Xeacronos
Miguel Carricoba Armesto
IES Fontem Albei
miguelcarricoba@edu.xunta.es
Ramón Noche Fraga
IES Xograr Afonso Gómez de
ramon.noche@edu.xunta.es
CONTEXTUALIZACIÓN
Xeacronos está inspirado no recurso Planeta Auga elaborado polo profesor Alberto Abadín Cid para a materia de Ciencias da Natureza de primeiro da ESO. Planeta Auga está á disposición de todo o profesorado no repositorio de recursos do espazo Abalar, e pode comprobarse que, tanto na elección da plataforma Moodle como no soporte dos materiais e na súa estrutura, Xeacronos segue unha liña semellante.
Ao longo da nosa práctica docente, e dun xeito especial desde a irrupción das TIC e das posibilidades da web 2.0 no ensino, fomos adquirindo a convicción de que o principal reto para o profesorado é a busca na web de recursos concretos que levar á aula no marco dunha cantidade inxente de información que non deixa de medrar. Diante deste volume oceánico de información e recursos de calidade variable, a “infoxicación” ou sobrecarga informativa, que pensamos que todo o profesorado padece cando se aventura na rede á procura de recursos para as súas aulas, foi un punto de referencia principal á hora de deseñar Xeacronos.
Así, o noso obxectivo foi crear un espazo de referencia para a materia de primeiro da ESO no que se integrasen aspectos teóricos e actividades prácticas relacionadas coa materia de Ciencias Sociais, pero desde unha perspectiva totalmente aberta, xa que a plataforma Moodle permite un grao absoluto de edición dos materiais por parte do profesorado. Con Xeacronos, o profesorado ten unha plena capacidade de decisión sobre os materiais: pode amplialos, reducilos, modificalos ou corrixilos en función das necesidades da súa práctica docente. Deste xeito, Xeacronos contrasta con outras iniciativas relacionadas con materiais educativos dixitais, que se caracterizan por presentar espazos máis pechados e suxeitos a pagamento.
En definitiva, Xeacronos configúrase como un recurso educativo aberto (REA), que soamente puido ser posible grazas ao traballo e aos materiais doutro profesorado que empregou as licenzas abertas que permiten a súa reutilización baixo os parámetros creative commons que tanto contrastan cos dereitos de autor dominantes no mundo educativo. Sen esta base previa, Xeacronos sería inviable por condicionantes referidos tanto ao volume de recursos que se pretendía incluír coma ao tempo para a realización do proxecto, que foi de tres meses no marco dunha licenza de formación.
Xeacronos insiste deste xeito nunha concepción da web como canle de comunicación e colaboración entre os e as docentes para a difusión de materiais de calidade, reutilizables pola súa licenza aberta e, o máis importante, deseñados por persoas que están en contacto directo e diario coa aula. Así, debemos resaltar os profesores estremeños Isaac Buzo e Daniel Gómez Valle como dúas das fontes de referencia fundamentais para Xeacronos; ou, xa en Galicia, a José Luis Rodríguez Rodríguez, autor dunhas completas actividades en formato LIM á disposición de todo o profesorado galego no xa mencionado repositorio Abalar; ou a Manuel Rosales, un dos artífices do proxecto Terra, que nos permitiu incluír parte do material dese proxecto en Xeacronos.
Os nomes citados no parágrafo anterior representan unha corrente de profesionais relacionados directa ou indirectamente co mundo da educación, unha corrente que se completa cos autores e autoras de recursos postos baixo licenza aberta nas plataformas de Wikimedia Commons, Flickr, INTEF, proxecto EDAD… recursos sen os que Xeacronos, simplemente, non sería posible.
ESQUEMA DE CONTIDOS DE XEACRONOS
O curso está estruturado en 11 unidades ou temas: 6 de xeografía e 5 de historia:
Tema 1. A representación da Terra
Tema 2. As formas da Terra: relevo e hidrografía
Tema 3. Tempo e clima
Tema 4. Os climas e as súas paisaxes
Tema 5. O ser humano e o medio
Tema 6. Identidade territorial (proxecto Terra)
Tema 7. Tempo e espazo na historia
Tema 8. A prehistoria. Do Paleolítico ao Neolítico
Tema 9. As civilizacións urbanas. Mesopotamia e Exipto
Tema 10. O mundo clásico (I). Grecia
Tema 11. O mundo clásico (II). Roma
Cada unha das unidades ofrece numerosas ligazóns. Unhas das vantaxes de Moodle é que podemos seleccionar que é o que queremos que vexa o alumnado e que non, co que podemos simplificar, e moito, a morea de recursos que ofrecemos ou, se fose o caso, de executar máis.
Os recursos ofrecidos seguen un esquema común. Este é:
1. Apuntamentos
Neste apartado ofrécense os contidos teóricos acompañados de ligazóns que complementan a información. Estes apuntamentos preséntanse en dous formatos (exactamente cos mesmos contidos):
Formato libro de Moodle, o que permite empregar as ligazóns que se ofrecen na unidade de xeito directo.
Formato documento de texto odt, que permite a súa impresión e entregarllo ao alumnado para a súa lectura na aula ou para traballar na casa. Esta opción incorporámola para animar o profesorado que, querendo introducirse no uso das TIC na aula, non quere renunciar a usar un documento en papel para o desenvolvemento das súas clases (o equivalente ao libro de texto).
En ambos os casos os recursos son modificables e personalizables, mantendo o espírito xeral deste traballo.
2. Recursos
Neste apartado recollemos os recursos que se empregan como complemento dos apuntamentos. Trátase de ligazóns a páxinas web, vídeos, imaxes, mapas, animacións en flash… Nalgúns casos son ligazóns externas á plataforma, pero noutros os recursos están no directorio de arquivos do propio curso e, polo tanto, tamén son editables e modificables.
A idea é podelos utilizar durante a explicación na aula empregando un videoproxector ou, aínda mellor, un encerado dixital interactivo.
No tema 7 incluímos a maiores neste mesmo apartado, adaptando o material elaborado por Gómez Valle baixo licenza CC, as seguintes técnicas de traballo historiográficas:
Definir termos históricos.
Analizar textos históricos.
Analizar mapas históricos.
3. Actividades
Son actividades pensadas como repaso, reforzo e ampliación dos temas. Pódense facer de xeito individual por parte do alumnado co seu ordenador ou de xeito colectivo na aula empregando un vídeoproxector e o encerado dixital. Neste apartado achegamos distintos tipos de actividades:
Actividades de comprensión lectora: son preguntas tipo test ou de resposta breve que serven para comprobar a comprensión do tema por parte do alumnado. Teñen a vantaxe de que se autocorrixen na propia plataforma. En moitos casos mesmo aparecen comentarios ás respostas que serven de orientación para unha mellor aprendizaxe. Os cuestionarios pódense facer en repetidas ocasións. Están configurados para que se barallen as preguntas e as respostas, conservando a cualificación máis alta das obtidas polo alumnado. A idea é que este se anime a facer varias veces os tests. Son preto de 400 preguntas que aparecen clasificadas por temas. Estes cuestionarios, seguindo a filosofía do proxecto, son modificables e pódense engadir máis preguntas.
Actividades de repaso: trátase de actividades en formato LIM, ben elaboradas por Xeacronos, ben sacadas do repositorio Abalar. Dentro destas temos que destacar as actividades realizadas por José Luís Rodríguez Rodríguez no seu forum guigurrorum (http://forumgigurrorum.blogspot.com.es).
Tarefas: trátase de actividades pensadas para que o alumnado faga un traballo e envíe a través da plataforma os resultados. Evidentemente, tamén se pode recoller do xeito tradicional (realizando un documento escrito ou ben facéndoo no seu caderno de clase). A corrección destas tarefas non é automática e correspóndelle ao profesorado corrixilas e avalialas. Neste apartado, incluímos sempre nas unidades de historia comentarios de textos e de mapas históricos para que sigan as pautas establecidas na unidade 7.
Leccións: nalgúns casos propoñemos o que Moodle denomina así, “leccións”, e que consisten en actividades pautadas nas que o alumnado ten que ir lendo e contestando as preguntas que se lle fan. A medida que acerta, continúa o seu progreso; no caso de que non acerte, volve para atrás. Son tamén autocorrixibles. Un exemplo, na unidade 4 teñen unha “lección” onde se aprende a analizar un climograma para que logo eles analicen outros.
Outro tipo de actividades: dependendo do tema, preséntanse outras actividades como pasapalabras, fichas para imprimir e realizar as actividades de xeito tradicional…
Queda constancia de todas as actividades que se realicen na plataforma (tanto das autocorrixibles como das que ten que corrixir o profesorado) e tamén da cualificación obtida polo alumnado. Isto pode resultar útil se, na nosa programación didáctica, incluímos este apartado como unha ferramenta de avaliación e a ponderamos nos nosos criterios de cualificación.
4. Obradoiro TIC
Neste apartado presentamos unha actividade para que o alumnado desenvolva habilidades relacionadas con distintas ferramentas TIC. A actividade relaciónase co tema, aínda que a ferramenta TIC o transcende. A relación é a seguinte:
Tema 1. Buscando en Google
Tema 2. Os marcadores sociais
Tema 3. Creación de climogramas con Calc de Libreoffice
Tema 4. Google Drive: documentos
Tema 5. Google Drive: presentacións
Tema 6. Cartografía: Google Maps
Tema 7. Liñas do tempo: Timerime
Tema 8. Mapas conceptuais: Coggle
Tema 9. Taboleiros online: Padlet
Tema 10. Os blogs (I)
Tema 11. Os blogs (II)
5. Ligazóns
Neste apartado achegamos ligazóns web que servirán como complemento de reforzo ou ampliación do tema. Ao igual que no apartado de recursos, ofrecemos páxinas web, vídeos, imaxes, animacións flash… nalgún caso algunha webquest.
Como dixemos ao comezo do artigo, é moito o material web válido para o desenvolvemento da nosa materia. Esta é unha pequena mostra que nos pode simplificar a busca… e, como todo neste proxecto, é ampliable por cada un de nós.
PERSPECTIVAS
No referente á aplicación práctica, Xeacronos non estivo no repositorio de recursos do espazo Abalar ata xullo de 2014, co que a súa difusión está circunscrita na actualidade a un pequeno número de profesores e profesoras coñecedores do proxecto, número que esperemos que aumente agora que está plenamente accesible na rede. Estase a aplicar no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, debido ao traballo dun dos autores neste centro e no nivel de primeiro da ESO, e no Programa de diversificación curricular no IES Fontem Albei da Fonsagrada. As impresións iniciais son moi boas; tanto polo carácter aberto dos materiais que permite a súa adecuación ás necesidades da aula coma pola actitude do alumnado, que valora positivamente o feito de traballar nun contorno virtual con base nuns contidos teóricos e unhas actividades interactivas variadas que permiten prescindir do libro de texto tanto en formato papel coma en formato dixital, co conseguinte aforro para as familias.
Para rematar, queremos reiterar que o verdadeiro eixe arredor do que Xeacronos pretendeu xirar como proxecto, e que debe ser sempre o seu punto de referencia, é o noso alumnado. O noso criterio para a elaboración dos materiais foi sempre valorar a súa dimensión educativa real. Cremos que en ocasións acertamos, pero quizais noutras non, pero para iso están os nosos compañeiros e compañeiras de profesión, que poden mellorar Xeacronos ao ter un pleno control sobre el para axeitalo ás necesidades dos rapaces e rapazas que temos na aula.
No momento no que redactamos este artigo, a Real Academia Española acaba de oficializar o uso de “cajonear” como verbo referido aos expedientes que quedan atrapados na burocracia. Nós agardamos que Xeacronos non “cajonee” e pase do repositorio de recursos Abalar ás aulas do profesorado que o estime oportuno, que é o seu verdadeiro lugar natural
.