutras materias, para o que tamén dispuxo das imaxes en formato dixital para proxectar nas aulas e dunha suxestión de actividades. Entre elas podemos resaltar a realizada polo Departamento de Inglés en primeiro da ESO comentando nesa lingua as ilustracións.
Día das Mulleres. Para conmemorar este día centrámonos nas mulleres africanas.
Seleccionamos poemas de escritoras da lingua portuguesa, en colaboración cos departamentos de Lingua Castelá e Galego. Montouse unha exposición con eles, e traballáronse nas clases de Lingua Galega de cuarto da ESO.
Coa colaboración dos departamentos de Matemáticas, Tecnoloxía e Ciencias Sociais, o grupo de PDC de cuarto da ESO realizou unha serie de gráficas sobre a situación das mulleres en África, comparándoas con outras zonas xeográficas. As gráficas expuxéronse e difundíronse acompañadas dun cuestionario para traballalas nas aulas.
Biografía de (diversas) mulleres africanas. O equipo da biblioteca seleccionou vinte e dúas mulleres africanas de distinta condición e profesión. Estas biografías difundíronse entre a comunidade educativa, acompañadas dun cuestionario que permitía profundar nas súas vidas.
Murais sobre o ébola e a malaria. Realizados polo alumnado de Ciencias de terceiro da ESO para expoñer no corredor da biblioteca.
Dia do Libro. Dúas foron as propostas deste día sobre África.
- A biblioteca andalusí ou Fondo Kati de Tombuctú. Exposición sobre as características, historia e noticias de prensa sobre esta fascinante biblioteca.
- Lectura continua da biografía de Nelson Mandela.
Entrevista e desexos do alumno Ismail Ani. Na clase de Galego de cuarto da ESO (semipresencial, de adultos) contamos cun alumno marroquí, Ismail, ao que os seus compañeiros entrevistaron, facendo fincapé na situación do seu país de orixe e na súa integración no noso. A entrevista gravouse e difundiuse a través do blog, o mesmo ca unha actividade de aula onde este alumno manifestaba os seus desexos (“Quixera que...”) porque pensamos que era significativa e nos achegaba a unha persoa cunha vida diferente, pero coas mesmas esperanzas.
Cine nas aulas. Sería moi prolixo referirse aquí a outras actividades levadas a cabo nas aulas e a metodoloxía usada para traballar coas películas proxectadas. Só cómpre indicar que sempre se procurou que o profesorado contase con material didáctico de apoio para analizalas (cuestionarios, unidades didácticas etc.), coa finalidade de evitar quedar na simple visualización do filme. Como exemplos de filmes podemos citar documentais da natureza, 14 kilómetros, El jardinero fiel, Tsotsi, Hotel Ruanda, Hijos de las nubes, Las montañas de la luna, Binta y la gran idea, Las cartas de Alou etc.
AVALIACIÓN
A valoración xeral que facemos desde o equipo da biblioteca é moi positiva. Non pode ser doutra maneira vendo a cantidade e diversidade de propostas citadas arriba.
Con todo, é evidente que hai determinados aspectos nos que non cumprimos os obxectivos:
- Algúns cursos apenas tiveron achegamento ao tema, xa que o seu profesorado non participou nas actividades propostas nin se implicou de maneira autónoma no tema.
- Fomos incapaces, por falta de tempo e descoñecemento, de contar con máis materiais e recursos producidos xurdidos desde o propio continente africano, limitándonos na maioría das ocasións a traballar co orixinario de Occidente.
- Comezamos, pero non tivemos tempo de rematar, unha guía de recursos sobre África (libros, banda deseñada, música, filmes...).
- Unha das actuacións que nos parecía máis atractiva quedou sen desenvolver: o intercambio epistolar co alumnado do Instituto Español de Casablanca. Desde o noso centro fixemos un primeiro envío de postais, pero perdeuse na aduana marroquí.
Tendo en conta os resultados e o interese do tema, desde a biblioteca propuxemos para o curso 2014/15 continuar con el, pero pondo o foco no ámbito xeográfico de Marrocos e o Sáhara, o máis próximo, mantendo os mesmos obxectivos sinalados para o conxunto desta África diversa.
Notas:
1) Chema Caballero: ex-misioneiro xaveriano. Chegou a Serra Leoa no 1992, onde foi perito en menores soldado e no 1999 asumiu a dirección do Programa de rehabilitación de menores soldados dos misioneiros xaverianos, abriu o centro de St. Michael preto da capital, Freetown, pechado no 2002. No 2003 comezou o proxecto Educación como motor do desenvolvemento na selva de Tonko Limba, a zona máis pobre do país.
Xunto coa súa familia, fundou no ano 2005 a ONG DYES (Desarrollo y Educación Solidaria), creada para concienciar a sociedade española sobre os problemas de África e impulsar proxectos de desenvolvemento en todo o continente africano, desde a construción dunha ponte ou unha escola ata o fomento do fútbol para favorecer a integración dos amputados.
Desde o 2010 está en España dedicándose a traballos de sensibilización social, colaborando con ONG, impartindo clases e publicando artigos na prensa e blogs sobre África, desenvolvemento e cooperación.
Entre as súas numerosas publicacións podemos destacar Salvar a los niños soldado, xunto ao fotógrafo Gervasio Sánchez; o conto Suluku, la historia de un niño soldado en Sierra Leona (2009); Los hombres leopardo se están extinguiendo (2011)…
O seu labor fíxoo merecedor de numerosos premios, como a Medalla de Estremadura no ano 2005, o Premio Internacional Brunet no 2006, X Premio á Solidariedade 2009 ou Premio Joaquín Ruíz Giménez “Los niños primero” de Unicef no 2010.
2) http://blogs.elpais.com/africa-no-es-un-pais/
3) http://africanolosada.blogspot.com.es/