Recomendacións básicas para o coidado e o uso da voz

A voz é o instrumento principal que utilizan os mestres no seu labor docente. A pesar da alta porcentaxe que presenta problemas vocais, a súa inclusión no currículo de formación docente é escaso en contido e práctica. O seguinte traballo presenta diferentes propostas para o bo uso e funcionamento do aparato vocal e a prevención de lesións.

Carol Gillanders
Profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal
Universidade de Santiago de Compostela
carol.gillanders@usc.es
Alejandro Guillán Castaño
Mestre, especialidade Educación Musical
aguillancastano@gmail.com

 

 

Introdución

A voz é un dos principais instrumentos de traballo dos docentes e, polo tanto, deben coñecelo e coidalo adecuadamente para evitar que se produzan as patoloxías máis frecuentes ligadas a un uso incorrecto e exercer, desta forma, a profesión en condicións vocais óptimas. Non obstante, podemos afirmar que, en moitas ocasións, é a gran descoñecida e esquecida na educación.

Unha revisión dos plans de estudos das titulacións de mestre e profesorado de educación secundaria preséntanos a necesidade de ofrecer unha serie de recomendacións básicas relacionadas coa hixiene vocal e de propoñer unha sinxela táboa de exercicios de quecemento, relaxación, respiración, articulación e impostación para o correcto coidado e uso do aparello fonador. Accións simples, como beber auga durante a nosa xornada laboral, inciden beneficiosamente na nosa saúde.  

Neste traballo analizaremos a inclusión da educación vocal no currículo de educación primaria e nos estudos de mestre. Dedicaremos un apartado a expoñer as principais lecturas que poden orientar as persoas interesadas no tema e, por último, presentaremos as recomendacións básicas mencionadas anteriormente.

A voz no currículo de educación primaria

Normalmente tendemos a asociar a educación vocal co canto e coas clases de música, sen ter en conta a voz falada. Como sinala García Puig (2006, p. 38), “a voz, como medio principal de comunicación e interación entre as persoas, require duns hábitos de hixiene e coidado que poucas veces se teñen en conta”.

En Galicia encontramos referencias á saúde e a hábitos saudables no currículo da educación primaria nas áreas de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, Educación Física e, xa máis específicos e centrados na voz, nas áreas de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Educación Artística (Música).

Na seguinte táboa reflectimos os contidos referidos, tanxencial e especificamente, á educación vocal establecidos no Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade autónoma de Galicia.

Táboa 1. Contidos do currículo referidos á educación vocal

Fonte: elaboración propia a partir do Decreto 130/2007

 

Como podemos observar, é na materia de Música onde se concede un espazo para traballar o coidado da voz. Polo tanto, é fundamental que os docentes inclúan nas súas clases contidos e actividades para que o alumnado coñeza e aprenda a empregar correctamente o seu aparello vocal e adquira hábitos de hixiene e coidado da voz que lle poidan servir ao longo da súa vida máis alá dos seus estudos obrigatorios.

A educación vocal nos centros de formación do profesorado de Galicia

Unha revisión dos programas das materias que compoñen o plan de estudos do grao en Mestre en Educación Primaria ofertadas nas distintas universidades galegas pon de manifesto a falta dunha materia específica obrigatoria e que as referencias ao tema están presentes principalmente nas materias optativas das titulacións, tal como se expón a continuación:

Táboa 2. Materias relacionadas coa formación vocal ofertadas nas universidades galegas

Fonte: elaboración propia

 

A falta de presenza de contidos relacionados coa educación vocal nos estudos de mestre tamén se observa nos cursos de formación continua ofertados pola Consellería de Educación no curso 2012/13. Nunha ollada á súa páxina web atopamos, dos 562 cursos ofertados, só un denominado Coidado e Hixiene da Voz. Foniatría e Ortofonía, de 30 horas presenciais cunha oferta de 20 prazas. É dicir, menos do 1 % da oferta formativa, dato preocupante se temos en conta que máis da metade do profesorado sofre algún trastorno vocal.

Esta problemática non atinxe soamente a nosa comunidade posto que, por exemplo, nunha investigación na provincia de Barcelona no ano 2006 se resalta a falta de preparación dos mestres: “... en xeral, o profesorado, a maioría procedente da Universidade de Barcelona coa opción cursada de Educación Musical, cría que os seus estudos universitarios lles achegaban poucos recursos para poder impartir a ensinanza da educación da voz na escola dunha maneira satisfactoria.” (García Puig, 2006, p. 45).

Necesidade de recomendacións básicas

Diversos estudos revelan a necesidade de potenciar a concienciación do coidado da voz no profesorado. En Málaga capital, un traballo no que participaron 282 mestres e mestras de 51 centros públicos durante o curso 2004/05 evidenciou que o 62,7 % do profesorado sofre algún problema de voz diaria ou semanalmente (Bermúdez de Alvear et al., 2010). Nese mesmo curso, outro traballo realizado en Barcelona demostrou que máis do 34 % do profesorado de Música tiña problemas para chegar ao final do curso nunhas condicións vocais óptimas (García Puig, 2006). Malia ser certo que a porcentaxe é inferior, débese ter en conta que os estudos de Mestre en Educación Musical da diplomatura si contiñan unha materia relacionada coa formación vocal e auditiva. Cortázar e Rojo (2007) sinalan que arredor do 5 ou o 7 % da poboación xeral padece trastornos vocais, mentres que no profesorado alcanzaría un 50 %, e dicir, entre sete e dez veces máis. Todos estes datos son alarmantes e reflicten unha necesidade de hábitos de hixiene vocal urxente.

Na rede podemos atopar algunhas referencias con recomendacións para un adecuado coidado da voz (documentos de asociacións sindicais ou de portais autonómicos de educación, como o portal web do docente da Consellería de Educación e Cultura de Estremadura, no que se mostra unha ficha de prevención de problemas da voz en docentes), pero realmente non existen moitas publicacións sobre a súa problemática. Da revisión feita, podemos sinalar que ningún dos estudos fan referencia á situación actual na comunidade educativa galega. É un campo que hai que explorar.

Táboa de exercicios da proposta

Despois do estudo das diversas publicacións relacionadas co tema presentado no apartado anterior, incluímos a continuación uns exercicios para a toma de conciencia do noso aparello fonador e unha serie de recomendacións básicas. A proposta foi posta en práctica cun grupo de mestres que a valoraron positivamente e presentado como traballo fin de grao (inédito) titulado O coidado da voz no profesorado (Guillán Castaño, 2013).

Táboa 3. Exercicios para o coidado da voz

 

Fonte: elaboración propia

 

Ademais dos exercicios anteriormente descritos, recomendamos unha serie de accións sinxelas que axudan a coidar do aparato vocal. Estes son:

  • Ventilar a aula para evitar un ambiente excesivamente seco e/o renovar o aire enrarecido.
  • Protexer  o aparello vocal dos cambios de temperatura.
  • Evitar forzar a voz en espazos abertos nos que o son se perde.
  • Evitar os ambientes ruidosos.
  • Acondicionar as aulas para evitar o rebote do son.
  • Manter a gorxa hidratada. Beber abundante auga ao longo da xornada laboral.
  • Evitar o consumo de bebidas frías ou moi quentes.
  • Evitar o consumo de alcohol e de tabaco.
  • Vixiar os hábitos posturais.
  • Acudir a un especialista para previr ou controlar posibles patoloxías.

 

 

Consideracións finais

A educación vocal e o coidado da voz aparecen con pouco peso na formación dos mestres de educación primaria. Dada a importancia deste tema, é preciso tomar conciencia dos factores que inflúen negativamente na saúde do aparello fonador e practicar aqueles exercicios que resultan útiles para o seu coidado, converténdoos en hábitos diarios. Por outra banda, tendo en conta que este tema aparece recollido no currículo da educación primaria, é importante que desde a escola se traballe cos nenos. Os propios mestres son o mellor modelo para o alumnado.

A situación require non só de estudos no ámbito da educación primaria e a formación dos seus mestres senón tamén noutros niveis educativos regulados e non regulados. Por exemplo, é de notar a ausencia de contidos relacionados coa hixiene vocal no Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de Linguas, salvo na especialidade de Música. Recordemos que o coidado da voz é básico para evitar disfonías, cansazo vocal e outras patoloxías máis graves.

 

 

Bibliografía: 

 

 

BERMÚDEZ DE ALVEAR, R. M. ET AL. (2010). “An Interdisciplinary Approach to Teachers’ Voice Disorders and Psychosocial Working Conditions”. Folia Phoniatrica et Logopaedica (62), 24–34.

CORTÁZAR, M. e ROJO, B. (2007) La voz en la docencia. Conocer y cuidar nuestra herramienta de trabajo. Barcelona: Graó.

DECRETO 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade autónoma de Galicia. Diario Oficial de Galicia, 9 de xullo de 2007, núm. 132, p.11666.

GARCÍA PUIG, J. (2006). “Educación vocal: adquisición de hábitos de higiene y cuidado de la voz”. Música y educación  (19:67), 37-52.

Sección: